Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1477 |
Morte | 11 de outubro de 1542 (64/65 anos) |
8º Señor de Pontedeume | |
1492 – 1542 ← Diego de Andrade – Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal → | |
2º Conde de Vilalba | |
1492 – 1542 ← Diego de Andrade – Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal → | |
Señor de Ferrol | |
Actividade | |
Ocupación | militar |
Outro | |
Título | Conde de Andrade |
Cónxuxe | 1. Francisca de Zúñiga e Sánchez de Ulloa 2. Xoana de Leiva e Guevara |
Fillos | De Francisca de Zúñiga: 1. Tareixa de Andrade De Xoana Fernández: De Maior de Ulloa: |
Pais | Diego de Andrade e María das Mariñas |
Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas foi un nobre galego a cabalo entre a Idade Media e a Moderna. Ostentaba os títulos de oitavo Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba e segundo Conde de Vilalba, herdados do seu pai Diego de Andrade; e primeiro Conde de Andrade por designación real, ignorándose a data de expedición deste último título. Tamén foi temporalmente Príncipe da cidade italiana de Caserta.
É coñecido por participar nas campañas en Italia contra os franceses en 1503, 1511 e 1522. Na primeira delas estivo ao mando das tropas que gañaron a Batalla de Seminara, recuperando con esta vitoria os territorios que antes perdera o Gran Capitán, Gonzalo Fernández de Córdoba.
Loitou por que se lle recoñecese a Galicia o voto en Cortes que ata entón estaba representada pola cidade de Zamora. Tamén conseguiu para a cidade da Coruña a Casa de Contratación para o comercio coas Indias.
Casou en primeiras nupcias con dona Francisca de Zúñiga, condesa de Monterrei, que enviuvara de Diego de Acevedo e Fonseca. Do seu matrimonio tivo dúas fillas, a primoxénita, Tareixa de Andrade, casou co Conde de Lemos, Fernando Ruiz de Castro Osorio. Ao morrer Tareixa antes ca seu pai, os títulos deste foron herdados polo seu neto, Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal, en cuxa persoa se fusionan as casas de Lemos e Andrade.
Nos seus derradeiros anos retirouse da vida pública e dedicouse a mellorar o patrimonio relixioso de Pontedeume. A el débense a fundación do convento dos agostiños e a construción da capela maior da igrexa parroquial, onde está soterrado.
Vasco da Ponte, importante cronista e historiador da época, estaba ao servizo de Fernando de Andrade.
Mocidade e formación militar
[editar | editar a fonte]Sendo aínda un rapaz, é enviado polo seu pai á Corte dos Reis Católicos. Estando esta no asedio de Granada recibe a noticia da morte do seu pai, a cal provocou unha certa inestabilidade nos dominios dos Andrade pola minoría de idade de Fernando.
Durante a súa estadía na Corte é instruído nas artes militares, ao tempo que coñece ao que sería o seu mentor, Luis Portocarrero, Conde de Palma.
A primeira campaña italiana
[editar | editar a fonte]Durante a guerra de Nápoles o capitán xeneral do exército español Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capit��n foi derrotado nas proximidades da vila calabresa de Seminara polas tropas francesas ao mando de D´Aubigny o 25 de decembro de 1502, véndose obrigados os españois a retirarse aos confíns meridionais de Italia mentres agardaban a chegada de reforzos.
Os Reis Católicos enviaron tropas ao mando de Luis Portocarrero que embarcaron en Cartaxena a mediados de febreiro de 1503. Neste continxente ía, en calidade de lugartenente, Fernando de Andrade. Ao pouco de desembarcaren en Calabria enfermou Portocarrero, delegando o mando no de Andrade. A primeira acción consistiu en liberar do cerco de D´Aubigny á vila de Terranova, empresa que se rematou con éxito.
Pouco despois morreu Portocarrero por mor da doenza que collera. O vicerrei de Sicilia confirma no mando a Fernando de Andrade, o cal provocou certas envexas entre os demais capitáns a causa da súa mocidade. Quizais instigados polos capitáns descontentos, houbo unha tentativa de rebeldía das tropas por non recibiren a soldada.
Cando D´Aubigny soubo destas desavinzas tentou tirar beneficio delas e enviou mensaxe a Fernando de Andrade para anunciarlle o seu ataque. A batalla tivo lugar o 21 de abril de 1503 nas proximidades de Seminara, moi preto da que tivera lugar 4 meses antes. A vitoria caeu desta volta da parte española, arrebatándolle Fernando de Andrade aos franceses dezaoito bandeiras que puxo como trofeo na igrexa de Santiago de Pontedeume, e que engadiu ao seu escudo de armas.
Reagrupadas as tropas acabadas de chegar coas que alí estaban, quedaron baixo o mando único do Gran Capitán. A Fernando de Andrade déraselle o mando da cabalería, e como tal participou o 29 de decembro de 1503 na batalla de Garigliano. A súa intervención resultou decisiva no triunfo español que supuxo a fin da guerra e a anexión a España do Reino de Nápoles. En 1504 regresa a España, talvez coa misión de reorganizar as unidades do Exército logo da fin das campañas italianas.
A segunda campaña italiana e a rexencia do Cardeal Cisneros
[editar | editar a fonte]En 1511 volve a Italia ao mando das tropas españolas encadradas na Liga Santa. Como pago polos seu servizos, unha real cédula datada en Burgos o 27 de xullo de 1512, concédelle unha renda de 70.000 marabedís anuais.
Logo da morte de Fernando o Católico é chamado a Cortes polo rexente Cardeal Cisneros, quen o pon á fronte das tropas reais para que defenda a súa rexencia contra dos intentos de derrocamento por parte dos nobres que se opuñan a el. En 1517 enfróntase por tal motivo ao poderoso Duque de Alba.
Reclamacións para Galicia
[editar | editar a fonte]O rei Carlos I convocara Cortes en Santiago de Compostela en abril de 1520 coa finalidade de recadar fondos para financiar a viaxe a Flandres, onde ía ser coroado emperador. Estando estas reunidas no mosteiro de San Francisco, irrompeu nelas Fernando de Andrade acompañado polo arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, e mailo Conde de Benavente, coa intención de reclamar para Galicia voz e cadeira nas Cortes. Desde tempo recente Galicia, a pesar de que tivera representación en anteriores Cortes de Castela, estaba representada pola cidade de Zamora.
Logo de varios forcexos con algúns procuradores, negáronlles a entrada, ante o cal o Conde de Andrade ameazou con unirse a Pedro Laso, procurador de Toledo que se opuña á concesión dos fondos solicitados por El Rey, e polo que fora desterrado por este a Padrón para impedirlle a asistencia ás Cortes. Sabedor Carlos I da ameaza do Andrade, desterrouno á Coruña.
O 12 de abril o monarca abandona Santiago cara á Coruña, onde chega o día 14. Ao pouco de chegar nomea a Fernando de Andrade capitán xeneral da frota que o vai levar a Flandres, a cal parte da Coruña o día 20. Esta sorprendente decisión do rei ten máis que ver co intento de gañarse á nobreza local dada a ascendencia e carisma que entre ela tiña o de Andrade, có perdón ao conde. De calquera xeito, o emperador recompensa a Fernando de Andrade polos servizos prestados con 100.000 marabedís anuais, por real cédula emitida en Bruxelas o 18 de agosto de 1520.
Fernando de Andrade participa, o 4 de decembro de 1520, na Asemblea de Melide, auspiciada polo arcebispo Fonseca para a toma dunha postura común da nobreza galega no tocante a unha serie de reivindicacións para Galicia. O xa emperador Carlos V contestou desde Worms (Alemaña) o 29 de marzo de 1521. A principal reclamación, o voto en Cortes para Galicia, foi desestimada (Galicia non acadaría dito voto ata o ano 1622). Porén, si concedeu a Casa de Contratación para a cidade da Coruña, se ben tivo unha curta duración. Tamén se aveu ao nomeamento de Capitán Xeneral de Galicia. Nun primeiro momento houbo tres capitáns xenerais: o gobernador de Galicia, conde de Fuensalida, o arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, e Fernando de Andrade; mais por unha reclamación de Betanzos, temeroso do poder do Andrade cuxos dominios lindaban con esa vila, revogáronse os nomeamentos de Alonso de Fonseca e Fernando de Andrade, quedando como único capitán xeneral o Conde de Fuensalida. De calquera xeito, catro anos despois, en 1525, aparece Fernando de Andrade como capitán xeneral de Galicia[1], sen que conste rexeitamento algún ao seu nomeamento.
A terceira campaña italiana
[editar | editar a fonte]Despois da morte do Papa León X en 1521, o 9 de xaneiro de 1522 foi elixido novo Pontífice o bispo de Tortosa, o cardeal Adriano de Utrech, que tamén era rexente de Castela. En agosto partiu de Tarragona para tomar posesión da curia romana. Por expreso desexo do novo Papa, acompañouno Fernando de Andrade á fronte de catro mil soldados de infantaría, pois a situación de guerra que se vivía en Italia aconsellaba ir protexido. O novo Papa, que sería coñecido polo nome de Hadrián VI, entrou en Roma o 29 de agosto de 1522. Logo de tomar posesión, Hadrián VI púxose ao tanto da situación bélica e, nunha primeira instancia, quixo enviar a Fernando de Andrade á illa de Rodas para socorrer os cabaleiros de San Xoán que se achaban sitiados polos turcos. Luis de Córdoba, duque de Sesa e embaixador do rei Carlos I, desaconselloullo pois o rei de Francia, Francisco I, estaba a piques de invadir Lombardía. Así aconteceu e o Papa mudou de opinión, enviando ao conde de Andrade a facerlle fronte. Fernando de Andrade recuperou para o Papa a cidade de Arimiro e por este feito recibiu, entre outras recompensas, o estado de Caserta co título de príncipe. Este nomeamento non foi moito do agrado do Andrade pois en canto morreu Hadrián VI en 1523, vendeu o estado e regresou a España.
Promotor de exploracións
[editar | editar a fonte]A Casa de Contratación da Especiería da Coruña créase por real cédula expedida por Carlos I en Valladolid o 24 de decembro de 1522. Desde ela, e alentadas por Fernando de Andrade, organizaranse varias expedicións ás terras do Novo Mundo. Entre 1525 e 1529 organízanse catro expedicións ao Pacífico oriental e Suramérica. A terceira delas é custeada por Fernando de Andrade e foi comandada polo mariño Diego García de Moguer, que partiu de Fisterra o 15 de xaneiro de 1526. Aínda que chegaron a explorar as costas do Brasil e do Uruguai, a expedición resultou un completo fracaso, facéndolle perder ao conde de Andrade todo o investido. Porén, tivo un trato cabaleiroso con Diego García pois recomendouno para participar na expedición de Pedro de Mendoza que, entre outras cousas, tivo como consecuencia a fundación da cidade de Buenos Aires.
Estadía na Corte
[editar | editar a fonte]Ao pouco de partir a expedición a América, o conde de Andrade foi chamado a Cortes onde se lle encomendan diversas tarefas. A primeira foi acudir a Badaxoz, onde coincide co arcebispo Fonseca, a recibir a Isabel de Portugal que viña para desposarse con Carlos I. O 8 de xuño de 1528 está na Corte do emperador en Monzón onde se leu o cartel de desafío que o emperador lle mandara ao rei francés, Francisco I.
Entre 1531 e 1536, Fernando de Andrade ostenta o cargo de corrixidor asistente na cidade de Sevilla. Despois de desempeñar este cargo se retira da vida pública establecéndose en Pontedeume e na Coruña.
Obras relixiosas en Pontedeume
[editar | editar a fonte]Os derradeiros anos da súa vida, adicounos Fernando de Andrade a crear e dotar institucións relixionas en Pontedeume, capital dos seus dominios. Dúas son as obras ás que lles deu pulo: o convento de agostiños e a capela maior da igrexa parroquial.
- A fundación do convento fíxoa por escritura redactada en Pontedeume o 24 de setembro de 1538. Nesta escritura o conde comprométese a construír o edificio e maila igrexa do convento nun predio que posuía extramuros ao leste da vila. Ademais, dota ao convento cunha renda anual para o seu mantemento. A cambio, a Orde dos agostiños comprométese, entre outras cousas, a mandar oito frades a residiren no convento, dos cales seis serían cregos. As condicións son aceptadas pola Orde o 5 de decembro de 1538. Finalmente, a requirimento do conde de Andrade, a Orde de Santo Agostiño confirma e aproba as escrituras de fundación e dotación, na vila de Dueñas o 30 de abril de 1540.
- No mesmo ano de 1538 mandou edificar a capela maior da igrexa parroquial na que está soterrado e que aínda se conserva hoxe en día. No seu testamento de data 31 de agosto de 1540 manda facer seis misas semanais para sempre xamais das cales catro serían cantadas cos seus responsos cantados sobre o seu cadaleito. Para tales mesteres demanda catro capeláns aos que deixa unha renda individual de 6.000 marabedís e 3.000 para o sancristán. Deixa a cargo dos seus descendentes o nomeamento dos capeláns.
Matrimonio, descendencia e pasamento
[editar | editar a fonte]Fernando de Andrade tivo dúas esposas:
- Francisca de Zúñiga, condesa de Monterrei, que enviuvara nova.
- Xoana de Leyva, nobre de orixe francesa coa que estaba casado no momento do seu falecemento e da que non tivo descendencia.
Coa primeira tivo dúas fillas:
- Tareixa de Andrade, que casou co Conde de Lemos e morreu antes ca seu pai ao que estaba chamada a suceder. Xa que logo os seus títulos herdounos o seu neto e fillo de Tareixa, Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal, no que se unifican as liñaxes de Andrade e Lemos.
- Catarina de Andrade, que casaría co Conde de Cifuentes.
Fóra do matrimonio tivo tres fillos máis:
- Martín Sánchez, froito dunha relación cunha muller solteira, Xoana Fernández. No seu testamento déixalle herdanzas en Ortigueira e pídelle que sexa crego.
- Fernando de Andrade, fillo de Maior de Ulloa e que sería Cabaleiro da Orde de Santiago. Casou con Tareixa de Soutomaior, señora da Casa de Soutomaior, Crecente e Fornelos.
- María de Andrade e Ulloa, filla tamén de Maior de Ulloa, que casou co Señor de San Paio de Narla.
Fernando de Andrade está soterrado na capela maior da igrexa de Santiago de Pontedeume. En 1758 os seus restos foron trasladados a outro lugar da capela maior. No sepulcro hai unha inscrición feita na época do traslado na que di que morreu en 1540. Porén, César Vaamonde Lores cita un preito no que se declara que morreu en 1541. Finalmente, Antonio Couceiro Freijomil, solicitou información de Fernando de Andrade á Casa de Alba. Na súa resposta, indican que non consta nos seus arquivos a data de nacemento e que unicamente se pode asegurar que testou en Pontedeume o 31 de agosto de 1540 e que morrera alí en 1542.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Couceiro 1995, p. 260
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Couceiro Freijomil, Antonio (1995). Historia de Pontedeume e a súa comarca (4ª ed.). Xunta de Galicia. ISBN 84-453-1437-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fernando de Andrade e a súa participación nas batallas de Italia do século XVI Arquivado 20 de xuño de 2012 en Wayback Machine., artigo de Xesús Andrés López Calvo no nº 11 (2004) da revista Cátedra.
- Xenealoxías dos Señores de Andrade ata a fusión coa Casa de Lemos (en castelán).
- Galicia-Australia viejos amigos Traballo de Mª Xosé Rodríguez Galdo e Abel Losada Álvarez no que se fala das viaxes organizadas desde A Coruña ao Novo Mundo (en castelán).
Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas Nacemento: 1477 Falecemento: 1542
| ||
Aristocracia galega | ||
---|---|---|
Precedido por Diego de Andrade
|
II Conde de Vilalba e I Conde de Andrade 1492 – 1542 |
Sucedido por Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal |
Cargos Reais | ||
Predecesor: - |
Capitán xeneral de Galicia 1521-1525? En detrimento dos poderes militares do gobernador de Galicia. |
Sucesor: - |
Outros títulos Nobiliarios | ||
Predecesor: ? |
Príncipe de Caserta 1523 |
Sucesor: ? |