Luis Recasens Siches
Luis Recasens Siches, nado en Guatemala o 19 de xuño de 1903 e finado en Cidade de México o 4 de xullo de 1977, foi un filósofo do dereito e político hispano-guatemalteco.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como outros pensadores da súa xeración, partiu do neokantismo, de cuxas figuras (Giorgio del Vecchio en Roma, Rudolf Stammler en Berlín, Hans Kelsen en Viena) foi discípulo, como tamén dos seus críticos: Rudolf Smend, H. Heller, así como dos fenomenólogos F. Schreier e F. Kaufmann. En Madrid, Ortega y Gasset alimentou coa súa «razón vital» a superación do neokantismo. Con este bagaxe, Recasens intentou ir máis alá do formalismo, mediante a fenomenoloxía dos valores de Max Scheler e Nicolai Hartmann. Todo iso abordado desde o punto de vista da súa formación filosófica, reflectido na súa tese de doutoramento La filosofía del Derecho de Francisco Suárez (editada en Barcelona en 1927 e en México en 1947).
En 1927 comezou a súa docencia na Universidade de Santiago de Compostela, proseguida despois nas de Salamanca (1930), Valladolid (1930-1932) e Madrid (1932-1936). Desta etapa son as súas obras: Direcciones contemporáneas del pensamiento jurídico (Barcelona 1929), Los temas de la filosofía del Derecho (Barcelona 1934) e Estudios de filosofía del Derecho (Barcelona 1936, 3 ed. México 1946), así como a introdución en España de G. del Vecchio, H. Kelsen, G. Radbruch.
Foi elixido deputado pola provincia de Lugo nas Eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 como Republicano Progresista e nas eleccións xerais de 1933 como Republicano Conservador. Foi tamén Subsecretario de Industria e Director Xeral de Administración Local. Ao inicio da Guerra civil exiliouse en México, onde en 1937 foi profesor da Universidade Nacional Autónoma. Desta época, e depurando anteriores directrices, son: Vida humana, sociedad y derecho, (México 1939, 3 ed. 1952); Tratado general de sociología, (México 1956, 6 ed. 1964). A partir do Tratado general de filosofía del Derecho (México 1959, 3 ed. 1965), perfílase a súa axioloxía xurídica.
Teoría do dereito
[editar | editar a fonte]Para Recasens o Dereito positivo, como regulación da conduta humana, elixe entre varias posibilidades da mesma, conforme a criterios de valor que non poden obterse da experiencia. Toda axioloxía supón uns fundamentos a priori, sen excluír a presenza no Dereito de elementos empíricos. Nesta vía media entre o formal e o empírico sitúase a súa lóxica do razoable, como mediación entre teoría (os principios do ordenamento xurídico) e praxe: a súa aplicación á vida humana. O logos do razoable contén e supera a razón histórica de Wilhelm Dilthey, a vital de Ortega y Gasset, a razón da experiencia práctica de John Dewey. Tal lóxica foi desenvolvida en Nueva filosofía de la interpretación del Derecho (México, 1956), e empalma coa moderna tópica xurídica. Sobre esta publicou unha Introducción filosófica al Derecho (México, 1970). Desde esta postura comprensiva e englobante, dialoga coas correntes modernas da filosofía xurídica (Panorama del pensamiento jurídico en el siglo XX, México, 1963), reclamando un retorno á praxe, punto de partida do Dereito natural clásico.
Obras
[editar | editar a fonte]- Direcciones contemporáneas del pensamiento jurídico, 1929.
- Los temas de la filosofía del Derecho, 1934.
- Estudios de filosofía del Derecho, 1936.
- Vida humana, sociedad y derecho, 1939.
- Tratado general de sociología, 1956.
- Nueva filosofia de la interpretación del Derecho, 1956.
- Tratado general de filosofía del Derecho, 1959.
- Introducción filosófica al Derecho, 1970.