Saltar ao contido

Marmitako

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marmitako de atún

O marmitako ou marmitaco (no País Vasco) e sorropotún, marmita ou marmite (en Cantabria) é un prato baseado no atún ou no bonito do norte, cuxa orixe parece estar nos arrantzales (pescadores) vascos e cántabros. Trátase dun guiso de atún con patacas, cebola, pemento e tomate. Sérvese quente nunha cazola de barro.

Marmitako en vasco literalmente quere dicir "da marmita" (a marmita é unha pota de metal con tapa) e débese a que antigamente era un dos poucos aveños de cociña que levaban a bordo. O seu nome castelán (marmita) ou francés (marmite) dan nome ao prato no oriente de Cantabria, coñecéndose como sorropotún no occidente.

Na actualidade é un prato moi apreciado, en parte pola difusión que ten a cociña vasca en xeral, en parte porque é unha das formas máis coñecida de preparar o atún, que ao ser peixe azul, valórase moito nas recentes tendencias nutricionais. É un dos pratos estrela dos concursos gastronómicos de calquera festa vasca e cántabra, en especial das localidades costeiras. Como con outros pratos típicos, cada localidade, ata cada cociñeiro, reclama para si a auténtica receita do guiso aínda que admite multitude de variantes pero mantendo sempre os ingredientes principais.