TV on the Radio
TV on the Radio | |
---|---|
A banda no Treasure Island Music Festival 2008 | |
Orixe | Brooklyn, Nova York, |
Período | 2001 - presente |
Xénero(s) | rock experimental, indie rock, soul, rap rock, reggae rock |
Selo(s) discográfico(s) | Touch and Go Records, 4AD, Interscope |
Membros | Tunde Adebimpe Kyp Malone David Andrew Sitek Jaleel Bunton |
Antigos membros | Gerard Smith |
Na rede | |
http://www.tvontheradio.com/ | |
TV on the Radio é unha banda estadounidense de rock experimental, formada no ano 2001 en Brooklyn, Nova York, que abrangue unha ampla gama de xéneros musicais, dende o post-punk ata o electro e o soul. O grupo editou varios EPs e tres álbums, Desperate Youth, Blood Thirsty Babes, Return to Cookie Mountain e Dear Science.
TV on the Radio está formada por Tunde Adebimpe (voces/loops), David Andrew Sitek (guitarras/teclados/loops), Kyp Malone (voces/guitarras/baixo/loops) e Jaleel Bunton (batería/voces/loops/guitarras). Desde o 2003[1] e ata o seu falecemento en 2011 tamén formou parte da banda Gerard Smith (baixo/teclados).
Entre os seus colaboradores inclúense David Bowie (voces), Nick Zinner de Yeah Yeah Yeahs (guitarra), Kazu Makino de Blonde Redhead (voces), Martin Perna de Antibalas (saxofóns, frauta) e Katrina Ford de Celebration (voces).
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro lanzamento de TV on the Radio (inicialmente só cos fundadores Adebimpe e Sitek) foi o autoeditado OK Calculator en 2002 (título que fai referencia ao álbum de Radiohead OK Computer). Posteriormente uniúselles Kyp Malone, e editaron o EP Young Liars no ano 2003. A este seguiulle o álbum Desperate Youth, Blood Thirsty Babes, que fixo que a banda gañase no ano 2004 o Shortlist Music Prize. Posteriormente lanzaron un segundo EP, titulado New Health Rock, ese mesmo ano.
O seu seguinte álbum de estudio, Return to Cookie Mountain, foi filtrado a principios do 2006 e obtivo eloxios antes do seu lanzamento por parte de medios como Pitchfork Media. Sería editado no mes de xullo en todo o mundo agás nos Estados Unidos e no Canadá, onde aparecería no mes de setembro a través do selo Interscope. A revista Spin elixiría a Return to Cookie Mountain o mellor álbum do ano 2006. Nel aparecen como convidados David Bowie, Celebration, Dragons of Zynth, Martin Perna e Stuart D. Bogie de Antibalas, Blonde Redhead e Nick Ziner de Yeah Yeah Yeahs. Durante a xira estadounidense de promoción, a banda interpretou un feixe de versión co vocalista de Bauhaus e co líder de Nine Inch Nails Trent Reznor.
O 23 de setembro de 2008 a banda editou un novo álbum de estudio, Dear Science, novamente a través de Interscope. Estivo dispoñible en streaming na súa páxina de MySpace e foi filtrado en Internet o 6 de setembro. O álbum recibiu boas críticas e foi elixido mellor disco do 2008 por Rolling Stone, The Guardian, Spin Magazine, The Onion AV Club, a MTV, Entertainment Weekly e os lectores de Pitchfork Media, ademais de nunha enquisa aos críticos da influente Pazz and Jop. Tamén foi nomeado segundo mellor disco do ano pola NME e cuarto na Planet Sound.
O 22 de setembro interpretaron "Dancing Choose", tema de Dear Science, no programa Late Show with David Letterman. Tamén apareceron no Later with Jools Holland o día 30 do mesmo mes, tocando "Golden Age" e "Dancing Choose", os mesmos temas que interpretarían no Saturday Night Live o 7 de febreiro do 2009. A banda tamén tocou "Dancing Choose" no episodio do 9 de febreiro de The Colbert Report.
O 3 de setembro de 2009, Tunde Adebimpe anunciou que TV on the Radio tomaríase un ano de descanso. O álbum en solitario do guitarrista Kyp Malone, baixo o nome Rain Machine, foi lanzado o 22 de setembro a través do selo ANTI-. Dave Sitek, co nome Maximum Balloon, lanzou tamén un disco en solitario o 24 de agosto de 2010 a través de Interscope, contando con varios vocalistas convidados como Karen O, David Byrne, ou algúns dos seus compañeiros en TV on the Radio entre outros. Ademais, Dave Sitek produciu o álbum de Holly Miranda The Magician's Private Library, no que tamén saen os membros de TV on the Radio Jaleel Bunton e Kyp Malone.
O 7 de febreiro do 2011 o grupo anunciou o fin do seu descanso, xunto co seu novo traballo, titulado Nine Types of Light. O día 14 de marzo, informaron que ao seu baixista, Gerard Smith, diagnosticáranlle un cancro de pulmón, falecendo ese mesmo ano[2].
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Desperate Youth, Blood Thirsty Babes | 2004 | Touch and Go Records |
Return to Cookie Mountain | 2006 | Interscope, 4AD |
Dear Science | 2008 | Interscope, 4AD |
Nine Types of Light | 2011 | Interscope, 4AD |
Seeds | 2014 | Harvest Records |