Saltar ao contido

Animatrix

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Animatrix
Logo do filme.
Ficha técnica
Título orixinalThe Animatrix
DirectorKoji Morimoto
Shinichirō Watanabe
Mahiro Maeda
Peter Chung
Andy Jones
GuiónAndy Wachowski
Larry Wachowski
Koji Morimoto
Shinichirō Watanabe
Mahiro Maeda
Peter Chung
Andy Jones
IntérpretesHedy Burress
James Arnold Taylor
Clayton Watson
Julia Fletcher
Kevin Michael Richardson
Pamela Adlon
MúsicaDon Davis
Machine Head
Photek
MontaxeChristopher S. Capp
DistribuidoraWarner Home Video
Estrea2003
Duración101 minutos[1]
Orixe Xapón
Estados Unidos de América Estados Unidos
Australia Australia
XéneroAnimación, Ficción científica
Na rede
http://www.intothematrix.com
IMDB: tt0328832 Filmaffinity: 768114 Allocine: 49543 Rottentomatoes: m/animatrix Allmovie: v576053 TCM: 547144 TV.com: movies/the-animatrix Netlix: 60027495 Editar o valor en Wikidata

The Animatrix (アニマトリックス, Animatorikkusu) é unha serie de curtas animadas ó estilo anime do mundo de ficción da triloxía The Matrix. É unha recompilación de nove curtas creadas por famosos debuxantes xaponeses, que destacan pola orixinalidade e a variedade dos gráficos.

The Final Flight of the Osiris

[editar | editar a fonte]

Curtametraxe no que se narran os derradeiros minutos da tripulación da nave Osiris. Esta nave realiza unha viaxe de exploración durante a cal descobre un exército de 250.000 sentinelas que as máquinas reúnen na superficie da Terra co fin de realizar un ataque a Zion e acabar coa resistencia humana. Os sentinelas decátanse da súa presenza e comezan a persecución da nave. Unha das tripulantes da Osiris entra en Matrix para deixar unha mensaxe a través do correo postal, advertindo da existencia dese exército. Ese mensaxe chégalles ós habitantes de Zion no filme The Matrix Reloaded.

The Second Renaissance

[editar | editar a fonte]

Violenta curtametraxe na que se narra a situación anterior á guerra coas máquinas, cal foi o motivo que a provocou e como rematou. Está dividido en dúas partes.

Na primeira parte cóntase que os robots foron creados polos seres humanos "á súa imaxe e semellanza" como se di no filme, para realizar traballos pesados. A sociedade humana deixouse levar pola a vaidade, a corrupción e a decadencia. Nun vídeo amósase o xuízo ó robot B1-66ER que asasinou o seu dono, quen pretendía destruílo. No xuízo o avogado amparouse no dereito de destrución da propiedade privada, ó que o robot dixo que "el só quería vivir". Aínda que houbo un debate sobre a necesidade de que un robot recibise, por existir como ser racional, un xuízo xusto, a reacción dos líderes políticos da humanidade foi ordenar a execución de B1-66ER, e de tódolos robots da súa clase. O odio cara aos robots foi en aumento, e as máquinas foron masacradas en gran número.

Desterradas da humanidade, as máquinas buscaron a súa propia terra prometida e establecéronse no antigo berce da civilización, Oriente Medio, un lugar onde puideron "procrear" e mellorar o seu deseño, incluíndo unha nova e máis adiantada intelixencia artificial, nomeando á cidade 01. Ese Estado, prosperou pola eficiencia das máquinas e isto captou á maior parte dos investimentos de capital do planeta, causando unha gravísima crise no sistema económico mundial. O resto dos estados do mundo tomaron represalias contra a nova nación, como bloqueos navais. Os embaixadores de 01 pediron ser admitidos nas Nacións Unidas pero a súa solicitude foi rexeitada unha e outra vez.

Na segunda parte a humanidade decidiu realizar un bombardeo nuclear sobre 01, co fin de rematar coas máquinas para sempre. Pero as máquinas resistiron a calor e a radiación, e levaron a cabo unha exitosa contraofensiva na que conquistaron gran parte do planeta.

Os líderes políticos e militares, cada vez máis desesperados, concibiron unha derradeira solución: escurecer a atmosfera para poñer fin á fonte de enerxía das máquinas, o Sol. Aínda que nun principio tiveron éxito, as máquinas comezaron a crear novos modelos máis poderosos, e a humanidade foi derrotada.

As máquinas, privadas da luz solar, experimentaron cos seres humanos (convertidos na súa maioría en seres eivados e feridos) ata que tiveron coñecemento abondo para empregalos como nova fonte de enerxía.

A rendición dos humanos asínase cando as máquinas conseguen "cultivar" humanos. Os dous termos da rendición son o cultivo de humanos por parte das máquinas e a morte de tódolos humanos non conectados a Matrix.

Kid's Story

[editar | editar a fonte]

Un adolescente comeza a facerse preguntas que o levan a sospeitar da existencia de Matrix. Toma contacto con Neo nun chat, e este daralle pouco a pouco as pistas axeitadas.

Un día, no medio da clase, o rapaz recibe unha chamada ó móbil. A voz de Neo alértao: descubriron que o sabe todo e van por el. O rapaz escapará a través dunha escola chea de axentes, coa axuda do seu monopatín, ata que se ve acurralado nunha situación límite e deberá tomar unha decisión extrema. Saltar dende o tellado do colexio antes de ser capturado polos axentes. Nese momento o rapaz autorrealízase e esperta no mundo real.

(Retómase a situación dun ser humano conectado que busca respostas desesperadamente e esperta axudado polos rebeldes do mundo real, dun modo similar ó que xa experimentou Neo en The Matrix).

Este é o mesmo rapaz que aparece en The Matrix Reloaded cando a nave de Morfeo chega a Zion para ser recargada. Neste punto dille a Neo que está alí por el e que este o salvou, ó que Neo lle responde que foi el quen se salvou a si mesmo.

Unha rebelde atópase nun programa de adestramento corrente, cando un dos seus compañeiros irrompe no mesmo para facerlle unha sinistra proposta: vai vender a toda a tripulación da aeronave ás máquinas. O pacto do traidor consiste en ser conectado a Matrix de novo a cambio da vida do resto, e a protagonista deberá enfrontarse a un duro dilema: unirse ó traidor ó que ama ou loitar contra el para salvar ó resto da tripulación e defender a verdade que ela cre.

World Record

[editar | editar a fonte]

Do mesmo xeito que os rebeldes humanos poden chegar a desafiar as leis físicas de Matrix porque son conscientes de que se trata só dunha simulación que experimentan no seu cerebro, un atleta de elite percorre o mesmo camiño, aínda que á inversa: grazas á súa impresionante disciplina mental e física, achégase perigosamente ós límites do imposible cada vez que corre os 100 metros lisos, batendo unha e outra vez o récord mundial (en inglés World Record). Na súa carreira máis importante, baterá as barreiras do posible dentro de Matrix, e por un momento ollará a Matrix tal e como é na realidade. Os axentes tentarán detelo, pois unha mente así é demasiado perigosa para o sistema.

Un grupo de nenos xoga nunha casa abandonada, que todos cren enmeigada, porque alí prodúcense estraños fenómenos (falta de gravidade, descontinuidades temporais etc.). En realidade son erros na programación de Matrix, que os axentes non tardarán en arranxar.

A Detective Story

[editar | editar a fonte]

Un detective recibe de xeito anónimo o seguinte encargo: atopar a unha terrorista coñecida como Trinity. Tras moito investigar, o detective comeza a intuír que hai algo que non encaixa arredor desta misteriosa muller. Finalmente, Trinity proporcionaralle as pistas necesarias para ir a unha cita con ela. Trinity someterá a unha proba ó detective, pero a súbita intervención dos axentes rompe o encontro de forma imprevista.

Carrie-Anne Moss dobra, ela mesma, o personaxe de Trinity.

O director desta curta, como o de "Kid's Story", é Shinichirō Watanabe. Director con gran prestixio, grazas a producións animadas como Samurai Champloo ou Cowboy Bebop.

Matriculated

[editar | editar a fonte]

Nesta curta pódese apreciar a un grupo de rebeldes desconectados de Matrix. Subsisten na superficie do mundo real, lonxe de Zion e dos que naceron fóra de Matrix.

Atraen a todo tipo de seres e máquinas, ás que debilitan para poder introducilas nunha simulación de Matrix destinada a "humanizar" ás máquinas e convertelas en aliadas. Este feito pódese apreciar nos perceptores de imaxe que incorporan a gran maioría delas, xa que a cor pasa de vermello a verde.

A curta trata sobre unha máquina en concreto, e como pasa de inimigo a aliado. Durante a simulación, a máquina adquire forma antropomórfica, o que axuda á máquina a ter sentimentos. Nesta simulación fan que a rapaza protagonista o salve duns misteriosos tentáculos, e despois no mundo real, a máquina encárgase de devolverlle o favor.

  1. British Board of Film Classification, ed. (5 de xuño de 2003). "THE ANIMATRIX (15)". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2015. Consultado o 18 de maio de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]