Hertha Sponer
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de setembro de 1895 Nysa, Polonia (pt) |
Morte | 27 de febreiro de 1968 (72 anos) Ilten, Alemaña (en) |
Residencia | Alemaña |
Educación | Universidade de Gotinga - Doutora en filosofía (–1920) Universidade de Tubinga |
Director de tese | Peter Debye |
Actividade | |
Campo de traballo | Física |
Ocupación | física, química |
Empregador | Universidade Duke (1936–1966) Universidade de Oslo, Professor visitante (pt) (1934–) Universidade de California, Berkeley |
Profesores | Peter Debye |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | James Franck (1946–) |
Irmáns | Margot Sponer |
Premios | |
Hertha Sponer, nada en Neisse (Reino de Prusia) o 1 de setembro de 1895 e finada o 27 de febreiro de 1968, foi unha física, química, investigadora e profesora universitaria alemá que realizou importantes contribucións á Mecánica cuántica e á Física molecular. Foi unha das primeiras mulleres en obter un doutoramento en Física en Alemaña e a primeira muller profesora na facultade de Física da Universidade de Duke.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sponer pasou un ano na Universidade de Tübingen e despois matriculouse na Universidade de Göttingen, onde obtivo un doutoramento en investigación en 1920, baixo a supervisión de Peter Debye.[2] Ao terminar os seus estudos traballou como asistente de James Franck no Kaiser Wilhelm Institut. Foi unha das primeiras mulleres en obter un doutoramento en Física en Alemaña en 1921 e ao mesmo tempo obtivo o privilexio de impartir clases nunha universidade alemá. Recibiu unha bolsa da Fundación Rockefeller en 1925, para realizar unha estancia na Universidade de California en Berkeley, onde permaneceu un ano. Durante o seu tempo en Berkeley colaborou con Raymond Thayer Birge, desenvolvendo o que agora se coñece como o método Birge-Sponer para determinar as enerxías de disociación.
Sponer publicara ao redor de vinte artigos científicos e ademais traballaba como profesora asociada de Física a principios da década de 1930.[2] Cando Hitler chegou ao poder, James Franck renunciou á Universidade de Göttingen en abril de 1933, en protesta polo despedimento de varios colegas, e Sponer foi despedida ao ano seguinte, debido ao prexuízo dos nacionalsocialistas contra as mulleres académicas.[3][4]Trasladouse a Oslo en 1934, para ensinar na Universidade de Oslo como profesora visitante, e comezou a traballar na Universidade de Duke en 1936, converténdose na primeira muller en impartir clases na facultade de Física.[2] Permaneceu como profesora até 1966, cando foi nomeada profesora emérita, cargo que ocupou até a súa morte en 1968.[5]
Durante a súa carreira académica realizou investigacións sobre Mecánica cuántica, Física e Química. Foi autora de numerosos estudos publicados, moitos deles en colaboración con físicos recoñecidos, entre eles Edward Teller. Fixo moitas contribucións á ciencia, incluída a aplicación da Mecánica cuántica na Física molecular e traballou nos espectros da absorción ultravioleta próxima. Estableceu un laboratorio de espectroscopia no departamento de Física da Universidade Duke, que máis adiante tivo o seu propio edificio.[5]
Vida Persoal
[editar | editar a fonte]Sponer casou con James Franck en 1946, aínda que debido ás súas respectivas actividades tiveron que vivir en distintas cidades.[5] A súa irmá Margot Sponer foi unha das pioneiras dos estudos galegos no mundo.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Hertha Sponer, física". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-09-01. Consultado o 2020-12-29.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Hertha Sponer (1895- 1968)". Duke University (en inglés). Consultado o 17 de febrero de 2018.
- ↑ Lemmerich, Jost (2011). Science and Conscience: The life of James Franck. Translated by Ann M. Hentschel. Stanford, California: Stanford University Press. pp. 188-194. ISBN 978-0-8047-7909-8.
- ↑ "CWP at physics.UCLA.edu // Hertha Sponer Franck". cwp.library.ucla.edu. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2004. Consultado o 2020-12-30.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Anders, Udo (2002). "Hertha Sponer". Early Ideas in the History of Quantum Chemistry (en alemán). Quantum-chemistry.com. Consultado o 17 de febrero de 2018.
- ↑ "Quen foi Margot Sponer - Actualidade-Novas - Real Academia Galega". academia.gal. Consultado o 2020-12-29.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hertha Sponer |