Cecilia Payne-Gaposchkin
Cecilia Payne-Gaposchkin, nada o 10 de maio de 1900 en Wendover (Inglaterra) e finada o 7 de decembro de 1979 en Cambridge (EUA), foi unha astrónoma anglo-estadounidense. En 1925, na súa tese de doutoramento, indicou que as estrelas están compostas na súa meirande parte por hidróxeno e helio.[1] Este traballo foi considerado durante moito tempo como "a máis destacada tese de doutoramento escrita nunca en astronomía".
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Cecilia Payne e estudou botánica, física e química na Universidade de Cambridge. A súa condición de muller imposibilitoulle conseguir un título, polo que abandonou Inglaterra en 1922. Marchou vivir aos Estados Unidos, e nacionalizouse en 1931.
En 1925 converteuse na primeira persoa en ter un doutoramento en astronomía no Radcliffe College (hoxe, parte da Universidade Harvard) pola súa disertación Stellar Atmospheres, A Contribution to the Observational Study of High Temperature in the Reversing Layers of Stars (“Atmosferas estelares, unha contribución ó estudo da observación das altas temperaturas nas capas invertidas das estrelas”).
O astrónomo Otto Struve cualificou o traballo de Cecilia como “sen dúbida a tese de doutoramento en astronomía máis sobresaínte da historia”. Aplicou a teoría da ionización desenvolta polo físico Meghnad Saha para relacionar de xeito exacto a clasificación espectral das estrelas coa súa temperatura absoluta. A tese estableceu que o hidróxeno era o compoñente principal das estrelas.
Nunha viaxe posterior por Europa en 1933 coñeceu o astrofísico ruso Sergei I. Gaposchkin en Alemaña. Axudouno a conseguir un visado para os Estados Unidos, casaron en marzo de 1934 e tiveron tres fillos. Payne-Gaposchkin seguiu en activo toda a súa vida en Harvard. Tardou varias décadas en ter un posto oficial: ata 1938 non se lle concedeu o título de “astrónoma”. En 1956 foi a primeira muller en ser profesora asociada en Harvard. Posteriormente, foi tamén a primeira en dirixir un departamento na mesma universidade.
Premios e honores
[editar | editar a fonte]- Premio Annie J. Cannon en Astronomía (1934)
- Lectura do Henry Norris Russell da American Astronomical Society (1976)
- O Asteroide 2039 Payne-Gaposchkin leva o seu nome.
Citas
[editar | editar a fonte]“ | A recompensa do científico novo é a emoción de ser a primeira persoa na historia do mundo que ve ou entende algo. Nada se pode comparar con esa experiencia… A recompensa do científico vello é a sensación de ver como un vago borrador se convertía nunha paisaxe maxestosa. | ” |
— Cecilia Payne-Gaposchkin |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gratzer, Walter (2004). "148. Un mundo de hombres". Eurekas y euforias (Eurekas and Euphorias) (en castelán). Barcelona: Crítica. p. 367. ISBN 84-8432-558-X.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cecilia Payne-Gaposchkin |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cecilia Payne-Gaposchkin: An Autobiography and Other Recollections, Cecilia Payne-Gaposchkin, Katherine Haramundanis, ed. (Cambridge University Press, Cambridge, 1984).
- Claramunt Vallespí, Rosa; Claramunt Vallespí, Teresa (2012). MUJERES EN CIENCIA Y TECNOLOGIA. UNED. ISBN 9788436264210.
- Tsjeng, Zing (2020). Mujeres olvidadas : las científicas. Madrid. ISBN 978-84-415-4214-3,
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cecilia Payne-Gaposchkin: Astronomer and Astrophysicist, 1900-1980 (“The Most Brilliant Ph.D. Thesis Ever Written in Astronomy” by Owen Gingerich)
- Obituarios
- Physics Today 33 (1980) 64
- QJRAS 23 (1982) 450