Saltar ao contido

Rodolfo Prada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRodolfo Prada

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento28 de agosto de 1892 Editar o valor en Wikidata
Os Peares, España Editar o valor en Wikidata
Morte3 de novembro de 1980 Editar o valor en Wikidata (88 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónvendedor Editar o valor en Wikidata
Membro de

BNE: XX1041759 BUSC: prada-rodolfo-1892-1980

Rodolfo Prada Chamocín, nado nos Peares (A Peroxa) o 28 de agosto de 1892 e finado en Buenos Aires o 3 de novembro de 1980,[1] foi un destacado persoeiro do galeguismo na Arxentina e presidente do Centro Gallego de Buenos Aires.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Fillo de Perfecto Prada, de Velle, e Felisa Chamocín, de Melias. En 1902 a familia, logo dun incendio que en 1897 asolou o comercio que estableceron nos Peares,[2] emigrou a Mendoza. Rodolfo regresou a Ourense en 1910 e estudou nos colexios dos Maristas e na Academia Villar. A finais de 1911 volveu a Mendoza e comezou a traballar no Banco Anglo-Suramericano, onde foi empregado durante dez anos. En 1918 trasladouse á sede principal do banco en Buenos Aires. Estableceuse como comercial no ámbito da industria farmacéutica. Coñecido polo seu activismo no movemento galeguista na Arxentina e, secundariamente, en toda Suramérica. Foi membro correspondente da Real Academia Galega[3] (desde 1919) e secretario da Casa de Galicia (en 1920), ademais de fundador da revista Acción Gallega. Posteriormente (1924) foi redactor xefe de Correo de Galicia. Colaborou en Opinión Galeguista. Foi director do boletín El Orensano (do Centro Orensano de Buenos Aires) e de Opinión Gallega, e escribiu numerosos opúsculos sobre diferentes temas galegos e arxentinos.

En 1931 viaxou a Galicia para participar na fundación do Partido Galeguista en Pontevedra. Regresou a Buenos Aires en 1932 e foi un dos principais activistas da ORGA, que presidiu entre 1936 e 1937. En 1935 visitou Montevideo e impartiu a conferencia “Encol da nosa Galiza” que promoveu a actividade galeguista no Uruguai.

Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 tiña unha grande actividade na Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales colaborando habitualmente no seu órgano Galicia, participou no Comité de Apoio ao Frente Popular, e foi o líder do Grupo Galeguista de Buenos Aires durante toda a Guerra Civil.

En 1938 foi elixido secretario do Centro Gallego de Buenos Aires, baixo a presidencia de José Neira Vidal, e fixo importantes xestións para conseguir o visado que permitiu a Castelao residir na Arxentina, actuando como o seu protector durante os primeiros anos de exilio neste país. Foi un dos fundadores da Irmandade Galega.

Dirixiu os periódicos El Orensano e Opinión Gallega.

A Rodolfo Prada nos Peares.

A súa relación con Castelao

[editar | editar a fonte]

Desde 1938 mantivo unha intensa correspondencia con Castelao, na que este lle fai partícipe das súas xestións no seo do Partido Galeguista, á vez que require a súa axuda para solucionar os trámites burocráticos que impedían a súa residencia na Arxentina, algo que Castelao desexaba desde que se viu na obriga de abandonar España. A través desta correspondencia, Prada serviulle a Castelao de enlace cos colectivos de galegos en todo o continente americano.

Castelao confiaba en Prada e así llelo manifestou repetidas veces. Así, cando en decembro de 1946 Rodolfo Llopis substituíu a José Giral na presidencia do Goberno republicano no exilio (radicado en París), e propuxo a restauración monárquica, Castelao rexeitou esta opción e excluíuse do Goberno, mentres que os galeguistas do interior, encabezados por Ramón Piñeiro, apoiárona e advertiron a Castelao que a súa actitude non conducía a ningures, nun extenso informe atribuído á man do propio Piñeiro. Nace entón o desencontro entre as dúas figuras que non se resolveu nin sequera tras unha entrevista que mantivo Prada, en representación de Castelao, con Piñeiro, daquela na cadea.

En 1947 dirixiulle unha longa carta[4] na que lle explicaba o fracaso da tramitación do Estatuto de Galicia de 1936 e a intervención neste sentido dos socialistas de Prieto, daquela mantendo conversacións cos monárquicos en busca dunha restauración de Xoán de Borbón como saída ó réxime franquista. Confésalle tamén a súa indignación pola actuación dos galeguistas do interior que rexeitaban a representación do Consello de Galiza (que Castelao presidía) no futuro político de Galicia.

Outra mostra da íntima relación entre Prada e Castelao é o feito de que, cando en xuño de 1949, xa con Castelao gravemente enfermo, propóñenlle intervir nun acto co gallo do aniversario do referendo do Estatuto de 1936, Castelao comeza a escribir o seu discurso encamado, ata que non pode máis e ten que ditalo a Prada, que é quen remata de escribir o texto.[5] Visitou Galicia en 1948 e 1963.

Traducións

[editar | editar a fonte]

Traduciu ao galego con Xermán Quintela A Ernia Inguinal simpre, seu tratamento quirúrxico de Xosé Alexandre López (Buenos Aires, Edic. Galicia del Centro Gallego, 1973).[6]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

A Deputación de Ourense instaurou o premio Rodolfo Prada á xestión cultural.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou con Manuela Fraga Bonfanti en 1919,[7] e foi pai de Alberto Prada Fraga.

  1. Conde Muruais, Perfecto (6 de novembro de 1980). "Murió Rodolfo Prada, figura histórica del galleguismo". El País. 
  2. El Lucense, 8-1-1897, p. 3.
  3. "Membros correspondentes". Real Academia Galega. 
  4. Carta de Castelao a Rodolfo Prada, escrita o 10 de abril de 1947. Pode consultarse en Terra e Tempo (nº 137-140, 2006, 99-115).
  5. A transcrición deste discurso pode consultarse en vieiros.com[Ligazón morta]
  6. Os traballos terminolóxicos en lingua galega: Unha aproximación á súa situación e ás súas necesidades
  7. El Correo de Galicia, 23-11-1919, p. 2.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]