Semana Tráxica
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2024.) |
A Semana Tráxica é o nome co que se coñecen os acontecementos desenvolvidos en Barcelona e outras cidades de Cataluña, entre o 26 de xullo e o 2 de agosto de 1909.
O contexto histórico
[editar | editar a fonte]España iniciou o ano 1909 con Afonso XIII como monarca e con Antonio Maura, do Partido Conservador, á fronte do goberno xurdido das eleccións de 1907 celebradas o 21 de abril.
Politicamente, España, que non se recuperou do pau moral que supuxo a perda, en 1898, de Cuba e Filipinas, as súas últimas colonias de ultramar; vivía inmersa nun sistema de alternancia de dous partidos políticos: o Partido Conservador e o Partido Liberal, que obtiñan o goberno por medio dunhas eleccións totalmente controladas por medio do caciquismo, sistema electoral no que de antemán se coñece que o partido vencedor das eleccións será o que ata ese momento era o partido opositor ao gobernante.
En Cataluña os partidos contendentes nas eleccións eran Solidaritat Catalana, liderada por Francesc Cambó, e a Unión Republicana de Alejandro Lerroux.
O partido vencedor das eleccións de 1907 resultou ser a burguesa e nacionalista Solidaritat Catalana que obtivo 41 deputados dos 44 posibles.
Socialmente, os obreiros españois comezaban a tomar conciencia sindical e empezaba a xurdir o movemento obreiro nas zonas industriais e especialmente en Barcelona onde xurdiu Solidaritat Obrera, unha confederación sindical de socialistas, anarquistas e republicanos que naceu como rexeitamento ao achegamento de Solidaritat Catalana ao Partido Conservador de Maura.
O desencadeamento
[editar | editar a fonte]Tras a perda de Cuba e Filipinas, España buscou unha maior presenza no norte de África, logrando na repartición colonial efectuado en 1904 e na Conferencia Internacional de Alxeciras de 1906, o control sobre a zona norte de Marrocos.
O 9 de xullo de 1909 os cabilos da rexión atacaron os obreiros españois que traballaban na construción dun ferrocarril que uniría Melilla coas minas de Beni-Buifur, propiedade dunha sociedade controlada polo conde de Romanones e o marqués de Comillas.
Este pequeno incidente, que constituíu o inicio da Guerra de Marrocos que se estendeu ata 1927, foi utilizado polo Goberno Maura para iniciar un proxecto colonialista en contra da opinión popular española imbuída nun sentimento pacifista e antimilitarista.
Ordenouse a mobilización dos reservistas, medida moi mal acollida polas clases populares debido á lexislación de recrutamento vixente que permitía quedar exento da incorporación a filas mediante o pago dun canon de 6.000 reais (1.500 pesetas, equivalentes a uns 9 euros actuais), cantidade que non estaba ao alcance do pobo (o sustento diario dun traballador ascendía na época aproximadamente a 10 reais). Ademais a maior parte dos reservistas eran pais de familia nas que a única fonte de ingresos era o traballo destes.
O domingo 18 de xullo, data do primeiro embarque previsto no porto de Barcelona, varias aristócratas barcelonesas intentaron entregar aos soldados escapularios, medallas e tabaco o que provocou tumultos populares que se agravaron cando chegaron noticias de Marrocos sobre as numerosas baixas que se produciran na zona de conflito.
En Madrid acordouse unha folga xeral para o 2 de agosto, pero en Barcelona, Solidaritat Obrera decidiu actuar por sorpresa e fixou un paro de 24 horas para o luns 26 de xullo o cal, debido á falta de organización e ao abandono do gobernador civil Ángel Ossorio Gallardo, dexenerou na Semana Tráxica.
Luns, 26 de xullo
[editar | editar a fonte]A folga xeral é seguida maioritariamente en Barcelona, Sabadell, Terrassa, Badalona, Mataró, Granollers e Sitges; creándose un comité de folga para a coordinación e dirección da mesma.
As autoridades ordenaron a saída do exército á rúa que foi acollido pola poboación con berros de ¡Viva o Exército! e ¡Abaixo a guerra!, e salvo incidentes moi esporádicos resultou unha xornada pacífica.
Martes, 27 de xullo
[editar | editar a fonte]A chegada de noticias de Marrocos sobre o Desastre do Barranco do Lobo, onde pereceron 1.200 reservistas na súa maior parte do continxente que saíu de Barcelona o día 18 de xullo, provocou o inicio da auténtica insurrección co levantamento de barricadas nas rúas.
A inicial protesta antibélica transfórmase en protesta anticlerical co incendio de igrexas, conventos e escolas relixiosas; a profanación de sepulturas e o baile nas rúas cos cadáveres extraídos das mesmas. Non se viron afectados en cambio nin unha soa fábrica ou banco.
Proclamouse o "estado de guerra" na cidade e coa proclamación da lei marcial cruzándose os primeiros disparos, na zona de La Rambla, co exército que abandonou a actitude pasiva mantida ata entón e fai que se enconen aínda máis os ánimos.
Este xiro anticlerical dos amotinados tiña a súa causa en varios motivos moi arraigados no proletariado urbano ao ser a Igrexa, a diferenza dos gobernantes ou dos empresarios, a institución que estaba máis en contacto co pobo o que daba lugar a friccións continuas. É o caso, por exemplo, da educación que era impartida en escolas controladas pola Igrexa e onde se inculcaba aos fillos dos obreiros uns valores contrarios á causa obreira; ou o dos hospitais e institucións de beneficencia, rexentadas por relixiosos nos que se daba un trato denigrante á clase obreira; ou porque a Igrexa impulsara aos denominados sindicatos amarelos opostos ao sindicalismo anarquista, maioritario na cidade.
Mércores, 28 de xullo
[editar | editar a fonte]Barcelona amence con numerosas columnas de fume procedentes dos edificios relixiosos asaltados e incendiados.
O comité de folga móstrase incapaz de controlar aos obreiros e a insurrección desbórdase alcanzando esta o seu clímax xa que a cidade non dispón de tropas con que facer fronte aos amotinados ao negarse a guarnición e as forzas de seguridade a combater aos folguistas a quen consideran os seus compañeiros.
Xoves, 29 de xullo
[editar | editar a fonte]A falta dunha dirección efectiva fixo que o motín popular iniciase o seu declive. A única esperanza dos sublevados era que a situación se estendese ao resto da Península, o cal non se produciu ao actuar o Goberno illando Barcelona e difundindo a noticia de que os sucesos da cidade tiñan carácter separatista.
Este mesmo día chegaron a Barcelona tropas de reforzo procedentes de Valencia, Zaragoza, Pamplona e Burgos que finalmente dominaron entre o venres, 30 de xullo, e o sábado, 31 de xullo, os últimos focos da insurrección.
A represión
[editar | editar a fonte]O balance dos disturbios supuxo un total de 78 mortos (75 civís e 3 militares); medio milleiro de feridos e 112 edificios incendiados (80 relixiosos).
O goberno Maura, por medio do seu ministro da Gobernación Juan de la Cierva Peñafiel iniciou de inmediato, o 31 de xullo, unha represión durísima e arbitraria.
Detiveron a varios milleiros de persoas, das que 2.000 foron procesadas, resultando 175 penas de desterro, 59 cadeas perpetuas e 5 condenas á morte. Ademais clausuráronse os sindicatos e ordenouse o peche das escolas laicas.
Os cinco reos de morte foron executados, o 13 de outubro, no castelo de Montjuic. Entre eles atopábase Francesc Ferrer i Guàrdia, cofundador da Escola Moderna, a quen se acusou de ser o instigador da revolta baseándose unicamente nunha acusación formulada nunha carta remitida polos prelados de Barcelona.
Estes fusilamentos ocasionaron unha ampla repulsa cara a Maura en España e en toda Europa, organizándose unha gran campaña na prensa estranxeira así como manifestacións e asaltos a diversas embaixadas.
O rei, alarmado por estas reaccións tanto no exterior como no interior cesou a Maura e substituíuno polo liberal Segismundo Moret.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- La ciutat cremada (Antoni Ribas, 1976)
- Barcelona tràgica (Andreu Martín, 2009)