Función da linguaxe
Ao longo da historia da lingüística foron propostas varias teorías sobre a función da linguaxe.
A función da linguaxe para Martinet
[editar | editar a fonte]André Martinet mantén que a función esencial da linguaxe é a da comunicación, pero engade que deberá terse en conta, non obstante, que a linguaxe exerce outras funcións: serve de soporte ó pensamento, ten unha función expresiva e desenvolve unha función estética.
As Funcións da linguaxe para Bühler
[editar | editar a fonte]Para Bühler a linguaxe é un órgano para comunicar 'un' a 'outro' 'cousas', de tal xeito que se constitúen tres fundamentos de relacións, e neste marco é onde distingue tres funcións:
- función expresiva (Ausdrück ou Kundgabe) ou disposición para manifestar a interioridade subxectiva do falante: Oxalá sande.
- función apelativa (Appel ou Auslösung) ou capacidade de actuar sobre o oínte para dirixir ou atraer a súa atención: ¡Cómeo todo todiño!
- función representativa (Darstellung) relativa a transmisión de contidos obxectivos. Asociada ó desenvolvemento do pensamento. Esta foi, e aínda é na actualidade obxecto de controversias. No centro destas atópanse Jean Piaget e Lev Vygotski. Para Piaget, a función representativa da linguaxe vai ligada ó pensamento. Este autor mantén a prioridade do pensamento, iniciado na acción sensomotriz aínda sen fala. Posturas máis inclinadas a destaca-lo papel da linguaxe na comunicación son H. Wallon e L. S. Vygotski. Para este último autor, representante da psicoloxía soviética, o neno adquire a linguaxe na relación social con outras persoas; posteriormente interiorizaríanse os signos e guiarían a conduta, converteríanse nun instrumento de coñecemento, organizador da experiencia, chegando a converxer comunicación e pensamento, o que posibilita unha linguaxe conceptual propiamente humana. Para Salvador Luria, a linguaxe posúe unha función directriz e organizativa da conduta. Máis radical é o condutismo de J. B. Watson, quen reduce o pensamento a un sistema de hábitos de linguaxe, supoñendo que o inconsciente ou non pensado correspondería ó non verbalizado. Común acordo acádase ó afirmar que a función lingüística potencia o pensamento abstracto e que as dificultades ou deficiencias na comprensión da linguaxe dificultan o desenvolvemento lóxico e cultural, tal como vén caracterizado pola sociedade actual
Funcións da linguaxe para Halliday
[editar | editar a fonte]Para Michael Halliday, as funcións da linguaxe son tamén varias; o progreso cara ó sistema adulto prodúcese en varias etapas:
- a) función instrumental, satisfacción das necesidades inmediatas;
- b) función reguladora, control do comportamento das outras persoas,
- c) función interactiva, vehículo de relacións sociais;
- d) función persoal, instrumento de expresión das propias opinións e sentimentos;
- e) función heurística, actividade de coñecemento,
- f) función imaxinativa ou creativa, medio de superación da realidade (VER desenvolvemento da linguaxe).
Función de identificación
[editar | editar a fonte]A linguaxe concrétase en determinadas linguas. Dentro dun mesmo idioma existen variacións lingüísticas ligadas á orixe xeográfica e social de diferentes grupos, polo que a linguaxe serve como medio de identificación e afirmación de pertenza a un grupo, con dimensións sociopolíticas importantes.
Funcións da linguaxe para Jackobson
[editar | editar a fonte]Roman Jakobson (1960) estudou as funcións da linguaxe partindo dos factores constitutivos de calquera acto de fala. Segundo Jakobson o falante ou emisor envía unha mensaxe ó oínte ou receptor, e ademais é preciso un contexto (tema) que poida ser verbalizado, un código coñecido por emisor e receptor, e un contacto ou conexión entre ámbolos dous. Cada un destes seis factores determina unha función específica da linguaxe:
- emisor → función emotiva (función expresiva de Bühler)
- receptor → función conativa (función apelativa de Bühler)
- contexto → función referencial (función representativa de Bühler)
- mensaxe → función poética: prodúcese cando a linguaxe chama a atención sobre a mensaxe mesma, empregando figuras estilísticas)
- contacto → función fática ou de contacto: serve para comprobar, manter, ou establecer a comunicación co receptor a través do control da canle. Terían función fática os "diga", "si", "ola!", "oes?" dunha conversa telefónica.
- código → función metalingüística: serve para explicar o código lingüístico
Guillermo Rojo e as dimensións da linguaxe
[editar | editar a fonte]Guillermo Rojo (1986) achegou a teoría hoxe comunmente aceptada. Para el, as acepcións do termo "función", tanto en Bühler coma en Jakobson, son inadecuadas. A verdadeira función da linguaxe é a comunicación, a representativa, a expresiva, a apelativa, a metalingüística e a poética son dimensións da linguaxe e do acto comunicativo ou da comunicación. A fática sería máis ben un dos diversos usos da linguaxe.
Función descritiva de Hans Hörman
[editar | editar a fonte]Hans Hörmann, desde unha perspectiva psicolingüística, considera unha función da linguaxe que sería previa á comunmente aceptada función comunicativa. Segundo este lingüista, a unión entre o lingüístico e o extralingüístico non procede dunha necesidade efectiva, senón que se realiza por disposición do home. O home pode comprender o mundo, o 'ser así' das cousas, con independencia da linguaxe. O que xa coñece desta maneira, desígnao con palabras elixidas ó seu arbitrio. Esta é a función descritiva da linguaxe. Un neno cando xoga só e fala non pretende comunicarse senón que está describindo o seu mundo, aprendendo.