Pelota vasca nos Xogos Olímpicos
Tipo | Basque pelota at the Summer Olympics (en) |
---|---|
Deporte | pelota vasca |
Organizador | Comité Olímpico Internacional |
Parte de | Xogos Olímpicos de 1900 |
Número de participantes | 4 |
Localización e Datas | |
Localización | Neuilly-sur-Seine (arrondissement of Nanterre (en) ) 48°53′14″N 2°16′03″L / 48.8872, 2.2675 |
País | Francia |
Data | 1900 |
Competición | |
Resultado | José de Amézola y Aspizúa xunto con Francisco Villota Francisco Villota xunto con José de Amézola y Aspizúa |
A pelota vasca é un deporte que formou parte do programa olímpico oficial nos Xogos Olímpicos de 1900. Disputouse na modalidade de cesta punta, na cal só se inscribiron dous equipos, España e Francia. Os franceses retiráronse por discrepancias sobre o regulamento e a parella española foi proclamada campioa. Esta medalla non foi recoñecida polo COI até 2004.[1][2]
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]En Neuilly-sur-Seine disputouse a competición de pelota, que ademais coroaba aos campións do mundo da especialidade (cesta punta), en categoría profesional e en categoría afeccionado. Na primeira categoría, a profesional, gañaron os españois Ángel Barrenechea e Juan Ituarte, que obtiveron 3 000 francos logo de gañar ás outras dúas parellas participantes.
Porén, na categoría afeccionado o desenvolvemento da proba foi algo máis confuso. Algunhas publicacións afirman que a final do campionato que ía enfrontar á parella de España, ante a parella de Francia (do País Vasco francés) non se disputou por algún tipo de desavinza sobre a organización ou as regras do torneo, e a parella vasco-francesa formada por Durquetty e Etchegaray foi descualificada.[3] Isto permitiu a José de Amézola y Aspizúa e Francisco Villota[4] recoller o título de Campións do Mundo afeccionado e, polo tanto, ser os primeiros campións olímpicos da historia do seu país.[5]
Medallistas
[editar | editar a fonte]Ouro | Prata |
---|---|
España |
Francia |
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]A medalla que se lle atribúe é froito dunha revisión crítica dos Xogos Olímpicos de 1900 en París que realizou o historiador Bill Mallon en 1998 e que publicou baixo o título The 1900 Olympic Games: Results for All Competitors in Al Events, With Commentary. Para poñer orde no caótico conxunto de probas e concursos que se realizaron durante a Exposición Universal de París (1900), Mallon aplicou catro condicións básicas para considerar que as probas deportivas celebradas durante 1900 en París foron realmente olímpicas (que foran afeccionados, internacionais, sen handicaps e abertas).[5]
Mallon rescatou do conxunto de eventos celebrados aquel ano en París un torneo afeccionado da modalidade de cesta punta de pelota vasca que caera no esquecemento e que realmente non se chegara a disputar. No ano 2004, o Comité Olímpico Internacional revisou a publicación de Mallon, xa que a denominación da II edición dos Xogos Olímpicos foi "Concursos nacionais e internacionais de Exercicios Físicos e Deportes" e celebráronse ao mesmo tempo que a Exposición Universal, polo que algunhas das probas que se consideraran incluídas nos Xogos Olímpicos foron desenvolvidas polos organizadores da Exposición Universal.[5] A principal diferenza radicaba na aceptación de premios económicos na Exposición Universal, algo que non está permitido nos Xogos Olímpicos.
Durante máis dun século considerouse que a primeira medalla na historia de España foi a conseguida por Pedro Pidal y Bernaldo de Quirós na competición de tiro de pichón dos Xogos de París de 1900, mais en 2004, logo duns estudos do Comité Olímpico Internacional (COI) esta medalla non existe, por ser organizada dende a Exposición Universal e, porén, deuse validez á medalla de pelota vasca.[6][1] No ano 2008, Fernando Arrechea fixo públicas as identidades completas dos pelotaris e moitos detalles inéditos daquela competición.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Fernando Arrechea (12 de agosto de 2008). "No, España no tiene aún 100 medallas olímpicas". soitu.es. Consultado o 7 de outubro de 2009.
- ↑ "Paris 1900: Pelote basque - Cesta punta hommes" (en francés). Comité Olímpico Internacional. Consultado o 28 de agosto de 2019.
- ↑ Javier Sánchez. "La medalla 121 ¿o la 122?". El Mundo. Consultado o 9 de agosto de 2012.
- ↑ Fernando Arrechea (12 de agosto de 2008). "El primer medallista olímpico español ya tiene rostro y nombre". soitu.es. Consultado o 17 de agosto de 2009.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Javier Lujambio. "Amezola y Villota. Primera medalla de oro". El País. Consultado o 17 de agosto de 2009.
- ↑ Juan Mora (26 de xullo de 2008). "Campeones en pelota vasca". Diario As. Consultado o 17 de agosto de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Xogos Olímpicos |
A Galipedia ten un portal sobre: País Vasco |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arrechea, Fernando (2009). 1900: la primera aventura olímpica española. ISBN 978-84-613-5799-4.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- París 1900 en Olympic.org (en inglés)
- Xogos Olímpicos de París 1900Arquivado 11 de xullo de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
- Datos de España en París 1900Arquivado 05 de xullo de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)