Cao Xueqin
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (zh) 曹霑 12 de xullo de 1724 Nanjing (Dinastía Qing) |
Morte | 1763 ↔ 10 de xuño de 1765 (35/45 anos) Pequín (Dinastía Qing) |
Relixión | Budismo |
Actividade | |
Lugar de traballo | China |
Ocupación | escritor, novelista, autor de poesía ci, pintor, poeta, filósofo |
Pseudónimo literario | 曹雪芹 |
Participou en | |
Patrimonio Cultural Inmaterial Municipal de Pequín | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Eminent Chinese of the Ch'ing Period (en) |
Cao Xueqin (chinés tradicional e simplificado. 曹雪芹; pinyin: Cáo Xuěqín; Wade-Giles: Ts'ao2 Hsüeh3-ch'in2), nado o 4 de abril de 1710 e finado o 10 de xuño de 1765, foi un novelista, pintor e poeta chinés da dinastía Qing. É coñecido por escribir Hong lou meng ("O soño do pavillón vermello"), unha das Catro Novelas Clásicas Chinesas. O seu nome de nacemento era Cao Zhan (曹霑), e o seu nome de cortesía Mengruan (夢阮).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Cao Xueqin naceu no seo dunha familia de mandaríns en decadencia, que formaban parte dunha das oito bandeiras de Qing. Viviu no luxo até 1728, cando o emperador Qianlong confiscou todos os bens dos Cao aducindo unhas supostas débedas co goberno.[1] Sumidos na miseria, abandonaron a capital do sur, Nanjing. Cao Xueqin trasladouse a Beijing, onde viviu só, en reclusión. O escritor manchú Yu Rui (1771-1828) describiuno así despois do seu pasamento:[2]
Souben grazas a uns amigos, parentes políticos do autor, que era de complexión robusta, pel morena e grande elocuencia, elegante e divertido a un tempo: todo o que falaba facía nacer a primavera.
A información dispoñible sobre o autor provén sobre todo de descricións dos seus amigos e contemporáneos. Tratábase dun gran poeta. Dun Cheng, que en 1757 era funcionario de aduanas en Hebei, escribiu sobre as orixes gloriosas do seu amigo, laiándose da súa actual miseria. Comparou a poesía do seu amigo coa do poeta Li He (791-817), da dinastía Tang. Por el sabemos que vivía nunha situación de penuria, mal vestido e cheo de piollos.[2] Segundo a meirande parte das fontes, Cao mantíñase grazas as súas pinturas, mentres traballaba na súa obra mestra, á que lle dedicou máis de dez anos.
Cao faleceu entre 1763 e 1764, deixando un manuscrito case rematado do Hong lou meng.
Obra
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: O soño da cámara vermella.
Cao Xueqin acadou a fama postumamente a través da súa obra. Hong lou meng é un vívido retrato dunha familia ilustre dende o cumio do seu poder até a súa caída, polo que moitos a consideran un relato parcialmente autobiográfico.[3] Un reducido grupo de amigos e familiares transcribiron o texto tras o seu pasamento, aínda que xa circulaban copias manuscritas duns oitenta capítulos en Beijing pouco despois da súa morte.
En 1791, Cheng Weiyuan e Gao E editaron e publicaron unha versión, supostamente completa, en cento vinte capítulos. Trátase da primeira versión impresa da obra. Un ano máis tarde, reimprimiuse con revisións. Esta última é a edición máis empregada do libro. Porén, moitos expertos poñen en dúbida a autoría dos derradeiros corenta capítulos.[4]
Pintura
[editar | editar a fonte]Cara ao 1760, Cao ofreceu unha das súas pinturas a Du Min, quen escribiu un poema louvando o seu carácter desenvolto. A venda destes cadros foi a súa principal fonte de ingresos, xa que rexeitou facerse pintor oficial. Un dos temas recorrentes da súa arte son as rochas, un obxecto típico na tradición pictórica chinesa.
Influencia
[editar | editar a fonte]A forma e o estilo da obra de Cao Xueqin foron unha referencia esencial da novela chinesa posterior. O escritor Lao She (1899-1966) inspirouse na narrativa xeracional do Hong lou meng para escribir a súa novela río Si shi tong tang ("Catro xeracións baixo un mesmo teito", 1944). No mesmo sentido, influenciou a célebre Jia ("Familia", 1933), de Ba Jin (1904-2005).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Alézaïs & Li 1979, p. xvii.
- ↑ 2,0 2,1 Alézaïs & Li 1979.
- ↑ VV. AA. 2022, p. 198.
- ↑ Briggs 1989.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alézaïs, Jacqueline; Li, Tche-houa (1979). "Introduction". Le Rêve dans le pavillon rouge, tome I (en francés). Gallimard. ISBN 9782070110193.
- Briggs, Asa (1989). The Longman Encyclopedia (en inglés). Longman. ISBN 9780582916203.
- VV. AA. (2022). Timelines of World History (en inglés). DK Publishing. ISBN 978-0-7440-5627-3.