Quimiótrofo
Os quimiótrofos son organismos que obteñen a súa enerxía de reaccións químicas de oxidación de doantes de electróns que se encontran no seu ambiente, os cales poden ser moléculas orgánicas (nese caso o organismo é quimioorganótrofo) ou inorgánicas (organismos quimiolitótrofos). Este tipo de metabolismo chámase quimiotrofia. O contrario de quimiótrofo é fotótrofo, que é un organismo que utiliza a enerxía da luz solar. Os quimiótrofos poden ser autótrofos (quimioautótrofos) se utilizan o carbono do CO2, ou heterótrofos (quimioheterótrofos), se utilizan carbono procedente de moléculas orgánicas.
Quimioautótrofos
[editar | editar a fonte]Os quimioautótrofos, ademais de obteren enerxía de reaccións químicas, sintetizan todos os compostos orgánicos necesarios utilizando o carbono procedente do dióxido de carbono. Os quimioautótrofos usan fontes de electróns inorgánicas para producir enerxía, como o sulfuro de hidróxeno, xofre elemental, ión ferroso, hidróxeno molecular, e amoníaco, polo que son litótrofos (quimiolitoautótrofos). Son quimioautótrofos a maioría das bacterias ou arqueas que viven en ambientes hostís como as fontes hidrotermais mariñas e son os produtores primarios neses ecosistemas. Os biólogos evolutivos cren que os primeiros organismos que habitaron a terra eran quimioautótrofos. Os quimioautótrofos xeralmente pertencen aos seguintes grupos: metanóxenos, halófilos, oxidantes do xofre, reductoras do xofre, nitrificantes, bacterias do anammox, e termoacidófilos. O crecemento quimiolitotrófico pode ser moi rápido, como ocorre en Thiomicrospira crunogena que ten un tempo de duplicación de arredor dunha hora.[1]
Quimioheterótrofos
[editar | editar a fonte]Os quimioheterótrofos son incapaces de fixar o carbono para formar os seus propios compostos orgánicos, polo que deben adquirir compostos orgánicos xa formados do seu medio. Os quimioheterótrofos poden ser quimiolitoheterótrofos (algúns procariotas), que utilizan fontes de electróns inorgánicas para producir enerxía como o xofre, ou quimioorganoheterótrofos (animais, fungos, protozoos, moitos procariotas), que utilizan fontes de orgánicas de enerxía (e de carbono) como carbohidratos, lípidos, e proteínas.[2][3][4][5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ The Carbon-Concentrating Mechanism of the Hydrothermal Vent Chemolithoautotroph Thiomicrospira crunogena J Bacteriol. 2005 August; 187(16): 5761–5766
- ↑ Davis, Mackenzie Leo; et al. (2004). Principles of environmental engineering and science. 清华大学出版社. p. 133. ISBN 978-7-302-09724-2.
- ↑ Lengeler, Joseph W.; Drews, Gerhart; Schlegel, Hans Günter (1999). Biology of the Prokaryotes. Georg Thieme Verlag. p. 238. ISBN 978-3-13-108411-8.
- ↑ Dworkin, Martin (2006). The Prokaryotes: Ecophysiology and biochemistry (3rd ed.). Springer. p. 989. ISBN 978-0-387-25492-0.
- ↑ Bergey, David Hendricks; Holt, John G. (1994). Bergey's manual of determinative bacteriology (9th ed.). Lippincott Williams & Wilkins. p. 427. ISBN 978-0-683-00603-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]1. Katrina Edwards. Microbiology of a Sediment Pond and the Underlying Young, Cold, Hydrologically Active Ridge Flank. Woods Hole Oceanographic Institution.
2. Coupled Photochemical and Enzymatic Mn(II) Oxidation Pathways of a Planktonic Roseobacter-Like Bacterium Colleen M. Hansel and Chris A. Francis* Department of Geological and Environmental Sciences, Stanford University, Stanford, California 94305-2115. 28 de setembro de 2005 / consultado o 17 de febreiro de 2006.