Saltar ao contido

Nectario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un nectario é toda glándula nun organismo vexetal capaz de producir e secretar néctar. Os nectarios son comúns en flores, ofrecendo unha fonte de líquidos e hidratos de carbono a animais, que así poden actuar na polinización das plantas, mais tamén pódense atopar nectarios en diversos outros órganos, coas máis diferentes finalidades.

A evolución dos nectarios nas anxiospermas posiblemente foi relativamente tardía. Os grupos de Anxiospermas considerados "basais" polos métodos modernos de filoxenia raramente presentan secreción de néctar, ben sexa nas súas flores ou en calquera outro órgano. O nectario xorde en grupos máis derivados, xeralmente asociados ás flores. É posible que a secreción de néctar teña orixinalmente sido feita a través da propia epiderme dos pétalos, e a partir de aí irradiado para diferentes formas.

Nectarios florais

[editar | editar a fonte]
Nectarios florais de camelia

Os nectarios florais son glándulas cunha mesma función primordial, mais con características morfolóxicas completamente distinguidas, e, moitas veces, aparentemente sen calquera relación entre si.

É difícil determinar a forma máis común, mais hai 4 principais tipos de nectarios florais:

  • Disco nectarífero: masa cerosa, continua ou descontinua, normalmente posicionada ao redor do ovario, no centro da flor. É un caso común en Rosaceae, Meliaceae, Rutaceae, Fabaceae, Convolvulaceae, e outras grandes familias.
  • Nectario septal: o néctar é secretado directamente da epiderme da parede externa dos carpelos, ao momento de contacto entre eles. Nos septos fórmase unha cavidade que é cuberta polo néctar, que, por capilaridade, é conducido á superficie da flor. Ocorre en case todas as Monocotiledóneas.
  • Pelos nectaríferos: son pelos ocos que producen e secretan o néctar. Poden estar localizados en calquera punto da corola, ou mesmo sobre os estames e ovario. Son comúns en Bignoniaceae, entre outras.
  • Difuso: cando é producido e secretado por células epidérmicas dos pétalos, sen calquera estrutura especializada. Ocorre en Ericaceae, algunhas orquídeas, Cactaceae, algunhas Ranunculaceae, entre outras.

Normalmente acéptase que algunhas estruturas florais secretoras doutras substancias que non o néctar deriváronse de nectarios florais comúns. É o caso do xénero Clusia, que posúe un anel descontinuo de glándulas no centro da flor que producen un tipo de resina pegañenta apreciada por certas abellas, sen moita relación química co néctar común. Nalgunhas especies brasileiras do xénero Combretum hai glándulas como discos nectaríferos que secretam un xel consistente e pouco adocicado, apreciado por periquitos.

Nectarios extraflorais

[editar | editar a fonte]
Nectarios extraflorais no envés das follas.

A pesar da súa funcionalidade como un atractivo para polinizadores, os nectarios non se restrinxen á flores. Hai casos excepcionais de nectarios extraflorais coa función de promover a polinización. Ocorre principalmente en Euphorbiaceae (cuxas flores diminutas poden estar acompañadas por glándulas nas inflorescencias, próximas a elas). Xa na familia Marcgraviaceae, o pedicelo que sustenta a flor presenta unha estrutura semellante a unha xarra, pendente por un pedúnculo. No interior da xarra hai produción de néctar abundante. Os paxaros, e até mesmo algúns monos, obrigados a pousar sobre as flores para alcanzar o néctar, cárganse de pólen antes de partiren para outra inflorescencia.

É común a ocorrencia de glándulas nectaríferas en follas ou no talo, xeralmente cunha función protectora. A secreción de azucre, exposta e accesible de xeito doado, atrae formigas, que en contrapartida defenden esta fonte de alimento contra predadores. Isto acontece nalgunhas especies dos xéneros Impatiens, Sapium, Croton, Jatropha, Inga, e moitos outros.

Un dos exemplos máis asombrosos da función secundaria dos nectarios en protexer as plantas é o que ocorre no xénero Passiflora. Os principais predadores das follas de Passiflora son varias especies de bolboretas, que depositan seus ovos sobre as follas. Neste grupo, alén do nectario floral, a maior parte das especies presenta nectarios nas follas, sexa no seu limbo ou no pecíolo, na forma de pequenas clavas ou verrugas. Nalgunhas especies, eses nectarios conservan a súa funcionalidade como secretores de néctar, e actúan na atracción de formigas, que á súa vez preservan a súa fonte de alimento.

Non obstante, en certas especies, a capacidade de producir néctar destas glándulas foi suprimida, aínda que conservasen a súa morfoloxía orixinal. Aparentemente indefensos sen as formigas, estes Pasiflora teoricamente serían presas doadas. Mais nestas especies, os nectarios aparentemente inútiles asumen cores e formas semellantes aos ovos das bolboretas, cuxos vermes se alimentarían das súas follas. Ao entender estruturas semellantes a ovos da súa propia especie, as bolboretas ignoran estas plantas e procuran outras especies para desovar.