Alaris
Alaris foi o nome comercial dun servizo ferroviario diúrno, de longa distancia, prestado por Renfe Operadora en España entre 1999 e 2013. Ía asociado habitualmente aos electrotrens da serie 490 aínda que dende 2009 tamén se empregaron unidades da serie 130.
Na súa estrea cubrían a relación Madrid-Valencia/Gandia/Castelló aínda que posteriormente foron derivados cara a outros trazados como os que unen Barcelona con Sevilla e Málaga ou Valencia con Alcázar de San Juan e Albacete. Este servizo de gama media-alta realizábase sobre liñas electrificadas cunha velocidade comercial de 200 km/h.
Historia
[editar | editar a fonte]A metade dos anos noventa, Renfe necesitaba substituír os antigos Talgo III que levaban máis de 30 anos en servizo. Renfe buscaba un novo automotor para poder circular polas liñas electrificadas a velocidades de 200–220 km/h.
Logo dun concurso para o material coñecido como Intercity 2000, no que o consorcio GEC-Alsthom-FIAT Ferroviaria Spa gañou, Renfe encargou a fabricación de 10 electrotrenes basculantes da serie 490, moi parecidos aos ETR 460 de Trenitalia, e ao Cisalpino (ETR 470).
As unidades comezáronse a utilizar para un novo servizo entre Valencia e Madrid vía Albacete, de alta velocidade, alta calidade e confort. Os trens chamáronse nun principio Intercity 2000 pero o nome non tivo boa acollida por parte do equipo de mercadotecnia de Renfe, por iso cambiouse por Alaris (unha marca comercial rexistrada por Renfe Operadora) e modificouse o esquema de pintura.
No ano 2008 empregáronse unidades da serie 120, e desde 2009 empréganse, indistintamente, unidades S130 e S490.
En verán de 2013, Renfe detectou problemas na Serie 490 que afectaba aos bogies. Un problema similar, que se achacou á fatiga do material, afectou aos trens 4000 usado por Comboios de Portugal. Aínda que a compañía lusa optou por reparar o material, no caso de Renfe retirouse e substituíu por outro material rodante. Paulatinamente os servizos Alaris foron desaparecendo como tal en favor de servizos Intercity.
Servizos
[editar | editar a fonte]Os trens Alaris cubriron os seguintes percorridos:
- Barcelona-Sants ↔ Valencia-Nord.
- Valencia-Nord ↔ Alcázar de San Juan.
- Valencia-Nord ↔ Albacete-Los Llanos.
- Madrid-Atocha ↔ Valencia-Nord / Gandia / Castelló / Orpesa
- Barcelona-Sants ↔ Sevilla-Santa Justa / Málaga-María Zambrano.
- Barcelona-Sants ↔ Alacant-Terminal.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeo do Alaris ao seu paso por Alcázar de San Juan, en YouTube
- Vídeo do Alaris ao seu paso por Castillejo-Añover, en YouTube