Saltar ao contido

Factor V

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non confundir co factor V utilizado para o cultivo da bacteria Haemophilus influenzae, que corresponde ao NAD+.
Factor de coagulación V
Estruturas dispoñibles
PDBBuscar ortólogos: PDBe, RCSB
Identificadores
Identificadores
externos
LocusCr. 1 924.2
Padrón de expresión de ARNm
Máis información
Ortólogos
Especies
Humano Rato
Entrez
2153 14067
Ensembl
Véxase HS Véxase MM
UniProt
P12259 O88783
RefSeq
(ARNm)
NM_000130 NM_007976
RefSeq
(proteína) NCBI
NP_000121 NP_032002
Localización (UCSC)
Cr. 1:
169.51 – 169.59 Mb
Cr. 1:
164.15 – 164.22 Mb
PubMed (Busca)
2153


14067

O factor V (factor cinco) de coagulación é unha proteína do sistema de coagulación do sangue, que en raras ocasións pode aparecer co nome de proacelerina ou factor lábil. A diferenza da maioría dos factores de coagulación, esta proteína non é encimaticamente activa senón que funciona como cofactor. A deficiencia deste factor causa unha predisposición ás hemorraxias, mentres que algunhas mutacións (a principal é a mutación factor V de Leiden) predispón á trombose.

Historicamente, á forma activada do factor V (hoxe factor Va) se lle dera o nome de factor VI, que se consideraba daquela un factor distinto, ata que se descubriu a súa identidade e o termo deixou de usarse.[1]

Xenética

[editar | editar a fonte]

O xene do factor V está localizado no cromosoma 1 humano (1q23). Está xenomicamente relacionado coa familia das multicobre oxidases, e é homólogo do factor VIII de coagulación. O xene abrangue 70 kb, consta de 25 exóns, e a proteína resultante ten unha masa molecular relativa de aproximadamente 330 kDa.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A proteína factor V consta de seis dominios: A1-A2-B-A3-C1-C2.

Os dominios A son homólogos dos dominios A da proteína que se une ao cobre ceruloplasmina. Un ión cobre únese na interface A1-A3 e A3 interacciona co plasma.[2]

Os dominios C pertencen á familia do dominio de discoidina de unión a fosfolípidos, e o dominio C2 media a unión a membranas. O dominio B C-terminal actúa como cofactor para a activación da proteína C anticoagulante pola proteína S.[3] [4]

A activación do factor V xerando o factor Va faise por clivaxe e liberación do dominio B, despois do cal a proteína xa non axuda na activación da proteína C. A proteína factor V queda entón dividida nunha cadea pesada, que comprende os dominios A1-A2, e unha cadea lixeira, que consta dos dominios A3-C1-C2. Ambas forman entre si un complexo non covalente de maneira dependente do calcio. Este compleco é o factor Va procoagulante.[3]

Fisioloxía

[editar | editar a fonte]

A síntese do factor V ocorre no fígado, principalmente. A molécla circula no plasma como unha molécula dunha soa cadea cunha vida media de 12–36 horas.[5]

O factor V pode unirse a plaquetas activadas e é activada pola trombina. Na súa activación o factor V é dividido en dúas cadeas (pesada e lixeira, con masas moleculares de 110 000 e 73 000, respectivamente), que non están unidas de modo non covalente entre si polo calcio. O factor V activado (chamado FVa) é un cofactor do complexo da protrombinase: O encima factor X activado (FXa) require calcio e factor V activado para converter a protrombina en trombina na membrana da superficie celular.

O factor Va é degradado pola proteína C activada, un dos principais inhibidores fisiolóxicos da coagulación. En presenza de trombomodulina, a trombina actúa diminuíndo a coagulación ao activar a proteína C; por tanto, a concentración e a acción da proteína C son determinantes importantes no bucle de retroalimentación negativa por medio do cal a trombina limita a súa propia activación.

Papel en enfermidades

[editar | editar a fonte]

Coñécense varios trastornos hereditarios do factor V. A deficiencia está asociada cunha rara forma leve de hemofilia (denominada parahemofilia ou parahemofilia de Owren), cuxa incidencia é aproximadamente de 1:1 000 000 persoas. Hérdase de forma autosómica recesiva.

Outras mutacións do factor V están asociadas coa trombose venosa. Son a causa hereditaria máis común da trombofilia (unha tendencia a formar coágulos). A máis común destas é a mutación factor V de Leiden, que se debe á substitución dun residuo de arxinina por un de glutamina na posición aminoacídica 506 (R506Q). Todas as mutacións no factor V protrombóticas (factor V de Leiden, factor V de Cambridge, factor V de Hong Kong) fano resistente á clivaxe pola proteína C activada ("resistencia á proteína C activada"). Por tanto, o factor permanece activo e incrementa a taxa de xeración de trombina.

Ata o descubrimento do factor V, considerábase que a coagulación era causada por catro factores: calcio (IV) e tromboquinase (III) actuando xunto coa protrombina (II) para producir fibrinóxeno (I); este modelo fora ideado por Paul Morawitz en 1905.[6]

A suxestión de que podería haber un factor adicional fíxoa o Dr. Paul Owren (1905–1990), un médico noruegués, durante as súas investigacións da tendencia a sufrir hemorraxias dunha muller que sufría de hemorraxias nasais e menorraxia (excesiva hemorraxia menstrual) durante a maior parte da súa vida, atopou que tiña un tempo de protrombina prolongado, o que aparentemente suxería ou ben que a deficiencia de vitamina K ou ben a enfermidade hepática crónica orixinaban unha deficiencia de protrombina. Porén, ningunha das posibilidades era a correcta, e Owren demostrou isto ao corrixir a anormalidade con plasma do que se extraera toda a protrombina. Usando o soro desta muller como índice, atopou que o factor "perdido", que el denominou V (os números do I ou IV xa foran usados no modelo de Morawitz), tiña características particulares. A maioría das investigacións foron realizadas durante a Segunda guerra mundial, e aínda que Owren publicou os seus resultados en Noruega en 1944, non puido publicalas internacionalmente ata que rematou a guerra. O artigo apareceu finalmente na revista The Lancet en 1947.[6][7]

A posibilidade da existencia dun factor de coagulación extra foi contestada inicialmente sobre bases metodolóxicas polos Drs. Armand Quick e Walter Seegers, ambas autoridades no campo da coagulación. Porén, os estudos confirmatorios feitos por outros grupos levaron á aprobación final da existencia do factor varios anos despois.[6]

Owren inicialmente pensou que o factor V (factor lábil ou proacelerina) activaba outro factor, ao cal el nomeou factor VI. O factor VI é o que aceleraba a conversión da protrombina en trombina. Descubriuse despois que o factor V era "convertido" (activado) pola propia trombina, e posteriormente viuse que o factor VI era simplemente a forma activada do factor V (hoxe chamada factor Va).[6]

A secuencia de aminoácidos completa da proteína foi publicada en 1987.[8] En 1994 describiuse o factor V de Leiden, resistente á inactivación pola proteína C, esta anormalidade é a causa xenética máis común da trombose.[9]

Interaccións

[editar | editar a fonte]

O factor V presenta interaccións coa proteína S.[10][11]

  1. Giangrande PL (2003). "Six characters in search of an author: the history of the nomenclature of coagulation factors". Br. J. Haematol. 121 (5): 703–12. doi:10.1046/j.1365-2141.2003.04333.x. PMID 12780784.
  2. Villoutreix BO, Dahlbäck B (June 1998). "Structural investigation of the A domains of human blood coagulation factor V by molecular modeling". Protein Science 7 (6): 1317–25. PMC 2144041. PMID 9655335. doi:10.1002/pro.5560070607. 
  3. 3,0 3,1 Thorelli E, Kaufman RJ, Dahlbäck B (June 1998). "The C-terminal region of the factor V B-domain is crucial for the anticoagulant activity of factor V". The Journal of Biological Chemistry 273 (26): 16140–5. PMID 9632668. doi:10.1074/jbc.273.26.16140. 
  4. Macedo-Ribeiro S, Bode W, Huber R, Quinn-Allen MA, Kim SW, Ortel TL, Bourenkov GP, Bartunik HD, Stubbs MT, Kane WH, Fuentes-Prior P (November 1999). "Crystal structures of the membrane-binding C2 domain of human coagulation factor V". Nature 402 (6760): 434–9. PMID 10586886. doi:10.1038/46594. 
  5. Huang JN, Koerper MA (November 2008). "Factor V deficiency: a concise review". Haemophilia 14 (6): 1164–9. PMID 19141156. doi:10.1111/j.1365-2516.2008.01785.x. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Stormorken H (February 2003). "The discovery of factor V: a tricky clotting factor". Journal of Thrombosis and Haemostasis 1 (2): 206–13. PMID 12871488. doi:10.1046/j.1538-7836.2003.00043.x. 
  7. Owren PA (April 1947). "Parahaemophilia; haemorrhagic diathesis due to absence of a previously unknown clotting factor". Lancet 1 (6449): 446–8. PMID 20293060. doi:10.1016/S0140-6736(47)91941-7. 
  8. Jenny RJ, Pittman DD, Toole JJ, Kriz RW, Aldape RA, Hewick RM, Kaufman RJ, Mann KG (July 1987). "Complete cDNA and derived amino acid sequence of human factor V". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 84 (14): 4846–50. PMC 305202. PMID 3110773. doi:10.1073/pnas.84.14.4846. 
  9. Bertina RM, Koeleman BP, Koster T, Rosendaal FR, Dirven RJ, de Ronde H, van der Velden PA, Reitsma PH (May 1994). "Mutation in blood coagulation factor V associated with resistance to activated protein C". Nature 369 (6475): 64–7. PMID 8164741. doi:10.1038/369064a0. 
  10. Heeb MJ, Kojima Y, Rosing J, Tans G, Griffin JH (December 1999). "C-terminal residues 621-635 of protein S are essential for binding to factor Va". The Journal of Biological Chemistry 274 (51): 36187–92. PMID 10593904. doi:10.1074/jbc.274.51.36187. 
  11. Heeb MJ, Mesters RM, Tans G, Rosing J, Griffin JH (February 1993). "Binding of protein S to factor Va associated with inhibition of prothrombinase that is independent of activated protein C". The Journal of Biological Chemistry 268 (4): 2872–7. PMID 8428962. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]