Daniel Sueiro
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1931 Ribasar, España |
Morte | 25 de setembro de 1986 (54/55 anos) Madrid, España |
Causa da morte | cancro |
Actividade | |
Campo de traballo | Xornalismo de investigación, guión cinematográfico e Q111128547 |
Ocupación | xornalista, guionista, escritor, novelista |
Movemento | Xeración de 1950 de Literatura española |
Familia | |
Cónxuxe | María Cruz Seoane (1957–1986) |
Irmáns | Jorge Víctor Sueiro |
Premios | |
| |
Daniel Sueiro Rodríguez, nado en Ribasar (Rois) en 1931 e finado en Madrid o 25 de setembro de 1986, foi un xornalista e escritor galego en lingua castelá.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de José Sueiro Danza, mestre nacional da escola de Ribasar, e Ramona Rodríguez Fernández. Estudou o bacharelato en Ourense e A Coruña. Comezou os estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, onde dirixiu a revista Servicio do S.E.U., e despois marchou á Universidade Central de Madrid. Graduouse en xornalismo na Escola Oficial de Madrid.[1] Traballou na revista Juventud, nos xornais Arriba e Pueblo e na Axencia EFE.
Comezou a súa carreira literaria en 1958 co libro de relatos La rebuscas y otras desgracias. En 1958 escribiu Los conspiradores, pola que obtivo o Premio Nacional de Literatura en 1959 e que se publicou catro anos despois,[2] á que seguiu a súa primeira novela, La criba, sobre o mundo do xornalismo. Despois apareceu a novela Estos son tus hermanos, que narra o regreso dun exiliado a España, onde non pode soportar os odios e a violencia social que seguen exercendo sobre el os vencedores da guerra e describe o ambiente irrespirable que se crea ao seu redor; foi prohibida pola censura franquista en 1961 e publicouse en México en 1965. Volveu ao relato coa publicación de Toda la semana en 1964. Durante os anos sesenta e setenta publicou novelas como La noche más caliente (1966), sobre o mundo rural dominado polo caciquismo, Corte de corteza (1969), no que coa anécdota dun transplante de cerebro constrúe unha protesta ante a sociedade, e El cuidado de las manos (1974).[3]
Aínda que conseguiu algún éxito como novelista e recibiu o premio Alfaguara, logrou maior resonancia no mundo literario polos seus ensaios e libros reportaxes, modalidade na foi pioneiro en España, baseados sobre todo na pena de morte. Desta faceta destacan as obras: El arte de matar (1968), Los verdugos españoles (1972), La pena de muerte: ceremonial, historia, procedimientos (1974) e Historia del franquismo, de 1978. Finou en Madrid dun cancro o 25 de setembro de 1986.[4] Ao ano seguinte publicouse postumamente a súa última novela, Balada del Manzanares.
Obra
[editar | editar a fonte]Novela
[editar | editar a fonte]- La criba (1961)
- Estos son tus hermanos (1965)
- La noche más caliente (1966)
- Corte de corteza (1969, Premio Alfaguara)
- El cuidado de las manos (1974)
- Balada del Manzanares (1987)
Relato
[editar | editar a fonte]- La rebusca y otras desgracias (1958)
- Los conspiradores (1959, Premio Nacional de Literatura)[5]
- Toda la semana (1964)
- Solo de moto (1967)
- La carpa y otros cuentos (2014; compilación de once relatos e dúas novelas curtas: "La carpa" e "Solo de moto").
- Cuentos para leer en la cama con un pitillo en la boca (2019)
- Novelas cortas para leer en la cama con un pitillo en la boca (2019)
Reportaxe
[editar | editar a fonte]- El arte de matar (1968)
- Los verdugos españoles (1972)
- La pena de muerte: ceremonial, historia, procedimientos (1974)
- Historia del franquismo (1978, en colaboración con Bernardo Díaz Nosty)
- La Flota es roja (1983). Sobre o papel da Armada Española na conspiración que levou ao golpe de Estado de xullo de 1936 e a evolución da frota nos primeiros meses da guerra civil.
- El Valle de los Caídos: los secretos de la cripta franquista (1983)
Guión cinematográfico
[editar | editar a fonte]- Los golfos de Carlos Saura (1959)
- Los farsantes de Mario Camus (1963)
- El puente de Juan Antonio Bardem (1976), baseada en Solo de moto
A película Queridísimos verdugos, de Basilio Martín Patino, está inspirada no seu libro Los verdugos españoles.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en 1957 con María Cruz Seoane, que foi unha destacada historiadora da prensa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ La Noche, 23-7-1962, p. 3.
- ↑ Introdución de "Los conspiradores" de Guillermo Sánchez Rubio na editorial Menoscuarto, Colección Reloj de Arena, 2005, ISBN 84-933823-8-8.
- ↑ "El escritor Daniel Sueiro falleció a los 55 años". El País. Consultado o 8 de xaneiro de 2020.
- ↑ La Voz de Galicia, 27-9-1986, p. 22.
- ↑ En 2004 foi incluído na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Sueiro Rodríguez, Daniel". Diccionario enciclopédico galego universal 56. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 88. ISBN 84-7680-429-6.
- "Sueiro Rodríguez, Daniel". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 258.
- "Sueiro Rodríguez, Daniel". Enciclopedia Galega Universal 15. Ir Indo. 1999-2002. p. 428. ISBN 84-7680-288-9.
- "Sueiro Rodríguez, Daniel". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.