Saltar ao contido

Barroco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Barroca»)

O Barroco é un movemento cultural e artístico que tivo lugar principalmente durante o século XVII e boa parte do XVIII. O termo provén do francés baroque, de baroco, figura de siloxismo que os renacentistas aplicaban aos razoamentos absurdos, cruzado co portugués barroco, perla irregular ou, por extensión, xoia falsa.[1]

A cultura barroca nace dunha situación histórica concreta, que é a crise económica e social que as monarquías absolutistas e a Contrarreforma non puideron ocultar. Por esa razón, o home desa época refuxiouse nos avances da ciencia e na expresión artística e literaria. O Barroco caracterízase tanto polo esplendor artístico e cultural como pola decadencia social e económica.

O Barroco é unha reacción fronte ao manierismo, movemento elitista, complicado e intelectual e, en xeral, á orde estética renacentista, de beleza equilibrada e razoable. O Barroco non cifra o seu ideal na proporción bela, máis ben procura a realidade cotiá, frecuentemente tratada con extrema crueza. Ao mesmo tempo mostra gusto polo aparatoso e monumental, empregado como instrumento propagandístico tanto da monarquía como da Igrexa católica.

En varios terriitorios do reino de España, o estilo barroco culmina a comezos do XVIII con arquitectos como Churriguera, escultores como Salzillo e pintores como Velázquez, Zurbarán ou Murillo.

No contexto galego, o Barroco destacou especialmente na arquitectura, coa renovación de moitos templos e a construción de pazos e mosteiros. A fachada do Obradoiro da catedral de Santiago, exemplo do chamado "Barroco compostelán", converteuse nun dos símbolos máis representativos deste estilo en Galiza.

Arquitectura

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Arquitectura barroca.

A arquitectura barroca empregou formas máis dinámicas, cunha exuberante decoración e un sentido escenográfico das formas e dos volumes. Cobrou relevancia a modulación do espazo, con preferencia polas curvas cóncavas e convexas, pondo especial atención nas ilusións ópticas (trompe-l'œil) e no punto de vista do espectador.​

O urbanismo tamén adquiriu unha grande importancia, debido aos monumentais programas desenvolvidos por reis e papas, cun concepto integrador da arquitectura e a paisaxe, que buscaba a recreación dun continuum espacial, da expansión das formas na procura do infindo, como expresión duns elevados ideais, sexan políticos ou relixiosos.​

Baldaquino de San Pedro do Vaticano obra de Gian Lorenzo Bernini

Entre os arquitectos máis destacados cómpre citar a Bernini e Borromini. Como obras mestras da arquitectura barroca podemos destacar a Basílica de San Pedro do Vaticano, obra do mestre Bernini en Italia, o Palacio de Versalles en Francia ou a fachada da Catedral compostelá.

Artigo principal: Pintura barroca.
A rolda nocturna, 1642, de Rembrandt. A estrutura desta pintura é revolucionaria, substituíndo o tradicional retrato en grupo, estático e harmoniosamente ordenado, por un fragmento vital, desordenado e tumultuoso.

Os pintores barrocos, mediante as súas obras, buscan a expresión, o sentimento interior, a paixón, o temperamento, o movemento e a profundidade, como se pode observar na obra de Velázquez As fiandeiras. Tamén destaca o pintor italiano Caravaggio e o seu dominio da técnica do claroescuro, e nos Países Baixos destaca Rembrandt.

Con este estilo, nacen unha nova clientela, na que está a alta burguesía, a burguesía media acomodada, os nobres, a igrexa, as institucións públicas etc.

Os cadros constan dunha temática variada: relixiosa, mitolóxica, retratos da vida cotiá, paisaxes, naturezas mortas, bodegóns, escenas de caza...

Brotan novos artistas especializadas para as temáticas:

Escultura

[editar | editar a fonte]
Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, vista do retablo, teito e coro.
Artigo principal: Escultura barroca.

A escultura barroca está moi vinculada coa arquitectura, como por exemplo, nos retablos, pois foron os temas relixiosos ou, na súa falta, inspirados na mitoloxía clásica nos que máis abonda a produción deste movemento. Entre os escultores destaca sobre todo Bernini na Península Itálica.

Artigo principal: Música barroca.
'Instrumentos musicais', do pintor barroco lombardo Baschenis.

A música barroca floreceu en Europa con formas como a ópera, a sonata e o concerto, e compositores como Bach, Vivaldi ou Händel. Tamén se expandiu a Iberoamérica a través das misións relixiosas e fusionouse con tradicións indíxenas dando lugar ao barroco misional.[2]

Literatura

[editar | editar a fonte]

O teatro barroco no reino de España acadou o seu máximo esplendor no chamado Século de Ouro, con autores como Lope de Vega, Calderón de la Barca e Tirso de Molina. Isto contrasta coa escasísima produción literaria en galego, que se atopa nos chamados séculos escuros.

A produción dramática caracterizouse pola combinación de elementos traxicómicos, a ruptura das unidades clásicas e unha maior complexidade estrutural. En Francia, Pierre Corneille introduciu elementos barrocos no seu teatro, pero axiña foi desprazado polo clasicismo máis regrado de Racine e Molière. En Portugal, Gil Vicente xa iniciara o teatro moderno, pero no período barroco destacou sobre todo o teatro relixioso e os autos sacramentais. En Inglaterra, as obras de Shakespeare, anterior ao período barroco pleno, aínda influía no drama do s. XVII, que se caracterizou pola linguaxe artificiosa e os xogos conceptuais. O dinámico teatro isabelino deu paso a un teatro máis escuro e estilizado no período xacobeo e carolino, con autores como John Webster e Thomas Middleton, que acentuaron o desengano, a violencia e a complexidade barroca.

Suze sina razmetnoga é un poema barroco épico-relixioso do croata Ivan Gundulić inspirado na parábola bíblica do fillo pródigo do Evanxeo de Lucas.

A poesía barroca en diversas linguas caracterizouse pola complexidade estilística e a exploración do desengano e da fugacidade da vida (tempus fugit), o artificio e o contraste, como reacción á harmonía renacentista e no contexto dunha época de crises sociais e relixiosas.

En castelán destacaron Quevedo e Góngora, exponentes do conceptismo e do culteranismo, respectivamente. O galego durante ese tempo case desapareceu como lingua literaria, quedando relegado ao ámbito oral e algúns textos de literatura popular. A produción escrita estaba dominada polo castelán debido á política lingüística da época e o clima social e cultural do momento, que asumía como natural a falta de prestixio do galego, considerándoo inapropiado para a creación literaria culta e dando por feito que nunca o fora. Ademais, algúns autores en castelán expresaron actitudes galegófobas, ridiculizando a lingua e o pobo galego e asociándoo á rusticidade ou á ignorancia, como se pode ver en textos satíricos de Quevedo e moitos outros autores.[3]

No reino de Portugal, a lírica barroca reflectiuse na poesía de soror Violante do Céu e outros poetas sacros. Na Península Itálica, Giambattista Marino foi o máximo representante do marinismo, unha corrente que potenciaba a ornamentación da linguaxe. En Inglaterra, John Donne e os poetas metafísicos exploraron temas relixiosos e filosóficos con recursos barrocos.

A prosa barroca destacou polo seu estilo elaborado e os seus recursos conceptistas. En castelán, Miguel de Cervantes marca a transición á época barroca. O Quixote combina a influencia das novelas de cabalaría e o idealismo renacentista co desengano, ironía e complexidade do Barroco. Ás veces a súa obra é considerada propiamente barroca;[4] reflicte a inestabilidade barroca, pero sen o artificio extremo, situándose entre o prebarroco e no inicio do Século de Ouro español. Baltasar Gracián desenvolveu a prosa filosófica e moral con obras como El Criticón, e Mateo Alemán consolidou a novela picaresca con Guzmán de Alfarache, un xénero que exploraba a sociedade a través da mirada crítica dun protagonista marxinal.

En francés, a novela barroca máis representativa é L’Astrée de Honoré d’Urfé. En Portugal, os sermóns do Padre António Vieira destacan pola súa forza argumentativa e expresiva. En lingua inglesa, Paradise Lost de John Milton é unha das grandes obras deste período, combinando complexos temas teolóxicos e filosóficos.

Co tempo, a exuberancia barroca foi substituída pola racionalidade do Neoclasicismo no século XVIII, aínda que certas características do Barroco persistiron na estética do Romanticismo.

Escaleira tripla de caracol en San Domingos de Bonaval, por Domingo de Andrade.

O Barroco galego

[editar | editar a fonte]

O esplendor do Barroco coincide cun momento de gran transformación social e económica de Galiza, coa fidalguía de pazo e a Igrexa como clases directoras da sociedade.[5]

O Barroco é un dos períodos culminantes da historia da arte galega, en especial no caso da arquitectura e da retablística, de xeito tal que dende o Románico non se asistira a un afán semellante de renovación das fábricas relixiosas coma o que se vai desenvolver desde mediados do século XVII até a segunda metade do seguinte. Galiza asiste entón, tanto a nivel urbano coma rural, a un fenómeno de transformación das súas estruturas arquitectónicas e urbanas só comparable aos momentos culminantes de épocas históricas anteriores.

Con todo, a época barroca en Galiza presenta un paradoxo: mentres a escultura e a arquitectura adquiriron un enorme desenvolvemento cun carácter reivindicativo da identidade galega, segundo o historiador Alfredo Vigo,[6] a literatura en lingua galega case desapareceu. O galego, sometido a un proceso de marxinación durante os chamados Séculos Escuros, perdeu presenza na escrita culta, quedando relegado á oralidade e ás manifestacións populares (aínda que descubrementos recentes indican que tampouco foran séculos sen ningunha produción en galego). A literatura popular galega, transmitida oralmente, conservou trazos barrocos como a hipérbole, o artificio e o desbordamento imaxinativo, pero ao non estar escrita, quedou fóra da historiografía literaria do Barroco

Blanco Amor afirmaba que o barroquismo é consustancial ao galego.[7] Porén, esta riqueza expresiva non tivo neses séculos continuidade na literatura escrita, xa que os mecenas da época impulsaban a arte e a arquitectura, pero non tanto a produción literaria en galego. Hai que resaltar o rol tido polo Cabido da catedral de Santiago neste pulo renovador, xa que a súa privilexiada situación económica, así coma o afán por conservar a catedral coma un dos edificios máis significativos da Cristiandade, levárono a se converter no decidido defensor dunha nova opción artística, a barroca, que desde alí irradiará por toda Galiza da man de arquitectos coma Domingo de Andrade, Casas Novoa ou Ferro Caaveiro.

Entre as principais obras relixiosas salientan en Compostela a fachada do Obradoiro da catedral e a súa torre do reloxo, a fachada do mosteiro de San Martiño Pinario ou a Casa do Cabido. Outras construcións de sona son a a capela da Virxe dos Ollos Grandes, na catedral de Lugo, e a igrexa do mosteiro de Oseira. Na arquitectura civil, é a época dos pazos, nos que salienta o pazo de Oca.

A recuperación económica que se dá en Galiza a partir dos primeiros anos do século XVIII vai propiciar a aparición dunha nova clientela, a pequena nobreza, moitas veces segundos de grandes familias, cuxos primoxénitos se trasladaran para a Corte. Estes segundos acometen entón, a construción de pazos, contrapunto da arquitectura eclesiástica.

  1. Definición de barroco, -ca no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. MusicaAntigua.com (2012-10-17). "Música en las Reducciones Jesuitas: Archivos musicales de Chiquitos y Moxos" (en castelán). Consultado o 2025-02-17. 
  3. Pontevedra, Silvia R. (2024-05-17). "Medio milenio de galaicofobia: de los Reyes Católicos a la televisión, de la burla al asesinato". El País (en castelán). Consultado o 2025-02-17. 
  4. "¿Qué tiene que ver Miguel de Cervantes con el Barroco?". www.ismos.es. Consultado o 2025-02-17. 
  5. Villares, Ramón (2004). Historia de Galicia. Editorial Galaxia. 
  6. VIGO, MAR MATO- (2012-12-19). "El estilo barroco fue en Galicia una arquitectura nacionalista". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2025-02-17. 
  7. "El templo barroco de Blanco Amor". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-02-27. Consultado o 2025-02-17. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre arte é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.