Náiade
As náiades (en grego antigo Ναϊάδες, naiádes, de ναϊς, naís, nadar) son personaxes da mitoloxía grega, ninfas da auga doce (sexan fontes, ríos, lagos ou regos), encarnando a divindade do manancial ou río que habitan. Podía darse o caso de que nunha fonte houbese unha única náiade, ou ben que houbese varias, consideradas irmás entre si, pero en todo caso toda fonte de certa relevancia tiña a súa náiade, con nome propio e lendas específicas [1], e podían ser obxecto de culto local.
Segundo Homero, o seu pai sería o deus Zeus. Cando Odiseo regresa por fin a Ítaca tras dez anos dando tumbos polo Exeo, axeonllóase e bica o chan, exclamando:
"Ninfas Náiades, fillas de Zeus, non pensaba eu volver a vervos nunca máis. Aceptade agora o meu saúdo con palabras de gozo. Dareivos, estade seguras, regalos como antes se a filla de Zeus [refírese a Atenea] permíteme vivir aquí e ver crecer ó meu fillo"Homero: Odisea, XIII.557.
Outros mitógrafos aseguran que son fillas de Oceano, polos lugares onde viven. Así, Hixino conta que [2]:
"As fillas de Océano son Idía, Altea e Adrasta, pero outros din que eran fillas de Meliseo e amas de cría de Xúpiter. Estas ninfas son denominadas Dodónides, e outros chámanas Náiades"
Fronte a estas variantes, resulta máis habitual que se consideren fillas do deus do río en que habitan e así, por exemplo, as fillas do deus fluvial Asopo son náiades.
Descrición
[editar | editar a fonte]Eran mulleres fermosísimas e sedutoras, coa pel moi clara, por veces azulenta, e ollos azuis ou castaños. Non se consideraban deusas pero, aínda que eran seres mortais, estaban dotadas de gran lonxevidade.
Poseían o don de curar doenzas e a capacidade de profetizar o futuro. Aínda que permitían que os humanos se achegasen a beber nas augas onde vivían, non permitían que se bañasen nelas, e castigaban a quen se atrevía a facelo, por sacrílegos, con misteriosas doenzas, amnesia, loucura e mesmo a morte. Agora ben, podían permitir o baño a persoas enfermas que suplicasen curación. Cóntase que o emperador Nerón bañouse na fonte de Marcia, en Roma, e sufriu a vinganza das náiades con febres e parálise durante varios días.
Existen cinco tipos de náiades clasificadas segundo o medio que habitan:
- Crineias (ou Crénides): náiades que viven en fontes
- Pexeas: náiades que viven en mananciais
- Potámides: náiades que viven en ríos
- Limnátides (ou Limnades): náiades que viven en lagos
- Heleionomos (ou Heleades): náiades que viven en pantanos
Canto á iconografía coa que se pintan ou esculpen as náiades, adoitan representarse núas, coroadas con flores, tanto de pé como sentadas nas rochas ou deitadas, vertendo auga desde un cántaro, bandeixa ou cuncha de vieira,
Presenza das náiades nos mitos gregos
[editar | editar a fonte]A mitoloxía grega está inzada de xenealoxías con orixe nalgunha náiade. Tamén forman parte de moitas lendas nas que participan dunha forma máis ou menos directa. Isto pode explicar a abondosa presenza das náiades en esculturas e relevos de fontes e xardíns, especialmente desde o Renacemento.
A náiade Creúsa, casada co deus fluvial Peneo, deu a luz a Hipseo, deus dos lápitas. Este casou con Clidánope, que tamén era unha náiade [3].
Atreo, rei de Micenas, serviu cociñados os fillos de Tiestes, o seu irmán, nun banquete celebrado con gallo da solicitude de reconciliación entre ambos, simulando unha benvida polo seu regreso. Estes fillos foran habidos cunha náiade [4].
As cincoenta fillas de Dánao, ás Danaides, naceron da unión deste rei con diferentes mulleres e seres míticos, entre elas as náiades.
Unha náiade famosa foi Salmacis (ou Salmácide), unha ninfa dun lago de Frixia que se namorou de Hermafrodito e, cando este se foi bañar no lago onde vivía ela, abrazouno de tal forma que el non logrou separarse, quedando unidos para sempre nun ser de sexo masculino e feminino á vez [5].
Outra náiade, Nomia (tamén coñecida con outros nomes: Equenais, Xenea ou Lice), namorouse dun pastor, Dafnis, e esixiulle fidelidade. Dafnis cumpriu a promesa durante un tempo ata que foi seducido por unha princesa. Nomia vingouse e deixouno cego.
Mirra mantivo relaciós incestuosas co seu pai Tías. Cando este se deu conta intentou matar á filla pero os deuses, compadecidos, convertértona en árbore. Desta árbore e coa axuda das náiades que acudiron a abrir a cortiza, naceu o deus Adonis, do que se namorou Afrodita tras resultar ferida -accidentalmente- por unha frecha de Eros (ou Cupido) [6].
Ovidio conta na súa Metamorfoses [7] como o heroe Teseo é invitado a un banquete polo deus fluvial Aqueloo. No transcurso da comida, Teseo pregunta a este por unhas illas que se observan ó lonxe e Aqueloo responde que foron náiades que, facendo un sacrificio ós deuses, esqueceron nomealo a el, polo que, anoxado, creceu ó máximo e arrastrou bosques e ríos, e con eles ás náiades, que foron parar a mar aberto e se converteron naqueles illotes [8].
Tamén relacionado con Aqueloo está o mito do corno da abundancia ou Cornucopia. Entre as diversas formas de explicar a súa orixe, unha é como resultado da loita entre Heracles e Aqueloo por conseguir a man de Deianira. Durante esta loita, Aqueloo transformouse en touro e Heracles tirouno ó chan e tronzoulle un corno, tralo que Aqueloo se rendeu. E unhas náiades encheron o corno de flores e froitas que nunca se agotaban [9].
Na viaxe dos Argonautas á procura do vélaro de ouro, o escudeiro de Heracles, Hilas, apartouse dos seus compañeiros e foi dar a unha fonte habitada polas náiades, que o seduciron e afogaron nas augas, desaparecendo calquera rastro del. Por este motivo, Heracles abandonou a expedición e quedou en terra buscándoo infrutuosamente [10].
Similitudes e diferenzas
[editar | editar a fonte]Outros seres mitolóxicos semellantes (femininos, fermosos, sedutores) son as ninfas e as nereidas. Esta confusión entre elas reflíctese por veces na arte, como por exemplo nun cadro de Raoul Dufy, Náiades sobre hipocampos (c.1925) [11].
As ninfas eran divindades da natureza, e había varios tipos, que se poden agrupar en:
- Ninfas das montañas: Oréades
- Ninfas dos bosques e das aciñeiras: Dríades
- Ninfas dos freixos: Melíades
- Ninfas do ocaso: Hespérides
A estas hai que engadir as ninfas de ríos e fontes (as náiades) e as ninfas do mar, Nereidas (fillas do deus Nereo).
Tampouco se deben confundir coas sereas, co corpo de peixe e tronco e cabeza de muller. Na antigüidade clásica, as sereas tiñan corpo de ave pero a partir da Alta Idade Media foron transformándose nos seres mariños que hoxe coñecemos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Véxase, por exemplo, a lenda de Aretusa, ninfa dunha fonte de Sicilia, e o seu namorado, o deus-río Alfeo.
- ↑ Hixino: Fábulas 182, 1-2.
- ↑ Graves, 82a.
- ↑ Graves, 111g.
- ↑ Ovidio, IV. 285-388.
- ↑ Carmona, px. 29.
- ↑ Ovidio, VIII, 557-610.
- ↑ Unha desas illas era Perimele, amante de Aqueloo, que conta con lenda propia.
- ↑ Carmona, px. 74. Ovidio, IX, 85-88.
- ↑ Dise que Hilas foi transformado no eco.
- ↑ Citado por Elvira Barba, px. 138. Obra de Dufy de 1918 para o deseñador de moda Paul Poiret, na que se representa unha imaxe repetida de Poseidón vestido de mariñeiro moderno rodeado de barcos (Museo de Artes decorativas de Niza. Art Institute Chicago). Pode verse unha reprodución deste cadro aquí.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Elvira Barba, Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex ediciones, 1ª ed. 2008; 3ª ed. 2017.
- Carmona Muela, Juan: Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal, 1ª ed. 2000, 3ª reimpr. 2018.
- Graves, Robert: Los mitos griegos. Ed. Gredos, 2019.
- Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1ª ed. 1981, 7ª impresión 2017.
- Hixino: Fábulas mitológicas. Alianza editorial, 2009.
- Homero: Odisea. Alianza editorial 1ª ed. 2005, 5ª reimpr. 2019.
- Ovidio: Metamorfosis. Alianza editorial 1ª ed. 1995, 2ª reimpr. 2017.