Rume
O rume ou, popularmente, bandullo é o primeiro e máis voluminoso dos preestómagos dos ruminantes, situado na metade esquerda da cavidade abdominal, entre o diafragma e a cavidade pelviana. Comunica por diante co esófago, que se abre no saco dorsal, e co retículo.
Nos animais lactantes está moi pouco desenvolvido xa que a súa alimentación só precisa do estómago glandular, o calleiro, para a súa dixestión. Nestas idades, o seu tamaño é inferior á metade do volume do calleiro. Segundo vai medrando o animal e comeza a consumir herba, o rume -e os outros preestómagos- comezan a desenvolverse de modo que ó cabo dunhas oito semanas alcanza un tamaño semellante ó do calleiro; ós tres meses alcanza un tamaño do dobre có calleiro e, cando chega ó estado adulto, o volume do rume é unhas nove veces maior có do calleiro, cunha capacidade que pode alcanza-los 200-250 litros no vacún; na ovella, a capacidade do rume é duns 12 litros.
O continuo intercambio dos contidos do retículo e do rume leva a considerar ámbalas vísceras dunha forma unitaria, denominada complexo "retículo-rume".
Descrición
[editar | editar a fonte]O rume ten forma de saco aplanado lateralmente, de modo que a superficie esquerda contacta coa parede esquerda da cavidade abdominal e as últimas costelas, e a superficie dereita co resto das vísceras que ocupan esta cavidade (libro, calleiro, páncreas, fígado e intestinos). Ocupa toda a metade esquerda da cavidade abdominal, desde o diafragma, co que contacta mediante o saco dorsal (o saco ventral está separado do diafragma, situándose entre ambos o retículo), ata a pelve, na que penetra o saco cego caudal da porción dorsal, explorable por vía rectal. Na ovella e cabra é o saco ventral o de maior extensión.
Externamente, o rume está percorrido por sucos que delimitan os distintos sacos. Os sucos máis destacados son os lonxitudinais, dereito e esquerdo, que dividen o rume nos sacos ou porcións dorsal e ventral.
Internamente, está recuberto por unha mucosa dotada de numerosas vilosidades que lle dan un aspecto típico de felpudo, de tacto áspero e cor marrón escura a case negra. Son papilas filiformes, moi mestas e de máis de 1 cm de lonxitude na vaca, e máis de 5 mm na ovella. Esta mucosa non está provista de glándulas. Nas zonas que corresponden cos sucos externos, a capa muscular da víscera mostra uns engrosamentos chamados piares, entre os que destacan o piar cranial e o caudal, dos que saen piares accesorios. Nos piares, a mucosa carece de papilas e é de cor máis clara que no resto da víscera.
Fisioloxía
[editar | editar a fonte]O rume cumpre a función dunha cámara de fermentación na que se degrada a celulosa contida nos alimentos vexetais que inxiere o animal. Para realizar esta función, o contido da víscera contén permanentemente un líquido ruminal formado por restos de alimento e unha abundante e variada flora e fauna formada por bacterias e protozoos. As contraccións das paredes do rume e os sucos e piares que cruzan a súa superficie provocan unha continua mestura do contido.
Periodicamente, o contido do rume é devolto á boca para unha segunda mastigación, mediante o fenómeno da remoeira ou ruminación. Cada porción de comida que é procesada denomínase remoallo, rumiallo ou gaspallo.
Aproveitamento
[editar | editar a fonte]O rume, xunto ós outros preestómagos, forma parte na cortadoría dos miúdos brancos, e aprovéitanse para elabora-los callos.
O nome popular desta víscera é o de bandullo [1]. Cando se comercializa conxuntamente co retículo e o libro, recibe o nome colectivo de ventre.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ E mailo castelanismo panza.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- FERRO RUIBAL, Xesús, e BENAVENTE JAREÑO, Pedro: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela 2010.
- GLOOBE, Hanan: Anatomía aplicada del bovino [1]
- KOLB, Erich: Fisiología veterinaria. Acribia, Zaragoza 1976.
- SCHWARZE, E.: Compendio de anatomía veterinaria. II: Sistema visceral. Acribia, Zaragoza 1970.