Espícula
Este artigo trata sobre un termo zoolóxico, para o termo botánico, véxase espiga.
As espículas (en latín spicula, singular spiculum) son diminutas estruturas esqueléticas con punta de diversa orixe e función. Pódense atopar en diversos grupos de animais :
- Nos nematodos hai unhas espículas quitinizadas que serven na copulación.
- Outras espículas forman grans na pel das ras.
- Nos poliplacóforos, forman unha faixa dorsal con diversos tamaños e formas.
- Nos antozoos que forman colonias de pólipos, estes están unidos por unha masa carnosa de cenénquima que, para darlle consistencia, ao careceren de esqueleto, contén espículas de calcita.
- Pero as espículas máis coñecidas son as que se atopan no interior do corpo dos poríferos, e son ás que se vai referir o presente artigo.
Espículas nas esponxas
[editar | editar a fonte]As espículas son importantes elementos para a clasificación e identificación das esponxas, xa que teñen unha forma moi variada e dous tipos de composición: calcaria ou silícea. As espículas pódense clasificar tamén segundo o seu tamaño en megaescleras cando son grandes, e microescleras cando son pequenas Outra maneira de clasificar as espículas é segundo a forma:
- Cando a espícula e recta ou curvada pero sen ramificacións chámase monoaxona. Se a espícula se desenvolve nunha dirección os extremos son diferentes e chámase monoactina ou unirradiada. Se crece en ambas direccións chámase diactina e os extremos semellantes levan o nome de rabdos.
- Cando unha espícula ten tres radios chámase triaxona e teñen tres eixos que se unen en ángulo recto formando seis radios formando as espículas hexactinas propias do grupo das hexactinélidas.
- Cando unha espícula ten catro radios chámase tetraxona. Cando un dos brazos ten máis lonxitude que os demais chámase rabdoma e os outros máis curtos son os clados e cando se unen forman un clabdoma. A espícula máis característica das esponxas calcarias chámase triena, e é unha tretraxona que perdeu o rabdoma.
- Cando unha espícula ten múltiples radios unidos por un punto central chámanse poliaxonas ou ásteres que poden ser de varios tipos (oxiaster, esferaster etc.).
Espículas calcarías
[editar | editar a fonte]Estas espículas fórmanse a partir dun calcoblasto binucleado que se vai dividindo en dúas células: unha construtora e outra cebadora. Nas espículas trirradiais interveñen unha célula construtora e outra cebadora en cada radio. Ás veces aparece un cuarto radio formando un tetraedro. As espículas están formadas por carbonato cálcico (CaCO3) cristalizado xeralmente en forma de calcita e en raras ocasións, de aragonita. Son típicas das esponxas da Clase Calcispongiae
Espículas silíceas
[editar | editar a fonte]Son máis variadas, distinguíndose aquí as grandes megascleras (> 100 μm) das microscleras (< 100 μm, sendo as máis pequenas duns 3 μm). Fórmanse a partir de acumulacións cristalinas de sílice hidratado (SiO2·H2O). Este tipo de espícula se forma no interior dun esclerocito (célula formadora de la espícula) chamado silicoblasto, a partir dun eixo orgánico, xeralmente proteico. Só intervén unha célula na fabricación da espícula, que pode formala con seis radios (Hexactinélidos) ou en forma de vara (algunhas Demosponxas, xa que outras carecen de esqueleto mineral). As esponxas son os únicos animais que utilizan o sílice como material esquelético. Son típicas das esponxas da Clase Hexactinellida e Demospongiae,
Outras características
[editar | editar a fonte]Recentes descubrimentos expoñen que os raios de luz pódense transmitir polo interior das espículas como dun xeito equivalente aos cables de fibra óptica[1]. Isto convertería as esponxas nos únicos animais capaces de transmitir luz ao interior dos seus corpos.