Loxo, Touro
Loxo | |
---|---|
Igrexa de Santa María de Loxo. | |
Concello | Touro[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 42°51′30″N 8°20′26″O / 42.85825596, -8.34053806 |
Área | 13,35 km² |
Poboación | 368 hab. (2022) |
Densidade | 27,57 hab./km² |
Entidades de poboación | 18[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María de Loxo é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Touro na comarca de Arzúa. Segundo o IGE en 2022 tiña 368 habitantes (192 mulleres e 176 homes) distribuídos en 18 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 526 habitantes.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Dentro da súa orografía destaca o monte do Coto (392 m). Posúe un río, o Pucheiras, que é subafluente do Ulla. No territorio de Loxo encóntrase parte dunha antiga explotación mineira dedicada a extracción de cobre, actualmente ocupadas por unha empresa dedicada a construción de obras.
Comunícase a través da estrada AC-240 que vertebra todo o municipio de Touro. Hai servizos de autobuses diarios entre Loxo e Santiago de Compostela.
Economía
[editar | editar a fonte]Loxo pasou de ser unha parroquia eminentemente agrícola e gandeira a converterse no lugar de residencia dependente economicamente dos sectores secundarios e terciarios de Santiago de Compostela principalmente.
Demografía
[editar | editar a fonte]Gráfica de evolución demográfica de Santa María de Loxo entre 1999 e 2022 |
Datos segundo o nomenclátor publicado polo IGE. |
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Esta parroquia conta cun patrimonio extenso e variado.
Patrimonio arqueolóxico
[editar | editar a fonte]- Castro de San Sebastián.[2] O recinto fortificado deste castro da Idade do Ferro, que figura no Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta[3], atópase a unha altitude de 394 metros e está rodeado de fortes pendentes no alto do monte do Coto de San Sebastián, (latitude: 42.8631627946, lonxitude: -8.35193753242). Recibe o nome porque no seu extremo norte aínda se poden ver os restos de muros da capela que tiña a advocación deste santo. Ten forma ovalada e unhas medidas de 150 metros no eixo N-S e 60 no L-W. O espazo do castro está definido por un parapeto de terra e cachote que o circunda e unha terraza a modo de antecastro pola zona norte. Dende este lugar hai vistas panorámicas da contorna, que permitirían un gran dominio visual sobre o territorio. Ao oeste e despois do pequeno canón que fai a canle do Rego das Pucheiras vese un recinto murado que cingue unha superficie ao norte dunha plataforma situada no outeiro da Cubela do Couto de San Sebastián que poderían ter relación con este castro, configurando ambos os asentamentos un lugar de control sobre o río e as vías de comunicación desta zona.[3][4]
- Castro da Copa. Castro actualmente desaparecido. Na correspondente ficha de Inventario de xacementos do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia consta a seguinte información: "alteracións sufridas polas gabias da mina. O castro sitúase ao pé da mina. No sector S aparecen restos de parapeto con interior de pedra".[5]
- Castro de Loxo
- Asentamento no Coto de San Sebastián. Outeiro que presenta un muro de terra e pedra que delimita o cumio do mesmo. Podería tratarse dun castro, aínda que a súa configuración recorda a do monte de San Marcos en Ames. Anteriormente estivo a localización da ermida de San Sebastián, que na actualidade atópase ao pé deste monte. O recinto que delimita o muro é de 150 m. de norte a sur e de 80 m. de leste a oeste.[6]
- Asentamento romano do Castrillón. O recinto componse dunha superficie aterrazada de forma elíptica duns 50 metros no eixo oeste–leste e 20 metros no norte-sur, situada a 278 m de altitude. Está rodeado por un pequeno parapeto, máis apreciable na zona norte e moi esmorecido na parte sur desta plataforma que encara ao río. Dende este lugar unha nova defensa ou muralla de terra e pedra cerca unha parte do monte que está na banda norte. Este outro recinto ten unhas medidas de 130 metros de norte a sur e uns 50 de ancho, de leste ao oeste. Polo leste limita cos grandes cantís das pendentes de pedra que conforma o canón da canle de Rego das Pucheiras. Ten visión do monte do Castro de San Sebastián que se levanta ao leste a 500 m en liña recta, pero con 115 metros máis de altitude. O lugar está inzado de maleza e só se pode apreciar a pedra do parapeto, tamén gran cantidade de barro, na zona de entrada do extremo norte e debido a que está a ser usada por algúns animais do monte para facer as súas tobas. No mapa de fortificacións romanas na zona noroeste da península, do traballo La presencia del ejército romano en las montañas de El Bierzo (León): novedades arqueológicas vén sinalada co número 35.[7][8]
- Túmulos do Cotiño.[9] Necrópole con oito mámoas.[10][11][12]
Arquitectura relixiosa
[editar | editar a fonte]- Igrexa parroquial de Santa María de Loxo. Edificación de planta rectangular, con porta de medio punto con molduras e unha ventá na tribuna, tamén de medio punto. O corpo de campás é unha torre adxacente á fachada. Destaca o campanario moldurado, con vans de medio punto moi peraltados e templete octogonal tamén peraltado, con oito vans de medio punto e cupulín.[13] Esta igrexa pertencía antes o convento dos Dominicos de Santiago.[14][15]
- Capela de San Sebastián. Capela de planta rectangular de muros recebados e pintados de branco e con cuberta a dúas augas con tella do país. Na fachada porta de alintelado recto e unha ventá cadrada no centro. Remata de espadana con dous ocos para albergar os campanís e adornada con pináculos piramidais acabados en bóla. No cume leva unha cruz de forxa. A capela con esta advocación estaba antes situada no cume do monte de San Sebastián, no interior do recinto fortificado dun castro que leva ese mesmo nome.[16]
- Cruceiro.[17][18] Realizado en granito. Cruz de sección cuadrangular cos brazos con chafráns e remates florenzados, ten as imaxes de Cristo crucificado no anverso e a Virxe en actitude de orar no reverso, con dous anxos tocando o laúde; capitel de forma cilíndrica con astrágalo circular e liso, ábaco de lados curvos e vértices achafranados, volutas e caras; fuste de sección octogonal que comeza cadrado e cunha imaxe; pedestal cúbico rematado con chafráns que se apoia sobre unha plataforma cuadrangular de tres chanzos.[19] A plataforma é de apreciable altura, elaborada con pedras irregulares e miúdas mesturadas con terra que, ademais, salva o pronunciado desnivel do terreo. Os actuais chanzos probablemente non son os orixinais.[20]
- Fálase en antigas escrituras do século XII dun mosteiro chamado Argentario que podería ter estado no que hoxe é a aldea de Arinteiro.[15]
Arquitectura civil e popular
[editar | editar a fonte]- Muíños de Arinteiro, da Goleta, de Santa Clara, do Foxo, de Rilo e das Goritas.
- Fontes de Arinteiro, de Tribás, Goritas e de Peixón.
- Lavadoiros de Arinteiro, de Tribás, Goritas e Vilaperre.[9]
Recursos naturais
[editar | editar a fonte]- Fervenza dos Trillos e Fonte Natural de San Isidro.
- Carballeira da Goleta.
- Sobreira centenaria (no cemiterio da igrexa parroquial).[9]
Referencias literarias
[editar | editar a fonte]Na obra do escritor Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego, a irmá do protagonista, Celia, serve para uns señores en Loxo.
“Hai moitos meses que meu irmán Miguel marchou para América. Inda me lembro de cando se despediu de nós. Miña nai, a tía Carme e a madriña choraban. Meu pai estaba serio coma un pote. Nin bágoas nin risadas: os homes son homes. O padriño non quixo ir. A Celia, que está servindo en Loxo, mandámoslle recado pero non a deixaron vir os señores.(Extracto do libro).[21]
Festividades
[editar | editar a fonte]A festa do Coto de San Sebastián (O Coto), honra a San Sebastián e a Santa Lucía (o sábado e domingo da primeira fin de semana de xullo respectivamente). O primeiro domingo de xullo é coñecido como “Coto Grande” e o segundo domingo como “Coto Pequeno”. A festa ten lugar nos arredores da Capela de San Sebastián, antigamente situada no alto do monte do Coto. As festas do Coto teñen a súa orixe nunha romaría de campo.
Na parroquia celébranse tamén as festas de Santa María 15 de agosto, San Roque 16 de agosto e Virxe do Carme 17 de agosto.[15]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Adro da Igrexa parroquial
-
Sobreira centenaria de Loxo
-
Camposanto de Loxo florido pola celebración do día de Tódo-los Santos
-
Agricultura en Loxo
-
Cabalo en Loxo
-
Vacas en Loxo
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Loxo
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Loxo no concello de Touro (A Coruña) | |
---|---|
Arinteiro | Os Bravos | A Capela | As Casas Novas | O Cotiño | A Eirexe | A Goleta | As Goritas | Loureda | Louredela | Loxo | Outeiro | Peixón | Os Torreis de Abaixo | Os Torreis de Arriba | Tribás | Vilanova | Vilaperre |
Parroquias de Touro
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
- ↑ "Castros da Comarca de Arzúa". Wikipedia. Consultado o 29/06/2023.
- ↑ 3,0 3,1 "PXOM de Touro do ano 2010" (PDF). p. Páxina nº6. Consultado o 20/09/2015.
- ↑ Castro de San Sebastián na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ "Patrimonio Concello de Touro" (PDF). Consultado o 29/06/2023.
- ↑ Coto de San Sebastián na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ Vidal Encinas, Julio Manuel; Costa García, José Manuel; González Álvarez, David; Menéndez Blanco, Andrés (2018). "La presencia del ejército romano en las montañas de El Bierzo (León):". Novedades Arqueológicas (en Castelán).
- ↑ A Cubela do Couto de San Sebastián na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 "Loxo". www.concellodetouro.com. Consultado o 2023-06-30.
- ↑ http://siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/TOURO/documents/27322CA001.PDF
- ↑ Reconstruyendo la historia de la Comarca del Ulla-Deza (Galicia, España) Escenarios arqueológicos del pasado. CSIC. Laboratorio de Arqueología del Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 2009
- ↑ Moure, Xabier. "Mámoas e antas de Galiza (provincia da Coruña)". O noso patrimonio. Consultado o 2023-06-30.
- ↑ "Igrexa Parroquial de Santa María de Loxo". Turgalicia. Consultado o 28/0672023.
- ↑ Madoz, Pascual (1847). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán). p. 398.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 "Parroquia de Santa María de Loxo". Concello de Touro. Consultado o 28/06/2023.
- ↑ Capela de San Sebastián na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ Martín Ruíz, Luis (1999). Cruceiros na provincia da Coruña IV. p. 2393.
- ↑ "Cruceiros en Touro". cruceirosdegalicia.xyz. Consultado o 2023-06-30.
- ↑ Axencia Galega de Turismo (2018-12-21). "Cruceiro de Loxo". Turgalicia. Consultado o 2023-06-30.
- ↑ Laredo Verdejo. Boreal, José M. (1993). Os nosos cruceiros I. Xustanza Editorial. pp. 120–121.
- ↑ Alexandre (2018-11-02). "Balbino... somos todos". AC Alexandre Bóveda. Consultado o 2023-07-01.