O caso de violación grupal de Delhi do 2012 foi un caso de violación en grupo e asalto mortal que ocorreu o 16 de decembro de 2012 en Munirka, un barrio do distrito sur de Delhi. O incidente produciuse cando unha rapaza de 23 anos interna de fisioterapia, Jyoti Singh[1] foi agredida, violada e torturada nun autobús no que viaxaba co seu amigo, Awindra Pratap Pandey. Había outras seis persoas no autobús, incluíndo o condutor, todos os cales violaron á rapaza e mallaron no seu amigo. Trece días despois do ataque, foi transferida a un hospital de Singapur para tratamentos de emerxencia, pero morreu por mor das feridas dous días despois.[2][3] O caso xerou grande atención nacional e internacional, e as protestas contra os gobernos central e estatal por non protexer axeitadamente ás mulleres tiveron lugar en Nova Delhi, onde milleiros de manifestantes se enfrontaron ás forzas de seguridade. Protestas semellantes tiveron lugar nas principais cidades do país. Debido a que a India non permite á prensa publicar o nome das vítimas de violación, a vítima foi coñecida como Nirbhaya, que significa "sen medo", e a súa vida e morte convertéronse nun símbolo da loita feminina de rematar coas violacións e a común práctica de atacar a vítima como responsable do suceso.
Arrestouse a todos os imputados, acusados de agresión sexual e asasinato. Un dos acusados, Ram Singh, morreu en custodia policial o 11 de marzo de 2013 no cárcere de Tihar.[4] Segundo algúns artigos publicados, a policía dixo que Ram Singh se colgou, mais os avogados da defensa e a súa familia sospeitan que o asasinaron.[5] O resto dos acusados foron levados a xuízo e a acusación presentou as súas probas o 8 de xullo de 2013.[6] Os acusados menores foron condenados por violación e asasinato e recibiron a sentenza máxima, tres anos nun reformatorio.[7] O 10 de setembro de 2013, os catro acusados adultos foron declarados culpables dos cargos e tres días despois foron condenados a morte por aforcamento.[8][9][10]