Ilia Repin
Ilia Efimovich Repin, (ruso: Илья́ Ефи́мович Ре́пин), nado en Chuguiev (Ucraína, Imperio Ruso), o 24 de xullo de 1844 e finado en Kuokkala (Finlandia, actualmente Repino, no distrito de Kurortny de San Petersburgo), o 29 de setembro de 1930, foi un destacado pintor e escultor ruso[1] do movemento artístico dos Itinerantes. As súas obras, enmarcadas no realismo, conteñen a miúdo unha gran profundidade psicolóxica e exhiben as tensións da orde social existente. A finais dos anos vinte comezaron a publicarse na Unión Soviética detallados traballos sobre a súa obra e ao redor de dez anos despois foi posto como exemplo para ser imitado polos artistas do realismo socialista.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]O seu pai, Efim, era un militar e tamén un colono que se dedicaba ao cultivo da terra. Aos 13 anos, Repin entrou de aprendiz no taller dun artista local dedicado ás iconas chamado Ivan Bunakov. Igualmente comezou a estudar a técnica do retrato. En 1866 trasladouse a San Petersburgo e ingresou na Academia Imperial das Artes.
Coa súa primeira obra mestra, A resurrección da filla de Xairo, gañou a medalla de ouro dun concurso da Academia, e con ela unha bolsa para estudar en Francia e Italia. Así é como Repin viviu en París, onde recibiu a influencia dos impresionistas, o que influíu decisivamente na súa forma de usar a luz e a cor. Con todo, o seu estilo continuou a ser máis afín ao dos mestres da vella escola, especialmente Rembrandt, e nunca chegou a converterse nun impresionista. Ao longo da súa carreira retratou xente común, tanto ucraína como rusa, aínda que nos seus últimos anos tamén representou nas súas obras membros da elite do Imperio Ruso, a intelligentsia, a aristocracia e o propio tsar Nicolao II.
Os Itinerantes
[editar | editar a fonte]En 1878 Repin uniuse á Sociedade de Exposicións Artísticas Itinerantes, xeralmente coñecida como os "Itinerantes" (Peredvizhniki),[2] que na época na que Repin chegou á, por entón, capital rusa se rebelaron contra o formalismo da Academia. A fama chegoulle a Repin coa súa pintura Os sirgadores do Volga, unha obra que denunciaba dun modo impactante o duro fado desas persoas. Dende 1882 viviu en San Petersburgo, realizando frecuentes visitas á súa terra natal ucraína e ocasionais viaxes ao estranxeiro.
Temas históricos e contemporáneos
[editar | editar a fonte]Pouco antes do asasinato do tsar Alexandre II en 1881, Repin empezou a pintar unha serie de cadros relacionados co movemento revolucionario ruso: Negativa a confesarse, Arresto dun propagandista, O encontro dos revolucionarios e Non o esperaban, sendo esta última a súa obra mestra sobre este tema. Nela represéntase a sorpresa dunha familia ante a volta ao fogar dun dos seus membros, exiliado político.
A súa obra Procesión de Pascua na provincia de Kursk é con frecuencia considerada un arquetipo do estilo nacional ruso, mostrando diversas clases sociais e as tensións entre elas, dentro do contexto da práctica dunha tradición relixiosa e unidas nun avance lento pero continuo.
En 1885 Repin rematou unha das súas pinturas de maior intensidade psicolóxica: Iván o Terrible e o seu fillo. Este óleo mostra un arrepiado Iván que abraza o seu fillo agonizante, a quen acaba de golpear e ferir mortalmente nun acceso de furia. A mirada de espanto de Iván contrasta profundamente coa serena expresión do seu fillo.
Unha das pinturas máis complexas de Repin, Cosacos zaporogos escribindo unha carta ao Sultán (Mehmed IV) ocupou o artista durante moitos anos e, en gran medida, foi froito dunha concienzuda investigación levada a cabo conxuntamente co historiador Dmytro Yavornitski, que incluíu numerosas viaxes á rexión que habitaban os cosacos de Zaporozhia. Repin concibiu esta obra como un estudo en clave de humor, pero tamén pensaba que recollía o ideal de liberdade, igualdade e fraternidade, é dicir, o republicanismo dos cosacos ucraínos. Comezou este cadro en 1880 e non o completou ata 1891. Ironicamente foi adquirido de forma inmediata polo tsar, quen pagou por el a cantidade desorbitada de trinta e cinco mil rublos. Outra versión deste cadro realizada entre os anos 1889 e 1896 consérvase no Museo de Belas Artes de Khárkiv. Ademais, Repin pintou dous esbozos ao óleo para este cadro: un atópase na Galería Tretiakov e o outro, no Museo Nacional de Arte de Belarús, en Minsk.
Na súa madurez, Repin retratou moitos dos seus máis ilustres compatriotas, incluíndo o novelista Lev Tolstoi, o científico Dmitri Mendeleiev, o xurista e político Konstantin Pobedonostsev, o filántropo e mecenas Pavel Tretiakov, os compositores Modest Musorgskii, Aleksandr Borodin, Aleksandr Glazunov, Mikhail Glinka e Anton Rubinstein e o poeta e pintor ucraíno Taras Schevchenko.
En 1900, o goberno ruso encargoulle a súa maior obra: un óleo de 400 por 877 centímetros que representa unha sesión solemne do Consello de Estado do Imperio Ruso.
Vida posterior
[editar | editar a fonte]O propio Repin deseñou a súa casa, situada a uns corenta quilómetros ao noroeste de San Petersburgo, no istmo de Carelia. A leira "Os Penates" debe o seu nome aos ídolos romanos protectores da familia e do fogar. Trala Revolución de Outubro (1917), a zona foi incorporada a Finlandia. Diversas institucións soviéticas convidárono a regresar á súa terra natal, pero el rexeitou os ofrecementos argumentando que era moi ancián. Durante esta época, Repin dedicou moito tempo a pintar temas relixiosos, aínda que en xeral o tratamento que fixo dos mesmos non foi tradicional, senón innovador.
Coa excepción do retrato do primeiro ministro do goberno provisional, Aleksandr Kerenskii, Repin non pintou nada relevante en relación coas revolucións de 1917 ou o goberno soviético que as seguiu. O seu último cadro, un festivo e exuberante óleo chamado Gopak dedicado á danza popular ucraína jopak.
Faleceu en 1930, nos Penates e os seus restos están enterrados no xardín da casa.[3] O terreo está incluído no Patrimonio da Humanidade San Petersburgo e conxuntos monumentais anexos e en 1940 a residencia abriu ao público como casa-museo.
Legado
[editar | editar a fonte]Repin foi o primeiro artista ruso que acadou fama en Europa empregando especificamente temas rusos.[4] A súa pintura de 1873 Os sirgadores do Volga, radicalmente diferente das pinturas rusas anteriores, converteuno no líder do novo movemento de realismo crítico na arte rusa.[5] Escolleu a natureza e o carácter por riba do formalismo académico. O éxito desta obra foi enorme e recibiu eloxios de contemporáneos como Vladimir Stasov e Fiódor Dostoievski. As súas pinturas amosas o seu sentimento de responsabilidade persoal para a dura vida da xente común e o destino de Rusia.[6]
A Academia Imperial das Artes de San Petersburgo, na que Repin estudou, cambiou de nome trala Revolución de Outubro e en 1947 foi trasladada a Moscova. Dende entón, o edificio alberga o Instituto Académico de San Petersburgo de Pintura, Escultura e Arquitectura Ilia Repin.
A Rapsodia Oriental op. 29 de Aleksandr Glazunov (1889) está dedicada a Ilia Repin.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ilya Repin. Encyclopædia Britannica
- ↑ Sternine & Kirillina 2011, p. 27.
- ↑ "Шукач | Мемориальный музей - усадьба И.Е.Репина в Чугуеве". www.shukach.com. Consultado o 3 de xaneiro de 2017.
- ↑ Chilvers 2004, p. 588.
- ↑ Bolton 2010, p. 114.
- ↑ Sternine & Kirillina 2011, p. 21.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ilia Repin |
A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bolton, Roy (2010). Views of Russia & Russian Works on Paper. Sphinx Books. ISBN 978-1-907200-05-2.
- Chilvers, Ian (2004). The Oxford Dictionary of Art. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-860476-1.
- Leek, Peter (2005). Russian Painting. Parkstone Press. ISBN 978-1-85995-939-8.
- Fan Parker e Stephen Jan Parker, Russia on Canvas: Ilya Repin (University Park-London: Pennsylvania State UP, 1980)
- Sternine, Grigori; Kirillina, Elena (2011). Ilya Repin. Parkstone Press. ISBN 978-1-78042-733-1.
- Grigory Sternin and others, Ilya Repin: Painting Graphic Arts (Leningrado: Aurora, 1985)
- Elizabeth Kridl Valkenier, Ilya Repin and the World of Russian Art (Nova York: Columbia UP, 1990)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ilia Repin. Arquivado 09 de outubro de 2018 en Wayback Machine. Fotos Arquivado 09 de outubro de 2018 en Wayback Machine. e Biografía Arquivado 12 de outubro de 2018 en Wayback Machine.
- Obras de Ilia Repin