Metro lixeiro de Vigo
O metro lixeiro de Vigo é un proxecto en fase de estudo de ferrocarril metropolitano ou tren lixeiro a implantar na cidade olívica e a súa área metropolitana.
Antecedentes e orixes do proxecto
[editar | editar a fonte]Vigo contou con unha rede de tranvías urbanos e metropolitanos desde 1914 até o 31 de decembro de 1968, ano no que o concello de Vigo adxudicou a Vitrasa o novo servizo de transporte público de autobuses nun controvertido proceso que chegou á mans da xustiza.[1]
Deste xeito, desapareceron os tranvías que daban servizo á cidade de Vigo e máis os núcleos urbanos de Lavadores e Teis, así como a vilas como Nigrán, Baiona, Gondomar ou O Porriño, e con plans para chegaren até Mondariz e o seu balneario, constituíndo unha verdadeira rede tranviaria de proximidades para o hínterland vigués.[2][3]
Co cambio de século e á luz da inauguración do Metro do Porto, así como co proxecto de converter o tranvía turístico da Coruña nun metro lixeiro útil, xurdiron unha vaga de propostas para pór en marcha servizos de metro lixeiro nas urbes galegas, destacando Vigo.
As propostas chegaban a proxectos e algúns destes lograron ter estudos de viabilidade, mais os cambios de goberno en Vigo e, sobre todo, en Santiago fixeron que os prazos se foran dilatando até a chegada da crise de 2008 e a austeridade que a sucedeu, o que fixo que a Xunta, finalmente, deixara o proxecto do metro vigués nun caixón.
Distintas iniciativas e proxectos
[editar | editar a fonte]Proxecto 2001
[editar | editar a fonte]Coincidindo coas obras do Metro do Porto, na primavera do ano 2001 o responsábel da COTOP, Xosé Cuíña, e o tenente de alcalde de Vigo, Carlos Príncipe, asinaron un convenio de colaboración para pór en marcha o metro lixeiro da cidade.[4] O novo metro lixeiro contaría con tres liñas:[5]
- Liña circular pola Avenida Beiramar - Rúa Colón - Rúa Urzáiz - Gran Vía - Rúa da Coruña
- Liña entre Samil e Gran Vía pola Rúa Venezuela - Avenida das Camelias - Avenida Castelao - Avenida de América
- Liña entre a Avenida Beiramar e Bouzas
Malia a intención de comezar as obras en 2003, o proxecto non saíu adiante por mor da inestabilidade municipal en Vigo.[6]
Proxecto 2005
[editar | editar a fonte]A uns días das eleccións, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, propuxeron unha rede de metro, que non metro lixeiro, parcialmente subterráneo.
O proxecto estimouse nun custo de 442,5 millóns de euros, dos cales 400 corresponderían a infraestrutura, perante ao resto, correspondente aos vehículos. O 46% do custo estimado das infraestruturas estaría adicado ás infraestruturas subterráneas.
- Liña: O Berbés - Estación Marítima - Sede da Xunta - Arenal - Isaac Peral (inicio subterráneo) - Renfe - Gran Vía-Corte Inglés - Praza de España - Gran Vía-A Salgueira - Praza de América - A Florida - A Bouza - Navia[7]
Cun trazado de 8 quilómetros, dos que o 75% transcorrería baixo terra, a viaxe por el sería completada en 17 minutos. A intención era inauguralo en 2009.[8]
Proxecto 2006
[editar | editar a fonte]O cambio de goberno na Xunta tirou por terra o proxecto presentado seis días antes das eleccións polo vicepresidente Núñez Feijóo. O novo proxecto da conselleira María José Caride consistía nunha liña duns 5 quilómetros de lonxitude deseñada polos técnicos da UXT que contaría cunhas 15 paradas.
A única liña partiría da Estación Marítima, conectando polo litoral e Isaac Peral coa estación de Vigo-Urzáiz, para continuar pola Rúa do Príncipe até ás prazas da Independencia e de América, concluíndo no novo barrio de Navia.[9]
O proxecto non chegou a pasar o estudo de viabilidade ao non contemplar conexións coa área metropolitana.[10]
Proxecto 2009
[editar | editar a fonte]O goberno bipartito puxo en marcha un novo proxecto de metro para Vigo no ocaso da lexislatura.[11] Nesta ocasión estudiouse a realización da obra en dúas fases: [12]
- Primeira fase: creación de dúas liñas en superficie (250 millóns de euros).
- Liña 1 - Eixo litoral: Samil - Avenida de Europa - Avenida de Castelao - Rúa da Coruña - Torrecedeira/Pi i Margall - Policarpo Sanz (ou rúas paralelas) - Urzáiz
- Liña 2 - Eixo interior: Univerisade - PSA - Balaídos - Avenida de Fragoso - Praza de América (conexión co eixo litoral)
- Fases posteriores:
- Continuación do eixo interior subterráneo desde a Praza de América - Gran Vía - Urzáiz - Aeroporto
- Continuación do eixo litoral até Teis.
A estimación do custo de toda a infraestrutura estimouse nuns 636,26 millóns de euros. Contaría con 31,7 quilómetros de percorrido, cun 12% da infraestrutura subterránea quedando o resto en superficie e con 39 paradas. A estimación de usuarios rondaba os 23,1 millóns anuais.[13]
A principal novidade respecto os proxectos anteriores foi a valoración de conexións con outros municipios pertencentes a área metropolitana de Vigo.[14]
Proxecto 2011
[editar | editar a fonte]De novo, outro cambio de goberno tralas eleccións de 2009 propiciou que o novo executivo desbotara o proxecto anterior. Con Núñez Feijóo, que xa prometera seis anos atrás a posta en marcha dun metro en Vigo, ao retornar ao poder, esta vez como presidente, prometeu un metro lixeiro para Vigo, A Coruña e, por primeira vez desde instancias autonómicas, tamén para Santiago de Compostela. Os sistemas de metro lixeiro entrarían en funcionamento no ano 2015.[15]
O proceso tivo curto percorrido, o que non evitou a polémica no proceso da avaliación ambiental dos estudos dos metros.[16] Un ano máis tarde, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas Agustín Hernández anunciaba a dificultade para continuar co proxecto por motivos económicos, sen chegar a ver a luz o plan encargado un ano antes pola Xunta para o metro lixeiro vigués.[17]
Actualidade
[editar | editar a fonte]En 2021, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, descartou definitivamente a posibilidade de que o Concello de Vigo apostase con ou sen o apoio autonómico pola construción dun sistema de tranvía ou metro lixeiro na cidade polo alto custo económico da obra, do mantemento da infraestrutura e o servizo.[18]
En 2023, a agrupación local do BNG propuxo a creación dunha liña de tranvía (ou trolebús) para mellorar o transporte urbano da cidade, seguindo os pasos de cidades como Vitoria-Gasteiz. A liña de 9 quilómetros e 19 paradas, estruturada nun eixo leste-oeste, decorrería na súa totalidade en superficie vertebrando a cidade desde a praia da Calzoa en Samil até Teis.[19][20][21]
Nas eleccións de 2024, o partido Sumar propuxo a construción e posta en marcha dun metro lixeiro metropolitano tanto en Vigo como na Coruña, aproveitando as infraestruturas ferroviarias existentes se se puider.[22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "50 anos do cambio de tranvías por buses en Vigo cun suborno e con Rajoy e Conde-Pumpido como xuíz e fiscal". Praza.gal. 2023-01-03. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Tranvías eléctricos de Vigo". Spanish Railway (en castelán). Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Vigo tuvo servicio de cercanías en la dictadura". VigoÉ (en castelán). Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Cuíña e Príncipe firman o convenio do metro lixeiro ante a indiferencia do BNG". La Voz de Galicia. 2001-05-02. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Imaxe do proxecto do metro lixeiro". Prensa Ibérica (en castelán). Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "O afundimento político de Carlos Príncipe sume no esquecemento o plan do metro lixeiro". La Voz de Galicia. 2002-09-14. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Imaxe do proxecto do metro lixeiro". Prensa Ibérica (en castelán). Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Xunta e Concello propoñen que Vigo conte cunha liña de metro en 2009". Xornal de Vigo. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "A Xunta estuda a viabilidade da construción dun metro". La Voz de Galicia. 2006-02-25. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Los anteproyectos de un metro ligero para Vigo y A Coruña echan a andar". El Correo Gallego (en castelán). 2009-03-26. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Anuncio 11E22". Xunta de Galicia. 2009-03-26. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "En exposición pública los proyectos de metro ligero para A Coruña y Vigo". El Progreso de Lugo (en castelán). 2009-03-27. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "El metro de Vigo tendrá 39 paradas y más de 30 km". 20minutos (en castelán). 2009-03-27. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Los anteproyectos de un metro ligero para Vigo y A Coruña echan a andar". El Correo Gallego (en castelán). 2009-03-26. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Anuncio 550A". Xunta de Galicia. 2011-02-14. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Unha década da desaparición do metro lixeiro: das promesas da Xunta ás obras que Feijóo vía rematadas en 2009 aos plaxios de 2011". Praza.gal. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "O metro lixeiro aparca". La Voz de Galicia. 2012-07-11. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Caballero descarta un tranvía: «Hay ciudades quebradas por construirlo»". La Voz de Galicia. 3 de febreiro de 2021. Consultado o 15 de decembro de 2021.
- ↑ "O BNG de Vigo propón un novo transporte alternativo entre Navia e Teis". BNG Vigo. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "El BNG resucita el proyecto de metro ligero con un tranvía de Navia a Teis". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de maio de 2023. Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Imaxe do proxecto do metro lixeiro". Twitter (en castelán). Consultado o 2025-01-03.
- ↑ "Sumar aposta por un metro lixeiro para A Coruña e Vigo". Nós Diario. 8 de febreiro de 2024. Consultado o 2025-01-03.