Saltar ao contido

Río Cabe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaRío Cabe
Imaxe
O Cabe ao seu paso polo centro de Monforte de Lemos.
Tiporío Editar o valor en Wikidata
Inicio
División administrativaProvincia de Lugo, España Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónFoilebar Editar o valor en Wikidata
Final
División administrativaAnllo, España Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónA Barca Editar o valor en Wikidata
DesembocaduraRío Sil Editar o valor en Wikidata
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°25′56″N 7°39′44″O / 42.43222, -7.66223
Afluentes
Conca hidrográficaconca do Miño Editar o valor en Wikidata
Características
Dimensións56 (lonxitude) km
Superficie da cunca hidrográfica737 km² Editar o valor en Wikidata
Medicións
Caudal9,5 m³/s Editar o valor en Wikidata

O río Cabe é un río galego que discorre pola provincia de Lugo. É un dos principais afluentes do río Sil pola súa marxe dereita.

Case a totalidade do río Cabe está dentro das zonas especiais de conservación (ZECs) do río Cabe[1][2] e dos canóns do Sil[3][4].

O río Cabe era chamado Chalibe na época dos romanos. Os romanos extraían ouro do río.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Nace na parroquia de Foilebar, no concello do Incio, a uns 900 m de altitude en plena serra do Courel.

Percorrido e afluentes

[editar | editar a fonte]
O Cabe ao seu paso por Santalla de Rei.

A conca do Cabe ten unha extensión de 737 km² e ocupa os concellos da Pobra do Brollón, Bóveda, Monforte de Lemos, O Saviñao, Sober e Pantón, na Terra de Lemos e Paradela e O Incio na de Sarria. Á súa vez, a conca do Cabe está incluída na conca Miño-Sil.

No seu curso alto, poucos quilómetros despois do seu nacemento, pasa por Santa Mariña, Río e Trascastro, onde recibe as augas do accidentado río Antiga e hai dous muíños: o do Sancho e o do Vila. Continúa logo por San Miguel, Barreiro e San Pedro, onde está o muíño de Cortiñas e hai unha área recreativa e unha presa para o abastecemento de augas, ademais da desembocadura do rego de Tras das Penas. Logo entra no concello da Pobra do Brollón e pasa pola aldea de Biduedo. Entón recibe as augas do rego de Paraxes, rego da Córnea, rego Acevedo, rego Val de Forgas e rego Sobrecín. Entra logo en Pacios de Veiga, onde están os muíños do Seara, do Ramiro e do Vila. Ata esta última aldea o río transcorre a través dun estreito val entre montañas que chegan a superar os 1000 m de altitude.

No seu curso medio, pasado Pacios de Veiga, o Cabe entra no Val de Lemos e o seu percorrido é bastante recto. Pasa por Veiga, onde recibe as augas do río Picarrexo; Santalla de Rei, onde atopamos o muíño de Folla; A Nogueira, Alende e A Lama (en Eixón) e Fornelas, onde recibe as augas do río Saa antes de virar cara á dereita e entrar na Serra do Moncai.

Na serra pasa ó concello de Monforte de Lemos, onde transcorre polas aldeas de Camporrío, onde recibe as augas do río Mao e se celebra a popular romaría do San Mateo; Remuín, onde pouco despois está o inicio do Canal Alto do Regadío Val de Lemos; O Freixo, Ribas Altas, onde hai un campo de golf na ribeira do río; e posteriormente entra na capital monfortina, que cruza o río sobre a Ponte Vella. Tamén recibe as augas dos regatos de Rioseco e da Veiga. Logo pasa por Piñeira e Distriz, onde desembocan o barranco de Carballo e o río Cinsa.

Entón entra no concello da Pantón, onde atopamos a Illeta de Muíño. Pasa por Eireos e Valado. Daquela recibe as augas do regato de Sante e fai de límite entre os concellos de Pantón e Sober ata a súa desembocadura. Recibe as augas do río Carabelos e pasa por Canaval. Pasa por debaixo da estrada N-120 e recibe as augas do río Ferreira. Pasa logo por Areas e O Cotillón, antes de ser cruzado pola liña de ferrocarril que vai a Ourense e de recibir as augas do regato da Pereira.

Desemboca no Sil no lugar da Barca, entre as aldeas da Estación (ribeira dereita) e A Barca (ribeira esquerda), a uns 125 m sobre o nivel do mar, no límite entre as parroquias e concellos de Frontón (Pantón), Anllo (Sober) e Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín), aínda que non baña esta última parroquia.

Réxime hídrico

[editar | editar a fonte]

O seu réxime é pluvial, acadando o seu máximo caudal entre os meses de decembro e abril (no mes de febreiro acada os 23,16 m³/s), e acusando os efectos da estiaxe no mes de setembro (no que o caudal descende ata só 1,85 m³/s). Ó final, chega ó Sil un caudal medio ó longo do ano de 9,5 m³/s.

Flora e fauna

[editar | editar a fonte]

Ás beiras do Cabe hai hábitats formados polos:

  • Bosques de carballos (Quercus robur) e cerquiños (Quercus pyrenaica).
  • Bosques de castiñeiros (Castanea sativa).
  • Uceiras oromediterráneas endémicas con toxos.
  • Uceiras secas europeas.
  • Bosques de ribeira con abeneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsior): Alno-padion, Alnion incanae e Salicion albae.
  • Pseudo-estepas con pastos anuais de Thero-Brachypodietea.

Entre a flora destaca a Festuca elegans. A fauna está representada pola cotovía pequena (Lullula arborea), a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), a garza real (Ardea cinerea), o falcón pequeno (Falco subbuteo), o moucho de orellas (Otus scops), o morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrum-equinun), o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), o morcego das covas (Miniopterus schreibersii, a Lontra (Lutra lutra), saramaganta galega (Chioglossa lusitanica), a libeliña (Macromia splendens) e o armiño (Mustela erminea).

Os peixes que habitan no río son a troita común, a boga (Leporinus obtusidens)[Cómpre referencia], a carpa[5] (Cyprinus carpio) e algún "black-bass", peixe introducido nos nosos ríos, de orixe norteamericana (Micropterus salmoides floridanus) que podería ser denominado perca negra.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "ZEC Río Cabe". Consultado o 6/9/2019. 
  2. Axencia Ambiental Europea - Unión Europea (eds.). "Natura 2000 - Standard Data Forma: ES1120016 Río Cabe". Consultado o 6/9/2019. 
  3. Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "ZEC Río Cabe". Consultado o 6/9/2019. 
  4. Axencia Ambiental Europea - Unión Europea (eds.). "Natura 2000 - Standard Data Forma: ES1120014 Canóns do Sil". Consultado o 6/9/2019. 
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carpa.