Manuel Allendesalazar Muñoz
Manuel Allendesalazar y Muñoz de Salazar, nado en Gernika-Lumo o 24 de agosto de 1856 e finado en Madrid o 17 de maio de 1923,[1] foi un enxeñeiro e político vasco, Presidente do Goberno de España entre 1919 e 1920, e en 1921. Foi ademais, senador, deputado, presidente do Senado e alcalde de Madrid.[2]
Foi ministro de Facenda durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo e presidente do Consello de Ministros, ministro de Instrución Pública e Belas Artes, de Agricultura, Industria, Comercio e Obras Públicas, de Gobernación, de Estado, de Fomento e de Mariña durante o reinado de Afonso XIII.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Naceu na localidade biscaíña de Gernika-Lumo. Fillo de Manuel María Allendesalazar y Loyzaga, terceiro conde de Montefuerte, e de Ángela Muñoz de Salazar y Martorell, oitava señora da vila de Villanueva de Tapia. Tras licenciarse como enxeñeiro agrónomo e impartir clases como profesor na Escola de Enxeñaría na que estudara.
Carreira política
[editar | editar a fonte]Iniciou a súa carreira política no Partido Conservador con quen concorreu ás eleccións de 1884 sendo elixido deputado na Cortes pola circunscrición de Biscaia (distrito de Markina),[3] escano que volvería obter nas sucesivas eleccións celebradas até 1891.
Ministro
[editar | editar a fonte]En 1900, foi alcalde de Madrid e a partir desa data, foi ministro en varias ocasións. A primeira, entre o 6 de xullo de 1900 e o 6 de marzo de 1901, foi nomeado ministro de Facenda nun goberno de Azcárraga; posteriormente, ministro de Instrución Pública e Belas Artes entre o 6 de decembro de 1902 e o 20 de xullo de 1903 nun gabinete de Silvela; ministro de Agricultura, Industria, Comercio e Obras Públicas entre o 5 de decembro de 1903 e o 5 de decembro de 1904 nun goberno de Maura no que desenvolveu e favoreceu os proxectos de transformación do secaño en regadío; e ministro de Gobernación entre o 5 e o 16 de decembro de 1904 no mesmo goberno de Maura.
Tamén foi gobernador do Banco de España entre 1904 e 1905, e non sería novamente ministro ata que Maura o reclamou para que ocupase, entre o 25 de xaneiro de 1907 e o 16 de decembro de 1909, a carteira de ministro de Estado no chamado "goberno longo de Maura".
Tras esta etapa, Allendesalazar preferiu desempeñar cargos en empresas públicas, máis rendibles economicamente, e sería nomeado novamente gobernador do Banco de España (1919) e director de Tabacalera.
Volveu ser ministro, entre as súas dúas etapas como presidente do Consello de Ministros, nesta ocasión de forma interina, ao ocupar a carteira de ministro de Fomento, entre o 14 e o 17 de febreiro de 1920 nun gabinete de Dato, e a carteira de ministro de Mariña entre o 17 de marzo e o 5 de maio de 1920 nun goberno que el mesmo presidiría.
Presidente do Consello de Ministros
[editar | editar a fonte]En 1919, Antonio Maura nomeouno presidente do Senado, e a finais do mesmo ano Afonso XIII encargoulle presidir, entre o 12 de decembro de 1919 e o 5 de maio de 1920, un novo goberno. Con todo, cando o seu sucesor no cargo, Eduardo Dato, foi asasinado o 7 de marzo de 1921, o rei volveulle a encargar a confección dun novo gabinete que se estendería entre o 13 de marzo e o 14 de agosto de 1921. Neses momentos, a Batalla de Annual provocou unha crise no goberno que acabou de modo definitivo coa súa carreira política sendo substituído polo incombustible Antonio Maura.
Familia
[editar | editar a fonte]Estivo casado con María de los Ángeles Bernar y Llácer coa que tivo unha filla, María de la Concepción de Allendesalazar y Bernar, dama da Orde das Damas Nobres da Raíña María Luisa, que posteriormente casaría con Manuel González Hontoria.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "MUERTE DE UN EX PRESIDENTE. El Sr. Alíendesalazar". El Imparcial (20004): 1. 14 de marzo de 1923.
- ↑ Allendesalazar Muñoz en biografiasyvidas.com
- ↑ "Entrada na Enciclopedia Auñamendi" (en castelán). Consultado o 01-06-2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel Allendesalazar Muñoz |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Lista de Presidentes do Goberno de España
- Lista de gobernadores do Banco de España.
- Lista de presidentes do Senado de España