Saltar ao contido

Oliveira dos cen anos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Oliveira dos cen anos
A vella oliveira no Paseo de Afonso XII, símbolo da cidade, e o escudo de Vigo, da título e imaxe ao himno conceptualizado por C. Tangana.
Himno deHimno do centenario do Celta de Vigo Galicia Galicia
LetraAntón Álvarez Alfaro (C. Tangana)
Pablo Drexler
Alizzz - Cristian Quirante Catalán
Xosé Lois Romero
Xisco Feijoó
Simeón Cantó Gavira (Keltoi!)
Quico Comesaña
MúsicaC. Tangana
Pablopablo
Alizzz
Harto Rodríguez
Adoptado7 de xullo de 2023

"Oliveira dos cen anos", é o nome que recibe o himno creado en homenaxe ao centenario do Celta de Vigo. O tema foi composto en 2023 por Antón Álvarez Alfaro, coñecido profesionalmente como C. Tangana, acompañado por Pablo Drexler, Cristian Quirante Catalán, Xosé Lois Romero, Xisco Feijoó, Simeón Cantó Gavira e Quico Comesaña, producidos por, Álvarez, Drexler, Quirante e Harto Rodríguez, e interpretada pola Coral de Casablanca, As Lagharteiras, Lilaina, Cantó, Drexler, Quirante, e con voces da afección da peña Tropas de Breogán. A canción foi gravada nos estudios Planta Sónica de Vigo e Disquesi da Coruña e está escrita integramente en lingua galega.

En 2021, a conta de Twitter de Radio Vigo preguntou aos seus seguidores que artista querían compoñer o himno do centenario do Celta. Na enquisa ofreceron 4 opcións, Iván Ferreiro, Siniestro Total, Carlos Núñez e Tony Lomba e Eladio. Antón Álvarez respondeu cun chío preguntando «Puedo intentarlo?»,[1] e logo xurdiu nas redes un debate sobre se un artista madrileño podía compoñer o himno dun club galego, e cuestionouse se Álvarez era realmente un seareiro do equipo. Varios medios fixéronse eco do seu chío.[2][3] Ante as críticas, Álvarez dixo «[...] si la afición no quiere, yo paso....pero si a la peña le mola voy a hacer un himno que esté to' guapo.»[4] Ao longo do ano, o artista fixo varias referencias ao equipo a través das súas redes sociais.[5] En 2022, o presidente do equipo, Carlos Mouriño, confirmou que se puxeran en contacto co artista, pero non desvelou se fora elixido para crear o himno.[6] O 23 de agosto dese ano, Álvarez, que daba un concerto na cidade, felicitaba ao club polo seu 99 aniversario.[7] A principios de 2023, o club anunciou que "celtistas de gran talento" estaban implicados no himno e que sairía na primavera.[8] Ao mes seguinte, Álvarez revelouse como o artista encargado do himno, a través dun lenzo colgado no centro da cidade, que contiña o chío no que se postulaba para realizalo.[9]

Composición

[editar | editar a fonte]

O mesmo día que se confirmou a súa participación no himno, Álvarez chegou a Vigo e pasou dúas semanas na cidade e arredores para contactar con artistas locais e investigar sobre a música tradicional galega.[10] No mes de decembro comezou a produción da música.[11]

A primeira parte é unha cantiga tradicional (Jota das Neves[12]) que xa cantaban as Lagharteiras, cantareiras que participaron no himno e no vídeo.[13] A letra contén referencias a elementos representativos da cultura galega, viguesa e de clubs. As mencións á cor azul e celeste representan a cor principal do equipo e da bandeira galega. No primeiro verso a liña "Que fácil é confundilas/cas ondas do mar de Vigo" é unha referencia directa ao poema Ondas do mar de Vigo do trobador galego Martín Codax. A frase "Un escudo no meu peito" procede da canción, 1923, do grupo vigués Keltoi! Esta canción é considerada pola afección como o himno non oficial do equipo. "Oliveira dos cen anos" fai referencia ao escudo de Vigo e ao centenario do propio equipo.[14]

A ponte de Rande é un dos elementos que aparecen no videoclip do himno.

O videoclip fai un percorrido panorámico a vista de paxaro pola Ría de Vigo, comezando pola illa de San Simón. O profesor Manuel Gago Mariño comparou a estrutura do vídeo co discurso Alba de gloria de Castelao: «Se un se fixa, o vídeo do himno do centenario do Celta de C.Tangana parte do mesmo esquema. Empeza nun espazo mítico clásico da cultura galega, como son as illas, nas que aparece o pasado a través dos mortos que están ao lado do mar, e acaba indo para o futuro. É o mesmo esquema que utiliza Castelao, colocar o pasado e o presente no mesmo lugar. Por iso agora pode funcionar tan ben ese vídeo porque é un esquema moi presente na cultura galega desde moi antigo».[15]

O lanzamento do himno tivo unha recepción maioritariamente positiva en Twitter e en YouTube, con 700.000 reproducións en dous días. Recibiu algunhas críticas porque no vídeo aparecía máis Redondela que Vigo, pero outros sinalaron que boa parte dos asistentes ao campo de Balaídos son de fóra de Vigo, mesmo doutras rías galegas.[16] Nunha enquisa de Nós Diario dous de cada tres acharon que era un bo himno, e outro 20% que era unha boa canción.[17]

Comercialización

[editar | editar a fonte]

A letra ou parte dela foi incluída na camiseta do centenario do Celta, e noutros produtos como gorras e suadoiros.[18]

  1. Curras, Víctor (19 de febreiro de 2021). "C.Tangana se ofrece para componer el himno del centenario del Celta". elespanol.com (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2023. 
  2. Redacción (19 de febreiro de 2021). "C. Tangana se ofrece para componer el himno del centenario del Celta de Vigo: "¿Puedo intentarlo?"". antena3.com (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2023. 
  3. Redacción (19 de febreiro de 2021). "C. Tangana se ofrece para componer el himno del centenario del Celta de Vigo". elplural.com (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2023. 
  4. Curras, Víctor (1 de marzo de 2021). "C.Tangana evita líos con el Celta: "Si la afición no quiere, yo paso"". elespanol.com (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2023. 
  5. Picatoste, Mauro (7 de novembro de 2021). "C. Tangana y su enésimo guiño al Celta". elespanol.com (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2023. 
  6. Picatoste, Mauro (31 de marzo de 2022). "Mouriño confirma que el Celta ha hablado con C. Tangana para el himno del centenario". elespanol.com (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2023. 
  7. Jorge Garnelo (24 de agosto de 2022). "C. Tangana conquista Vigo “sin afinar”". Faro de Vigo. 
  8. Mauro Picatoste (23 de febreiro de 2023). "El himno en primavera y una camiseta conmemorativa para el Centenario del Celta". El Español. 
  9. V., R. (15 de marzo de 2023). "C. Tangana será el autor del himno del Centenario del Celta". farodevigo.es (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2023. 
  10. "El provechoso paso de C. Tangana por Vigo: camiseta celeste, filloas y pistas sobre el himno". Faro de Vigo. 15 de marzo de 2023. 
  11. "C. TANGANA PRESENTA EL HIMNO DEL CELTA: "EL FÚTBOL QUE SE VEÍA DE PEQUEÑO ERA EL DEL CELTA"". El larguero. 7 de xullo de 2023. 
  12. "Jota das Neves". Avelaiño Teatro. Consultado o 10/07/2023. 
  13. Diario, Nós (2023-07-09). "As Lagharteiras: "Demostramos que con pandeiretas pode facerse música marabillosa e con sons fortes para un estadio"". Nós Diario. Consultado o 2023-07-10. 
  14. Redacción (7 de xullo de 2023). "El significado del videoclip del himno del Celta de C.Tangana: de Martín Codax a Rosalía de Castro en una Galicia máxica y matriarcal que mira al mar". eldesmarque.com (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2023. 
  15. https://www.facebook.com/lavozdegalicia (2023-07-11). "Por que o novo e controvertido acto civil para o 25 de Xullo en Santiago se inspirou no 'Alba de Gloria'?". Voz de Galicia. Consultado o 2023-07-14. 
  16. Redacción (2023-07-07). "VÍDEO ; O Celta estrea himno: así recibe a afección a 'Oliveira dos cen anos'". Nós Diario. Consultado o 2023-07-10. 
  17. Redacción (2023-07-07). "ENQUISA; Que opinas do novo himno do Celta?". Nós Diario. Consultado o 2023-07-10. 
  18. "Oliveira dos Cen anos". shop.rccelta.es. Consultado o 2023-07-10. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]