A.C. Milan
A.C. Milan | ||||
---|---|---|---|---|
Nome | Associazione Calcio Milan S.p.A. | |||
Alcume(s) | I Rossoneri Il Diavolo Casciavit | |||
Fundación | 16 de decembro de 1899 (134 anos) | |||
Estadio | San Siro, Milán, Italia | |||
Inauguración | 19 de setembro de 1926 | |||
Capacidade | 80 018 | |||
Propietario | Paolo Scaroni | |||
Adestrador | Stefano Pioli | |||
Liga | Serie A | |||
2019–20 | 6º | |||
Vestimenta | Puma | |||
Patrocinador | Fly Emirates | |||
Na rede | ||||
https://www.acmilan.com | ||||
| ||||
O Associazione Calcio Milan, habitualmente chamado A.C. Milan, ou simplemente Milan, é un club de fútbol italiano da cidade de Milán, que participa na Serie A.
Xoga con listras vermellas e negras e calzón negro, gañando por iso o sobrenome de rossoneri ("vermello-negros"). É o segundo equipo con máis logros na historia do fútbol italiano, con 18 títulos da Serie A, 5 Copas de Italia e 7 Supercopas de Italia.[1] Internacionalmente, é o terceiro equipo con máis títulos (18), só por detrás do Real Madrid e do Al-Ahly, e empatado co Boca Juniors.[2] Nas súas vitrinas figuran 7 Ligas de Campións, 2 Recopas de Europa, 5 Supercopas de Europa, 3 Copas Intercontinentais e 1 Copa Mundial de Clubs da FIFA.[1]
Figura no cuarto posto da clasificación de mellores clubs do século XX, realizada pola IFFHS.[3]
O club foi fundado en 1899 como o Milan Football & Cricket Club por Alfred Edwards, un británico expatriado. En homenaxe ás súas orixes, o club mantén a forma inglesa de escrita do nome da cidade.
Estadio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Stadio Giuseppe Meazza.
O actual estadio do equipo é o Giuseppe Meazza, con capacidade para 80 018 espectadores, tamén coñecido como San Siro. O estadio compárteo co Internazionale (tamén coñecido coma "Inter" ou "Inter de Milán"), o outro grande club de Milan. Os seguidores do AC Milan usan "San Siro" para referirse ao estadio.
Historia
[editar | editar a fonte]"Seremos un equipo de diaños. As nosas cores serán o vermello do lume e o negro do medo que lle meteremos aos nosos adversarios". (Herbert Kilpin)
Dos inicios á segunda posguerra
[editar | editar a fonte]O Milan Football & Cricket Club naceu grazas á iniciativadun grupo de ingleses e italianos reunidos no hotel Du Nord e des Anglais, entre os que se atopaban Alfred Edwards, o primeiro presidente, Edward Nathan Berra, o vicepresidente e capitán do equipo de crícket, o secretario Samuel Richard Davies; e entre os socios fundadores David Allison (capitán do equipo), Daniele Angeloni, Giannino Camperio, Guido Valerio e Herbert Kilpin[4]. Da nova fíxose eco La gazzetta dello Sport nun pequeno artigo do 15 ou 18 de decembro, pero non habendo unha documentación exacta sobre o acto constitutivo da sociedade, que o propio club fixa tradicionalmente no 16 de decembro de 1899[5], queda incerta.[6]
O 15 de xaneiro de 1899 o club afiliouse na Federación Italiana de Fútbol e o 15 de abril, nas semifinais do campionato nacional de 1900, debuta con derrota de 3-0 contra o FC Torinese. O 27 de maio do mesmo ano, gaña a "medalla do Rei" (medaglia del Re), grazas a un 2-0 fronte á Juventus F.C.[7]
Ao ano seguinte, o Milan coróase campión de Italia, interrompendo a serie de vitorias consecutivas do Genoa, derrotado na final por 3-0. Para o segundo título do campionato habería que esperar ata o 1906, cando o rival a bater foi a Juventus, que se negou a disputar o partido de desempate, pois non aceptaron a escolla do campo de xogo por parte da FIF, o campo do US Milanese.[5]
A terceira vitoria chegaría no 1907, grazas ao primeiro posto na rolda final, na que participaron tamén Torino e Andrea Doria.
A pesar dos éxitos, un grupo de socios desconformes coa afiliación de xogadores estranxeiros deixou o Milan para fundar un novo equipo, o Football Club Internazionale Milano.[8] Despois da separación o Milan conseguiu dous scudettos, os de 1910-1911 e 1911-1912, ambos contra o Pro Vercelli, mentres que en 1916 os rossoneri fixéronse coa Copa Federale (Coppa Federale). Nas temporadas seguintes, o equipo gañou dúas veces os campionatos rexionais pero non tivo éxito nas fases nacionais.
En marzo de 1919 o nome do equipo cambiouse a Milan Football Club[9] e no 1926 inaugúrase o estadio San Siro, mandado construír polo presidente Piero Pirelli, e que ata 1947 hospedaba só ao Milan, xa que o Inter xogaba no Arena Civica.[10] No período de entreguerras, os diavoli, obtiveron só postos de media táboa, non pasando do terceiro posto conseguido nas tempadas 1937-1938 e 1940-1941. As estrelas da época foron Aldo Boffi e Giuseppe Meazza.
En 1936 o equipo toma o nome de Milan Associazione Sportiva, cambiada de novo en 1939, cando as autoridades fascistas impuxeron a italianización do nome pasando a ser Associazione Calcio Milano.[9] A comezos da posguerra e outra vez co nome de Milan Associazione Sportiva, conseguen o cuarto posto na 1946-1947 e o título simbólico de campións de inverno na tempada seguinte.[11]
Os anos cincuenta e sesenta
O cuarto scudetto chegou na tempada 1950-1951, tras 44 anos de espera,[nota 1] xunto coa prestixiosa Copa Latina de 1951, grazas aos goles do célebre trío sueco Gre-No-Li (formado por Gunnar Gren, Gunnar Nordahl e Nils Liedholm) e ás paradas de Lorenzo Buffon, baixo a dirección do técnico húngaro Lajos Czeizler. Nos seguintes anos uníronse ao equipo outros campións como Schiaffino, Bagnoli, Luigi Radice e Cesare Maldini, que capitaneados por Nils Liedholm estiveron entre os protagonistas das vitorias da Copa Latina de 1956 e doutros tres campionatos (1954-1955, 1956-1957 e 1958-1959). En 1958 o Milan alcanza a súa primeira final de Copa de Europa, perdendo 3-2 no tempo engadido, contra o gran Real Madrid, vencedor das primeiras cinco edicións do torneo.[12]
Na tempada 1961-1962, o Milan faise co seu oitavo título con Nereo Rocco no banquiño, o goleador José Altafini na dianteira e un noviño Gianni Rivera no campo.
Cambiada, ao inicio da seguinte tempada, a denominación a Milan Associazione Calcio, o club obtén o primeiro éxito continental ao vencer 2-1 ao Benfica en Wembleycon dobrete de Altafini.[12] Cesare Maldini foi o primeiro capitán dun equipo italiano en levantar a Copa de Europa. O 16 de novembro de 1963, os rossoneri, con Giuseppe Viani de adestrador (tras a marcha de Rocco ao Torino), perderon por 1-0 o partido de desempate da Copa Intercontinental, xogado no estadio de Maracanã, contra o Santos de Pelé.[5] Esta foi a última tempada baixo a presidencia de Andrea Rizzoli, que dimitiu tras 9 anos nos que gañou 4 scudettos, unha Copa Latina, unha Copa de Europa e edificou o centro deportivo de Milanello.[13]
Tras algunhas tempadas frouxas, nas que o único éxito foi a Copa Italia de 1966-67, o retorno ao banquiño de Rocco levou ao equipo a conquistar o noveno título de liga e a Recopa de Europa 1967-1968, conquistada no De Kuip de Rotterdam, fronte ao Hamburgo con dous goles de Kurt Hamrin.[14] Na liga do ano seguinte,o Milan queda en segundo posto por detrás da Fiorentina, pero gaña a súa segunda Copa de Europa, vencendo na final de Madrid ao Ajax de Rinus Michels.[12] Ese mesmo ano o Milan adxudícase a Copa Intercontinental ao vencer os dous partidos da final contra os arxentinos do Estudiantes (3-0; 1-2).[15] A este éxito de equipo súmase a vitoria de Rivera no Balón de Ouro 1969, primeiro italiano en conseguilo.[7]
Os anos setenta e oitenta
Os anos 70 iniciáronse con 3 segundos postos consecutivos na liga, dous dos cales se obtiveron despois de grandes remontadas de Inter (1970-1971) e Juventus (1972-1973). En particular na 1972-1973 os rossoneri perderon un campionato que parecía xa gañado, a causa dunha amarga derrota na "Fatal Verona".[16] Os segundos postos non obstante, foron compensados polas consecucións de dúas Copas de Italia (1971-1972 e 1972-1973) e da segunda Recopa de Europa (1972-1973). Despois de varias temporadas non moi boas, a chegada de Nils Liedholm ao banquiño e o 4º posto na tempada 1977-1978, tempada na que debutou Franco Baresi, precederon á conquista do décimo título de liga na 1978-1979. O equipo, dirixido no campo por Gianni Rivera, na súa última tempada como futbolista, puido coa competencia do duro Perugia de Ilario Castagner que acabou a temporada imbatido e conseguiu o codiciado "scudetto da estrela" (por ser o décimo título).[17]
Os anos 80 comezaron co primeiro descenso á Serie B e coa expulsión do presidente Felice Colombo tras o escándalo do Totonero, unha trama de apostas e amaño de partidos que afectou a varios equipos e que mandou á segunda categoría a Milan e Lazio.[18] O rápido retorno á máxima categoría gañando o campionato de Serie B 1980-1981 foi seguido dunha temporada pésima na que o equipo volveu descender, esta vez sobre o campo, tras acabar en antepenúltima posición con 24 puntos en 30 partidos.[19] O retorno á Serie A foi outra vez inmediato, pero o Milan, despois dalgunhas temporadas de transición, nas que debutou en Udine un Paolo Maldini[20] de 16 anos, tivo que afrontar unha gran crise societaria. Á sociedade, fortemente endebedada e en risco de quebra, chegou o empresario milanés Silvio Berlusconi, quen rematou co déficit económico. Na tempada seguinte chegaron Roberto Donadoni, Dario Bonetti, Giuseppe Galderisi, Daniele Massaro e Giovanni Galli, e tras unha tempada de adaptación, a marcha de Liedholm e o quinto posto final, o Milan apostou polo novo técnico Arrigo Sacchi e contratou as dúas estrelas holandesas Marco van Basten e Ruud Gullit, Balón de Ouro 1987. Sacchi, despois dun inicio difícil, guiou o equipo á remontada sobre o Napoli e á vitoria final. Tal suceso foi o preludio a un trienio de ouro no que os rossoneri se adxudicaron dúas Copas de Europa (1989, 1990), dúas Supercopas de Europa (1989, 1990), dúas Copas Intercontinentais (1989, 1990) e a Supercopa italiana 1989. O Milan de Sacchi, inspirado no fútbol total, revolucionou e a práctica e a mentalidade futbolística.
Dos anos noventa a hoxe
[editar | editar a fonte]A serie de éxitos internacionais do Milan de Sacchi interrómpese o 20 de marzo de 1991 na "noite de Marsella", cando Adriano Galliani, durante o partido de volta dos cuartos de final da Copa de Europa contra o Olympique de Marseille, fai retirar o equipo do terreo de xogo cando perdía 1-0, polo apagado dun foco do estadio.[21] A decisión de non volver ao campo, aínda despois da restauración da iluminación, implicou que se dera o partido por perdido 3-0 e a descualificación do equipo durante un ano de todas as competicións europeas.[5][22] Pechouse así a etapa de Sacchi, que ao final da tempada deixou o seu posto a Fabio Capello, para converterse no novo seleccionador nacional italiano.
Excluído das competicións europeas, o Milan centrouse no campionato nacional 1991-1992, que conseguiu gañar sen sufrir ningunha derrota.[23] O ano seguinte gañou o segundo scudetto consecutivo e a Supercopa italiana e volveu como protagonista á escena europea, chegando a disputar a final da Champions League,[12] onde foi novamente derrotado polo Olympique de Marseille.
Substituíndo ao Olympique de Marseille, descualificado tras o Caso Valenciennes-Olympique Marsiglia,[24] os rossoneri perderon os dous partidos que valían os títulos da Supercopa de Europa 1993 (2-1 contra o Parma) e da Copa Intercontinental (3-2 contra o São Paulo). A 1993-1994 foi non obstante, memorable, logrando un dobrete scudetto-Champions League, esta última gañada contra o Barcelona de Johan Cruyff por 4-0. O Milan conquistou tamén a Supercopa italiana 1994 e a Supercopa de Europa 1994, pero perdeu por 2-0 a Copa Intercontinental contra os arxentinos de Vélez Sársfield[25] e por 1-0 a final de Liga de Campións 1994-1995, gañada polo Ajax de Louis van Gaal.[12] Ao remate da tempada 1995-1996, Fabio Capello deixou o seu posto no banquiño ao uruguaio Óscar Tabárez.
Nos dous anos seguintes, o equipo, do que marchou Tabárez en decembro de 1996 para volver Arrigo Sacchi, e do que este último marchou no verán de 1997 para que volvera Fabio Capello, viviu unha fin de ciclo, marcada por unha crise de resultados e posicións decepcionantes no campionato. En 1998 logra alcanzar a final de copa tras 8 anos e cae derrotado. A fichaxe do técnico Alberto Zaccheroni, que guiou o equipo ao seu 16º scudetto parecía dar inicio a un novo ciclo de triunfos pero o club non conseguiu dar continuidade aos bos resultados. Tras pasar polas mans de Cesare Maldini, o equipo incorporou na 2001-2002 ao exfutbolista rossonero Carlo Ancelotti, que inaugurou outra etapa de éxitos. Baixo a súa dirección, despois da semifinal da Copa da UEFA 2001-2002, en 2003 volveu ás vitrinas milanistas a Liga de Campións, que non se conseguía desde había 9 anos. Foi no estadio de Old Trafford de Manchester, aos penaltis e ante a Juventus. Tres días despois o Milan gañaba a única Copa de Italia da era Berlusconi, a quinta da historia rossonera.
Na tempada 2003-2004, na que a entidade pasou a chamarse Associazione Calcio Milan,[5] as vitrinas aumentaron coa incoporación da 17ª liga e 4ª Supercopa europea, gañada no estadio Lois II de Montecarlo 1-0 fronte ao Porto de José Mourinho, mentres que perderon aos penaltis tanto a Supercopa italiana de 2003 contra a Juventus como a Copa Intercontinental 2003 contra Boca Juniors. Na Liga de Campións da UEFA 2003-04 o Milan sufriu unha amarga eliminación en cuartos de final fronte ao Deportivo da Coruña, tras vencer 4-1 en San Siro o equipo caeu derrotado en Riazor por un contundente 4-0.
Son da tempada 2004-2005 a vitoria da Supercopa italiana, o segundo posto en liga e a derrota na final da Liga de Campións, contra o Liverpool, que na segunda parte remontou un 0-3 e gañou nos penaltis.[26] Ao remate da tempada 2005-2006 (na que quedou segundo na liga) o Milan viuse envolto no escándalo Calciopoli, sufriu unha penalización de 30 puntos que o deixou terceiro, e outra penalización de 8 puntos a descontar na seguinte tempada.[27]
Na 2006-2007 o Milan alcanza de novo a final da Liga de Campións, a undécima da súa historia, e esta vez vence ao Liverpool con dous goles de Filippo Inzaghi.[28] Era a sétima vitoria neste torneo. Kaká, Balón de Ouro 2007, foi o máximo goleador da competición con 10 goles. Na 2007-2008 o Milan adxudícase a súa quinta Supercopa de Europa e o seu primeiro Mundial de Clubs da FIFA, últimos triunfos de Ancelotti, que ao remate da 2007-2008, marcada tamén pola retirada de Paolo Maldini, deixou o seu lugar ao exfutbolista Leonardo, na súa primeira experiencia como adestrador.[29]
No verán de 2010 chegou ao banquiño Massimiliano Allegri, que guiou ao equipo á vitoria no campionato italiano 2010-2011, no que coa axuda dos goles da nova adquisición Zlatan Ibrahimović, consegue o 18º scudetto da súa historia.[30] No 2011 o Milan gaña tamén a súa sexta Supercopa italiana, vencendo en Pequín ao Inter por 2-1.[31] Durante a xestión de Allegri acadan na liga un segundo posto no 2012 e un terceiro no 2013. En xaneiro de 2014, Allegri é substituído por Clarence Seedorf. Nos tres anos seguintes dirixiron o equipo o holandés, Filippo Inzaghi e Siniša Mihajlović, pero o club vive unha época de declive, un pouco suavizado por alcanzar a final da Copa de Italia 2015-2016, despois de 13 anos. Pero foi derrotado pola Juventus. Baixo a batuta de Vincenzo Montella, en decembro de 2016 os rossoneri, desadxudicáronse en Doha, a penaltis contra a Juventus, a súa sétima Supercopa de Italia, conquistando o último trofeo oficila da era Berlusconi.[32] O 13 de abril de 2017 fíxose oficial a cesión do 99,93% da sociedade á Rossoneri Sport Investment Lux, converténdose en presidente o empresario chinés Li Yonghong.[33]
Na tempada 2017-2018, despois dun comezo peor do esperado, Montella foi substituído por Gennaro Gattuso.
Xogadores
[editar | editar a fonte]- Categoría principal: Xogadores do AC Milan.
Cadro actual
[editar | editar a fonte]- Datos do 8 de maio de 2018.
|
|
Xogadores famosos
[editar | editar a fonte]- Renzo De Vecchi
- Cesare Maldini
- Karl Heinz Schnellinger
- Kurt Hamrin
- Sandro Salvadore
- Juan Alberto Schiaffino
- Jose Altafini
- Gunnar Gren
- Ruud Gullit
- Marco van Basten
- Frank Rijkaard
- Gunnar Nordahl
- Nils Liedholm
- Gianni Rivera
- Luther Blissett
- Franco Baresi
- Giovanni Trapattoni
- Angelo Sormani
- Roberto Donadoni
- George Weah
- Demetrio Albertini
- Paolo Di Canio
- Roberto Baggio
- Zvonimir Boban
- Gianluigi Lentini
- Carlo Ancelotti
- Paolo Maldini
- Alessandro Costacurta
- Cafú
- Andriy Shevchenko
- Hernán Crespo
- Filippo Inzaghi
- Jean-Pierre Papin
- Dejan Savicevic
- Ray Wilkins
- Jimmy Greaves
- Jaap Stam
- Alessandro Nesta
- Kaká
Palmarés
[editar | editar a fonte]Torneos nacionais
[editar | editar a fonte]- Serie A (18): 1901, 1906, 1907, 1950–51, 1954–55, 1956–57, 1958–59, 1961–62, 1967–68, 1978–79, 1987–88, 1991–92, 1992–93, 1993–94, 1995–96, 1998–99, 2003–04, 2010–11.
- Copa de Italia (5): 1966–67, 1971–72, 1972–73, 1976–77, 2002–03.
- Supercopa de Italia (7): 1988–89, 1992–93, 1993–94, 1994–95, 2004–05, 2010–11, 2015–16.
- Serie B (2): 1980–81, 1982–83.
Torneos internacionais
[editar | editar a fonte]- Copa Intercontinental (4): 1968, 1989, 1990, 2007.
- Liga de Campións da UEFA (7): 1962–63, 1968–69, 1988–89, 1989–90, 1993–94, 2002–03, 2006–07.
- Recopa de Europa (2): 1967–68, 1972–73.
- Supercopa de Europa (5): 1989, 1990, 1994, 2003, 2007.
- Copa Latina (2): 1950–51, 1955–56.
- Copa Mitropa (1): 1981–82.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Aínda que os anos efectivos sen título foron 36, xa que habería que descontar 1908, no que o equipo non participou, así como as dúas guerras mundiais, durante as que non houbo competición.
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 "Palmarés".
- ↑ "Real Madrid, Al-Ahly, Boca y los equipos con más títulos internacionales | Goal.com" (en castelán). Consultado o 2018-05-07.
- ↑ "Mellores equipos do século XX según a IFFHS (en inglés)". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2012.
|urlarquivo=
e|url-arquivo=
redundantes (Axuda);|dataarquivo=
e|data-arquivo=
redundantes (Axuda) - ↑ Di Cera, Giuseppe (2015). Il romanzo del grande Milan. Newton Compton. ISBN 978-88-541-8793-1.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Almanacco illustrato del Milan. Panini. 2005.
- ↑ Di Cera, Giuseppe (2014). I campioni che hanno fatto grande il Milan. Newton Compton. ISBN 978-88-541-7069-8.
- ↑ 7,0 7,1 Di Cera, Giuseppe (2016). Il Milan dalla A alla Z. Newton Compton. ISBN 978-88-227-0188-6.
- ↑ Di Cera, Giuseppe (2013). 1001 storie e curiosità sul grande Milan che dovresti conoscere. Newton Compton. ISBN 978-88-541-5987-7.
- ↑ 9,0 9,1 Almanacco illustrato del calcio 2015. Panini Comics. 2015. ISBN 978-88-912-1454-6.
- ↑ "Historia de San Siro (en italiano)". Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2018.
- ↑ "Clasificación a metade de tempada (en alemán)". Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 "Todas as finais do Milan (en italiano).". Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ "Milanello, o centro deportivo do Milan (en italiano)". Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ "Recopa de Europa 1967-1968". transfermarkt. Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ "Copa Intercontinental 1969-1970". transfermarkt.it. Consultado o 8 de maio 2018.
- ↑ "O Milan e a "Fatal Verona": a historia de dous scudettos perdidos clamorosamente (italiano)". Sky. Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ "O imbatible Perugia da 78-79, un record amargo (italiano)". Sky. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2018. Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ "O escándalo do Totonero (en español)". As.com. Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ "Clasificación final da 81-82". fussballdaten.de. Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ "Paolo Maldini". acmilan. Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ Tiziano, Crudeli (2005). Crudelmente Milan. 20 anni di passione rossonera. Libri di sport. ISBN 88-87676-48-8.
- ↑ "La UEFA suspende al Milan por una temporada". El País (en castelán). 28/3/1991. ISSN 1134-6582. Consultado o 9/5/2018.
- ↑ "Serie A - Die italienische erste Liga 1991/1992 - Der 34. Spieltag - Fussballdaten". Fussballdaten (en inglés). Consultado o 2018-05-09.
- ↑ "El Marsella, excluido de la Copa de Europa". El País (en castelán). 7/9/1993. ISSN 1134-6582. Consultado o 9/5/2018.
- ↑ Tagliaferri, Guillermo. "A 20 años de la máxima hazaña de Vélez" (en castelán). Consultado o 2018-05-09.
- ↑ "Gigantesco Liverpool". El País (en castelán). 26/5/2005. ISSN 1134-6582. Consultado o 9/5/2018.
- ↑ "Bochorno italiano: El escándalo del “Calciopoli” y cómo afectó a grandes como Milan o Juventus". Deporte, y secreto (en castelán). 2016-11-17. Consultado o 2018-05-09.
- ↑ "El Milán gana por 2-1 al Liverpool en una final a la italiana. Noticias de Deportes". El Confidencial (en castelán). Consultado o 2018-05-09.
- ↑ Milan, AC. "| News | AC Milan". AC Milan. Consultado o 2018-05-09.
- ↑ Milan, AC. "| News | AC Milan". AC Milan. Consultado o 2018-05-09.
- ↑ "El Milan volvió a superar al Inter y conquista la Supercopa en Pekín - RTVE.es". RTVE.es (en castelán). 2011-08-06. Consultado o 2018-05-09.
- ↑ "Milan, è il 29° titolo di Berlusconi. E il primo di una generazione". La Gazzetta dello Sport - Tutto il rosa della vita (en italiano). Consultado o 2018-05-09.
- ↑ "AC Milan: Berlusconi vende el Milan a Li Yonghong, un empresario chino". Intereconomia (en castelán). 2017-04-13. Consultado o 2018-05-09.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial do Milan AC (en varias linguas)