Saltar ao contido

O soño sulagado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O soño sulagado
Título orixinalO soño sulagado
Autor/aCelso Emilio Ferreiro
OrixeGalicia Galicia
Linguagalego
Xénero(s)Poesía
EditorialColección Alba
Data de pub.1955
editar datos en Wikidata ]

O soño sulagado é o segundo libro de poemas publicado en galego por Celso Emilio Ferreiro. Trátase dun conxunto de 31 composicións publicadas por vez primeira en Vigo pola Colección Alba no 1955.

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]
Busto de Celso Emilio Ferreiro en Celanova

O soño sulagado foi creado no clima da posguerra, no cal o galeguismo cultural e político unicamente resistiu en pequenos núcleos clandestinos. Na década dos 50, o réxime franquista consolídase ao abeiro do repartimento de poder dos bloques e o horizonte dunha loita política galeguista semella esmorecer. Isto provoca que o movemento galeguista se desprace cara posicións netamente culturais, dando lugar, por exemplo, á fundación da Editorial Galaxia no 1950.[1][2]

É este un período de pesimismo, de fondo existencialismo e dun intenso malestar social e cultural. Porén, a poesía galega de posguerra continúa as direccións menos conflitivas da poesía galega de preguerra.[3]. O neotrobadorismo de Álvaro Cunqueiro e a lírica da paisaxe de Noriega Varela e Iglesia Alvariño dominan o panorama poético da época. Mención á parte merece a produción de Luís Pimentel, situado entre o intimismo existencial e o simbolismo. Pero é Celso Emilio o único poeta que define neste contexto unha poética social ou comprometida, sendo O soño sulagado o seu verdadeiro punto de partida.[4]

Temática

[editar | editar a fonte]

Segundo afirma Xesús Alonso Montero, n' O soño sulagado xa están presentes os contidos esenciais da poesía de Ferreiro: o intimismo, a crítica social e a sátira.[5] A amargura pola perda do soño, o asolagamento do soño é o fío transversal que abrangue estes contidos. Ese soño é o idealismo, a utopía que se percibe irrealizable, tanto no plano sociopolítico, como potencia liberadora do ser humano, coma no plano íntimo ou existencial, metáfora da infancia perdida e do paso do tempo sen futuro. Todos estes puntos condénsanse fortemente nos dous primeiros versos do poema Falareivos de min:[6]

Falareivos de min, anque me doan
as escuras raíces dos meus soños.

Ramiro Fonte salienta os seguintes núcleos temáticos na obra:[7]

  • A perda do idealismo. Como xa se comentou, ese idealismo é o soño e a súa perda simbolízase mediante o seu asolagamento.
  • A dor existencial. Relaciónase cun presente menesteroso e con ese paso do tempo sen futuro.
  • A infancia como paraíso perdido. Estreitamente vencellada aos temas anteriores, tamén lle evoca ao autor a lembranza dos primeiros temores e, sobre todo, o sentimento da terra, vencello coa paisaxe primordial que concilia ao home coa natureza e que esperta a lembranza dun pasado feliz.
  • A memoria da guerra. Aparece como pano de fondo que explica a razón dun tempo magoado. Ilustrativos son estes versos do poema Dempois:
Que inda non sei por qué dioses iñotos
morreron tantos mozos que pasaban
cantando ledamente
cando o solpor durmía sobre os pinos

O antibelicismo prolóngase ao presente histórico, con críticas á Guerra fría, ás veces botando man dun sarcasmo indisimulado como na composición Poema nuclear.

  • A denuncia dun presente histórico. Un presente opresivo que dificulta as posibilidades dun futuro mellor. Encádrase aquí a denuncia da emigración.
  • O amor. Manifestado sempre en clave apelativa e confidencial e no que o suxeito dese amor (a súa muller, Moraima) é un ti ao que o poeta lle confesa a súa fe de vida, un ti cómplice.

Estrutura e estilo

[editar | editar a fonte]
A guerra civil española está moi presente n' O soño sulagado (substitución republicana destinada á fronte de Teruel, 1938).

A unidade estrutural conséguese mediante o emprego constante dun tipo de metros, especialmente o hendecasílabo e o heptasílabo. Utiliza unha ordenación por estrofas, non renegando aínda da linguaxe poética tradicional, característica que o definirá en obras posteriores, agás nalgúns casos.

As figuras literarias máis frecuentes son os paralelismos e as anáforas, xunto coas aliteracións e as onomatopeas, as máis das veces cun matiz irónico. A construción dos poemas seguindo a liña do prosaísmo crítico é frecuente sobre todo naqueles poemas con intención máis satírica. Por outra parte, a riqueza das imaxes simbólicas é un trazo constante na produción do celanovés que o achega á Xeración do 27 ou ao hilozoísmo galego.

Segundo Gonzalo Navaza[8], e tomando como referencia o estándar actual do galego, as características máis salientables da lingua d' O soño sulagado (e, en xeral, de toda a poesía de Celso Emilio) son as seguintes:

  1. Vacilación perante as diferentes solucións ortográficas, morfolóxicas ou léxicas (árbores / albres; impasíbel / inmobre; e / i).
  2. Presenza de trazos característicos do galego central ourensán (unhos; il; iste, ise, aquil; eiquí; maus).
  3. Fidelidade á lingua popular (da iauga; iñoto; piedá; olláime, faláime; pra).

Á parte do emprego dalgún castelanismo e hiperenxebrismo, cómpre salientar a introdución que fai Ferreiro dalgúns campos léxicos pouco comúns na poesía galega daquel tempo, como os relacionados cos ámbitos urbanos ou con terminoloxías burocráticas ou tecnolóxicas.

Traducións

[editar | editar a fonte]

Foi traducido ao castelán polo propio autor, e publicado en edición bilingüe pola editorial Akal en 1981 co título de El sueño sumergido[9].

  1. Fernández del Riego, F. (1990), O río do tempo, Ediciós do Castro, páxs. 139 - 146 e 205 - 212
  2. Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páxs. 25 - 26
  3. Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páx. 26
  4. Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páxs. 29 - 30
  5. Alonso Montero, X. (1982), Celso Emilio Ferreiro, Ed. Júcar, páx. 70
  6. Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páx. 49
  7. Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páxs. 32 - 36
  8. Navaza, G. (1992). Introdución en Ferreiro, C. E. Longa noite de pedra, 2ª ed., Edicións Xerais, páx. 37
  9. Ficha Arquivado 20 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]