Miguel de la Quadra-Salcedo
Quadra-Salcedo no 2014. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Miguel de la Quadra-Salcedo Gayarre 30 de abril de 1932 Madrid, España |
Morte | 20 de maio de 2016 (84 anos) Madrid, España |
Altura | 180 cm |
Peso | 90 kg |
Actividade | |
Campo de traballo | Xornalismo e deporte |
Ocupación | Reporteiro de TVE, atleta de lanzamento de disco, peso e martelo e director da Ruta Quetzal. |
Deporte | atletismo |
Disciplina deportiva | Lanzamento de disco Basque bar launch (en) Lanzamento de xavelina |
Participou en | |
1960 | Xogos Olímpicos de 1960 |
Familia | |
Cónxuxe | Marisol de Asumendi[1] |
Fillos | Rodrigo, Sol e Íñigo |
Pai | Estanislao de La Quadra-Salcedo y Arrieta-Mascarúa |
Irmáns | Ana María de La Quadra-Salcedo y Gayarre |
Parentes | Tomás de la Quadra-Salcedo, curmán entregue |
Premios | |
| |
Miguel de la Quadra-Salcedo y Gayarre, nado en Madrid o 30 de abril de 1932, e finado ibídem o 20 de maio de 2016,[2] foi un reporteiro, promotor cultural e atleta español, especializado nas probas de lanzamento. Fundou e dirixiu o programa de estudos e aventuras Aventura 92, posteriormente coñecido como Ruta Quetzal. Aínda sendo madrileño de nacemento, el sempre se recoñeceu como vasco-navarro.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo primoxénito dos seis que tivo o matrimonio formado por Estanislao de la Quadra-Salcedo y Arrieta-Mascarúa (1908-1938) e María Gayarre Galbete,[4] era curmán de Tomás de la Quadra-Salcedo, así como de José Javier de la Quadra-Salcedo y Miranda, marqués de los Castillejos. Sendo neno, ós 5 anos, os seus pais trasladáronse a vivir a Pamplona, a capital navarra.
Deportista
[editar | editar a fonte]Estudou a carreira de perito agrícola, pero salientou máis como atleta. Formou parte da Sección de Atletismo do Real Madrid C.F. e conseguiu un total de nove campionatos de España: seis en disco, dous en peso e un en lanzamento de martelo, ademais de varias plusmarcas nacionais en lanzamento de martelo e disco. Tamén participou nos Xogos Olímpicos de 1960, representando a España.
Bateu a plusmarca mundial de xavelina cunha técnica adaptada por Félix Erausquin, a do lanzamento de barra vasca. Por mor da perigosidade que ofrecía esta técnica para lanzadores inexpertos, a IAAF viuse na obriga de modificar o regulamento por dúas veces, incluíndo nas regras que nin o lanzador nin a xavelina podían estar orientados en ningún intre do lanzamento de costas á zona de lanzamento. Esta marca non se homologou malia ser anterior á modificación do regulamento.
Reporteiro
[editar | editar a fonte]Dende 1961 até 1963, traballou como etnobotánico na selva do río Amazonas a soldo do Goberno colombiano. De volta en España foi contratado por Televisión Española (TVE) como reporteiro. No seu primeiro traballo tivo que cubrir a información da crise da República Democrática do Congo, onde estivo a piques de morrer (fora condenado a morte) por rodar o fusilamento de 300 prisioneiros.
Como correspondente de TVE cubriu a guerra de Vietnam e o golpe de estado do 11 de setembro de 1973 en Chile, perpetrado polo xeneral Augusto Pinochet, entre outros moitos acontecementos. Ó longo da súa carreira profesional tivo ocasión de entrevistar a moitas personalidades relevantes do século XX coma o Dalai Lama, Salvador Allende, Indira Gandhi ou Pablo Neruda, entre outros.
Tamén traballou en "La Actualidad Española", formando equipo con Félix Rodríguez de la Fuente e o xornalista César Pérez de Tudela.
Promotor cultural
[editar | editar a fonte]A súa última iniciativa profesional xurdiu en 1979, cando creou o programa "Aventura 92", despois chamado Ruta Quetzal que hoxe leva o nome oficial de Ruta BBVA polo seu patrocinador, o banco BBVA. Trátase dun programa que foi declarado de Interese Universal pola Unesco, e que consiste en intercambios entre rapaces de 58 países para poder realizar viaxes de estudo xeográfico, histórico e medioambiental por América Latina. O programa desenvólvese ininterrompidamente dende 1979 e reúne cada xuño e xullo, durante 45 días, a mozos e mozas de 16 e 17 anos nunha viaxe de ida e volta entre América Latina e España.
Traxectoria en TV
[editar | editar a fonte]- A toda plana (1965-1967)
- Aventura (1969)
- El mundo en acción (1973-1978)
- Los reporteros (1974-1976)
- Españoles en el Pacífico (1980)
- A la caza del tesoro (1984)
- Aventura 92 (1988-1992)
- Ruta Quetzal (1993-2016)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hemeroteca ABC
- ↑ http://www.lne.es/sociedad/2016/05/20/muere-84-anos-reportero-miguel/1929751.html
- ↑ "Fecha y lugar de nacimiento: "Soy vasco-navarro desde los años 30...". Miguel de la Quadra-Salcedo. www.rutaquetzalbbva.com". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2016. Consultado o 20 de maio de 2016.
- ↑ "Euskalnet". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2016. Consultado o 20 de maio de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Miguel de la Quadra-Salcedo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Noticias Genealógicas sobre los P. de Rivera y los Salcedo y varios de sus ascendientes y descendientes por líneas paterna y materna, y de otras casas vascongadas", de Antonio Pérez de Azagra, 1943.
- "La Casa de Salcedo de Aranguren", de Javier Ybarra Bergé.
- "La Casa de Urrutia de Avellaneda", de J Mª Urrutia y Llano; Bilbao, 1968.
- "El pájaro de la aventura", Antonio Pérez Henares