Saltar ao contido

Pedro Calderón de la Barca

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaPedro Calderón de la Barca

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento17 de xaneiro de 1600 Editar o valor en Wikidata
Madrid (Monarquía hispánica) Editar o valor en Wikidata
Morte25 de maio de 1681 Editar o valor en Wikidata (81 anos)
Madrid (Monarquía hispánica) Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaMadrid Editar o valor en Wikidata
Chaplain of the King of Spain (en) Traducir
1663 – Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Salamanca - Q17622324 Traducir (–1615)
Colegio Imperial de Madrid (en) Traducir (1608–1613)
Universidade de Alcalá (histórica) (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoTeatro Editar o valor en Wikidata
Ocupacióndramaturgo, escritor, militar, poeta, sacerdote católico Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía, teatro e Comedia Editar o valor en Wikidata
MovementoLiteratura barroca (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Orde relixiosaOrdes franciscanas Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
Cónxuxesen valor Editar o valor en Wikidata
FillosPedro José Calderón de la Barca Editar o valor en Wikidata
IrmánsDiego Calderón de la Barca
Dorotea Calderón de la Barca
José Calderón Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteConcise Literary Encyclopedia (en) Traducir, (vol:3)
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0209163 IBDB: 24405
BNE: XX1719649 Musicbrainz: 5f7a61de-31e9-4331-8f21-9e811301aa39 Discogs: 557442 IMSLP: Category:Calderón_de_la_Barca,_Pedro Find a Grave: 7702965 Editar o valor en Wikidata
Calderón de la Barca

Pedro Calderón de la Barca, nado en Madrid en 1600 e finado na mesma cidade en 1681, foi un poeta e dramaturgo español.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Formación

[editar | editar a fonte]

Destinado polo seu pai ao sacerdocio a fin de que se fixese cunha herdanza que só así podería ser cobrada, fixo os seus primeiros estudos no Colexio Imperial dos xesuítas de Madrid. Continuou nas universidades de Alcalá e Salamanca, pero en 1620 abandonou os estudos relixiosos pola carreira militar, gañando con iso a animadversión do seu pai. Iso deixará pegada no seu teatro, onde é frecuente atopar conflitos edípicos entre pais e fillos.

Actividade literaria

[editar | editar a fonte]

Tres anos máis tarde deuse a coñecer como dramaturgo coa súa primeira comedia, Amor, honor y poder. Como todo mozo instruído da súa época, viaxou por Italia e Flandres e, dende 1625, proveu á Corte dun extenso repertorio dramático, gañando con iso o aprecio do rei Filipe IV. En efecto, en 1635 escribiu El mayor encanto, el amor, para a inauguración do teatro do Palacio do Bo Retiro e, nomeado cabaleiro da Orde de Santiago polo rei, distinguiuse como soldado ao servizo do Duque do Infantado no sitio de Fonterrabía (1638) e na guerra de secesión de Cataluña (1640). Ordenado sacerdote en 1661, pouco tempo despois fíxoselle capelán dos Reis Novos de Toledo. Entón xa era o dramaturgo máis celebrado da corte e aínda en 1663 o rei seguiu distinguíndoo ao designalo como o seu capelán de honor, feito que lle obrigou a trasladar definitivamente a súa residencia a Madrid.

A obra teatral de Calderón de la Barca significa a culminación barroca do modelo teatral creado a finais do século XVI e comezos do XVII por Lope de Vega.

Segundo o reconto que el mesmo fixo o ano da súa morte, a súa produción dramática consta de cento dez comedias e oitenta autos sacramentais, loas, entremeses e outras obras menores, como o poema Psale et sile Arquivado 06 de marzo de 2006 en Wayback Machine. (canta e cala) e pezas máis ocasionais. Aínda que é menos fecundo có seu modelo, o xenial Lope de Vega, resulta tecnicamente mellor ca aquel e de feito leva á súa perfección a fórmula dramática lopesca reducindo o número de escenas desta e depurándoa de elementos líricos e pouco funcionais, converténdoa nun pleno espectáculo barroco ao que agrega ademais unha especial sensibilidade para a escenografía e a música, elementos que para Lope de Vega tiñan menor importancia.

Utiliza frecuentemente pezas anteriores que refunde eliminando escenas inútiles; diminúe o número de personaxes e reduce a riqueza polimétrica do teatro lopesco. Igualmente, sistematiza a exuberancia creativa do seu modelo e constrúe a obra en torno a un protagonista exclusivo. En certo xeito, purga o teatro de Lope dos seus elementos máis líricos e busca sempre os máis teatrais. A. Valbuena sinalou que no seu estilo cabe distinguir dous rexistros.

Primeiro rexistro

[editar | editar a fonte]

Nun primeiro grupo de obras Calderón reordena, condensa e reelabora o que en Lope aparece de xeito difuso e caótico, estilizando o seu realismo costumista e volvéndoo máis cortesán. Nelas aparece unha rica galería de personaxes representativos do seu tempo e da súa condición social, tódolos cales teñen en común os tres temas do teatro barroco español: o amor, a relixión e o honor.

No cultivo deste último tema destaca Calderón en obras como "El alcalde de Zalamea", en que se enfrontan o honor individual (ou o que é o mesmo, a dignidade humana, nun costume social ou exterior) dun labrador rico, Pedro Crespo, cuxa filla foi violada por un aristócrata capitán dos terzos do famoso xeral Lope de Figueroa, co honor corporativo ou esprit de corps deste último. A honor, o patrimonio da alma enfrontado á xustiza dos homes, caso de "El alcalde de Zalamea", ou as paixóns amorosas que cegan a alma, cuestión que aborda en "El mayor monstruo, los celos" ou en "El médico de su honra".

Segundo rexistro

[editar | editar a fonte]

No seu segundo rexistro, o dramaturgo inventa, máis aló do repertorio cabaleiresco, unha forma poético-simbólica descoñecida antes del e que configura un teatro esencialmente lírico, cuxos personaxes se elevan cara ao simbólico e o espiritual. Escribe entón fundamentalmente dramas filosóficos ou teolóxicos, autos sacramentais e comedias mitolóxicas ou palatinas.

Calderón destaca sobre todo como creador deses personaxes barrocos, intimamente desequilibrados por unha paixón tráxica, que aparecen en "El príncipe constante", "La devoción de la cruz" ou "El mágico prodigioso", no que a crenza no libre albedrío mestúrase cun sutil pero radical antiintelectualismo no que a verdade do catolicismo contrarreformista e tridentino é a única resposta ás dúbidas xurdidas do estudo ou da meditación. O seu personaxe máis universal é o desgarrado Sexismundo de Polonia de La vida es sueño, considerada como a peza cume do teatro calderoniano. Esta obra, paradigma do xénero de comedias filosóficas e con profundas raíces ideolóxicas contrarreformistas no seu concepto dun mundo irracional, idealista e negador dos valores humanos, recolle e dramatiza as cuestións máis debatidas da súa época: o pecado orixinal, o libre albedrío, o escepticismo ante as aparencias sensibles, a precariedade da existencia, considerada como unha simple ilusión e, talvez, a consoladora idea de que, se callar ata nos soños, se pode aínda facer o ben. Ten esta obra varias versións feitas por el mesmo. Tamén se apunta nela, aínda que moi en segundo plano, o tema da educación, tan desenvolvida posteriormente no século XVIII.

Neste segundo rexistro, leva á súa perfección o chamado auto sacramental, peza alegórica nun acto de tema eucarístico destinada a representarse o día do Corpus. Por mencionar só algúns, citaremos El gran teatro del mundo ou La cena del rey Baltasar. Nesta última, permea un profundo antisemitismo con verdadeiras incitacións á violencia racista e relixiosa. Así é tamén o caso en El santo rey don Fernando, No hay instante sin milagro ou El socorro general. Por exemplo, El cordero de Isaías é na realidade unha escenificación dos estereotipos mais ferintes e comúns sobre os xudeus nun contexto social e político marcado pola ortodoxia antirreformista, por unha parte, e a ideoloxía social da caste e da pureza do sangue, por outra.

O teatro cómico de Calderón

[editar | editar a fonte]
Comedias verdaderas, 1726

Durante un tempo subestimouse o teatro cómico de Calderón, pero ultimamente foi revalorizado, pois certamente compuxo obras mestras no xénero que poden ser cualificadas como comedias de enredo, como "La dama duende", "Casa con dos puertas, mala es de guardar" ou "El galán fantasma".

Os personaxes de Calderón

[editar | editar a fonte]

O teatro de Caldrón presenta unha grande concentración no heroe central da obra, o que implica unha maior dose de subxetivismo. Os heroes de Calderón son heroes razoadores, pensantes e monologadores a manexar conceptos, abstraccións e todos os elementos ideolóxicos da época recollidos nunha abafante sofisticación estilística e habilísimo manexo escenográfico. A dramática calderoniana é un extraordinario exemplo de literatura ao servizo dunha ideoloxía[1], destacando o estoicismo filosófico cristianizado, o neoescolasticismo e o contrarreformismo tridentino máis consciente. Son básicos os característicos conceptos sobre o desengano e a inutilidade da vida e do humano, orixinado todo pola crenza no pecado orixinal e no libre albedrío. É entre estes dous extremos polarizadores que os conflitivos personaxes de Calderón se moven, xunto coa aceptación dos valores dunha sociedade rixidamente xerarquizada en castes. As obras dedicadas ao tema dos celos e a limpeza sanguenta da honra elevan ao seu autor ás cimas da exaltación casticista e patriarcal. Os maridos calderonianos son seres complexos, atormentados e conflitivos, suxeitos á rixidez da honra e da opinión social, da que son perfectamente conscientes, como acontece en El pintor de su deshonra ou El médico de su honra, onde a esposa é totalmente inocente, a pesar de ter todas as aparencias na súa contra. Na realidade, toda esta casuística ten categoría estrutural, como en A secreto agravio, secreta venganza: son personaxes neuróticos capaces de razoar e argumentar sobre o labirinto no que foron colocados polo casticismo, mais incapaces de escapar da opresiva rede ideolóxica expresada no código de honra e do autoritarismo patriarcal da institución matrimonial. Personaxes incapaces, en fin, de deixar de considerar a muller como obxecto de posesión persoal.

A dramaturxia calderoniana

[editar | editar a fonte]

Calderón utiliza frecuentemente símbolos nas súas comedias: a caída do cabalo, que representa a deshonra ou a alteración da orde natural, o equilibrio natural entre os catro elementos, e algunhas técnicas dramáticas como a profecía ou horóscopo inicial na obra, que crea expectativas enganosas para o público, por exemplo en La cisma de Inglaterra ou na mesma La vida es sueño. Calderón dáse conta ás veces do artificial e mecánica que resulta a fórmula dramática barroca e por iso permítese ás veces facer xogos ou bromas metateatrais permitindo aos seus actores facer comentarios sobre os tópicos teatrais que lles saen ao paso.

Con Calderón de la Barca adquiriu plena relevancia na comedia barroca a escenografía -o que el chamaba «memoria das aparencias»- e a música, (considérase a Calderón o primeiro autor de zarzuelas) en procura dun espectáculo barroco integral. Con este fin colaborou estreitamente con escenógrafos italianos como Cosme Lotti. A carpintería efémera teatral converteuse nun elemento clave na composición das súas obras, que dese xeito se transformaban en complexos emblemas alegóricos preñados de simbolismo moral.

Linguaxe e estilo

[editar | editar a fonte]

En canto á súa linguaxe, pódese considerar que é a culminación teatral do culteranismo, pero nos seus personaxes acúsase un característico frenesí razoador: os personaxes calderonianos pensan de modo férreo e impecablemente lóxico, aínda que as súas premisas sexan de feito absurdas; dese xeito, os característicos maridos calderonianos tolean de celos e xustifican os seus crimes de forma impecable pero eticamente absurda, abundando na súa linguaxe nexos de subordinación lóxica causal, consecutiva, condicional, concesiva ou final. A metaforización sofre tamén ese proceso de loxicismo mecánico e desenvolve en exclusiva un sistema de símbolos fundado na combinatoria dos catro elementos. Abundan os xogos metateatrais, pois non se lle ocultaba ao propio autor o convencionalismo a que chegara a fórmula lopesca, e os diálogos fragmentados en que dous ou máis personaxes van continuando e terminando as frases que deixan a medias sucesiva e simetricamente.

A escola dramática de Calderón

[editar | editar a fonte]

A fórmula dramática calderoniana e o seu particular estilo foron imitados por importantes autores que, como o madrileño, refundiron obras xa compostas por Lope e os seus discípulos ao mesmo tempo que compoñían pezas orixinais. Os máis importantes entre estes autores foron Francisco Rojas Zorrilla e Agustín Moreto.

  1. Blanco Aguinaga, Carlos; Rodríguez Puértolas, Julio; Zavala, Iris M. (1978). Historia social de la literatura española en lengua castellana. Castalia. ISBN 84-7039-297-2. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kurt & Roswitha Reichenberger: "Bibliographisches Handbuch der Calderón-Forschung /Manual bibliográfico calderoniano (I): Die Calderón-Texte und ihre Überlieferung". Kassel, Edition Reichenberger 1979. ISBN 3-87816-023-2
  • Kurt & Roswitha Reichenberger: "Bibliographisches Handbuch der Calderón-Forschung /Manual bibliográfico calderoniano (II,i): Sekundärliteratur zu Calderón 1679-1979: Allgemeines und "comedias". Estudios críticos sobre Calderón 1679-1979: Generalidades y comedias". Kassel, Edition Reichenberger 1999. ISBN 3-931887-74-X
  • Kurt & Roswitha Reichenberger: "Bibliographisches Handbuch der Calderón-Forschung /Manual bibliográfico calderoniano (II,ii):Sekundärliteratur zu Calderón 1679-1979: Fronleichnamsspiele, Zwischenspiele und Zuschreibungen. Estudios críticos sobre Calderón 1679-1979: Autos sacramentales, obras cortas y obras supuestas". Kassel, Edition Reichenberger 2003. ISBN 3-935004-92-3
  • Kurt & Roswitha Reichenberger: "Bibliographisches Handbuch der Calderón-Forschung /Manual bibliográfico calderoniano (III):Bibliographische Beschreibung der frühen Drucke". Kassel, Edition Reichenberger 1981. ISBN 3-87816-038-0

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]