Mourelo eurasiático
Mourelo eurasiático Melanita nigra | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Melanitta nigra (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
Anas nigra Linnaeus, 1758 |
O mourelo eurasiático,[2] ás veces pentumeiro[3] ou parrulo pentumeiro común,[4] Melanitta nigra, é unha especie de pato mergullador mariño da orde dos anseriformes, familia dos anátidos, e subfamilia dos merxinos, unha das seis integradas no xénero Melanitta.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita por Carl von Linné en 1758 na 10ª edición do seu Systema Naturae, co nome de Anas nigra.[5][6]
Foi trasladada ao xénero Melanitta polo zoólogo alemán Friedrich Boie en 1822,[7][8] na páxina 980 do seu traballo:
- Boie, Friedrich (1822): Tagebuch gehalten auf einer Reise durch Norwegen im Jahre 1817. Schleswig: Königl Taubstummen - Institut. pp. 308, 351.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Para a do xénero, ver Melanitta.
O epíteto específico, nigra, deriva do nominativo feminio singular do adxectivo latino niger, -gra -grum, que significa "negro".[9]
Nota taxonómica
[editar | editar a fonte]Durante moito temo distinguíronse dúas subespecies: M. n. nigra, e M. n. americana, pero esta última foi elevada ao rango de especie co nome Melanitta americana.[10]
Desde entón a especie é considerada monotípica e forma coa M. americana o subxénero Oidemia.
Características
[editar | editar a fonte]Este pato mariño mide xeralmente de 44 a 54 cm de longo.[11]
Presenta un claro dimorfismo sexual. A plumaxe do macho é totalmente negra brillante agás debaixo das rémixes e no ventre, que son tamén negros, pero apagados. O peteiro é negro cunha protuberancia na base (que non acada o seu tamaño definitivo ata os tres anos) e unha mancha amarela alaranxada na mandíbula superior. As patas son negras amararronadas e os iris marróns avermellados.[12]
O macho muda as plumas da testa e do corpo en xullo, e as das ás e a cola en setembro e outubro. A muda parcial solápase con esta muda completa, xa que se produce entre setembro e maio.
A femia presenta unha plumaxe marrón, máis escura na parte de arriba da cabeza. As meixelas, gorxa e partes laterais do pescozo son marróns cincentas moi clars, tirando mesmo a abrancazadas. O peito e o ventre son marróns claros. O peteiro é negro ou verdoso escuro, ás veces con marcas amarelas alaranxadas. Está un pouco avultado na base cando a femia envellece. Igual que no macho, a muda completa desenvólvese entre xullo e outubro, mais a muda parcial non empeza ata abril.
O individuo xove lembra moito á femia adulta, pero é dun marrón máis claro pola parte superior e máis branco pola inferior cunha pequena mancha amarela alaranxada arredor dos orificios nasais no macho. Nos xoves a forma e a cor do peteiro modifícanse para asemellarse ás do adulto a partir do final do primeiro inverno.[13] A muda parcial prodúcese de decembro á primavera. O macho xove adquire progresivamente as plumas negras.
No macho a décima pluma rémixe primaria ten o vexilo (lámina da pluma) interno fortemente reducido na súa parte superior (a anchura da pluma queda así reducida aproximadamente á metade), o cal explica a produción dun asubío agudo cando a ave voa, a miúdo audible nas migracións. Esta redución é moito máis feble na femia.
Á dobrada (mm) |
Cola (mm) |
Peteiro (mm) |
Tarso (mm) |
Lonxitude (cm) |
Envergadura (cm) |
Masa (g) | |
---|---|---|---|---|---|---|---|
Máximo | 247 | 103 | 51 | 48 | 54 | 85 | 1 610 |
Mínimo | 206 | 62 | 41 | 41 | 40 | 73 | 600 |
Macho adulto | 224 a 247 | 82 a 103 | 43 a 51 | 43 a 48 | 960 a 1 610 | ||
Femia adulta | 216 a 239 | 68 a 84 | 41 a 46 | 41 a 46 | 915 a 1 270 | ||
Macho xove | 217 a 241 | 71 a 82 | 710 a 1 380 | ||||
Femia xove | 206 a 226 | 62 a 73 | 600 a 1 227 |
Ecoloxía e comportamento
[editar | editar a fonte]Locomoción
[editar | editar a fonte]O mourelo nada normalmente co pescozo metido nos ombreiros (non estirado) e a cola curta ergueita de punta. Se o molestan, ergue o pescozo e mergúllase case totalmente.
Mergúllase con frecuencia ata dous metros de profundidade, ás veces ata os 10 ou 20 m (o máximo é 30 m). A duración dos mergullos varía de 18 a 30 segundos, pero pode chegar aos 60. As ás están pegadas ao corpo normalmente durante toda a inmersión, pero de cando en vez pode telas abertas, comportamente que é o típico no mourelo careto (Melanitta perspicillata) de América.
No mar voan normalmente en grandes formacións a pouca altitude (con frecuencia a só un ou dous metros) e aprovéitanse así do efecto solo, que permite aforrar ata un 20 % da enerxía que teñen que gastar, e a resistencia aerodinámica é reducida,[16] pero sobre zonas terrestres a altitude de voo é moito máis elevada.
Vocalizacións
[editar | editar a fonte]Esta especie xeralmente é silenciosa excepto no período reprodutor. Cando se produce o cortexo, a chamada co macho é un son de campá agudo e afrautado que soa cur-li, mentres que a femia produce sons renxentes,[17] pero tamén gruñidos roucos. Ao principio da estación de reprodución e nas noites de migracións, estas aves poden emitir unha chamada tipo guiv-guiv.[18] Ademais da súa distribución xeográfica, as vocalizacións poden servir para distinguir o parrulo mourelo común de Melanitta americana.[19]
Reprodución
[editar | editar a fonte]O mourelo común é unha especie monógama. Igual que en numerosas especies de anátidos, os primeiros cortexos nupciais realízanse nos lugares de invernada e consisten en comportamentos de limpeza das plumas. O macho érguese na auga, estende as ás e sacode as plumas do dorso. Simula o alisado das rémixes e abanea frecuentemente a testa. Finxe tamén agresións a outros individuos nadando coas costas moi arqueadas, o pescozo metido entre os ombreiros, e o peteiro mantido horizontalmente, facendo salpicar auga por detrás del coas patas e parando bruscamente. As parellas non son estables ata a primavera.
O regreso ás zonas de nidificación faise en maio. Fai o niño en lagos, xunqueiras ou tundras. O niño está xeralmente ben agochado entre vexetación mesta e moi a miúdo está situado entre arbustos, ou por veces en depresións naturais. Constrúeo a femia con herbas, musgos, liques e penuxe. Entre finais de maio e xuño, a femia pon de seis a oito ovos na Rusia europea e nove ou dez en Islandia (catro e once son os valores extremos, aínda que este último valor se trata probablemente de postas feitas por dúas femias). Son ovos de forma oval de ton crema ou rebezo, que miden como media 66 × 45 mm (os valores extremos son de 59 a 72 × 41,3 a 47,7 mm[17]). A femia realiza unha soa posta. En caso de destrución dos ovos, estes son substituídos só no 30 % dos casos aproximadamente.
A femia choca os ovos só durante de 27 a 31 días, e o macho a abandona rapidamente.[17] Cando ela se afasta do niño, por exemplo, para se alimentar, cobre os ovos con penuxe. Como a incubación comeza coa posta do derradeiro ovo, a eclosión está sincronizada. As cascas dos ovos quedan no niño, o cal as crías abandonan rapidamente. Os polos poden nutrirse de seu mais son protexidos pola femia baixo a cal se refuxian pola noite durante certo tempo. A nai permanece preto dos parruliños e acompáñaos ata a auga durante seis ou sete semanas, despois das cales xa son independentes, aínda que permanecen agrupados.[17] A súa plumaxe tarda de 45 a 50 días en estar completa;[11] efectúan a súa primeira reprodución á idade de dous ou tres anos.
Predadores e lonxevidade
[editar | editar a fonte]Os predadores mellor coñecidos do mourelo común son o pigargo Haliaeetus albicilla en Noruega, e o azor e o falcón peregrino en Alemaña (illa de Rügen). A lonxevidade máxima rexistrada foi a dun individuo anelado atopado en Islandia que cumprira 16 anos e 9 meses.[20]
Alimentación
[editar | editar a fonte]O mourelo obtén o seu alimento principalmente baixo a auga: pode mergullarse a seis metros ou máis de profundidade para nutrirse de moluscos, crustáceos, vermes, insectos acuáticos e as súas larvas. Pode comer vexetais (brotes verdes, plantas acuáticas…).[11]
No mar e nas augas pouco fondas, come esencialmente moluscos, en particular mexillóns Mytilus edulis (de ata 40 mm), pero tamén algúns outros bivalvos como croques Cerastoderma (tamén de ata 40 mm), Mya, Spisula, e tamén Venus, Tellina, Macoma, Solen, Venerupis, Arctica, Nucula e Hiatella, e gasterópodos (Nassarius reticulatus, Littorina e Hydrobia). Por exemplo, nas costas de Normandía, o mourelo consome sobre todo moluscos Donax vittatus, Nucula turgida, Euspira pulchella e Cerastoderma edule.[21] Ocasionalmente come crustáceos, especialmente isópodos (Idotea), anfípodos (Gammarus) e pequenos cangrexos (Carcinus). A súa dieta comprende igualmente de maneira marxinal anélidos poliquetos e equinodermos.
En auga doce este parrulo come moluscos, esencialmente mexillóns do xénero Anodonta e os Lymnaea, imagos e larvas de insectos, anélidos, pequenos peixes e os seus ovos, raíces, tubérculos e grans.
En Islandia, en verán, o mourelo come larvas de Chironomidae, Lymnaea, ovos de peixes, sementes de Potamogeton e crustáceos cladóceros. No lago Mývatn de Islandia, as crías de mourelo aliméntanse sobre todo de insectos adultos e inxiren tamén grans sobre todo de Potamogeton. Cando tañen máis idade pasan a comer esencialmente larvas de quironómidos e algúns cladóceros.[22]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Distribución xeográfica
[editar | editar a fonte]O mourelo reprodúcese esencialmente desde o sur de Noruega ao norte de Asia ata o río Lena. Está en regresión en Finlandia (500 parellas) cunha retirada cara ao norte do límite meridional de nidificación. Máis ao oeste, esta ave está menos difundida: en Escocia (reprodución a partir de 1855, quizais antes, 30 parellas en 1974), Irlanda (reprodución a partir de 1905, de 70 a 200 parellas de 1966 a 1974), Islandia (500 parellas en 1975)[23]. Algúns casos de reprodución rexistráronse tamén en Spitzbergen (en 1905, 1963 e 1965[23]) e nas illas Feroe[13].
É unha ave accidental en Hungría, Austria, Suíza, Italia, ex-Iugoslavia, Grecia, Romanía, Bulgaria, Turquía, Libia, Alxeria, Kuwait, Chipre, Malta, Madeira, Azores e Canarias[23]. En Galicia aparece como ave invernante escasa ou como ave de paso.[4]
Hábitat
[editar | editar a fonte]En perído de reprodución nas rexións árticas e boreais, o mourelo común frecuenta unha variedade moi grande de hábitats: os lagos, cursos de auga lentos, os pantanos da tundra, a tundra boscosa da taiga, as uceiras ao bordo de pequenos lagos de montaña.
Durante o período de muda cando non poden voar, estas aves permanecen en bandadas, a miúdo fóra das áreas de reprodución, en grandes lagos ou no mar.
En migración e en invernada, o mourelo permanece esencialmente no mar e en menor medida nos lagos grandes onde é máis irregular e menos abondosa que o mourelo de á branca. Descansa e aliméntase en grupos xeralmente a unha distancia no litoral de 500 m a 2 km da costa en zonas onde a profundidade non excede os 10 a 20 m e onde a nutrición animal é abondosa e accesible. En ditas condicións, as aves aceptan a exposición a ondas fortes e a correntes rápidas, pero as costas máis rochosas non adoitan ser moi favorables para eles.[23]
Migración e invernada
[editar | editar a fonte]O mourelo é unha ave esencialmente migradora, aínda que hai pequenas poboacións que só se desprazan a pequena distancia.
Como numerosas especies de anátidos, o mourelo efectúa migracións de muda. Entre o fin de xuño e a metade de agosto, numerosos individuos (uns 150 000) mudan nas augas danesas: trátase esencialmente de inmaturos e de machos adultos (soamente o 10 % son femias).[24] No mesmo período, a baía do monte Saint-Michel alberga máis de 20 000 machos adultos.[21] Outras aves mudan igualmente no mar de Escocia e en Irlanda, mentres que en Islandia, fano nos lagos. Xeralmente, as femias adultas xúntanse con estes grupos a finais de setembro.
Os nidificantes islandeses invernan nas augas irlandesas e británicas, e ao longo das costas atlánticas de Francia ata Portugal, cun caso dunha ave anelada nos Azores. Os movementos das pequenas poboacións irlandesas e británicas son mal coñecidos pero os lagos onde as especies se reproducen son despois abandonados. Os nidificantes de Noruega parecen invernar nas augas dese país ao norte ata as illas Lofoten. Os da Rusia ártica migran entre o oeste e o oeste suroeste do océano Glacial Ártico cara ao mar Branco, sobrevoan as terras do norte de Rusia (sobre todo de Carelia e a rexión de San Petersburgo) cara ao golfo de Finlandia. Invernan no Báltico desde Estonia, no mar do Norte, no canal da Mancha e no océano Atlántico ata o noroeste da Península Ibérica. Esta zona de invernada é tamén utilizada polos nidificantes de Finlandia e Suecia. Obsérvanse migrantes en voo cara ao sur ao longo da costa atlántica de Marrocos desde fins de setembro a inicios de novembro (ata 3 900 individuos nun só día), mais os grupos invernantes nese país non pasan de 500 individuos ; só un pequeno grupo acada o banco de Arguin en Mauritania e a especie non se encontra máis ao sur. O mourelo común é xeralmente raro no mar Mediterráneo.[25]
Relación co ser humano
[editar | editar a fonte]Ameazas e conservación
[editar | editar a fonte]A especie goza dunha ampla área de distribución xográfica e de numerosos exemplares, polo que a UICN considéraa co status de "especie pouco preocupante".[26] A poboación de Europa foi estimada en 1977 en 130 000 individuos, na súa maioría no mar Báltico e 20 000 aves no Reino Unido[27]. En 2002, estímábase que a poboación invernante no oeste de Europa era dunhas 800 000 aves.[28] En Francia, estímase que a poboación está próxima aos 30 000 individuos,[29] e sábese que só no estuario da Xironda invernan cada ano de 15 000 a 20 000 mourelos.[30] En 2003, unha poboación de 50 000 individuos foi atopada en Shell Flat, Lancashire, onde se ía construír un parque eólico.[31] As estimacións feitas por BirdLife International dan unha poboación mundial (agrupando os mourelos comúns e os Melanitta americana) comprendida entre os 2 100 000 e 2 400 000 individuos espallados nunha área de 8 300 000 km2, o que é unha superficie comparable á de países como o Brasil.[32]
A especie pode cazarse en certos países, por exemplo en Francia, onde os seus efectivos se consideran estables.[33] A principal ameaza que afronta a especie é a contaminación mariña:[28] En 1996, o naufraxío do petroleiro MV Sea Empress causou unha marea negra no País de Gales que matou un terzo da poboación local desta especie.
Desde 2007, axencias do goberno francés e os Fondos europeos para a pesca cofinancian un programa sobre a análise das causas da caída do número de mourelos comúns invernantes en Normandía.[34]
Referencias culturais
[editar | editar a fonte]Na Idade Media segundo unha crenza popular moi estendida, pensábase que o mourelo nacía espontaneamente a partir de certos froitos de mar ou de vexetais en descomposición. Ademais, a súa carne aceitosa e coriácea era considerada un alimento magro bo para os días de xaxún.[35] Existía unha crenza algo parecida sobre os gansos Branta, que se supoñía se orixinaban a partir de percebes.
A imaxe do mourelo foi utilizada en filatelia e aparece en selos de 25 c de Antiga e Barbuda emitidos en 1989[36] e de Jersey de 1999.
Predación sobre os mexillóns de acuicultura
[editar | editar a fonte]En Francia, a predación que fai o mourelo sobre os mexillóns criados sobre postes (bouchot) provoca perdas económicas aos miticultores das baías de Saint-Brieuc, do baía do monte Saint-Michel e dos Veys. Os criadores de mexillóns utilizan como medio de espantalos ruídos de disparos de fusil, espantallos ou redes, cuxa eficacia é limitada, a única técnica que parece ser operativa é espantalos de forma continua por un vixilante durante os períodos sensibles.[37]. En 2010, aplicouse un programa específico na baía do monte Saint-Michel para estudar o seu impacto sobre os parques mexilloeiros, nos que unha decena de mourelos foron equipados con balizas Argos.[34]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Melanitta nigra". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2013. Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-06.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ 4,0 4,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Linnaeus, Carl von (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (tomo I) (pdf) (en latín) (Holmiae (Laurentii Salvii) ed.). p. 123.
A. tota nigra, bauſi roſtri gibba.
- ↑ Avibase, consultado o 28 de outubro de 2010
- ↑ Melanitta F.Boie, 1822 no GBIF. Consultado o 13 de novembro de 2022.
- ↑ Melanitta F.Boie, 1822 na BioLib. Consultada o 13 de novembro de 2022.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 246, 270. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ COI, consultado o 6 de novembro de 2010
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Oiseaux.net, consultado o 22 de outubro de 2010
- ↑ Paris, Paul (1921). Faune de France (pdf) (en francés) 2. Paris: Paul Lechevalier. p. 270-271.
- ↑ 13,0 13,1 (en francés) Beaman, M.; Madge, S. (1999). Guide encyclopédique des oiseaux du Paléarctique occidental. Paris: Nathan.
- ↑ Cramp & Simmons 1977, p. 641-642
- ↑ Géroudet 1999, p. 281
- ↑ Pennycuick, C.J. (1989). Bird flight performance: a practical calculation manual (en inglés). New York: Oxford University Press.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 Félix, Jiří (1986). Oiseaux des Pays d'Europe. La Nature à livre ouvert (en francés) (17 ed.). Paris: Gründ. p. 104. ISBN 2-700-01504-5.
- ↑ Ferdinand, Lorenz; Bloch, Dorete. Bird Voices in the North Atlantic (en inglés). Føroya Skúlabókagrunnur. p. 31-32. ISBN 978-9991805153.
- ↑ Sangster, George (2009). "Acoustic Differences between the Scoters Melanitta nigra nigra and M. n. americana". The Wilson Journal of Ornithology (en inglés) 121 (4): 696–702. doi:10.1676/04-088.1.
- ↑ T. Fransson, T. Kolehmainen, C. Kroon, L. Jansson et T. Wenninger. "European longevity records". European Union for Bird Ringing. Consultado o 6 de decembro de 2010.
- ↑ 21,0 21,1 C. Aulert, « Les stationnements de macreuses (Melanitta) sur le littoral augeron. Biogéographie et environnement », thèse universitaire, Caen, 1997, páxina 575. (en francés)
- ↑ Cramp & Simmons 1977, p. 638
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 Cramp & Simmons 1977, p. 635
- ↑ Cramp & Simmons 1977, p. 634-650
- ↑ Cramp & Simmons 1977, p. 635-637
- ↑ UICN, consultado o 22 de outubre de 2010
- ↑ Campbell, Bruce (1977). Birds of coast and sea: Britain and Northern Europe (en inglés). Oxford University Press. ISBN 0-19-217661-7.
- ↑ 28,0 28,1 Ogilvie, Malcolm Alexander (2002). Wildfowl of the world (en inglés). New Holland Publishers. p. 154. ISBN 978-1-84330-328-2. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2016. Consultado o 12 de outubro de 2019.
- ↑ Pacella, Gérard (2008). La chasse au gibier d'eau (en francés). Éditions Artémis. p. 37. ISBN 978-2-84416-714-9.
- ↑ "La macreuse noire - Biodiversité en Poitou-Charentes" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2011. Consultado o 28 de outubro de 2010.
- ↑ "Common Scoter". avianweb.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2013. Consultado o 28 de outobro de 2010.
- ↑ BirdLife International. "Black Scoter Melanitta nigra" (en inglés). Consultado o 28 de outubro de 2010.[Ligazón morta]
- ↑ "La macreuse noire". chassepassion.net (en francés). Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2010. Consultado o 28 de outubro de 2010.
- ↑ 34,0 34,1 "Programme d’études sur les macreuses". 13 de abril de 2012.
- ↑ Société de gens de Lettres (1764). Dictionnaire domestique portatif (en francés). chez Vincent. p. 6.
- ↑ Eriksen, Hanne; Eriksen, Jens (1996). Collect Birds on Stamps (en inglés). Londres: Stanley Gibbons Limited. p. 276. ISBN 978-0852595329.
- ↑ V. Schricke (993). "La baie du Mont Saint-Michel, première zone de mue en France pour la Macreuse noire (Melanitta nigra)". Alauda 61 (1): 35–38.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mourelo eurasiático |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Mourelo eurasiático |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beaman, Mark; Madge, Steve (1999). Guide encyclopédique des oiseaux du Paléarctique occidental (en francés). París: Nathan. ISBN 978-2-0928-4267-6.
- Cramp, Stanley; Simmons, K. E. L. (1977). The Birds of the Western Palearctic (en inglés). Oxford, London, New York: Oxford University Press.
- G��roudet, Paul (1999). Les Palmipèdes d'Europe (en francés). Lausanne, Paris: Delachaux et Niestlé. ISBN 9782603011447.
- del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi (1992). Handbook of the Birds of the World. Volume 1 Ostrich to Ducks (en inglés). Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-8733-410-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Videos e fotos de mourelo común no sitio da IBC (Internet Bird Collection) (en inglés)
- Fotografías de mourelo común no sitio do Animal Pictures ArchiveArquivado 05 de maio de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)