Saltar ao contido

Reichstaler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reichstaler austríaco do Sacro Imperio Romano Xermánico a nome do emperador Rodolfo II (1576-1611).

O reichstaler (en galego: "tálero imperial") foi unha moeda de prata padrón do Sacro Imperio Romano Xermánico, estabelecida en 1566 pola Convención de Leipzig.[1]

Ademais, este tálero serviu como moeda de conta (non amoedada) ao longo do século XVII en varios estados alemáns do norte e cuñouse novamente en Prusia a partir de 1750.[1]

Moeda metálica

[editar | editar a fonte]

A Convención de Leipzig fixou o contido de prata do reichstaler en ​1⁄9 dun marco de Colonia, o que equivale a 25,98 gramos de prata fina no sistema decimal. Foron varios os estados que se acolleron a este sistema padrón, que complementaron coa emisións de diversas moedas divisionarias, en función dos seus sistemas tradicionais.

Reichstaler de 1619 a nome de Johann Schweikard von Kronberg (1604-1626), arcebispo da diocese de Maguncia.

Este tálero foi cuñado continuamente desde a súa creación en 1566 na maioría de Europa do norte ata a introdución doutras moedas que entraron en competencia con el, como o tálero de convención (konentionstaler) en 1751, cuñado a razón de 10 pezas nun marco de prata, e o tálero prusiano en 1750, con 14 pezas por marco. Con todo, o reichstaler ficou como principal moeda de comercio en Escandinavia e no Báltico ata ben entrado o século XIX.[1][2]

O contido de prata fina do rijksdaalder dos Países Baixos mantívose en 25,40 gramos (528,5 azen) durante o século XVII, o que o aproximaba ao contido medio dos reichstalers circulantes nesa época (25,37 gramos).[3][4][5]

Nalgúns lugares establecéronse bancos de troco como o Banco de Hamburgo (Hamburger Bank) para recibiren prata de depositantes e acreditar as súas contas nunha moeda bancaria equivalente ao reichstaler, que se denominou "tálero do Banco de Hamburgo" (Bankotaler der Hamburger Bank).[6] Cara á fin do século XVIII, cada marco de Colonia (ou 233,856 gramos de prata fina) comprábase por 9​5⁄24 destes táleros de banco (ou 25,40 g por tálero) e vendíase por 9​1⁄4 táleros (ou 25,28 g por tálero).[7]

Outra moeda moi popular no comercio de tamaño semellante ao do reichstaler propio dos Países Baixos austríacos foi o kronentaler ("tálero da coroa"), con 25,7 gramos de prata fina e valorado en 2,7 floríns nos Países Baixos e nos estados do sur de Alemaña.[8][9]

Unidade de conta

[editar | editar a fonte]
Abreviaturas utilizadas historicamente para o reichstaler

Ao mesmo tempo que o reichstaler era unha moeda física, a partir de mediados do século XVII fixéronse esforzos para definir, nos estados do norte de Alemaña, un novo reichstaler como unidade de conta mais co valor dunha fracción do reichstaler circulante. Un exemplo disto é o tálero de Leipzig de 1690, que contiña ​1⁄12 dun marco de prata fina e equivalía a ​3⁄4 do reichstaler orixinal. Malia ser moi amplamente utilizado, o seu uso non chegou a xeneralizarse.[1]

En 1754, o tálero de convención converteuse na moeda estándar da maioría dos estados da Alemaña do norte, co reichstaler como unidade de conta definida como 1/(13​1⁄3) do marco de Colonia ou ​3⁄4 do tálero de convención (ou 17,54 g de prata fina). A maioría dos estados dividiron este reichstaler en 24 groschen, cada un deles composto por 12 pfennig.

Entre outras unidades de conta relacionadas co reichstaler cómpre mencionar o rigsdaler dinamarqués (que como unidade de conta tiña o valor de ​1⁄2 do rigsdaler cuñado), e o riksdaler sueco (co valor de ​1⁄4 do riksdaler metálico).[10][11][12][13]

Reichstaler prusiano

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Tálero de Prusia.
Reichstaler de Prusia cuñado en 1777 a nome de Frederico II, na ceca de Berlín

En 1750, Prusia adoptou un reichstaler (frecuentemente mencionado simplemente como taler -tálero-) que contiña ​1⁄14 dun marco de Colonia ou 16,70 g de prata fina). Á parte de como especie cuñada, funcionou tamén como unidade de conta. Nos inicios do século XIX este tálero chegou a substituír o reichstaler de 17,54 gramos do norte de Alemaña como unidade padrón de conta.[1]

Así mesmo, este novo estándar prusiano foi unha das moedas que integraron o sistema monetario dos estados do sur de Alemaña despois da unión monetaria de 1837, co valor de ​1 3⁄4 de florín.

O reichstaler de Prusia serviu de modelo para o vereinstaler da Unión Alfandegueira Alemá (Zollverein), de case o mesmo peso, que acabou por substituílo en 1857.[1][14][15]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Reichstaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  2. "Konventionstaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  3. 200 azen = 9,613 g. Xa que logo, 528,5 azen = 25.40 g. Fonte: Shaw, W. A. (1896). Páxina 353.
  4. 441,96 grans x 0,886 = 28,639 g x 0,886 = 25,37 g. Fonte: "The Rix Dollar and Silver Rider: Introduction". En Coins.nd.edu
  5. "Reichstaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  6. "Bankotaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  7. Shaw, W. A. (1896). Páxina 387.
  8. "Kronenthaler". En Frey, A. R. (1917). Páxina 126.
  9. "Kronentaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de
  10. "Rigsdaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  11. "Riksdaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  12. Edvinsson, R. (2010). "Swedish monetary standards in historical perspective". En Edvinsson, R. et al. Historical Monetary and Financial Statistics for Sweden: Exchange rates, prices and wages 1277–2008. Sveriges Riksbank. Páxinas 26-–66. ISBN 978-91-7092-124-7
  13. Andersen, D. H.; Pedersen, E. (2004). A History of Prices and Wages in Denmark, 1660-1800. Vol. II. Prices and Wages in Danish estate Accounts Arquivado 29 de decembro de 2009 en Wayback Machine.. Copenhague. Schultz Grafisk. ISBN 87-609-1221-9
  14. "Vereinstaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  15. "German Zollverein Arquivado 15 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En Ackermann, M. et al. (2008). Encyclopedia of World History. Vol. I. Facts On File. ISBN 9780816063864. Páxinas 155-156.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Shaw, W. A. (1896). The History of Currency, 1252-1894. Putnam.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]