Biafra
Republic of Biafra (en) | |||||
Himno | Land of the Rising Sun (pt) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Capital | Enugu (pt) Owerri (pt) Umuahia (pt) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 13.500.000 (174,63 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | Lingua ibo lingua inglesa | ||||
Relixión | cristianismo e Animismo | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 77.306 km² | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 1967 | ||||
Disolución | 1970 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república | ||||
Moeda | Biafran pound (en) | ||||
Biafra foi o nome que tomou a rexión sueste da Nixeria ao proclamar a súa independencia o 30 de maio de 1967. A rexión foi novamente incorporada a Nixeria o 15 de xaneiro de 1970.
No intre da súa constitución, o estado biafreño ocupaba uns 76.400 km² e estaba habitado por uns 13 millóns de persoas, a metade deles pertencentes á etnia ibo (tamén coñecidos como igbos e iboleses). Recibiu o seu nome da baía de Biafra, que Nixeria renomeou posteriormente co nome de baía de Bonny.
Historia
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 1966 houbo un intento de golpe de Estado en Nixeria, comandado por oficiais de etnia ibo, que resultou cruento e breve. En maio e setembro do mesmo ano grupos de emigrantes ibos foron obxecto de matanzas en masa no norte de Nixeria. A maior parte dos 8 millóns de ibos de Nixeria vivían no que daquela se coñecía como Rexión Oriental de Nixeria, que tiña por gobernador militar ó tenente coronel Chukwuemeka Odumegwu Ojukwu, un ibo. Foi el quen declarou Estado independente á rexión, coa autorización dunha asemblea consultiva[1], localizando a capital en Enugu, mentres as súas tropas comezaron a confiscar recursos federais do Estado nixeriano, como os vehículos postais de circulación interna do país.
Biafra foi recoñecida por cinco países: Gabón, Haití, Costa do Marfil, Tanzania, e Zambia. Outras nacións mostraron apoio a Biafra sen recoñecela oficialmente. Así, Francia, Portugal, Rodesia e Suráfrica proveron asistencia militar e financeira. Israel subministrou a Biafra as armas capturadas na Guerra dos Seis Días. Porén, o apoio clandestino de Suráfrica (que practicaba o apartheid) e Portugal (que mantiña colonias no continente) disuadiu a máis Estados africanos, que doutro xeito poderían apoiar a causa biafreña.
Inicialmente Nixeria respondeu cun bloqueo económico, pero o 6 de xullo de 1967 comezou a levar tropas á zona. Tras algúns éxitos iniciais por parte do novo Estado, como a ocupación da rexión do oeste medio de Nixeria en xullo e agosto, as tropas federais nixerianas invadiron a zona e iniciaron unha guerra de exterminio na que levaron a iniciativa e reconquistaron progresivamente o territorio, mentres as biafreñas limitábanse a contraatacar. O avance nixeriano obrigou a que a capital biafreña fose transferida de Enugu, primeiro a Aba, cara a finais de ano a Umuahia e finalmente a Owerri en 1969.
Antes de 1970 Biafra quedara arrasada pola guerra e necesitaba alimentos urxentemente. En medio do afundimento económico e militar, Ojukwu fuxiu do país, e o resto do territorio da República foi reincorporado a Nixeria.
O conflito puido cobrar a vida de entre 800.000 e un millón de persoas (algunhas fontes falan dun millón e medio), a maioría delas vítimas da fame e das enfermidades. O feito de poder soster a guerra durante tres anos, dado o nivel de subdesenvolvemento de ámbolos dous contendentes, só foi posible mercede á internacionalización do conflito e á posterior intervención das grandes potencias mundiais en apoio dunha ou outra facción. A propia secesión foi alentada en gran medida por intereses estranxeiros en territorio biafreño, centrados na súa riqueza mineira, principalmente petróleo.
Miscelánea
[editar | editar a fonte]O himno nacional de Biafra utilizaba a melodía do poema sinfónico de Jean Sibelius Finlandia.
Este conflito inspirou ó músico Jello Biafra, cantante dos Dead Kennedys, para a elección do seu nome artístico.