Raquel Liberman
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de xullo de 1900 Berdychiv, Ucraína (pt) |
Morte | 7 de abril de 1935 (34 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Causa da morte | cancro |
Relixión | Xudaísmo |
Actividade | |
Ocupación | prostituta, activista |
Raquel Liberman, coñecida tamén como Rokhl Lea Liberman, nada en Berdychiv[1] (actual Ucraína) o 10 de xullo de 1900 e finada en Buenos Aires o 7 de abril de 1935, foi unha muller polaca vítima de trata de persoas na Arxentina. Logrou denunciar e desintegrar a rede xudía de trata Zwi Migdal, que operaba na Arxentina desde principios do século XX e até antes do comezo da chamada Década Infame.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]De pequena emigrou cos pais a Varsovia. En 1919 casou con Yaacov Ferber, xastre de profesión, e o ano seguinte tiveron o seu primeiro fillo, Joshúa. En 1921, embarazada do segundo fillo, Ferber emigrou na procura de traballo á Arxentina, onde xa vivían a súa irmá e o home dela. O 30 de setembro de 1922, Liberman chegou á Arxentina cos seus dous fillos para reunírense co seu home e pai. Instaláronse na vila de Tapalqué, na provincia de Buenos Aires.[2][3]
Poucos meses despois, Yaacov morreu de tuberculose. Liberman, sen coñecementos de español, viuse na obriga de deixar os dous bebés na casa duns veciños e mudarse á cidade de Buenos Aires en busca de emprego. Ao non conseguir traballo de costureira, entrou na prostitución. Foi secuestrada pola rede de trata Zwi Migdal. Esta rede, baixo a aparencia dunha Sociedade Xudía de Socorros Mutuos, recrutaba xudías pobres de Europa do Leste para explotalas sexualmente en Buenos Aires e outras cidades do país.[4][5]
Segundo outra versión, Liberman coñeceu en Polonia un home, Jaime Kissinger. Este levouna a Buenos Aires con promesas de matrimonio e alí deixouna en mans da Zwi Migdal.[5] Atrapada nesta rede, Liberman sufriu todo tipo de vexacións polos «caftenes» (tratantes xudeus) en distintos prostíbulos da capital.[5]
Liberman permaneceu presa nesta rede seis anos. Porén, puido ir aforrando diñeiro ás agachadas para lograr a súa liberdade. Tivo a complicidade dun cliente, que se apiadou dela e ofreceulle ao proxeneta que lla vendese para o seu propio prostíbulo de xudías en Mendoza. O tratante da Zwi Migdal aceptou e Liberman pagoulle o seu prezo ao cliente.
Co que lle quedaba dos aforros, Liberman comprou un local na rúa Callao, mais axiña foi detectada pola Zwi Migdal. Esta comezou a acosala e ameazala para evitar que outras prisioneiras tentasen seguir o seu exemplo. A Zwi Migdal enviou un rufián, José Salomón Korn, para enganala con promesa de matrimonio. Ao pouco de casaren, este rouboulle os aforros e recluíuna nun bordel-cárcere en Buenos Aires.[5]
Denuncia e xuízo á Zwi Migdal
[editar | editar a fonte]Tras fuxir por segunda vez da rede, Liberman contactou co comisario Julio Alsogaray, un policía con fama de incorruptíbel, ante quen presentou a denuncia o 31 de decembro de 1929.[5] O comisario preguntoulle se estaba disposta a declarar e ela afirmou: «Só se morre unha vez: a denuncia non a retiro»,[6] polo que o xuíz Manuel Rodríguez Ocampo citouna a declarar.
Así se descubriu o funcionamento da organización. As mulleres eran levadas dun lugar a outro pola forza, e maltratadas física e mentalmente para sometelas e evitar que denunciasen. O xuíz ditou procesamento e prisión preventiva para 108 membros da Zwi Migdal e a captura de 334 prófugos baixo os cargos de corrupción e asociación ilícita.[6] Ao longo da investigación descubriuse certa complicidade da rede coa Policía Federal.
Os ricos líderes da Zwi Migdal apelaron a sentenza do xuíz. Malia a declaración de Liberman, a Cámara de Apelacións na causa ditou prisión preventiva unicamente para tres integrantes secundarios da organización. A Cámara xustificou a sentenza en que Liberman, malia as ameazas, fora a única que declarara, non así as outras vítimas.[5]
Últimos anos
[editar | editar a fonte]Liberman reuniuse cos seus fillos e viviu en Buenos Aires. Con todo, dous anos despois enfermou de cancro de tiroide. Morreu con 34 anos o 17 de abril de 1935 e quedaron orfos os seus dous fillos de 15 e 14 anos.[7][4] Antes de morrer, estaba a tramitar un visado para volver a Polonia cos fillos e estar coa súa familia.[8]
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]O exemplo de Liberman inspirou semificcións en varios autores, como Humberto Costantini, Carlos Serrano, Myrtha Schalom (con La Polaca), Nora Glickman[4] e Elena Vinelli.[9] Na Arxentina tamén existen os «premios Raquel Liberman», dedicados á loita contra a violencia de xénero.[10]
En 2017, premiouse e publicouse a novela Mistonga florcita de lis, do escritor arxentino Gerardo H. Badoglio, que fai referencia explícita a Liberman. Relata a historia dunha muller francesa, levada á Arxentina mediante enganos, que atravesa o horror da trata naquel Buenos Aires da Década Infame.
En 2019 estreouse a telenovela Argentina, tierra de amor y venganza, cun personaxe baseado na súa vida. Ese mesmo ano, a estación "Callao", da rede de Subterráneos da Capital Federal de Buenos Aires, pasou a chamarse "Raquel Liberman".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Legacy of Raquel Liberman". Arquivado dende o orixinal o 7 de agosto de 2016. Consultado o 1 de agosto de 2016.
- ↑ Apellido/Nombre/Edad/Estado Civil/Nacionalidad/Lugar de Nacimiento/Profesión/Fecha de Arribo/Barco/Puerto// LIBERMAN/RUSHLA LAJA/33/C/POLACA/DOMESTICA/1922/09/30/AVON/CHERBURGO// LIBERMAN/ICHIA/3/S/POLACA/1922/09/30/AVON/CHERBURGO// LIBERMAN/MOESCHE/1/S/POLACA/1922/09/30/AVON/CHERBURGO//
- ↑ Pasaporte polaco
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Nora Glickman. "Raquel Liberman". Jewish Women Archive (en inglés).
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Luciano Andrés Valencia (Agencia Walsh) (28 de xaneiro de 2013). "Raquel Liberman y Marita Verón". Argenpress. Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ 6,0 6,1 "Reconocimiento a Raquel Liberman, pionera contra la trata de personas". diario El Argentino. Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ Eduardo Pogoriles. "Zwi Migdal: filman la historia de la mafia polaca en la Argentina". diario Clarín. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2013. Consultado o 31 de xullo de 2013.
- ↑ Raquel Liberman, "la polaca" que desnudó la trata de mujeres en la Argentina de los años '30 Heroinas.net
- ↑ Reeditan "La polaca", la historia de una heroína silenciada. Telam
- ↑ "Reconocimiento a quienes luchan por frenar la violencia de género". parlamentario.com. Consultado o 1 de agosto de 2013.