Saltar ao contido

Patrimonio da Humanidade en Burkina Faso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización dos sitios de Burkina Faso na lista do Patrimonio Mundial.

O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade en Burkina Faso, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. Burkina Faso ratificou a convención o 2 de abril de 1987, convertendo os seus lugares en elixíbeis para a súa inclusión na lista.[3]

Lista de lugares Patrimonio da Humanidade

[editar | editar a fonte]
Nome: segundo aparece no Comité do Patrimonio da Humanidade
Rexión: de Burkina Faso
Ano da inclusión: na lista da UNESCO
Datos da UNESCO: o número de referencia do sitio; o ano en que o xacemento foi inscrito na Lista do Patrimonio Mundial; os criterios nos que apareceu: os criterios de (i) a (vi) son culturais, mentres que de (vii) a (x) son naturais.[4]

     * Lugar transnacional

Nome Imaxe Localización Ano da inclusión Datos da UNESCO Descrición
01 Ruínas de Loropéni Suroeste 2009 1225rev; iii (cultural) O complexo de ruínas en Loropéni é o exemplo mellor conservado de asentamentos fortificados medievais en África Occidental. Estes asentamentos datan polo menos do século XI e floreceron entre os séculos XIV e XVII, en particular coa minería de ouro e o comercio transahariano durante os Imperios de Ghana e Malí e Songhai. O xacemento foi finalmente abandonado no século XIX e só foi escavado parcialmente.[5]
02 Complexo W-Arly-Pendjari Leste 2017 749ter; ix, x (natural) Este sitio abrangue o Parque Nacional W, que inicialmente foi catalogado de forma independente en Níxer en 1996, e o Parque Nacional de Arli (na imaxe) en Burkina Faso e o Parque Nacional de Pendjari en Benín, que foron engadidos en 2017. A área abrangue grandes extensións de sabana sudano-saheliana con prados, sabanas boscosas, arbustos, bosque de ribeira e bosque de galería. A paisaxe estivo configurada pola actividade humana durante decenas de miles de anos, sendo os incendios cruciais para manter unha vexetación diversa. Os parques albergan poboacións saudables de grandes mamíferos, incluíndo elefante africano, león, guepardo, licaóns e antílope topi.[6]
03 Antigos xacementos de metalurxia ferrosa de Burkina Faso Zondoma 2019 1602; iii, iv, vi (cultural) A metalurxia do ferro en África data da prehistoria. Este sitio consta de cinco propiedades. A máis antiga delas está en Douroula, do século VIII a. C., cando a tecnoloxía xa estaba moi presente na rexión. Os outros catro sitios son do segundo milenio d.C. Son grandes complexos con fornos elevados de fundición de mineral, conxuntos de escoura e restos de minaría. Os ferreiros locais xa non practican a fundición de mineral, pero son importantes para preservar rituais e prácticas antigas, ademais de desempeñar un papel importante no fornecemento de ferramentas ás comunidades.[7]
04 Corte real de Tiébélé Centro-Sur 2024 1713; iii (cultural) O complexo foi fundado no século XVI polo pobo kassena e comprende edificios residenciais distintos para os diferentes grupos sociais e lugares sagrados como o cemiterio real, pedras sagradas nas que se sentan os dignatarios e a tumba do fundador da familia real. Os edificios son de adobe e foron construídos por homes, mentres que a decoración dos muros con motivos tradicionais é obra xclusivamente das mulleres.[8]
  1. UNESCO, ed. (21 de novembro de 1972). "Convención para a Protección do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural" (PDF). 
  2. "Convention Concerning the Protection of the World Cultural and Natural Heritage". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2021. Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  3. UNESCO (ed.). "Burkina Faso na UNESCO". 
  4. "UNESCO World Heritage Centre – The Criteria for Selection". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2016. Consultado o 17 de agosto de 2018. 
  5. "Ruins of Loropéni" (en inglés). UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2013. Consultado o 22 de setembro de 2024. 
  6. "W-Arly-Pendjari Complex" (en inglés). UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2024. Consultado o 22 de setembro de 2024. 
  7. "Ancient Ferrous Metallurgy Sites of Burkina Faso" (en inglés). UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 7 de abril de 2023. Consultado o 22 de setembro de 2024. 
  8. "Royal Court of Tiébélé". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2024. Consultado o 22 de setembro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]