Misao Fujimura
Nome orixinal | (ja) 藤村操 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 20 de xullo do 1886 Hokkaidō |
Morte | 22 de maio do 1903 Cataratas de Kegon, Nikkō |
Causa da morte | suicidio, afogamento |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Aoyama |
País de nacionalidade | Xaponesa |
Grupo étnico | Xaponesa |
Educación | Instituto do Sur de Sapporo |
Actividade | |
Ocupación | Estudante |
Profesores | Natsume Sōseki |
Familia | |
Irmáns | Akira Fujimura |
Parentes | Naka Michiyo, tío |
Misao Fujimura (xaponés: Fujimura Misao 藤村操), nado o 20 de xullo do 1886 e finado o 22 de maio do 1903, foi un estudante de filosofía e poeta xaponés, recordado polo seu poema de despedida.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fujimura naceu en Hokkaidō no 1886. O seu avó foi un samurai do dominio de Morioka, e o seu pai foi trasladado á illa de Hokkaidō logo da Restauración Meiji como director do Banco de Hokkaidō. Fujimura estudou a secundaria en Sapporo, para logo trasladarse a Toquio coa intención de preparar os exames de ingreso para a Universidade Imperial.
Posteriormente, viaxou ás cataratas de Kegon, en Nikkō, unha zona célebre polas súas paisaxes. Alí, escribiu o seu poema de despedida no tronco dunha árbore para logo suicidarse. A súa tumba atópase no Cemiterio Aoyama da capital nipoa.
A historia foi moi comentada nos xornais da época. O famoso novelista Natsume Sōseki (1867-1916), naquela época profesor no instituto de Fujimura, reflexionou sobre a súa morte na súa obra Kusamakura (1906).[1]
Poema
[editar | editar a fonte]O poema de Fujimura reflexiona sobre as causas que o conduciron ao suicidio. Os versos reflicten unha visión existencialista da realidade e da vida, comparando a inmensidade do mundo coa insignificancia do ser humano.[2] O texto é o seguinte:
Pensamentos no precipicio
Que vasto é o universo!
Que eterna a historia!
Quixen medir a inmensidade deste diminuto corpo.
Que autoridade ten a filosofía de Horacio?
A verdadeira natureza de toda a creación
é, nunha palabra, inescrutable.
Con este remorso, decido morrer.
De pé nunha pena sobre a cascada
carezo de temor algún.
Comprendo agora, por vez primeira,
que o gran pesimismo non é senón un grande optimismo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Asakura (2005): 45.
- ↑ Moore, Graham (2017-05-18). "'A delicate line between heaven and earth': Misao Fujimura and mental health". Exeposé Online (en inglés). Consultado o 2024-04-02.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Asakura, K. (2005). Jisatsu no shisō 自殺の思想 [Pensar o suicidio; en xaponés]. Edicións Ōta. ISBN 978-4-87233-945-1
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fujimura, M. (1903): Gantou no kan 巌頭の感 (texto completo en xaponés)
- Illingworth, D. (23 de marzo do 2016): The Suicide Note as a Literary Genre (en inglés).