Saltar ao contido

Amy (documental)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Amy
Ficha técnica
DirectorAsif Kapadia
Produtor
IntérpretesAmy Winehouse
Música
FotografíaMatt Curtis
MontaxeChris King
Estudio
  • Film4 Productions
  • Krishwerkz Entertainment
  • On The Corner Films
  • Playmaker Films
  • Universal Music
DistribuidoraAltitude Film Distribution
EstreaFrancia 16 de maio de 2015 (Cannes)
3 de xullo de 2015
Duración128 minutos[1]
OrixeReino Unido Reino Unido
Orzamento$ 3.4 millóns[2]
Recadación$ 23.7 millóns[3]
Na rede
http://www.amyfilm.co.uk/
IMDB: tt2870648 Filmaffinity: 828907 Allocine: 222120 Rottentomatoes: m/amy_2015 Mojo: amy Allmovie: v631314 Metacritic: movie/amy-2015 Netlix: 80049094 Editar o valor en Wikidata

Amy é un documental británico de 2015 sobre a vida e morte da cantante e compositora inglesa Amy Winehouse, dirixido por Asif Kapadia e producido por James Gay-Rees, George Pank e Paul Bell, coproducido por Krishwerkz Entertainment, On The Corner Films, Playmaker Films e Universal Music, en asociación con Film4 Productions. A película cobre a vida de Winehouse e a súa loita contra o abuso de substancias, tanto antes como despois de alcanzar o éxito, e que finalmente provocaron a súa morte .

En febreiro de 2015 un avance do documental, titulado simplemente Amy, presentouse no acto previo á cerimonia de entrega dos premios Grammy 2015. David Joseph, director executivo de Universal Music no Reino Unido, anunciou que o documental se estrearía ese ano. Dixo ademais: "Fai un par de anos decidimos facer unha película sobre ela, a súa carreira e a súa vida. É unha película moi complicada e agarimosa. Aborda moitas cousas sobre a familia e os medios de comunicación, a fama, a adicción, pero o máis importante, captura o corazón mesmo do que ela era, que é unha persoa asombrosa e un verdadeiro xenio da música".[4] O documental fixo a súa estrea no Festival Internacional de Cinema de Cannes do ano 2015[5] e presentouse no Reino Unido no Festival Internacional de Cinema de Edimburgo.[6]

O documental foi distribuído por Altitude Film Distribution e A24, estreouse nas salas de cine o 3 de xullo de 2015 e recibiu críticas positivas. O documental obtivo 33 candidaturas e conseguiu un total de 30 premios, incluíndo o mellor documental da Academia de Cine Europea na 28ª edición dos Premios do Cinema Europeo,[7] o premio BAFTA ó mellor documental na 69ª ceriminia dos premios BAFTA, o premio Grammy ó mellor vídeo musical de formato longo na 58ª edición dos premios Grammy, o premio Óscar ó mellor documental na 88ª edición dos Óscar[8] e o mellor documental na cerimonia dos MTV Movie Awards de 2016. O éxito do documental e a música da banda sonora orixinal proporcionáronlle a Winehouse unha segunda candidatura na cerimonia dos Brit Awards do ano 2016 na categoría de "mellor solista británica".[9]

Argumento

[editar | editar a fonte]

A narrativa céntrase na vida da cantante e compositora Amy Winehouse, que foi atopada morta o 23 de xullo de 2011 a consecuencia dunha intoxicación etílica, á idade de 27 anos na súa casa en Camden, ó norte de Londres.[10]

Amy Winehouse, a personalidade obxecto do documental, nunha actuación durante o Virgin Festival, Pinlico, Baltimore no ano 2007.

O documental comeza cun vídeo doméstico mostrando a Amy Winehouse con 14 anos cantando coa súa amiga da infancia, Juliette Ashby, na festa de aniversario dunha amiga común, Lauren Gilbert, nunha casa en Southgate, Londres. O resto do documental amosa a vida da compositora, en orde cronolóxica dende a infancia, a súa carreira musical, acadando o éxito comercial co seu álbum debut, Frank (2003), e o segundo álbum e definitivo, Back to Black (2006), as súas problemáticas relacións, autolesións, bulimia, a polémica atención por parte dos medios de comunicación, e a súa caída causada pola adicción ás drogas e ó alcol, ata a súa morte no ano 2011. Winehouse aparece ó longo da película falando acerca das súas influencias iniciais e o que sentía sobre a fama, o amor, a depresión, a familia e a súa carreira musical.

Kapadia realizou máis de 100 entrevistas cos amigos e a familia de Winehouse que se combinan para proporcionar unha narrativa sobre a vida da intérprete e define "a cantante segundo as súas propias palabras".[11] A película mostra unha extensa metraxe e cancións inéditas que a cantante inglesa gravara nos anos previos á súa morte.[12] As cancións inéditas presentadas na película son 8 versións raras gravadas en vivo, como Stronger Than Me, In My Bed, What Is It About Men? e as cancións We're Still Friends de Donny Hathaway e Moon River de Johnny Mercer, de cando Winehouse participou na National Youth Jazz Orchestra con 16 anos no ano 2000 ou as cancións nunca antes escoitadas que a compositora escribiu, como Detachment e You Always Hurt The Ones You Love.

Hai numerosas imaxes de arquivo inéditas de Winehouse, como a gravación co seu amigo Tyler James nun taxi en xaneiro de 2001, indo de xira no coche e o vídeo da súa amiga Lauren Gilbert, durante unhas vacacións en Mallorca, en agosto de 2005. O documental tamén amosa varias entrevistas, como con Jonathan Ross, Tim Kash, e un divertida entrevista onde Winehouse fala sobre Dido no 2004, durante a promoción do seu álbum debut. O documental tamén inclúe unha actuación de Winehouse en directo dende Londres para a 50ª edición dos premios Grammy no ano 2008, na que conseguiu o premio ó disco do ano.

A cinta mostra tamén imaxes de cando foi gravada co seu mozo Blake Fielder-Civil, cando realizou a audición para Island Records, en febreiro de 2003, cantando I Heard Love Is Blind e algunhas actuacións. Ademais inclúe imaxes de cando gravou o seu segundo álbum en marzo de 2006 e o dueto con Tony Bennett interpretando Body and Soul en marzo de 2011, a súa última gravación antes de falecer. Tamén se amosan algunhas tomas da súa desastrosa actuación en Belgrado (Serbia) un mes antes de morrer. A película acaba coas palabras da súa vella amiga Juliette Ashby falando sobre a última conversa telefónica que mantivo con Amy Winehouse, imaxes de cando sacaron o corpo sen vida de Winehouse da súa casa en Camden e deseguido escoitase a Tony Bennett dicindo: "a vida ensínache verdadeiramente como vivila, se vives o tempo suficiente". A continuación móstranse imaxes de tres días despois, durante o seu funeral, no cemiterio de Edgwarebury e no crematorio de Golders Green ó norte de Londres. Nos créditos do final vense vídeos de Winehouse dende a infancia ata a súa morte e escoitase Amy Forever, do compositor Antônio Pinto.

Intervencións

[editar | editar a fonte]

Contribuíron de xeito destacado no documental, mediante material de arquivo e a través de entrevistas gravadas, as seguintes persoas:

  • Amy Winehouse
  • Mitchell Winehouse, seu pai
  • Janis Winehouse, súa nai
  • Raye Cosbert, representante e promotor
  • Nick Shymanksy, exrepresentante e amigo
  • Blake Fielder-Civil (como Blake Fielder), exmarido
  • Tyler James, amigo e compañeiro de piso
  • Juliette Ashby, amiga e compañeira de piso
  • Lauren Gilbert, amiga
  • Blake Wood, amigo
  • Mos Def (como Yasiin Bey), músico
  • Pete Doherty, músico
  • Tony Bennett, músico
  • Mark Ronson, produtor
  • Salaam Remi, produtor
  • Andrew Morris, gardacostas
  • Cristina Romete, doutora
  • Chip Somers, orientador sobre drogas
  • Sam Beste, pianista
  • Dale Davis, director musical e baixo
  • Shomari Dilon, enxeñeiro de son
  • 'Spiky' Phil Meynell, promotor do Trash Club
  • Monte Lipman, conselleiro de administración e director executivo de Republic Records
  • Lucian Grainge, xefe de Universal Music Group
  • Guy Moot, presidente de Sony/ATV Music Publishing no Reino Unido
  • Nick Gatfield, presidente de Island Records
  • Darcus Beese, descubridor de talentos de Island Records

Produción

[editar | editar a fonte]

No ano 2012, Universal Music contactou por primeira vez co produtor cinematográfico James Gay-Rees para saber se o equipo que levara a cabo o filme documental sobre Ayrton Senna estaría interesado en crear un proxecto sobre Amy Winehouse.

O 25 de abril de 2013, anunciouse que o equipo responsable de realizar o filme documental Senna (2010), incluído o seu director Asif Kapadia, e mais Universal Music estaban facendo unha película sobre a cantante e compositora Amy Winehouse.[13] Desvelouse que o filme se faría de xeito similar ó doccumental sobre Ayrton Senna e que se mostrarían imaxes nunca antes vistas sobre Winehouse. Kapadia e Gay-Rees declararon: "todos caeron baixo o seu feitizo. Mais traxicamente, Amy semellou derrubarse baixo a implacable atención dos medios de comunicación, as súas problemáticas relacións, o éxito internacional e o precario estilo de vida".[14] O proxecto presentouse no Festival Internacional de Cannes do ano 2013 e informouse de que o documental se estrearía no ano 2015.[15]

O documental presenta varias cancións inéditas que Winehouse rematara entre os inicios da súa carreira no ano 2003 e a súa morte. A película inclúe gravacións en vivo como There Is No Greater Love, Stronger Than Me, In My Bed, Rehab e What Is It About Men, un cover de Moon River de Johnny Mercer do ano 2000, de cando Winehouse tiña 16 anos para a National Youth Jazz Orchestra, We're Still Friends de Donny Hathaway, e cancións nunca escoitadas antes escritas pola cantante, como Detachment e a letra de You Always Hurt The Ones You Love, en combinación coas composicións de Pinto. As gravacións de Winehouse son de marzo de 2006 de cando estaba gravando o sinxelo Back to Black e tamén hai cortes e gravacións editadas das súas cancións máis coñecidas, que axudan a revelar cada unha das secuencias do filme.

Banda sonora

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Amy (banda sonora).
Amy
Álbum de Antônio Pinto e Amy Winehouse
Publicado30 de outubro de 2015
Gravación2002—2015
Duración62:42
Xénero(s)
Selo(s)Island Records
Produtor
Cronoloxía
McFarland, USA
(2015)
Amy Self/less
(2015)
Na rede
http://www.amyfilm.co.uk/
IMDB: tt2870648 Filmaffinity: 828907 Allocine: 222120 Rottentomatoes: m/amy_2015 Mojo: amy Allmovie: v631314 Metacritic: movie/amy-2015 Netlix: 80049094 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O 8 de outubro do ano 2015, Island Records anunciou que a banda sonora da película se lanzaría o 30 de outubro dese mesmo ano. A banda sonora recolle varias cancións que aparecen no documental; incluíndo as clásicas cancións de Winehouse e mais as composicións presentadas para a película polo compositor Antônio Pinto. A banda sonora lanzouse de segundas en formato vinilo no Reino Unido e Irlanda o 1 de abril de 2016.

O álbum de vinte e tres temas inclúe cancións coñecidas de Winehouse, como Stronger Than Me, Tears Dry on Their Own e Back to Black, gravacións en vivo de What Is It About Men, Rehab, We're Still Friends e Love Is a Losing Game, demos como Some Unholy War e Like Smoke; un cover de Valerie de The Zutons interpretado por Winehouse e Mark Ronson e unha versión do ano 2011 de Body and Soul interpretada por Winehouse e Tony Bennett. A banda sonora é o segundo álbum póstumo da intérprete británica.[16]

O éxito comercial e a música que acompaña o documental proporcionáronlle a Winehouse a súa segunda candidatura póstuma nos premios BRIT 2016 a "mellor solista británica", galardón que finalmente conseguiu Adele. Non obstante, o documentan obtivo un premio Grammy ó "mellor filme musical" na cerimonia dos premios Grammy do ano 2016.

Lanzamento

[editar | editar a fonte]

Amy estreouse o 3 de xullo de 2015 no Reino Unido, en Nova York e Os Ánxeles[17] e mundialmente o 10 de xullo.[18]

O documental celebrou a súa estrea o 16 de maio de 2015 na sección proxeccións de medianoite no Festival Internacional de Cinema de Cannes 2015.[5] Músicos como Haim, Leona Lewis e Emeli Sandé estaban entre os asistentes e reuníronse para o evento xunto co equipo de filmación. A película presentouse no Reino Unido no Festival Internacional de Cinema de Edimburgo en xuño de 2015.[6]

Fíxose unha proxección especial da película nos cines de todo o Reino Unido o 30 de xuño de 2015, transmitíndose en vivo durante a London GALA Premiere celebrada no cinema Picturehouse. Trala proxección o director de cine Asif Kapadia, o produtor James Gai-Rees e Nick Shymansky, amigo da cantante, responderon as cuestións que o público presentou a través de Facebook e Twitter e as preguntas que efectuou a audiencia nas salas de cine. O evento concluíu cunha homenaxe a Amy Winehouse, emitíndose o vídeo musical da intérprete do ano 2007 Love Is a Losing Game.[19]

Promoción

[editar | editar a fonte]

A campaña de prelanzamento iniciouse o 8 de febreiro de 2015 durante o evento previo á cerimonia dos premios Grammy 2015. Como parte da campaña de prelanzamento presentouse para a ocasión en Twitter un cartel cinematográfico do filme documental o 18 de marzo de 2015 e o primeiro avance saíu o 2 de abril de 2015 e tivo máis de 2 millóns de visualizacións na canle de YouTube de Altitude Film. A metraxe da campaña de prelanzamento mostra a Winehouse como unha moza ó principio da súa carreira musical respondendo cuestións acerca de como se vía a si mesma como artista e que sintía sobre a fama.

Saíron varios vídeos sobre o documental en YouTube pertencentes á campaña de prelanzamento oficial e durante toda a campaña de lanzamento en xullo, presentados por Altitude Film e A24, incluíndo vídeos sobre Winehouse falando do que sentía sobre a depresión, como tería manexado a fama nos inicios da súa carreira, cando estaba gravando con Mark Ronson como produtor o álbum Back to Black no ano 2006 e de cando foi gravada cantándolle "Parabéns para ti!" á súa amiga Lauren Gilbert no seu décimo cuarto aniversario en 1998, que recibiu máis dun millón de visualizacións en 48 horas. O primeiro vídeo da campaña de prelanzamento saíu en maio de 2015, o breve vídeo amosa un instante no que Winehouse xoga coa cámara inocentemente e canta, mentres Nick Shymanksy, membro do seu equipo de representación, recorda o inicio do proceso de composición; o vídeo conclúe cunha canción nunca antes escoitada que gravara Winehouse, Detachment, e que arranxara para o álbum Back To Black (2006).[20]

O cartel cinematográfico oficial saíu o 18 de maio de 2015 na páxina de Twitter da película.[21] O 20 de maio de 2015, o primeiro avance oficial completo foi presentado por Altitude Film.[22] O avance inclúe a canción Back to Black, lanzada no ano 2007. Durante o vídeo aparecen imaxes dende a infancia ata as entrevistas máis recentes de Winehouse, a rigorosa atención por parte dos medios de comunicación sensacionalistas, actuacións, a entrega de diferentes premios, a problemática relación co seu marido Blake Fielder-Civil, tamén aparece ela dicindo o que sentía por el: "namoreime de alguén por quen morrería". O avance conten palabras de persoas que coñecían a Winehouse dicindo o que sentían por ela, como Tony Bennett e Mos Def. O vídeo conclúe con Love Is a Losing Game con imaxes de Winehouse, o parecer dalgunhas estrelas acerca dela, e Winehouse manifestando: "non creo que vaia a ser famosa en absoluto", e mais: "non son unha moza intentando ser unha estrela ... son só unha moza que canta". O avance obtivo máis dun millón de visualizacións en 24 horas na canle de Youtube de A24. Tras estrearse o documental nas salas de cine, saíu un segundo avance oficial que capta o polémico estilo de vida dunha Winehouse famosa e como se enfrontou con iso ó longo da súa carreira. O 16 de setembro de 2015 lanzouse outro vídeo inédito de Winehouse rebrincando co seu amigo Nicky Shymansky en Nova York no ano 2004, tralo lanzamento do seu álbum Frank (2003).

DVD e outros formatos

[editar | editar a fonte]

Universal Music anunciou o 16 de setembro de 2015 que Amy estaría dispoñible en DVD/Blu-ray e en descarga dixital o 2 de novembro de 2015 no Reino Unido e Irlanda. Nos Estados Unidos saíu o 1 de decembro de 2015. O paquete de dous discos inclúe ademais do documental outros contidos adicionais; como unha selección de imaxes inéditas de Winehouse, actuacións da intérprete nos Metropolis Studios, os avances do documental e o making-of da película. En novembro de 2015 lanzouse unicamente en Francia unha edición especial limitada de Amy, nunha caixa que contiña o DVD do documental, un folleto especial, un póster da película, unha selección de fotografías de Amy Winehouse e unha camiseta baseada na temática da película.

Recepción

[editar | editar a fonte]

Recadación

[editar | editar a fonte]

Amy bateu o récord de recadación dun documental británico no Reino Unido na fin de semana da súa estrea nas salas de cine, recadando 519 000 GDP en 133 cines tres días despois do seu lanzamento o 3 de xullo de 2015. Tamén tivo éxito nos Estados Unidos, conseguindo 222 015 USD en só seis cines, antes de ampliase a súa exhibición a outras salas de cine nas seguintes semanas. O documental obtivo unha media de 37 002 USD nos Estados Unidos en tres días, 10 000 USD máis que Fahrenheit 9/11 (2004) na súa primeira fin de semana, e superou tamén os 34 373 USD recadados por A viaxe do Emperador (2005), incrementando o pico de recadación tras estrearse en todo o país o 10 de xullo de 2015.[23]

Amy recibiu críticas positivas. En Rotten Tomatoes a película ten unha cualificación do 95% baseada en 222 valoracións, cunha cualificación media de 87/100, como conclusión crítica o sitio web indica: "tan fascinante como triste, Amy é unha mirada poderosamente honesta sobre a retorcida relación entre a arte e a celebridade e mais a espiral de adicción letal".[24] Metacritic establece unha cualificación de 85/100 baseada en 41 valoracións, especificando: "universalmente aclamada".[25]

Robbie Collin de The Telegraph cualificou a película con catro estrelas sobre cinco e sinalou que "o glorioso ascenso e a desoladora caída de Amy Winehouse están documentados conmovedoramente polo director de Senna".[26] Guy Lodge da revista Variety declarou que "o ascenso e a devastadora caída da talentosa cantante de soul británica están narrados neste documental profundamente sentido do director de 'Senna' Asif Kapadia".[27] As revistas Heat e Stylist cualificaron o documental con cinco estrelas sobre cinco, describindo a película como "brillante" e "ineludible". Peter Bradshaw de The Guardian concedeulle ó documental cinco esrelas sobre cinco, describiuna como "unha tráxica obra mestra" e engadiu que "este documental sobre a defunta cantante de soul británica é un estudo abafantemente triste, íntimo —e desalentador— dunha muller cun talento e carisma que propiciaron que se convertera nun obxectivo".[28] Geoffrey Macnab de The Independent tamén cualificou o documental con cinco estrelas sobre cinco, cualificouno como "brillante" e "indecritiblemente triste", e declarou: "houbo moitos, moitos factores que contribuíron a que Amy Winehouse descarreirase, que se exploran de xeito efectivo en Amy".[29] De acordo con The Guardian, Amy situouse ó final do ano no terceiro posto "das 50 mellores películas en Australia de 2015"[30] e colocouse no sexto posto "das 50 mellores películas no Reino Unido de 2015".[31]

Reacción da familia

[editar | editar a fonte]

O documental foi duramente criticado polo pai da cantante británica, Mitch Winehouse, quen se distanciou da película e afirmou, de acordo co seu voceiro, que o documental é "enganoso" e "en esencia contén algúns falseamentos".[32]

O pai de Amy Winehouse apareceu o 7 de maio de 2015 no programa de televisión This Morning, emitido na ITV, onde describiu a película como "absurda", e ademais declarou: "a película represéntame a min dun xeito non moi bo [...] A imaxe coa que nos retrata a Amy e a min non é moi boa".[33] Non obstante, tamén dixo que o documental contiña imaxes "magníficas" e "fermosas" de Amy Winehouse mais engadiu: "o problema está na narrativa".[34]

Universal Music impulsou a realización do documental, mais só conseguiron a colaboración dos pais, Janis e Mitch, cando contrataron a Kapadia como director. Mitch Winehouse admiraba o anterior traballo do director, Senna (2010), e quería que se lle dera o mesmo tratamento á súa filla no documental. Non obstante, cando Mitch viu a cinta completa non quedou contento coa maneira en que a película o representaba. Sentiu que o retrataran coma o vilán. Mitch ameazou con emprender accións legais mentres non se fixeran pequenos cambios na película, de tódolos xeitos, condenou publicamente a montaxe final do documental, aducindo que Kapadia tiña premeditado convertelo no antiheroe dende o principio.[11]

Mitch fixo unha petición para que se modificara a película, mais o equipo de filmación desestimou o seu desexo, e engadiron: "cando contactaron con nós para facer a película aceptamos contando co respaldo absoluto da familia Winehouse e aproximámonos con total obxectividade ó proxecto". Declararon que o documental reflectía o que descubriran despois de ó redor de "100 entrevistas con persoas que coñecían a Amy". O 3 de xullo de 2015 (o día que se estreou Amy nas salas de cine), o pai da cantante, Mitch Winehouse, apareceu en Loose Women, emitido na ITV, para defender a súa posición en contra do documental e anunciou que el e mais Reg Traviss, exmozo de Amy, estaban a facer outro filme titulado A Letter to Amy, un proxecto "máis exacto" para "corrixir tódolos erros e omisións" cometidos no documental de Kapadia.[35]

O 24 de febreiro de 2016, Mitch Winehouse apareceu de novo no programa This Morning e declarou que preferiría que Adele gañase o premio a mellor solista británica, ó que fora nomeada postumamente a súa filla nos BRIT Awards do ano 2016,[36] como consecuencia do éxito acadado polo documental de Kapadia, co que se mostraba desconforme.

Premios e candidaturas

[editar | editar a fonte]
Ano Cerimonia ou premio Categoría Candidatos Resultado
2016 Premios Óscar [8] Mellor documental Asif Kapadia e James Gay-Rees Si
Premios Empire [37] Mellor documental Amy Si
Golden Trailer Awards [38] Mellor avance dun documental Amy ("Avance 2") Non
Mellor avance dun documental estranxeiro Amy Si
Mellores gráficos nun avance estranxeiro Amy ("Campaña de prelanzamento") Non
Mellor campaña de prelanzamento estranxeira Non
Campaña de prelanzamento estranxeira máis orixinal Non
Mellor anuncio de televisión para un documental Amy Non
Premios Grammy [39][40] Mellor filme de música Asif Kapadia e James Gay-Rees Si
MTV Movie Awards Mellor documental Amy Si
2015 American Cinema Editors Mellor montaxe nun documental Chris King Si
Austin Film Critics Association Mellor dcumental Amy Non
Premios Bodil [41] Non
Boston Society of Film Critics [42] Mellor filme dcumental Si
Brit Awards [9] Mellor solista británica Amy Winehouse Non
Premios BAFTA [43] Mellor documental Amy Si
Mellor filme británico Non
British Independent Film Awards [44] Mellor filme británico independente Non
Mellor director Asif Kapadia Non
Mellor documental Asif Kapadia e James Gay-Rees Non
Produtor do ano James Gay-Rees Non
Desempeño excepcional na súa labor Chris King Non
Premios da Crítica Cinematográfica [45] Mellor documental Amy Si
Festival Internacional de Cinema de Cannes L'Œil d'or Non
Queer Palm Non
Dallas–Fort Worth Film Critics Association [46] Mellor filme documental Si
Chicago Film Critics Association [47] Mellor documental Si
Detroit Film Critics Society [48] Si
East End Film Festival Non
Evening Standard British Film Awards [49][50] Si
Festival Internacional de Cinema de Edimburgo Premio da audiencia Non
Mellor filme documental Non
Premios do Cinema Europeo [51] Mellor documental europeo Si
Film Club's The Lost Weekend Awards Mellor banda sonora Amy (Banda sonora orixinal) Si
Florida Film Critics Circle Awards Mellor documental Amy Si
Hollywood Film Awards Documental do ano Si
Houston Film Critics Society [52] Best Documentary Feature Non
Indiewire Critics Poll Mellor documental Non
International Documentary Association [53] Premio ó mellor filme Non
London Film Critics' Circle [54] Filme do ano Non
Filme británico / irlandés do ano Non
Documental do ano Si
Los Angeles Film Critics Association [55] Mellor filme documental Si
National Board of Review Mellor filme documental Si
National Film Awards Mellor director Asif Kapadia Si
Mellor documental Amy Si
New York Film Critics Online [56] Si
Online Film Critics Society [57] Mellor filme documental Non
Producers Guild of America Award [58] Produtor destacado de documentais cinematográficos James Gay-Rees Si
San Diego Film Critics Society [59] Mellor documental Amy Non
San Francisco Film Critics Circle [60] Non
Satellite Awards Mellor filme documental Si
St. Louis Film Critics Association Mellor banda sonora Amy (Banda sonora orixinal) Non
Mellor filme documental Amy Si
Toronto Film Critics Association [61] Non
Vancouver Film Critics Circle [62] Mellor documental Si
Washington D.C. Area Film Critics Association [63] Si
Women Film Critics Circle Awards Mellor documental por ou sobre mulleres Si
Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario
  1. "Amy (15)". British Board of Film Classification. 02-06-2015. Consultado o 25-01-2021. 
  2. Chagollan, Steve (23-06-2015). "'Amy': Amy Winehouse Documentary Paints Intimate Picture of Singer". Variety. Consultado o 25-01-2015. 
  3. "Amy (2015)". Box Office Mojo. Consultado o 25-01-2021. 
  4. Keegan, Simon (08-02-2015). "Amy Winehouse documentary: Trailer for upcoming film debuts at pre-Grammy brunch". The Daily Mirror. Consultado o 26-01-2021. 
  5. 5,0 5,1 "2015 Official Selection". Cannes Film Festival. Arquivado dende o orixinal o 18-04-2015. Consultado o 26-01-2021. 
  6. 6,0 6,1 Ritman, Alex (27-05-2015). "Amy Winehouse Doc 'Amy' Getting U.K. Premiere at Edinburgh Film Festival". The Hollywood Reporter. Consultado o 26-01-2021. 
  7. "Amy Winehouse documentary wins European Film Award". BBC News. Consultado o 26-01-2021. 
  8. 8,0 8,1 Ford, Rebecca (14-01-2016). "Oscar Nominations: The Complete List". The Hollywood Reporter. Consultado o 26-01-2021. 
  9. 9,0 9,1 Sherwin, Adam (15-12-2015). "Amy Winehouse to battle Adele for 2016 Brit Awards after posthumous nominations". The Independent. Arquivado dende o orixinal o 17-0-2017. Consultado o 27-01-2021. 
  10. "Amy Winehouse post-mortem takes place". BBC News Online. 25-07-2011. Arquivado dende o orixinal o 25-07-2011. Consultado o 27-01-2021. 
  11. 11,0 11,1 Aftab, Kaleem (19-06-2015). "Amy director Asif Kapadia defends himself against Mitch Winehouse criticisms". The Independent. Arquivado dende o orixinal o 04-01-2020. Consultado o 27-01-2021. 
  12. Strang, Fay (18-03-2015). "Amy Winehouse documentary: Poignant film poster revealed as it's given release date". The Daily Mirror. Consultado o 27-01-2021. 
  13. Itzkoff, David (25-04-2013). "Amy Winehouse Documentary Coming From Director of 'Senna'". The New York Times. Consultado o 31-01-2013. 
  14. "Amy Winehouse film to be made by Senna director". BBC Newsbeat. 25-04-2013. Consultado o 31-01-2021. 
  15. McNary, Dave (24-04-2013). "Amy Winehouse Documentary Planned by 'Senna' Director". Variety. Consultado o 31-01-2021. 
  16. "Soundtrack to Amy Winehouse documentary gets October release". The Guardian. 08-10-2015. Consultado o 31-01-2013. 
  17. Reynolds, Simon (18-03-2015). "Amy Winehouse documentary release date confirmed, poster unveiled". Digital Spy. Consultado o 01-02-2021. 
  18. Falcone, Dana Rose (13-05-2015). "Amy Winehouse documentary gets U.S. release date". Entertainment Weekly. Consultado o 01-02-2021. 
  19. Levine, Nick (17-06-2015). "London premiere of Amy Winehouse documentary to be screened live at cinemas nationwide (Special preview screenings will be taking place across the UK on Tuesday, June 30)". NME. Consultado o 01-02-2021. 
  20. Kreps, Daniel (08-05-2015). "Watch First Official Clip From Amy Winehouse Documentary". Rolling Stone. Arquivado dende o orixinal o 04-12-2017. Consultado o 02-02-2021. 
  21. Lattanzio, Ryan (18-05-2015). "Heartbreaking Amy Winehouse Doc 'Amy' Gets Release Date". IndieWire. Arquivado dende o orixinal o 17-05-2015. Consultado o 02-02-2021. 
  22. Ayers, Mike (20-05-2015). "Watch the Solemn Trailer for the New Amy Winehouse Documentary". The Wall Street Journal. 
  23. Shoard, Catherine (06-07-2015). "Amy Winehouse documentary breaks box office records". The Guardian. Consultado o 05-02-2021. 
  24. "Amy". Rotten Tomatoes. Consultado o 05-02-2021. 
  25. "Amy". Metacritic. Consultado o 05-02-2021. 
  26. Collin, Robbie (08-01-2016). "Amy review: 'piercingly sad'". The Daily Telegraph. Consultado o 06-02-2021. 
  27. Lodge, Guy (16-05-2015). "'Amy' Review: Intimacy and Intelligence Make Amy Winehouse Doc a Hit". Variety. Consultado o 06-02-2021. 
  28. Bradshaw, Peter (16 de maio de 2015). "Amy review: Asif Kapadia's Amy Winehouse film is a tragic masterpiece". The Guardian. Consultado o 06-02-2021. 
  29. Macnab, Geoffrey (16-05-2015). "Amy, Cannes film review: Brilliant, unutterably sad film depicts the descent of Amy Winehouse". The Independent. Arquivado dende o orixinal o 14-04-2016. Consultado o 06-02-2021. 
  30. Barnes, Henry (15-12-2015). "The 50 best films of 2015 in Australia: No 3 – Amy". The Guardian. Consultado o 06-02-2021. 
  31. Barnes, Henry (15-12-2015). "The 50 best films of 2015 in the UK: No 6 – Amy". The Guardian. 
  32. "Amy Winehouse documentary is 'misleading', says family". The Guardian. 27-04-2015. Consultado o 03-02-2021. 
  33. "Mitch Winehouse upset and angry at Amy film". ITV.com. 07-05-2015. Consultado o 03-02-2021. 
  34. Corner, Natalie (07-05-2015). "Amy Winehouse's father Mitch Winehouse tells fans NOT to go see biopic made about her life". The Daily Mirror. Consultado o 03-02-2021. 
  35. Watts, Halina (01-07-2015). "Amy Winehouse's dad and ex boyfriend want to make their own film of her life". The Daily Mirror. Consultado o 05-02-2021. 
  36. Hardingham-Gill, Tamara (24-02-2016). "Amy Winehouse's dad wants Adele to win the BRIT over his late daughter". Metro. Consultado o 05-02-2021. 
  37. "Empire Awards nominations 2016: Mad Max and Star Wars lead the pack as Leonardo DiCaprio nominated for Best Actor". London Evening Standard. 18-02-2016. Consultado o 27-01-2021. 
  38. "The 17th Annual Golden Trailer Award Nominees". GoldenTrailer.com. 2016. Arquivado dende o orixinal o 15-05-2016. Consultado o 27-01-2021. 
  39. "Grammys: Taylor Swift wins album of the year". BBC News. 16-02-2016. Consultado o 28-01-2021. 
  40. "Grammy Past Winners Search: 2015 Music Video/Film". Grammy.com. Consultado o 28-01-2021. 
  41. Jensen, Jorn Rossing (11-01-2016). "Summer of '92 a strong candidate for the Bodil Awards". Cineuropa. Consultado o 27-01-2021. 
  42. Tapley, Kristopher (06-12-2015). "'Spotlight' Named Best Film of 2015 by Boston Society of Film Critics". Variety. Consultado o 27-01-2021. 
  43. "Bafta Film Awards 2016: Winners". BBC News. Consultado o 27-01-2021. 
  44. "The Lobster on a roll with seven British independent film awards nominations". The Guardian. 03-11-2015. Consultado o 27-01-2021. 
  45. Hipes, Patrick (14-12-2015). "Critics' Choice Awards Nominations: 'Mad Max' Leads Film; ABC, HBO, FX Networks & 'Fargo' Top TV". Deadline. Consultado o 27-01-2021. 
  46. "Dallas-Fort Worth Film Critics Name "Spotlight" Best Picture of 2015". Dallas–Fort Worth Film Critics Association. 14-12-2015. Consultado o 27-01-2021. 
  47. "'Mad Max: Fury Road' Leads The Race For 2015 CFCA Awards". Chicago Film Critics Association. 14-12-2015. Arquivado dende o orixinal o 22-12-2015. Consultado o 27-01-2021. 
  48. "The 2015 Detroit Film Critics Society Awards Nominations". Detroit Film Critics Society. 10-12-2015. Arquivado dende o orixinal o 16-04-2016. Consultado o 27-01-2021. 
  49. "Evening Standard British Film Awards: The longlist". London Evening Standard. 22-12-2015. Consultado o 27-01-2021. 
  50. "Evening Standard British Film Awards 2016: Idris Elba and Dame Maggie Smith lead list of winners". London Evening Standard. 07-02-2016. 
  51. "'Youth,' 'The Lobster' Lead European Film Award Nominations". Variety. 07-11-2015. Consultado o 27-01-2021. 
  52. "Houston Film Critics Society nominees". Texas Art & Film. Consultado o 28-01-2021. 
  53. "31st Annual IDA Awards Nominees". International Documentary Association. 06-12-2015. Consultado o 28-01-2021. 
  54. "'Carol,' '45 Years' and Tom Hardy Lead London Critics' Nominations". Variety. 15-12-2015. Consultado o 28-01-2021. 
  55. "LAFCA awards best picture prize to 'Spotlight'". Screendaily. 06-12-2015. Consultado o 28-01-2021. 
  56. "New York Film Critics Online Name 'Spotlight' Best Film of the Year". Variety. 06-12-2015. Consultado o 28-01-2021. 
  57. "'Carol' and 'Sicario' Lead the 19th OFCS Nominations". Online Film Critics Society. 07-12-2015. Consultado o 28-01-2021. 
  58. "2016 Awards Nominees for Documentary Theatrical Motion Pictures". Producers Guild of America. 23-11-2015. Consultado o 28-01-2021. 
  59. "2015 San Diego Film Critics Society's Award Nominations". San Diego Film Critics Society. 11-12-2015. Arquivado dende o orixinal o 11-04-2016. Consultado o 28-01-2021. 
  60. "2015 San Francisco Film Critics Circle Awards". San Francisco Film Critics Circle. 13-12-2015. Arquivado dende o orixinal o 19-01-2018. Consultado o 28-01-2021. 
  61. "The Toronto Film Critics Association names Todd Haynes' Carol the Best Film of the Year". Toronto Film Critics Association. 14-12-2015. Consultado o 28-01-2021. 
  62. "2016 Nominees Announced". Vancouver Film Critics Circle. 14-12-2015. Consultado o 28-01-2021. 
  63. "D.C. Film Critics Shine a 'Spotlight' on Award Winners". Washington D.C. Area Film Critics Association. 07-12-2015. Consultado o 28-01-2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]