Os camiños da vida
Os camiños da vida | |
---|---|
Autor/a | Ramón Otero Pedrayo |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galego |
Colección | Literaria |
Xénero(s) | novela histórica |
Editorial | Editorial Nós Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1928 |
Páxinas | 360 páx |
ISBN | ISBN 978-84-7154-724-8 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os camiños da vida é unha novela de Ramón Otero Pedrayo publicada en 1928 pola Editorial Nós en tres volumes independentes. A editorial Galaxia editouna xa nun único tomo no ano 1978 como terceiro volume da súa Obra Selecta e en 1990 na colección Narrativa, cun estudo introdutorio de Ramón Mariño Paz, que vai pola 15ª edición.
Trama e estrutura
[editar | editar a fonte]Aínda que por motivos editoriais saíu do prelo en tres partes independentes, non pode ser considerada unha triloxía, senón unha única novela [1] que mostra a transformación da sociedade galega no século XIX, desde unha economía natural a unha baseada no comercio.[2]
I. Os señores da terra
[editar | editar a fonte]A primeira parte, titulada Os señores da terra, comeza in medias res, cunha conversa entre o fidalgo D. Caetano (carlista) e o monxe de Oseira e axiña hai unha analepse para narrar a viaxe deste desde Oseira ata o pazo. Segue coa descrición do pazo e da familia dos Doncos, así como da organización da vida na aldea, que continuará no capítulo segundo coa descrición da paisaxe outonal, da vendima e diferentes personaxes aldeáns.
O capítulo terceiro é a presentación de D. Xosé María, representante da fidalguía liberal e no seguinte nárrase unha partida carlista fracasada grazas á intervención da milicia liberal organizada por D. Xosé María. O quinto céntrase sobre todo na figura do herdeiro de D. Caetano e o seu perverso carácter. O sexto reproduce o ambiente dos faladoiros na rebotica da vila: o exclaustrado (o monxe do inicio) conta a orixe de Oseira e a actual situación de decadencia dos ocupantes do pazo da Seara. Finaliza esta parte falando de D. Xosé María, o fidalgo da Pedreira, os seus amoríos, a casa que vai a menos e as fillas, Ramona e Rosalía.
II. A maorazga
[editar | editar a fonte]A segunda parte, A maorazga, vai ter a Ramona como figura principal. Comeza coa presentación do capitán Antonio Soutelo, que casará con Rosalía, deixando a Ramona soa no pazo co pai e remata o capítulo coa nova que lle chega a esta de que vai ter un sobriño. No segundo capítulo parece revivir o pazo da Seara grazas aos ruíns negocios de Farruco, o novo herdeiro, e os seus amigos da cidade. O capítulo terceiro narra os esforzos de Ramona por manter a casa para o sobriño Paio, de seis anos, que chega -xunto coa súa nai de loito- ao pazo. Poucos días despois chega o seu tío Adrián, fuxido, que relata a morte de Antonio e o fracaso da revolución de 1846 e o seguinte a decadencia total da familia dos Doncos.
Van pasando os anos e mentres Ramona administra o pazo e Adrián centra os seus desexos en que o seu sobriño sexa o que el non puido ser, Paio vai medrando e estuda na cidade. Cando volve á aldea o tío fálalle de estudar medicina. O capítulo final volve centrarse en Farruco, a súa disipada vida en Ourense, as irmás que lle pechan a porta do pazo, onde vai buscar xoias para vender ou pedir cartos, os seus amores con Bertha, unha fermosa moza ourensá…
III. O estudante
[editar | editar a fonte]A terceira parte, O estudante, céntrase en Paio, que xa acabado o bacharelato descobre un relato de Adrián polo que coñece o seu pasado e marcha para Santiago de Compostela decidido a estudar medicina para dirixir a salvación da aldea. Alí visita a tumba do pai, recibe longas cartas de Adrián e fai vida de estudante. O capítulo terceiro mostra a Ramona gobernando o pazo e pensando no sobriño, ademais de plasmar os cambios na aldea: a chegada da estrada, do tendeiro castelán, a decadencia dos señores dos pazos… Mentres, Paio fai amigos en Santiago e traballa no hospital, onde un enfermo (o pai de Xulia) dun pazo preto de Trasouto lle aconsella que vaia para Madrid.
No capítulo quinto chega Adrián a Santiago, moi avellentado, cóntalle o final do relato do seu pasado, peregrinan polas terras da revolución de 1846 e morre Adrián. No último curso coñece a Xulia, que vive en Madrid e namórase. Por veces fraquea a súa idea de futuro, soña cunha cátedra, con Madrid... Acaba o curso e segue dubidando que facer. No capítulo sétimo el xa está de médico en Trasouto e ten moito traballo desde o primeiro día. Segue coa idea de marchar a Santiago, mais non se atreve a dicirlles palabra ás vellas.
Narración
[editar | editar a fonte]Narrador
[editar | editar a fonte]O narrador principal é intradiexético, omnisciente e utiliza a terceira persoa para narrar a acción e describir paisaxes e personaxes.[3]
A este superpónselle en ocasións un autor implícito que explica o plan da obra ou fai comentarios sobre accións: Pola influencia que tivo na Galiza e na familia dos Soutelo, ten que figurar nesta novela, p. 205.
En determinados momentos da obra o narrador principal cédelle a palabra a algún personaxe, que se converte así en narrador secundario:[4]
- O exclaustrado de Oseira, personaxe secundario, convértese en narrador omnisciente en terceira persoa ao relatar as orixes míticas de Oseira no capítulo sexto da primeira parte.[5]
- Adrián Soutelo é outro personaxe que adoptará a condición de narrador testemuña que se limita a contar o que viu e oíu, recoñecendo o descoñecemento dalgúns feitos cando relata no pazo a revolución de 1846.[5] E en varias ocasións convértese en narrador protagonista para contar fragmentos do seu pasado.[6] No capítulo primeiro da terceira parte, O Coto de Ushna, Otero utiliza o recurso do manuscrito achado para que este mesmo narrador protagonista plasme parte das súas vivencias.[7]
Tempo
[editar | editar a fonte]O tempo da historia comeza coa noticia da desamortización de Mendizábal, en 1835-1837, traída ao pazo polo abade don Xacobe ao final do primeiro capítulo: Pois o tal decreto (…) pon en venda tódolos bens dos conventos e suprime tódalas congregacións de regulares, (p. 92-3) e remata coas noticias da Revolución de 1868: A república, fermosa, ideal (…) xurdía na escuridade do camiño (…). Os compañeiros, nas vilas, preparaban a revolución. (p. 352)
O tempo do discurso segue o esquema de novela realista lineal, o tempo pasa co decorrer das estacións e o traballo no pazo aínda que aparecen abundantes analepses, con frecuencia para coñecer o pasado dalgún personaxe:[8]
- No capítulo terceiro da primeira parte retrocede á Baiona do século XVIII para narrar a infancia e mocidade de don Xosé María, e describe o esplendor da época grazas ao ouro que viña de América, as invasións na costa galega en 1772, a francesada en 1808…
- No capítulo primeiro da segunda parte unha nova analepse serve para coñecer as causas do desterro de don Antonio Soutelo.[9] No terceiro outra para narrar a súa morte, etc.
E hai tamén unha prolepse no capítulo segundo desta segunda parte: ¿O remate do conto? Contábase inda baixiño no casino polo tempo da República e dos primeiros ministerios da Restauración (p. 200)
O relato das orixes de Oseira, en boca do exclaustrado, (cap. VI) “sitúanos plenamente nun plano mítico e nebuloso, completamente fóra do plano histórico en que se move toda a acción de Os camiños da vida”[10]
Todas estas rupturas da linearidade, xunto coa abundancia de descricións danlle á obra un ritmo marcadamente lento.
Espazo
[editar | editar a fonte]Di Carballo Calero que "Os camiños da vida habería de ser un vasto mural que nos presentara a sociedade galega en transo de transformación”,[2] “a súa ambición é bosquexar a vida de Galicia desde a desamortización ás vísperas setembrinas, concedendo a atención debida ás ideas que movían os ánimos”.[11] Por iso o espazo privilexiado é o rural. Trasouto (trasunto de Trasalba), os pazos, os lugares dos arredores ou a paisaxe descrita de forma pormenorizada son o centro da narración, sobre todo ao principio da obra, como foron o eixo da Galiza campesiña sometida a grandes cambios nese momento, que aparecen simbolizados na apertura da estrada (capítulo III da terceira parte).
Os demais espazos aparecen moito máis desdebuxados: Ourense móstrase como un espazo insolidario e conflitivo, unha vila aínda dependente da aldea pero que mudará coa chegada dun novo sistema económico baseado no traballo asalariado e onde xorde a burguesía. Santiago de Compostela é o espazo cultural e supón o período de formación do Paio, visita a tumba do pai, coñece o amor, faise maduro para poder saír á terra cumprir a súa misión. Baiona é unha vila de beiramar antítese de Ourense, floreceu co esplendor da fidalguía, que se trasladaba voluntariamente a ela desde a aldea para protexerse dos ataques. É un mundo pasado no que pervivía a harmonía da aldea. París representa a cidade cosmopolita europea na que triunfaba a cultura, e Irlanda o nacionalismo identificado con Galiza.[12]
Personaxes
[editar | editar a fonte]Otero Pedrayo presenta unha sociedade estamental harmónica propia do antigo réxime formada polo clero, a fidalguía e as clases populares que se irá esfarelando coa mudanza a unha economía de mercado e a aparición da burguesía.[13] As personaxes son bastante planas, apenas algúns dos fidalgos están trazados cunha certa profundidade e para a súa caracterización Otero utiliza unha técnica de contraste[14] que facilita o recoñecemento dos trazos máis caracterizadores de cada un.[15]
Os dous vellos fidalgos, D. Caetano e D. Xosé María, representan a decadencia desta clase social, incapaces de conservar e gobernar o seu patrimonio, que contrastan por carácter (o medo é o que máis se destaca do primeiro, fronte á alegría e ganas de vivir do segundo) e ideoloxía (carlista / liberal).
Polo que respecta á xeración seguinte, os fillos de D. Caetano encarnan a decadencia definitiva da fidalguía, a súa desaparición; mentres que Ramoniña, Adrián Soutelo e Paio Soutelo representan “a fidalguía ideal”, protonacionalistas destinados a redimir Galiza,[16] aínda que nesta obra Paio desfaise en dúbidas e finaliza sen que quede claro cal vai ser a súa decisión. O clero aparece representado na súa vertente secular (don Xacobe, máis inculto, carlista) e regular (o exclaustrado de Oseira, máis culto, gañará a vida impartindo clases).
As clases populares, o campesiñado, apenas están individualizados, son como unha especie de coro popular que asiste ao paso da historia. A burguesía, clase emerxente, tampouco aparece individualizada, estes introducen o espírito mercantilista e monetarista que se opón á economía rural dos foros e rendas. Son vistos como xente de fóra, que nunca se integran e falan castelán (pp- 302-304).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Romero 1992, p. 37
- ↑ 2,0 2,1 Carballo 1975, p. 664
- ↑ Mariño 1990, p. 29
- ↑ González Fernández 1992, p. 30
- ↑ 5,0 5,1 Mariño 1990, p. 32
- ↑ Mariño 1990, p. 33
- ↑ Romero 1992, p. 43
- ↑ González Fernández 1992, p. 27
- ↑ Romero 1992, p. 53
- ↑ Mariño 1992, p. 39
- ↑ Carballo 1975, p. 665
- ↑ Romero 1992, p. 81-95
- ↑ Romero 1992, p. 60
- ↑ Mariño 1992, p. 44
- ↑ Mariño 1992, p. 46
- ↑ Quintana 1988, p. 72
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carballo Calero, R. (1975). Historia da literatura galega contemporánea. Vigo: Ed.Galaxia.
- Couceiro Freijomil, A. (8 de maio de 1928). "Minucias filológicas. Sobre el último libro de Otero Pedrayo". El Pueblo Gallego. pp. 1–2.
- González Fernández, Mª X.; Manso Seijas, C.; Salinas Portugal, F. (1992). Otero Pedrayo: Os camiños da vida. Curso de Orientación Universitaria. Baía Edicións.
- Mariño Paz, R. (1990). Edición, introdución e notas de Os camiños da vida de Ramón Otero Pedrayo. Vigo: Ed.Galaxia.
- Quintana, X. R.; Valcárcel, M. (1988). Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento. Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-006-1.
- Romero, M. (1992). Os camiños da vida de Ramón Otero Pedrayo. Vigo: Edicións do Cumio.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Os camiños da vida" Ficha no sitio web da Editorial Galaxia.
- Iglesias, Xabier: Os camiños da vida I. Os señores da terra Os libros de Ánxel Casal.
- Iglesias, Xabier: Os camiños da vida II. A maorazga Os libros de Ánxel Casal.
- Iglesias, Xabier: Os camiños da vida III. O estudante Os libros de Ánxel Casal.
- Salinas, F.; Fernández Pérez-Sanjulián, C.; Martínez Teixeiro, A.; Velasco, C. et alii (2011): Catálogo de novela histórica galega, UDC.