Saltar ao contido

Lorenzo Varela

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaLorenzo Varela

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinalXesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez
Biografía
Nacemento10 de agosto de 1916 Editar o valor en Wikidata
A Habana, Cuba Editar o valor en Wikidata
Morte25 de novembro de 1978 Editar o valor en Wikidata (62 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaFufín Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, poeta Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoPoesía, crítica literaria
Familia
CónxuxeMarika Gerstein Editar o valor en Wikidata
Premios

BNE: XX1064552 BUSC: varela-lorenzo-1916-1978 Musicbrainz: 13b80548-fbd7-4d23-b379-a02528c1a76b Editar o valor en Wikidata

Xesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez, nado na Habana (Cuba) o 10 de agosto de 1916 e finado en Madrid o 25 de novembro de 1978, foi un combatente republicano, escritor e poeta galego que viviu a meirande parte da súa vida no exilio. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 2005.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Naceu no barco La Navarre cando seus pais estaban entrando no porto da capital cubana. Os seus pais, José Ramón Varela García e Perpetua Vázquez Ojea, volveron logo ao seu Monterroso natal e alí transcorreron os primeiros anos da infancia de Xesús Lorenzo.[2] Mais en 1920 volveron todos a emigrar, desta volta a Buenos Aires, onde cursou os estudos primarios e talvez un primeiro curso de bacharelato. A familia instalouse de novo en Lugo en 1931, onde o alcumaban "o arxentino" polo seu acento porteño. En Lugo estudou o bacharelato e nun acto do Partido Galeguista en 1932 coñeceu a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Suárez Picallo.[3] Participou na fundación da Federación de Mocedades Galeguistas, compartindo militancia con Francisco Fernández del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Ricardo Carballo Calero e Ramón Piñeiro,[3] e afiliouse a un grupo trostkista, Izquierda Comunista. Iniciou unha relación sentimental con Julita Álvarez e amizades permanentes con Ánxel Fole e Ramón Piñeiro.

En 1934 marchou a Madrid para estudar Filosofía e Letras. Alí entrou en contacto co grupo PAN (Poetas Andantes Navegantes), dirixido por Xosé Otero Espasandín, en cuxa revista publicou os seus primeiros textos, recensións de obras de Álvaro Cunqueiro e Tomás Meabe. Incorpórase ás Misións Pedagóxicas, asiste ós faladoiros que presiden os irmáns Eduardo e Rafael Dieste e coñece a Federico García Lorca, Luis Cernuda, Pablo Neruda e Miguel Hernández. Traballa como crítico literario no prestixioso xornal El Sol.

Guerra civil

[editar | editar a fonte]
Programa do II Congreso internacional de escritores para la defensa de la cultura.

Após o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, integrouse no Quinto Rexemento de Milicias Populares, e colaborou activamente na Alianza de Intelectuales Antifascistas en labores de axitación e propaganda. Publicou os primeiros poemas na revista El Mono Azul, que axudou a fundar, e escribiu crónicas de guerra no xornal Ahora e na revista Hora de España. En 1937, tres dos seus poemas apareceron na escolla Poetas en la España leal, xunto a Antonio Machado, Luis Cernuda, Rafael Alberti ou León Felipe. No mesmo ano participou no II Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura, en Valencia, onde estiveron presentes, entre outros, Pablo Neruda, Nicolás Guillén, César Vallejo, Raúl González Tuñón, Octavio Paz e André Malraux. Participou nas batallas de Madrid, Guadalaxara, Brunete, Teruel e o Ebro e afiliouse ao Partido Comunista. Decidiu ficar en Madrid para defendelo cando xa o goberno republicano marchara para Valencia, con responsabilidades de mando frecuentemente ligadas ás Brigadas Internacionais; na batalla do Ebro foi comisario político da 46 división do Quinto Corpo do Exército de Enrique Líster.

Trala Guerra civil española exíliase a Francia, a onde pasa en febreiro de 1939. Alí intérnano no campo de concentración de Saint Cyprien, se ben consegue saír grazas á presión de intelectuais franceses. O 23 de maio de 1939 embarca no Sinaia, en compañía doutros 1589 republicanos españois, cara México, onde botará tres anos. Octavio Paz (a quen xa coñecía) búscalles un posto a el e a Antonio Sánchez Barbudo (quen o acollera) na revista Taller que dirixía. Nela publica tres poemas agrupados baixo o rubro de El héroe, unha tradución de Charles Baudelaire e varias recensións de libros, entre elas un ensaio sobre a poesía de Rafael Alberti. Funda a revista Romance, na que colaboran os exiliados españois. En setembro de 1940 a editora, Ediapsa, expulsa aos redactores logo dun conflito con eles.

A mediados de 1941 embárcase cara a Buenos Aires, logo dunha breve estadía en Cuba. Alí espérano o seu pai, Rafael Dieste, Xosé Otero Espasandín, Arturo Cuadrado e Luís Seoane. Este último propón a publicación do seu primeiro poemario, Torres de amor á editorial Emecé e como lla negan vaise con Cuadrado e funda a Editorial Nova. Torres de amor publícase o 5 de decembro de 1942 con limiar de Rafael Dieste e ilustracións de Luis Seoane. Na capital arxentina recuperou a actividade política e exerceu como crítico de arte e tradutor do portugués.[3]

Lorenzo Varela, que frecuentaba o faladoiro do café Tortoni, funda e dirixe a revista De Mar a Mar (só sete números). Nela publica Duelo en tres cantos por la muerte de Miguel Hernández. Da nova revista, Correo Literario publícanse 40 números entre novembro de 1943 e setembro de 1945 e nela aparecen varios poemas, ensaios, notas críticas e reportaxes seus. Nesta revista comezan a publicar Julio Cortázar e Ernesto Sabato.

As primeiras producións de Lorenzo Varela en galego son Catro poemas pra catro grabados, no álbum María Pita e tres retratos medievais de Luís Seoane en 1944; os poemas foron musicados polo compositor Julián Bautista, que estreou en Ámsterdam. Antes escribira o poema "Éramos tres irmáns", que aparece no ano seguinte.

Cando en 1946 Juan Domingo Perón gaña as eleccións, Lorenzo Varela, que militaba no Partido Comunista Argentino e que daquela dirixía a revista Cabalgata, foxe ao Uruguai coa escritora Estela Canto, antiga noiva e musa de Jorge Luis Borges. Os Estados Unidos de América prohíbenlle a entrada pola súa militancia comunista e en 1952 volta á Arxentina, pero sen Estela, coa que rachara. En Buenos Aires frecuenta o faladoiro de Marika Gerstein, unha culta anticuaria de orixe xudía, con quen casaría en 1960.

Sepultura de Lorenzo Varela en Fufín.

En 1954 publica o poemario Lonxe, no que cada un dos dez poemas leva unha ilustración de Luís Seoane. En 1960, cando traballaba como crítico de arte do xornal La Razón, conseguiu un permiso de seis meses para visitar España, pero a visita foi moi curta e só se sabe que Valentín Paz-Andrade lle ofreceu traballo na revista Industrias Pesqueras, que visitou o Museo do Prado e probabelmente Monterroso. Continuou na Arxentina contribuíndo en numerosas publicacións e na radio e adquirindo un prestixio intelectual que era ignorado en Galiza.

Mal ou ben, xa sabemos todos que somos un pobo de reis e de escravos, unha nación con idioma civilizador e ao mesmo tempo un país cuxa lingua está sendo somerxida desde hai séculos —como a súa propia riqueza potencial en todas as ordes— pola dominación dos de fóra e pola complicidade dos de dentro.

— Discurso pronunciado o 25/7/1967.[4]

Lorenzo Varela volveu do exilio en 1976, un home desfeito: non publicou nin reeditou nada. Morreu en Madrid o 25 de novembro de 1978 e foi soterrado nunha tumba anónima no cemiterio da Almudena. Tres anos despois, os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Fufín, en Monterroso.

Multimedia externa
Imaxes
Fsgallegas.org.ar[5]
Cultura.gal
Vídeos
Galicia letra a letra RAG
  • 1940. Elegías españolas. México.
  • 1942. Torres de amor. Buenos Aires. Editorial Nova.[6]
  • 1944. Catro poemas galegos pra catro grabados (incluído nun álbum de Luís Seoane). Buenos Aires. Resol.
  • 1954. Lonxe. Buenos Aires. Botella al Mar.[7]
  • 1963. Homenaje a Picasso. Buenos Aires.
Edicións póstumas

Tamén traduciu ao castelán textos dos franceses Charles Baudelaire, Benjamin Constant e Gérard de Nerval e o brasileiro Jorge Amado.[9]

  1. "Xesús Lorenzo Varela homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2005" Consello da Cultura Galega, 26/8/2004.
  2. "Vida e obra" Real Academia Galega.
  3. 3,0 3,1 3,2 Varela Vázquez, Xesús Lorenzo na páxina da AS-PG.
  4. Orixinal en castelán en: Axeitos, X. L. (2001). Lorenzo Varela: Ensayos, conferencias y otros escritos.  [1]
  5. Fotógrafo: Horacio Coppola.
  6. 6,0 6,1 Con prólogo de Rafael Dieste e ilustracións de Luís Seoane.
  7. Con limiar de Arturo Cuadrado.
  8. Inclúe textos de: Luís Seoane, Domingo García-Sabell, Aurora de Albornoz, Isaac Díaz Pardo, Lidia Besouchet, Rafael Dieste, Manuel Luieiro Rey, Ánxel Fole, Antonio Sánchez Barbudo, Xosé Antonio Ponte Far, Ramón Piñeiro, Fernando Salgado García, Xosé Luís Méndez Ferrín e Francisco Ayala.
  9. II.- Ensayos, conferencias y otros escritos (2001). Ediciós do Castro.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Xosé Carlos Gómez Alfaro: "A Lorenzo Varela no día das Letras Galegas de 2005"
Alonso Montero: "Lorenzo Varela na Antología de la Poesía Española fuera de España…"
Carmen Blanco García: "María Balteira, muller leda sen lei: a loanza oculta no poema de Lorenzo Varela"
G. Ferreiro Fente: "Lonxe, Dolmen e Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasiñados"
Xosé Anxo García López: "Notas arredor de dúas pezas musicais inspiradas na poesía de…"
X. R. López: "A Tradición conquistada: presenzas de Charles Baudelaire na poética de…"
Daniel Salgado: "Premáticas y desahogos: palabra contra o derrubamento"
"Lorenzo Varela: algúns inéditos"
Xosé Luís Axeitos: "Lonxe, de Lorenzo Varela: un poemario para sentirse próximo"
Xosé Neira Vilas: "Lorenzo Varela: home de América"
Alonso Montero: "Lectura minimamento política dun poema de Lorenzo Varela…"
Gregorio Ferreiro Fente. "Homenaxe a Lorenzo Varela"
Xosé Neira Vilas. "Evocación de Lorenzo Varela"
Xosé Luís Axeitos. "Os regresos imposibles de Lorenzo Varela"
Inés Canosa Pérez-Fragero, Isaac Díaz Pardo. "Lembranzas de Lorenzo Varela"
M. Suárez, U. Pimentel. "O permanente exilio de Xesús Lorenzo Varela Vázquez"
Pablo Quintá García. "Lorenzo Varela no contexto da poesía galega"
Claudio Rodríguez Fer. "Escritos de guerra de Lorenzo Varela"
C. Blanco. "María Pita e Manuela Sánchez: dúas mulleres fortes na poesía galega de…"

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]