Xeoquímica
A xeoquímica é unha especialidade das ciencias naturais que, sobre a base da xeoloxía e da química, estuda a composición e dinámica dos elementos químicos na Terra, determinando a abundancia absoluta e relativa, distribución e migración dos elementos entre as diferentes partes que conforman a Terra (hidrosfera, atmosfera, biosfera e xeosfera) utilizando como principais testemuñas as transformacións dos minerais e as rochas compoñentes da codia terrestre, co propósito de establecer leis ou principios nos cales se basea tal distribución.[1]
Os principais elementos xeoquímicos son, nunha escala de maior a menor abundancia: oxíxeno, silicio, aluminio, ferro, calcio, sodio, potasio e magnesio.
Áreas de investigación
[editar | editar a fonte]- Prospección xeoquímica.
- Xeoquímica de reservas.
- Xeoquímica de elementos traza.
- Xeoquímica de isótopos. Está dedicada ao estudo da variación da composición isotópica en materiais naturais. As liñas de investigación nesta área son as seguintes:
- Xeoquímica isotópica na datación radiométrica de minerais e rochas.
- Xeoquímica de isótopos estábeis.
- Xeoquímica ambiental. Dedícase ao estudo da distribución de elementos químicos e de compostos inorgánicos e orgánicos naturais e artificiais potencialmente nocivos no ciclo exóxeno, e as súas transformacións en ambientes naturais. Os procesos que regulan o seu comportamento e os seus posíbeis cambios como consecuencia da influencia antropoxénica. As liñas de investigación nesta área son:
- Xeoquímica de contaminación hídrica (contaminación de augas).
- Xeoquímica de contaminación do solo e dos sedimentos.
- Xeoquímica de contaminación atmosférica.
- Xeoquímica forense.
- Bioxeoquímica.
Historia da Xeoquímica
[editar | editar a fonte]A xeoquímica como disciplina formal inclúe moito da historia da química e da xeoloxía pero, como ciencia que trata da historia dos elementos químicos no planeta Terra, unicamente puido formarse unha vez que se fixo real a noción de elemento químico, cando se "penetrou" na construción atómica e na configuración electrónica.
A alquimia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Alquimia.
al-kīmiyaˀ (الكيمياء) ou al-khīmiyaˀ (الخيمياء) era un termo árabe que se refería a unha certa "arte exipcia" desenvolvida por un grupo de persoas selectas (sacerdotes) do antigo imperio exipcio.
O termo utilizábano para referirse a "aquel que sabe". A palabra Al´Chímia orixinouse en Exipto contra o século III a.C. e difundiuse en Europa no século XII polo contacto entre árabes, xudeus e cristiáns en España, especialmente na Escola de tradutores de Toledo e outras institucións semellantes e, máis tarde, no século XIII, nas guerras das Cruzadas.
A palabra derivou a alquimia, cuxo principal obxectivo era a transmutación dun elemento noutro (especialmente, do chumbo en ouro.
A alquimia era unha antiga práctica protocientífica e filosófica que combinaba elementos da química, a metalurxia, a física, a medicina, a astroloxía, a semiótica, o misticismo, o espiritualismo e a arte. A alquimia practicouse no Antigo Exipto, a India, a China, a Grecia antiga e o Imperio romano, no Imperio islámico e, despois, en Europa até o século XIX, nunha complexa rede de escolas e sistemas filosóficos que abrangue polo menos 2 500 anos.
Co desenvolvemento das ciencias experimentais, a partir do século XVIII, algunhas prácticas alquímicas establecéronse como ciencia verdadeira, a química.
Algunhas datas importantes da historia da xeoquímica
[editar | editar a fonte]- ~ 500 a.C. Demócrito (grego): concepto de átomo como partícula elemental.
- 371 a.C. - 286 a.C. Teofrasto (grego): fundador da mineraloxía e dos estudos de rochas e solos.
- ano 79 Plinio o Vello (romano): traballou con datos exactos de diferentes minerais. Morre durante unha erupción do Vesuvio.
- ~ século X Lucas-Ben Serapion: escribiu O libro das pedras (...pedras que foxen unhas doutras, pedras ás cales outras alteran...)
- anos 975 - 1037 Avicena: escribiu un tratado sobre minerais. Estableceu unha clasificación: 1) pedras e terras; 2) compostos combustíbeis sulfurosos; 3) sales; 4) metais.
- anos 975 - 1048 Al-Biruní (árabe): compilación de datos sobre minerais preciosos.
- anos 1212 - 1224 Roger Bacon (inglés): primeiros tratados sobre alquimia.
- anos 1490 - 1555 Georg Bauer (saxón, alias Agrícola): establece o mineral como unha entidade química.
- anos 1711 - 1765 Mikhail Lomonosov (ruso): escribiu o primeiro tratado sobre "xeoquímica", aínda que non utiliza este nome; fala da constitución das capas da Terra e da orixe dos minerais, da "peregrinación" de metais dun lugar a outro. En 1752 dita o primeiro curso de Química-Física. Supón unha nova metodoloxía para o estudo dos sistemas naturais.
- anos 1711 - 1765 Jöns Jacob Berzelius (sueco): realizou as primeiras análises químicas de minerais silicatados.
- ano 1838 Christian Friedrich Schönbein, da universidade de Basilea, Suíza, usou a palabra xeoquímica por primeira vez. Para Schönbein a xeoquímica era o conxunto de coñecementos sobre os procesos químicos na codia terrestre.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Albarède, Francis (2003): Geochemistry: An Introduction. Cambridge University Press. ISBN 0-521-81468-5.
- ↑ Reinhardt, Carsten (2008): Chemical Sciences in the 20th Century: Bridging Boundaries. John Wiley & Sons. ISBN 3-527-30271-9.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xeoquímica |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Holland, Heinrich D. & Turekian, Karl K. (2004): Treatise on Geochemistry. 9 vols. Elsevier Ltd. ISBN 978-0-08-043751-4. Resumo (en inglés) Consultado o 06/09/2012.
- Marshall, C., & Fairbridge, R. (2006): Encyclopedia of Geochemistry. Berlin: Springer. ISBN 1-4020-4496-8. Resumo (en inglés) Consultado o 06/09/2012.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Contaminación
- Petroloxía
- Química ambiental
- Química inorgánica
- Química orgánica
- Sedimentoloxía
- Solo
- Xeoquímica do petróleo
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Létolle, René (1996): Pour une histoire de la géochimie. (en francés) Consultada o 06/09/2012.