Saltar ao contido

Batalla de Falkirk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Falkirk
Parte de Primeira Guerra de Independencia de Escocia

Falkirk, lugar da batalla
Data 22 de xullo de 1298
Lugar Falkirk, Escocia
Resultado Vitoria decisiva de Inglaterra
Belixerantes
Reino de Escocia Reino de Inglaterra
Líderes
William Wallace, gardián de Escocia Eduardo I de Inglaterra
Forzas en combate
6 000 homes
  • 1 000 cabaleiros que abandonaron tras cargar contra a outra forza de cabalería, superior en número e adestramento[1]
  • 5 000 de infantaría
15 000 homes[2]
  • 2 500 cabaleiros[3]
  • 12 500 de infantaría[2]
Baixas
Preto de 2 000 mortos, 1 000 fuxidos[4] 2 000 mortos[5]

A Batalla de Falkirk, (Blàr na h-Eaglaise Brice en gaélico escocés) foi un conflito militar que tivo lugar o 22 de xullo de 1298, e foi unha das maiores batallas da Primeira Guerra de Independencia de Escocia. Liderado polo Rei Eduardo I de Inglaterra, o exército inglés derrotou ós escoceses, liderados por William Wallace. Pouco despois da batalla, Wallace renunciou ó título de Gardián de Escocia.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Eduardo I estaba en campaña contra os franceses en loita pola rexión de Flandres cando xa sufrira unha derrota na Batalla da ponte de Stirling no norte de Escocia. Despois de pactar unha tregua co rei francés Filipe IV, volveu a Inglaterra en marzo de 1298 e inmediatamente comezou a organizar un grande exército para a segunda invasión de Escocia. Nos preliminares da campaña Eduardo trasladou o centro do goberno inglés á cidade de York, onde residiría durante os seguintes seis anos. O consello de guerra para preparar os últimos detalles para a invasión fíxose nesta cidade no mes de abril. Tódolos señores escoceses foron convocados polo rei inglés, pero, cando ningún deles apareceu, foron condenados por traizón. Entón, Eduardo ordenou que o seu exército se reunise en Roxburgh o día 25 de xuño. As forzas que se xuntaron foron: 3 000 cabaleiros, 4 000 soldados de cabalería lixeira, 12 500 de infantaría, incluíndo moitos galeses armados con potentes e certeiros arcos de longo alcance, e 500 mercenarios gascóns. As forzas de Wallace compoñíanse de 1 000 soldados de cabalaría e mais de 5 000 de infantaría.

A comezos de xullo, comezou a marcha dos ingleses cara ao norte. William Wallace, agora Gardián de Escocia, ordenara que se utilizase a táctica de terra queimada, negando os víveres ós invasores. Os escoceses cederon terreo, chegando os ingleses a unhas paraxes onde xamais estiveran. Os víveres por mar, pedidos por Eduardo, atrasáronse polo mal estado das augas; e cando os ingleses chegaron ó centro de Escocia, estaban famentos. A infantaría galesa en particular andaba mal de moral e amotinouse. Eduardo enfrontouse á perspectiva dunha vergonzosa retirada, que sería unha das características das campañas do seu fillo no reinado seguinte. Mentres, William Wallace establecérase intelixentemente no bosque de Callendar, preto de Falkirk, a só trece millas de distancia, para perseguir a retirada dos ingleses.

A batalla

[editar | editar a fonte]
Primeira fase da batalla. Carga da cabalería inglesa, rexeitada.

O exército escocés, composto por lanceiros campesiños como en Stirling, estaba disposto en catro grandes formacións de ourizo. As longas lanzas eran de varios metros e daban forma a unha defensa aparentemente inexpugnable. Os ocos entre as formacións escocesas foron ocupados por arqueiros con arcos de curto alcance, e na retagarda estaba a pequena tropa de cabalería, procedentes de Comyns (Clan Cumming) e doutros nobres.

O martes 22 de xullo, a cabalería inglesa, dividida en tres batallóns, finalmente caeu de cheo no corazón das forzas escocesas. O flanco esquerdo estivo comandado por Roger Bigod e o dereito por Anthony Berk, bispo de Durham, mentres o rei Eduardo comandaba o centro, na parte traseira da vangarda. Berk intentou manter a posición ata que chegara o rei Eduardo, pero os seus cabaleiros desoírono e atacaron a tropel, nun desorganizado batallón que acabou pechado entre os dous flancos da armada de Wallace. O terreo retumbou polas galopadas dos xinetes e os lanceiros escoceses preparáronse para o impacto. A visión deste feito foi demasiado para a cabalería escocesa, que deu media volta e foise do campo de batalla. Pero as formacións escocesas mantivéronse firmes, asimilando a forza do impacto. Os cabaleiros ingleses non se amedrentaron polo bosque de lanzas e foron empalados. Un gran número de cabalos foron aniquilados baixo os seus xinetes. Eduardo chegou a tempo para presenciar o desconcerto da súa cabalería e axiña restaurar a disciplina. Ordenou a retirada da cabalería e preparouse para empregar as táctica que lle outorgaran a vitoria contra os galeses na batalla de Maes Moydog en 1295.

Segunda fase. Ataque dos arqueiros galeses contra a formación escocesa.

A pesar de saír ben parada da loita contra os cabaleiros ingleses, a formación de falanxe escocesa foi illada e bloqueada dentro da estática formación defensiva. Eduardo xuntou entón ós seus arqueiros cos dos outros batallóns e atacou mediante varias choivas de frechas á formación defensiva escocesa. Os escoceses non tiñan onde agocharse xa que estaban totalmente parados na súa nova posición, cousa que facilitou que os arqueiros ingleses deran de cheo no branco dos seus obxectivos. Os escoceses foron esnaquizados. Un gran número de homes caeron mortos, incluído Macduff (Clan Macduff), que gobernaba a rexión de Fife. Os superviventes, incluído William Wallace, fuxiron o mellor que puideron. Esta foi a primeira gran vitoria dos arqueiros en batalla campal.

  1. Barrow, G. W. S. Robert Bruce and the Community of the Realm of Scotland, 1976 and Fisher, Andrew (2002), William Wallace (2nd ed.), Edinburgh: Birlinn, ISBN 1-84158-593-9
  2. 2,0 2,1 UK. Battlefields, Battle of Falkirk
  3. UK. Battlefields, Falkirk I
  4. Fisher, Andrew (2002), William Wallace (2nd ed.), Edinburgh: Birlinn, ISBN 1-84158-593-9
  5. Prestwich p.481

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]