IBM
International Business Machines | |
---|---|
Tipo | Multinacional (NYSE: IBM) |
Fundación | 1889 |
Localización | Armonk, Nova York, EUA |
Persoas clave | Sam Palmisano |
Industria | Informática |
Produtos | Hardware, Software, Consultoría, Outros |
Beneficio | 73.600 millóns de dólares (2020)[1] |
Número de empregados | 345.900 (2020)[2] |
Na rede | |
https://www.ibm.com/, https://www.ibm.com/uk-en, https://www.ibm.com/us-en/ e https://www.ibm.com/de-de/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
International Business Machines Corporation, máis coñecida como IBM é unha compañía informática estadounidense, con sede en Armonk (Nova York). A compañía fabrica e vende ordenadores, software, e servizos.
Está presente en 170 países e conta con 345.000 empregados e activos valorados en máis de cen mil millóns de dólares (2005). É a maior compañía de tecnoloxía da información no mundo e unha das poucas con actividade dende o século XIX. As súas actividades abranguen todas as ramas da informática e da tecnoloxía da información: investigación, tecnoloxía, software e finanzas. Lidera a investigación en diversas áreas como na nanotecnoloxía e en ordenadores maiframe.
Arvind Krishna ostenta o cargo de CEO dende abril de 2020.
No ano 2002 adquiriu a sección de consultoría da firma de servizos PricewaterhouseCoopers, dirixindo os seus negocios a consultoría para empresas, servizos e software, mantendo especial relevancia tamén a tecnoloxías de hardware e chips de gama alta. A rama de investigación, IBM Research, conta con oitenta laboratorios no hemisferio norte, a metade deles fora dos Estados Unidos. Entre os seus empregados pódense contar cinco premios Nobel. Posúe tamén máis de 25.000 patentes no seu país de orixe, sendo este unha das principais fontes de ingresos da compañía.
Historia
[editar | editar a fonte]IBM creouse o 15 de xullo de 1911 en Binghamton (Estados Unidos) fusionando tres empresas: Tabulating Machine Corporation, Computing Scale Corporation e International Time Recording Company. Á empresa chamouselle Computing Tabulating Recording Corporation (CTR), mais o 14 de febreiro de 1924 CTR cambiou o seu nome a International Business Machines Corporation,(IBM).
As empresas orixinarias de CTR fabricaban unha ampla gama de produtos, dende sistemas para control de traballadores até equipos automatizados para o corte de carne. Fabricaba ademais equipos para a xestión de tarxetas perforadas, que máis adiante serían chaves no desenvolvemento dos ordenadores. Co tempo CTR traballaría só neses equipos e deixaría de producir o resto de produtos.
Durante a segunda guerra mundial a subsidiara alemá Dehomag, subministrou ao réxime nazi perforadoras de tarxetas e equipos relacionados. IBM ten procesos abertos por estes feito, aínda que a empresa afirma que non tiña control sobre a súa filial.
Tamén durante a segunda guerra mundial comezou a investigar no eido da informática. En 1944 rematou a construción do Automatic Sequence Controlled Calculator -Calculadora Controlada de Secuencia Automática-, tamén coñecida como Mark I. O Mark I foi a primeira máquina capaz de executar cálculos complexos automaticamente, e estaba baseada en interruptores electromecánicos.
En 1952 IBM creou o IBM 701, o primeiro grande ordenador baseado en válvulas de baleiro, tecnoloxía que substituíu os interruptores electromecánicos. En 1959 os transistores comezaron a empregarse no canto das válvulas de baleiro. Un dos primeiros ordenadores de IBM baseados en transistores foi o IBM 7090. Até entón os ordenadores empregábanse en centros de investigación e institucións públicas. A mellora acadada coas válvulas e os transistores fixo que algunhas grandes empresas comenzaran tamén a empregalos.
O primeiro sistema de almacenamento informático baseado en disco, o RAMAC, e a linguaxe de programación FORTRAN foron creados por esta empresa en 1957. O RAMAC é o predecesor dos discos duros actuais, e estaba formado internamente por cincuenta discos.
A comezos dos anos 60, IBM empezou a dedicarse soamente ao campo da informática, deixando a fabricación de equipos para traballar con tarxetas perforadas e de máquinas de escribir, que comezara a fabricar a mediados dos anos 30.
O 7 de abril de 1964 IBM lanzou o System/360, a primeira arquitectura de ordenadores que permitía intercambiar os programas e periféricos entre os distintos compoñentes da arquitectura.
O éxito de IBM a mediados dos anos 60 fixo que a empresa fora investigada por monopolio. Nun xuízo iniciado en 1969 acusóuselle de tentar monopolizar o mercado de dispositivos electrónicos de propósito xeral, concretamente o mercado de ordenadores empresariais. O xuízo finalizou en 1983 e fixo modificar as prácticas empresariais da compañía.
Durante a década dos 70 IBM creou novos dispositivos informáticos. En 1971 inventou o disco flexible e pouco despois comezou a comercializar os predecesores dos actuais lectores de códigos de barras e caixeiros automáticos.
No ano 1981 IBM creou o IBM PC, o ordenador persoal de máis éxito de todos os tempos. Este éxito non era esperado por IBM, que creou o PC mercando compoñentes de gama baixa a outros fabricantes, algo que non fixera até ese momento. Ademais o sistema operativo do IBM PC non foi creado por IBM, senón que o mercou a Microsoft.
Debido a que non estaba creado dende as orixes por IBM, non tardaron en aparece ordenadores compatibles co IBM PC pero fabricadas por outras empresas, e Microsoft comezou a crecer ao vender licenzas do sistema operativo a estes fabricantes.
O 19 de xaneiro de 1993 IBM anunciou unhas perdas de case oito mil millóns de dólares, o que foi a maior perda sufrida por unha empresa de toda a historia dos Estados Unidos. Parte desas perdas debéronse a que o IBM PC absorbeu gran parte do mercado de ordenadores máis potentes e que o fabricantes de versións compatibles tiñan unha cota de mercado cada vez maior. IBM iniciou entón unha transformación a unha empresa de servizos, reducindo a súa dependencia económica da venda de hardware. No ano 2003, a metade dos ingresos da compañía proceden da rama de servizos, mentres que a venda de equipos supón aproximadamente o trinta por cento.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: IBM |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina Oficial da Compañía
- IBM España
- Ibm Technology Arquivado 25 de novembro de 2005 en Wayback Machine.
- Ibm NET
- ↑ "IBM Reports 2020 Fourth-Quarter and Full-Year Results". IBM.com (en inglés). February 19, 2021.
- ↑ "2020 IBM Annual Report" (PDF) (en inglés). IBM.com.