Saltar ao contido

Helena Blavatsky

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaHelena Blavatsky

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(ru) Елена Петровна Ган Editar o valor en Wikidata
31 de xullo de 1831 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata
Dnipro (Imperio Ruso) Editar o valor en Wikidata
Morte26 de abril de 1891 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata (59 anos)
Londres, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Causa da mortegripe Editar o valor en Wikidata
RelixiónTeosofía Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfilósofa, ocultista, editora literaria, xornalista, escritora, theosophist (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro de
Compañeiro profesionalAnnie Wood Besant (pt) Traducir
Mabel Collins (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
PaisPyotr Alekseyevich Gan Editar o valor en Wikidata  e Elena Andreyevna Fadeyeva Editar o valor en Wikidata
IrmánsVera Zhelikhovsky Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteAppletons' Cyclopædia of American Biography
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Russian Biographical Dictionary (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
BNE: XX854413 WikiTree: Hahn-1016 Find a Grave: 6516340 Editar o valor en Wikidata

Helena Blavatsky, tamén coñecida como Madame Blavatsky, de solteira Helena von Hahn e de casada Helena Petrovna Blavatsky, en ruso Елена Петровна Блаватская, nada en Ekaterinoslav o 12 de agosto de 1831 e finada en Londres o 8 de maio de 1891, foi unha escritora, ocultista e teósofa rusa. Foi tamén unha das fundadoras da Sociedade Teosófica e contribuíu á difusión da teosofía moderna. Os seus libros máis importantes son Isis Unveiled e The Secret Doctrine, escritos en 1875 e 1888. Foi acusada de fraudes e enganos deliberados ao longo da súa vida.[1] Os seus escritos inclúen afirmacións que foron interpretadas en clave racista e antisemita, e que foron reinterpretados por algúns ocultistas nazis.[2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixe, matrimonio e viaxes

[editar | editar a fonte]
Helena Blavatsky contra 1850

Blavatsky era filla de Peter von Hahn, coronel de orixe alemá establecido en Rusia e de Helena de Fadeyev, filla dunha familia da nobreza rusa, que traballou como novelista. Por parte materna, era neta da princesa Helena Dolgorukov, botánica e escritora. Despois da prematura morte da súa nai, Helena creceu baixo os coidados das súas avoas en Saratov, onde o seu avó servía como gobernador. Helena amosou talento como pianista e segundo testemuños dalgúns contemporáneos, estaba dotada de certos poderes psíquicos ou sobrenaturais. Axiña se mostrou interesada no esoterismo, lendo algunhas obras da biblioteca persoal do seu bisavó, que fora iniciado na masonaría a finais do século XVIII.

En 1848, aos dezasete anos, Helena casou con Nikifor Vasilievich Blavatsky, vicegobernador da provincia de Ereván, en Armenia, que tiña corenta anos. Helena aceptou casar para poder gañar independencia, aínda que segundo ela nunca consumou a súa unión. Tras tres meses de infeliz matrimonio, ela tomou un cabalo e escapou da casa cruzando as montañas, marchando á casa do seu avó en Tbilisi.

Segundo conta ela mesma, iniciou unha serie de viaxes por diversos países, como Exipto, Turquía e Grecia, entre outros. Nalgunhas destas viaxes estivo acompañada por Albert Rawson, explorador naturalista estadounidense, tamén interesado no esoterismo, e que era membro da masonaría. Tamén conta que con vinte anos, en 1851, estaba co seu pai en Londres e que alí tivo o seu primeiro encontro co que foi o seu mestre, que ela recoñeceu por soños e visións que tivo durante a súa infancia. Este mestre foi un iniciado oriental Rajput, Mahatma M. (ou mestre Morya), como é coñecido entre os teósofos. O mesmo ano, embarcou para o Canadá e máis adiante viaxou por varias partes dos Estados Unidos, México, Suramérica e a India. A súa primeira tentativa para entrar no Tíbet fracasou, volvendo entón a Inglaterra, pasando de camiño por Xava.

En 1855 volveu á India e tivo sorte no seu intento de entrar no Tíbet a través de Caxemira e Ladakh. No Tíbet pasou por un período de adestramento baixo a dirección do seu mestre. En 1858 foi a Francia e Alemaña e volveu a Rusia o mesmo ano, pasando un curto período coa súa irmá Vera en Pskov. De 1860 ata 1865 viaxou e viviu no Cáucaso, pasando por experiencias e crises de tipo sobrenatural. Iso posibilitou, segundo ela, poder adquirir un completo dominio das súas enerxías psíquicas. Partiu de novo de Rusia en 1865 e viaxou extensamente polos Balcáns, Grecia, Exipto, Siria e Italia, entre outros lugares.

En 1868 volveu á India a través do Tíbet. Nesta viaxe, Blavatsky di que atopou o mestre K.H. (ou mestre Kuthumi), hospedándose na súa residencia. Ao final de 1870 volveu a Chipre e Grecia. Tomou máis tarde un barco cara a Exipto no porto de Perea, en Grecia.

A nave onde embarcara camiño de Exipto naufragou preto da illa de Spetsai o 4 de xullo de 1871. Tras salvarse, dirixiuse ao Cairo e fundou a Sociedade Espírita, onde se propuxo inicialmente fomentar os fenómenos espiritistas e mediúmnicos, descritos por Allan Kardec pouco antes, coa fin de introducir as ensinanzas do ocultismo e demostrar a natureza maiávica (é dicir, ilusoria dende unha perspectiva teosófica) de devanditas prácticas. Nas cartas escritas aos seus familiares, Blavatsky estaba decepcionada cos participantes do grupo, xa que algúns simulaban seren médiums, mentres que outros eran ególatras contumaces. O grupo non durou moito tempo nin acadou os obxectivos iniciais.

Logo de varias viaxes a través de Oriente Medio, volveu por un curto período a Odesa, en Ucraína, en xullo de 1872. Segundo Blavatsky, na primavera de 1873, o seu mestre deulle instrucións de proseguir cara a París e máis adiante a Nova York.

Fundación da Sociedade Teosófica e publicacións

[editar | editar a fonte]
Sede da Sociedade Teosófica en París

En outubro de 1874 Blavatsky coñeceu o coronel Henry Olcott, así como a William Quan Judge, un mozo avogado irlandés en Nova York. A fundación da Sociedade Teosófica produciuse o 7 de setembro de 1875, coa participación de dezaseis teósofos, Helena Blavatsky, Henry Steel Olcott, William Quan Judge, Charles Sotheram, Dr. Charles E. Simmons, W.L. Alden, G.H. Felt, J. Hyslop, D.E. de Lara. C.C. Massey, E.D. Monachesi, Henry J. Newton, H.M. Stevens, Jonh Storer Cobb, Dr. Britten e a súa esposa, os seus nomes constan nas actas que elaborou Judge actuando como secretario.

En setembro de 1875, Blavatsky publicou a súa primeira grande obra, Isis Unveiled, un libro que trata da historia e do desenvolevemento das ciencias ocultas, a natureza e a orixe da maxia, as raíces do cristianismo e, segundo a perspectiva da autora, os fallos da teoloxía cristiá e os erros establecidos nese tempo pola ciencia oficial. Nese mesmo ano, Blavatsky adoptou a nacionalidade estadounidense. En 1878, Blavatsky e Henry Olcott trasladaron a sede da Sociedade Teosófica á cidade de Adyar, na India. Coñeceron entón a Alfred Percy Sinnett, o editor do xornal oficial go Goberno da India, The Pioneer de Allahabad. Este contacto foi moi importante para Blavatsky e a Sociedade Teosófica.

En outubro de 1879 iniciouse a publicación do primeiro número da revista de teosofía, que foi chamada The Theosophist, sendo Blavatsky a editora responsable. A Sociedade Teosófica creceu rapidamente, tendo como membros persoas de grande importancia.

En 1880 Blavatsky e Olcott pasaran algún tempo en Ceilán, estadía que xerou e aumentou o interese polo sistema ético do budismo esotérico do mahāyāna. En setembro dese ano, Blavatsky e Olcott visitaron a Sinnett e a súa esposa en Simla, India.

O serio interese de Sinnett nas ensinanzas e o traballo da Sociedade Teosófica plasmouse nunha correspondencia entre Sinnett e Mahatma K.H. Como froito desta correspondencia, Sinnett escribiu The Occult World (1881) e Esoteric Buddhism (1883). Ambos os libros exerceron grande influencia e lograron aumentar o interese pola teosofía en xeral e pola Sociedade Teosófica en particular. As respostas e as comunicacións enviadas polos Mahatmas a Sinnett están contidas nunha correspondencia que durou de 1880 ata 1885 e foron publicadas en 1923 como The Mahatma Letters to A.P. Sinnett. As cartas orixinais dos Mahatmas consérvanse no Museo Británico de Londres e poden ser vistas cun permiso especial do departamento de manuscritos raros do museo.

En maio de 1882 Blavatsky e Olcott adquiriron unha gran propiedade en Madrás, na India, no barrio de Adyar, establecendo oficialmente alí a sede internacional da sociedade.

Ataques persoais contra Blavatsky e a súa vindicación

[editar | editar a fonte]
Helena Blavatsky e o coronel Olcott en 1888

Alexis e Emma Coulomb, dous membros do grupo de traballo de Adyar, acusaron a Blavatsky de fraude. Esta volveu a Adyar o 21 de decembro de 1884 para investigar mellor a situación. Desexaba procesar os Coulomb, confabulados cos editores dunha publicación en Madrás, o Christian College Magazine, mais a burocracia da Sociedade Teosófica dilatou o caso. Moi decepcionada, dimitiu do cargo de secretaria correspondente en Adyar e marchou a Europa en 1885 para non regresar á India.

A Sociedade para a Investigación Psíquica en Londres (London Society for Psychical Research) creou un comité especial para investigar a Madame Blavatsky. En decembro de 1884, Richard Hodgson, un mozo membro do comité de devandita sociedade chegou á India para investigar e preparar o informe sobre as acusacións dos Coulomb. Baseado no informe Hodgson, o comité, nun informe de 1885, "acusa a Madame Blavatsky como unha das impostoras máis grandes da historia". Hodgson tamén acusou a Blavatsky de ser unha espía rusa. Este informe foi empregado durante anos como base para atacar a Madame Blavatsky e para intentar probar a inexistencia dos Mestres ou Mahatmas.

En 1963, Adlai Waterman (pseudónimo de Walter Carrithers, Jr.) na súa obra Obituary: Hodgson Report on Madame Blavatsky, 1885-1960, analizou e rexeitou as acusacións de Hodgson. Outra refutación aparece na publicación de Vernon Harrison titulada "J'accuse: An Examination of the Hodgson Report of 1885".[3]

Este ataque afectou gravemente a saúde de Blavatsky. En Würzburg, (Alemaña), comezou a escribir The Secret Doctrine, que foi a súa principal obra. En maio de 1887, aceptando a invitación de teósofos de Inglaterra, trasladouse a Londres.

Regreso a Londres

[editar | editar a fonte]
Un momento de tranquilidade de Blavatsky, dedicada aos seus escritos e lecturas.

Cando Blavatsky chegou a Londres, as actividades dos teósofos intensificáranse e establecéranse segundo as ensinanzas da súa fundadora. En Inglaterra naceu a revista Lucifer (do latín lucifer, "portador de la luz", aplicado ao planeta Venus).

En Inglaterra, dende as acusacións de fraude levantadas na India, Blavatsky foi repetidamente desafiuzada polos médicos. Segundo o seu propio testemuño, Helena recibiu un día a visita dun dos seus instrutores tibetanos, que lle deron, segundo ela, a opción seguinte: "ou morrer liberándose (do corpo enfermo) ou continuar viva rematando The Secret Doctrine". Recuperouse e continuou escribindo a súa obra, que finalizou e publicou en 1888, simultaneamente en Londres e Nova York. Os seus axudantes na transcrición e a edición dos manuscritos foran Bertram Keightley e Archibald Keightley.

The Secret Doctrine é o libro máis importante de Blavatsky. O primeiro volume dedícase á cosmoxénese e estuda, basicamente, a composición e a evolución do universo. O esqueleto deste volume está formado por sete estrofas traducidas do libro de Dyzian cos comentarios e as explicacións feitas por Blavatsky. Neste volume están tamén explicados os símbolos básicos contidos nas grandes relixións e mitoloxías do mundo. O segundo volume contén outra serie de estrofas do libro de Dzyan, que describen a evolución humana (antropoxénese). As últimas palabras escritas por Blavatsky neste libro foron: "Esta obra dedícase a todos os teósofos verdadeiros".

Tamén en 1888 Madame Blavatsky fundou a sección esotérica da Sociedade Teosófica, dedicada ao estudo máis profundo da filosofía esotérica, e escribiu para os estudantes desa escola tres traballos.

En 1889 Blavatsky publicou o libro The Key to Theosophy, unha exposición de ética, filosofía e ciencia en forma de preguntas e respostas que mostran as razóns polas que se fundou a Sociedade Teosófica, e cales eran as súas ensinanzas básicas. Tamén publicou The Voice of the Silence, un libro poético que pertence ao The Book of the Golden Precepts,[4] que memorizara mentres estaba vivindo nun mosteiro lamaísta tibetano e que foi traducido á lingua portuguesa polo escritor, poeta e estudoso do esoterismo Fernando Pessoa.[5]

Traballo, dedicación e controversias

[editar | editar a fonte]
Annie Wood Besant (1847-1933), correctora de estilo de Blavatsky, opúxose ás ensinanzas orixinais e ás instrucións dos Mahatmas tras chegar a converterse en líder da Sociedade Teosófica.

Segundo os testemuños da época, Blavatsky traballou incesantemente nos seus proxectos, coa súa saúde gravemente resentida. O volume do seu traballo pode considerarse na obra The Secret Doctrine. Nesta inclúe 2000 citas, con indicacións exactas de páxinas e de autores, relacionando os libros que non puidera ler, polo menos directamente. Outro exemplo do seu traballo e dedicación extensos é o libro Isis Unveiled, con máis de 1300 páxinas.

Segundo o crítico británico William Emmett Coleman, para escribir Isis Unveiled, Blavatsky tería que necesitar estudar 1400 libros, o cal sería imposible xa que viaxou constantemente cunha pequena cantidade de libros na súa biblioteca persoal. Por outra banda, se Blavatsky lese todos os libros (moitos dispoñibles so nalgúns museos ou bibliotecas distantes) dos que cita fragmentos literais in extenso durante os seus libros, tería que empregar varias vidas.

Madame Blavatsky explicou que escribiu tanto Isis Unveiled como The Secret Doctrine coa axuda dos Mahatmas e que algunhas veces lle transferiron as súas conciencias ao seu corpo físico, nun proceso chamado tulku. Blavatsky afirmaba que tal proceso no era mediúmnico, porque os mahatmas non eran espíritos de mortos, senón seres humanos verdadeiros en corpos físicos. Segundo ela, algunhas descricións e citas fóranlle mostradas por eles a través da luz astral; outras veces, mentres durmía. Segundo a súa versión, páxinas enteiras foron precipitadas na súa propia letra, ou as cartas dos mestres materializábanse no papel. Estas afirmacións contribuíron fortemente ao feito de que Blavatsky fose tomada como impostora.

Por outra parte, os seus críticos acúsana de racismo, particularmente cando Blavatsky menciona algúns grupos étnicos como os aborixes australianos como pertencentes a unha raza inferior, posto que os identifica como "un cruzamento atlanto-lemuriano". Con respecto aos semitas, particularmente os árabes, dixo que eran "espiritualmente dexenerados". Isto é talvez un erro de interpretación e de tradución dende a lingua inglesa.

Sucesión e testamento

[editar | editar a fonte]

Helena Blavatsky faleceu en Londres en 1891. O seu corpo foi incinerado e un terzo das súas cinzas quedaron en Europa, un terzo nos Estados Unidos, levadas por William Quan Judge e o terzo restante quedou na sede internacional da Sociedade Teosófica, depositadas dentro dunha estatua feita na súa memoria. Despois da morte Blavatsky e de Henry Steel Olcott, a dirección da Sociedade Teosófica foi entregada á súa secretaria Annie Besant, quen xa lograra coas súas audacias crear un importante cisma que produciu a partida de William Judge, que foi acosado e perseguido polos seguidores de Besant.

Na súa última voluntad, segundo se di, Blavatsky pediu aos teósofos que celebrasen a data da súa morte como o día do Loto Branco:

Desexo que cada ano, o cabodano da miña morte, se reúnan os meus amigos na residencia central da Sociedade Teosófica, Adyar, para ler un capítulo de A Luz de Asia de Sir Edwin Arnold e outro do Bhágavad Gita.

Porén, isto parece ser unha manipulación considerando os acontecementos que se orixinaron en Adyar coa traizón dos Coulomb, tralo cal Subba Row deu as costas a Blavatsky, aliándose con Charles W. Leadbeater no que se coñece actualmente como a Sociedade Teosófica.

  1. James Randi, Educational Foundation
  2. Levy, Richard (2005), Antisemitism: A Historical Encyclopedia of prejudice and persecution ABC-CLIO, Inc. California. páx. 73.
  3. Journal of the Society for Psychical Research, April 1986.
  4. Pláticas sobre el Sendero del Ocultismo, Tomo II - Annie Besant/C. W. Leadbeater - Ed. Teosófica ISBN 84-86709-32-6
  5. Nunes de Azevedo, Murillo. "Fernando Pessoa - O Teósofo". Cfh.ufsc.br. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]