Historia do Cairo
Non debe considerarse casualidade que O Cairo apareza ao carón dun dos conxuntos urbanos e monumentais máis memorables de tódalas épocas: as ruínas de Menfis, a primeira capital dun Exipto unificado dende o 3150 a.C., e que foi ao longo dos séculos e as primeiras dinastías a necrópole de faraóns e altos dignitarios, unha longa franxa de terra entre o Nilo e o deserto, dende as aforas de Menfis ata culminar en Giza coas tres grandes pirámides. Saqqara, Meidun, Dashur, Abusir son nomes que xalonan a ruta funeraria e a historia do comezo dunha civilización.
E non é casual que O Cairo se asente alí, inda que na outra beira, a oriental, do gran río, porque o lugar foi sempre o punto xeoestratéxico de control da rexión, do país, do imperio unificado: o ápice no que o val que serpea dende un remoto sur se abre nun dos deltas máis feraces da terra. Dous mundos, o Alto e o Baixo Exipto, que alí se atopan e que na súa xuntanza, adquiriron unha forza nunca vista.
Kheraha
[editar | editar a fonte]Inda cinguíndose á área estrita da cidade, o peso dos séculos sae ao encontro: pouco despois da fundación de Menfis polo primeiro faraón Menes, aparece un lugar de culto solar, Heliópole (On), no que hoxe son os barrios máis ao nordeste da actual metrópole. Pero inda máis, de camiño ao lugar de culto dende Menfis, onde o vao do río e máis fácil pola existencia da illa de Roda, parece constar a existencia en torno ao 3000 a.C., mesmo anterior a Heliópole, dunha poboación chamada Kheraha que se asentaría no que hoxe é o Vello Cairo.
Kheraha significa "lugar da batalla" e aparece referido nos antigos Textos das Pirámides coma o mítico campo da loita fundacional entre Horus e Seth. O que é seguro é que no ano 730 a.C. o rey nubio Piye, que viña de conquistar Menfis, pasa por Kheraha no seu camiño a Heliópole para a acción de grazas. Dous séculos despois, os persas que conquistan brevemente Exipto, constrúen unha fortaleza naquel lugar que os romanos, moitos anos despois, no 116, reconstruirán máis preto do río, e a poboación que se asentara xunto a ela, maioritariamente refuxiados cristiáns coptos, chámanlle Babilonia. Este nome podería vir dos primitivos prisioneiros que o faraón Sesostris I (1950 a.C) trouxo da súa campaña na lendaria cidade homónima a beira do Éufrates, e que poderían terse asentado en Kheraha. Pero tamén é posible a etimoloxía do exipcio antigo per-hapi-n-On ou casa do Nilo de On (illa de Roda); ou polo árabe bab-ila-On, porta de On.
Babilonia do Nilo
[editar | editar a fonte]Sexa como fose, Babilonia e a súa fortaleza constitúe, como cidade bizantina trala partición do Imperio Romano, o antecedente coñecido da actual cidade. Floreceu comercialmente coma porto, pois os romanos tamén reconstruíron o antigo Canal dos Faraóns (Khalig islámico) que comunicaba o Nilo co Mar Vermello. Pero sobre todo foi un dos primeiros centros da nova relixión, o cristianismo, que co paso dos séculos quedou illado coma unha rareza separada da corrente principal romana. Así, aproveitando as torres e baluartes da fortaleza de Babilonia, consérvanse as vellas igrexas coptas[1].
Fustat
[editar | editar a fonte]Cando chegaron os árabes no 640, ao principio da súa expansión, a resistencia que atoparon nunha debilitada comunidade foi mínima: estableceron o campo do asedio ao norte de Babilonia durante seis meses e ése foi o lugar e o nome da nova capital da provincia omeia de Exipto, al-Fustat, o campamento de tendas, trocando as tendas por casas de ladrillo. A nova cidade xiraba arredor da mesquita Amr (no lugar da tenda do xeneral Amr Ibn al-As), a primeira de Exipto. O crecemento da nova cidade foi acelerado coa achega dunha poboación cosmopolita (mentres Babilonia permanecía coa poboación nativa): dez mil soldados árabes e iemenís, xudeus, gregos ... O comercio florecía ao carón do porto e a mesquita Amr ampliouse moitas veces ata decuplicar a súa superficie orixinal. A expansión tivo lugar cara ao leste e o sur dunha maneira orgánica e labiríntica, típica do urbanismo islámico[2].
No 750 o califato abásida substitúe no poder ao omeia e o prefecto provincial traslada a súa residencia e a guarnición militar cara ao norte, unha ampliación da cidade chamada al-Askar. En 868, o prefecto Ahmad ibn Tulun autoproclamouse emir independente, facendo unha nova ampliación da cidade ao norte, al-Qatai (300 Ha) aos pés do outeiro da futura Cidadela, coma lugar da súa residencia e da nova mesquita Ibn Tulun, fito importante na historia da arquitectura islámica e na cidade[3]. Por sorte foi o único que se salvou da destrución cando os abásidas retomaron brevemente o poder en 905.
A preferencia, que se seguirá observando nos séculos sucesivos, polo crecemento cara ao norte ten o seu motivo na busca de terreos máis altos a salvo das crecidas do Nilo e mellor ventilados polos dominantes ventos setentrionais.
A Triunfante
[editar | editar a fonte]Así, cando o califato Fatimita do Magreb conquistou Exipto en 969 por medio do seu xeneral Jawhar, foi no norte de tódalas anteriores fundacións onde levantaron a súa, al-Mansuriyya, a vitoriosa, segundo o modelo da homónima en Tunicia. No 973, cando chegou o califa e a fixo a súa capital, trocou o nome polo de al-Qahira, a triunfante, ata hoxe[4]. Trátase dun recinto amurado de 136 Ha, flanqueado ao oeste polo Khalig, o antigo canal, cun eixo central norte-sur (Qasaba, hoxe al-Muizz) onde se sitúa o gran Pazo Oriental do califa (9 Ha) e o pequeno Pazo Occidental (4,5 Ha) da súa filla, separados por un espazo a modo de praza chamado Bayn al-Qarayn. A grande obra do comezo será a mesquita Al-Azhar, cabeza da confesión chiíta (fronte aos sunnitas e cristiáns de Fustat) e primeira universidade islámica. A cidade dobre queda establecida dende o comezo: al-Qahira será o centro do poder e das elites, mentres Fustat continúa a ser o motor económico e comercial e pronto superou (300 Ha, máis de 100.000h) a Alexandría, que estaba a esmorecer.
Tamén al-Qahira pronto crece superando os límites do primeiro muro de ladrillo (mesquita Al-Hakim polo norte entre 990-1013; zona de xardíns polo oeste; novos barrios na vía de unión con Fustat ao sur). Isto levou á erección (1087-1092) dun novo recinto amurallado máis amplo (160 Ha) en soberbia cantería, con portas que subsisten hoxe (Bab al-Futuh e Bab al-Nars ao norte xunto a Al-Hakim; Bab Zuwayla ao sur).
Saladino e Mamelucos
[editar | editar a fonte]Fustat foi sacrificada na loita que se estableceu entre cruzados e seléucidas en Exipto: foi incendiada en 1168 e perdeu poboación para salvagardar a puxante al-Qahira. O resultado foi a toma do poder de Saladino, quen estableceu a dinastía aiúbida. Decidiu levantar unha Cidadela no sueste de al-Qahira (1176-1218) nos contrafortes dos outeiros Muqattam, e un gran cinto murario de 20 km que comprendese os dous antigos centros.
O Cairo de Saladino era unha capital ambiciosa defendida dende a impoñente guarnición á maneira siria. O obxectivo era a extensión da cidade polo oeste ata o Nilo, superando con varias pontes o Khalig , que quedaría coma arteria central da futura cidade, e polo sur a sutura dos espazos abandonados de Askar e Qatai ata Fustat, que pasou a se chamar Vello Cairo[5]. Foi coa dinastía mameluca cando se desenvolveron estas liñas mestras. O cénit tivo lugar na primeira metade do século XIV. Despois veu a peste negra (1348) e un lento declive e retracción ata a toma do poder polos otománs. O Cairo fatimita foi transformado de cidade palaciana en comercial: a zona dos pazos e o Bayn al-Qasrayn foi ocupada por un gran Hospital (1284), con mausoleo e madrasa, e en 1380 convertida no gran zoco Khan al-Khalili (refeito en 1511). A avenida principal norte sur (al-Muizz), embelecida con novas mesquitas, pasou a se converter nun animado e denso eixo comercial.
A cidade expandiuse polo norte arredor da mesquita de Baibars (1269), co barrio popular de Hasayniyya. No oeste cavouse unha nova canle, o Khalig al-Naziri (1325), e entre as dúas canles apareceron 600 Ha de nova cidade con mansións, xardíns e paseos. Máis ao oeste, xunto ao Nilo, construíronse os primeiros peiraos dun novo porto, o de Bulaq (1260-1277).
A Cidadela pasou a ser o gran recinto palaciano dos sultáns e representativo da cidade para o que se construíron novos edificios, grandes salas de recepcións e mesquitas. Aos seus pés, un novo centro urbano foi configurándose: mercado, mausoleo e madrasa do sultán Hasán (1356-9), antigo hipódromo de ibn Tulún reconfigurado coma campo de xogos, xardín e praza. A ruta entre a cidade fatimita e a Cidadela converteuse nun novo eixo comercial e residencial, continuación da al-Muizz de al-Qahira.
Cairo otomán
[editar | editar a fonte]En 1517 O Cairo pasou a se converter en simple capital provincial do Imperio Otomán. Os seus paxás seguiron co desenvolvemento establecido nos séculos anteriores, primando as grandes construcións (mesquitas, madrasas, mausoleos) sobre o deseño urbano propiamente dito. A cidade acentuou o seu carácter comercial e a edificación destacable colmatou as antigas directrices do sur e oeste. Especialmente cara ao Nilo, arredor do estanque Ezbekiya confórmase unha área residencial das elites con profusión de xardíns. Este vai ser O Cairo que coñecerá Napoleón na súa conquista e estadía de 1798-1801.
Séculos XIX e XX
[editar | editar a fonte]O autoproclamado paxá Mohamed Alí e os seus descendentes, especialmente o seu neto Ismail (1863-79), fan do Cairo un sedutor simulacro de capital europea, a París do Nilo. Xustapoñen ao carón da cidade islámica unha nova, delineada por bulevares á maneira de Haussmann na capital francesa. Unha grande arteria diagonal ata a Cidadela a uniría con aquela; o estanque Ezbekiya reconvértese en magníficos xardíns e constrúese a primeira ponte entre as dúas beiras do Nilo.
Co protectorado británico, a partir de 1883, toda esa nova cidade converteuse nun enclave colonial, o barrio europeo do Cairo, centro da cidade ata hoxe. Xa no século vinte, no período de entreguerras, O Cairo coñece outro período de expansión. Vén da man da construción de tres novas pontes sobre o gran río (o control das súas crecidas posibilita o ordenamento das beiras) que axudan ao salto urbano, primeiro as illas de Gezira e Roda e despois á beira occidental en Giza: así o zoolóxico e a universidade, no antigo parque dun pazo de Ismail. Na outra beira, a Cidade Xardín vén completar a súa París do Nilo. A zona portuaria de Bulaq acolle cara ao norte toda a incipiente industria cairota e o grande afluxo de nova poboación traballadora (de 374.000h en 1882 a 1 312 000 en 1937).
Coa independencia en 1957, O Cairo convértese na capital da República Árabe de Exipto. O crecemento exponencial de poboación agravou os problemas urbanos. Dáse unha variante endémica cairota de chabolismo: os grandes cemiterios ao norte e sur da Cidadela, coñecidos coma Cidade dos Mortos (cunhas infraestruturas relativamente mellores que nos superpoboados vellos barrios), van sendo ocupados progresivamente por miles e xa millóns de ocupantes, que atopan alí as condicións mínimas de habitación. Tentando paliar a situación tense construído nas últimas décadas unha coroa de cidades satélites.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia do Cairo |