Galicia na monarquía visigoda
As referencias deste artigo non teñen un formato correcto. Podes colaborar editándoas como se indica nesta páxina. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Localización | |||
---|---|---|---|
Capital | Braga (585 (Gregoriano)–698 (Gregoriano)) Tui (698 (Gregoriano)–) | ||
Xeografía | |||
Parte de | |||
Datos históricos | |||
Precedido por | |||
Creación | 585 (Gregoriano) | ||
Disolución | 714 (Gregoriano) | ||
Sucedido por | Reino de Galicia | ||
Gallaecia foi unha provincia do Reino visigodo,[1] mais continuou a ter unha condición diferente do resto de provincias visigodas peninsulares. tal é o caso que a documentación visigoda denota tres entidades políticas: Gallaecia, Hispania e Septimania, derivadas da antiga condición política destas. Así, o estado visigodo conformouse de tres antigos reinos, chegando o caso de que Gallaecia e o Reino visigodo estivesen rexidos por diferentes reis, como o caso de Éxica e Vitiza.
Historia
[editar | editar a fonte]No ano 585, Leovixildo, rei visigodo de Hispania e Septimania, consegue rematar coa independencia política que os reis suevos mantiveran en Galiza dende o ano 409, derrotando ó derradeiro rei suevo, Andeca. Deste xeito, o territorio da chamada, entón, Gallaecia pasa a formar parte da órbita de poder de Toledo, dende onde os monarcas visigodos exercían o seu poder tras seren expulsados da Galia polos francos.
O período de goberno visigodo en Gallaecia non supuxo ningún cambio brusco en relación a épocas pasadas, de xeito que a excepción das dioceses sitas na Lusitania, as dioceses galegas seguiron a desenvolver a súa actividade con notable normalidade, manténdose activas as dioceses de Braga, Porto, Tui, Iria, Britonia, Lugo, Ourense, Astorga, Coímbra, Lamego, Viseu e Idanha.
A organización territorial herdada de séculos anteriores non muda, e mesmo as elites culturais, relixiosas así como aristocráticas aceptaron aos novos monarcas, que se ben tiñan a súa corte en Toledo, asumían o control político de tres antigos reinos; Hispania, Septimania e Gallaecia, de xeito que nos concilios relixiosos como o realizado en Toledo no ano 589 estaban presentes episcoporum totius Hispaniae, Galliae et Gallaetiae[2] é dicir, "bispos de toda Hispania, Galia e Gallaecia", esta concepción tripartita atópase ao longo do goberno visigodo dende o ano 585, diferenciando mediante diversas fórmulas as tres entidades visigodas nos documentos como: fines Spanie, Gallie, Gallecie[3] ou Spaniae et Galliae vel Gallitiae[4] entre outras. Destaca neste contexto a figura de San Froitoso, bispo galaico de ascendencia visigoda,[5] famoso polas numerosas fundacións levadas a cabo por el en todo o occidente peninsular, case sempre en lugares agochados nas montañas e mesmo illas, sobresaíndo a súa austeridade.[6]
O certo é que as derradeiras décadas da monarquía visigoda foron de marcada decadencia, debido en boa parte á redución do comercio cunha importante mingua da circulación monetaria, consecuencia directa da imposición do poder musulmán a principios do século VIII polo mediterráneo sur. A Gallaecia verase afectada polas mesmas pautas. É daquela cando San Froitoso denunciou un estado xeneralizado de retroceso cultural, perda da dinámica de tempos atrás, e axiña abrollou un certo grao de descontento no alto clero galaico. Así, no X Concilio de Toledo, no ano 656, Froitoso, pertencente a círculos de poder visigodos asumiu a cadeira metropolitana de Braga, acontecendo isto previa renuncia do seu titular Potamio, quen ademais recoñecía explicitamente a crise da vida eclesiástica. Na mesma ocasión os alí reunidos anulaban o testamento deixado polo bispo Recimiro de Dumio, pois nel doaba as riquezas da diocese-mosteiro aos pobres.
A crise final visigoda remontaría ao reinado de Éxica. Este monarca declarou herdeiro ao seu fillo Vitiza e xa en vida asociouno ao trono, no ano 698, pese a que a lei visigoda obrigaba á elección dun novo rei e non á transmisión hereditaria. Dita asociación consistiu en entregarlle o goberno da Gallaecia, exercendo como rei con capital en Tui. Vitiza vai ser rei da Gallaecia cando menos ata a morte do seu pai, o que supón unha situación novidosa nesta etapa final e conflitiva da monarquía visigoda, evidenciando a actividade política que Galiza conservaba cen anos despois da fin da monarquía sueva. No ano 702 coa morte de Éxica, Vitiza asume tamén o goberno de Hispania, trasladándoo a Toledo onde gobernaría ata o ano 710. Trala súa morte, un sector aristocrático visigodo impediu a subida ao trono do seu fillo Akhila, impoñendo pola forza a Rodrigo, o que supuxo un irresoluble conflito civil entre os seus partidarios e os dos fillos de Vitiza. Será no ano 711 cando os inimigos de Rodrigo logren que un exército musulmán cruzase o estreito de Xibraltar e presentase batalla a Rodrigo en Guadalete, onde este é derrotado, fito que marca a fin do goberno visigodo en Hispania, e que terá unha transcendencia histórica total para as dúas restantes entidades políticas: Gallaecia e Septimania.
No ano 715 Abd al-Aziz ibn Musa toma por esposa á viúva de Rodrigo, chamada Exilona titulada reginam Spanie,[7] confirmando a continuidade dinástica, transferida así lexitimamente ao gobernador musulmán. Con este feito os gobernantes musulmáns consideráronse politicamente continuadores do anterior estado e asumiron os atributos detidos antes polos reis visigodos de Toledo. Deste xeito, coa conquista de toda Spania polos musulmáns, alén das súas fronteiras, os emires cordobeses serían coñecidos co título de rex Spanie.[8] A partir dese intre comeza unha nova concepción xeográfica, pois España vai ser o nome co que se designe ao territorio musulmán, e Galicia ao territorio cristián. Así o historiador Al-Maqqari deixa claro a extensión do dominio musulmán ao referirse a conquista de comezos do século VIII:
Non quedou lugar sen dominar en Al-Andalus se exceptuamos o país de Galicia.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Díaz, Pablo C. (2019-11-15). "El esquema provincial en el contexto administrativo de la monarquía visigoda de Toledo". Mélanges de la Casa de Velázquez. Nouvelle série (en castelán) (49-2): 77–108. ISSN 0076-230X. doi:10.4000/mcv.11009.
- ↑ Iohannes BiclarensisChronicon Iohannis Biclarensis 590.1 = vv 330-341.
- ↑ Wamba Lex.
- ↑ Synodus Toletana tertia.
- ↑ San Fructuoso de Braga: vida y novena, Juan Llorens, Vicente Rafael. 2007. p 21. Tamén [1] Arquivado 01 de outubro de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ Ed.Cardoso, 1996, p.24
- ↑ Crónica Mozárabe, ed. López Pereira, 1980a, ps. 76-79: "cum reginam spanie in coniugo copulatam.
- ↑ Ed. Lafuente Alcántara, 1867, p. 166.
- ↑ Al-Maccari, Histori, ed. Gayangos, 2002, v. I, p.291.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carriedo Tejedo, Manuel (2013). "La capitulación de la Gallaecia visigoda (¿11 de noviembre de 714?)" (PDF). Diversarum rerum: revista de los Archivos Catedralicio y Diocesano de Ourense (en castelán) (8): 337–360. ISSN 2171-5769. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de marzo de 2021. Consultado o 10 de marzo de 2021.
- Barroso Cabrera, Rafael; Morín de Pablos, Jorge; Sánchez Ramos, Isabel M.ª (2015). Gallaecia Gothica: de la conspiración del Dux Argimundus (589/590 d.C.) a la integración en el Reino visigodo de Toledo. Idanha-a-Velha. Histórica (en castelán). Audema. ISBN 978-84-16450-02-2. Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2021. Consultado o 10 de marzo de 2021.