Fenomenoloxía
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A fenomenoloxía (do grego phenomena, "cousas que aparecen" + logos, "coñecemento") é un método filosófico que pon énfase na neutralidade descritiva do receptor na determinación dos significados obxectivos dos fenómenos.
A fenomenoloxía deriva do pensamento do filósofo alemán Edmund Husserl (1859-1938), quen afirmaba que o obxecto propio do coñecemento filosófico non son os obxectos do mundo perceptíbeis polos sentidos e, supostamente, externos á conciencia, senón os contidos a priori que aparecen dados en xeral nunha consciencia. Así, o método esixe un exame detido dos estados e procesos mentais e intelectuais. Usando este método, Husserl pensaba que sería posíbel revelar a natureza subxacente da consciencia e dos fenómenos e facelo de maneira atemporal e ahistórica, estabelecendo unha teoría trans-subxectiva da comprensión. Isto implica que a mente humana, entendida universalmente e non particularmente, é o lugar onde os significados obxectivos adquiren realidade.
Outro fenomenólogo destacado foi Max Scheler (1874-1928) quen, na obra O formalismo na ética e a ética material dos valores, puxo o método fenomenolóxico ó servizo da ética proporcionando unha teoría descritiva dos diferentes valores de enorme influencia na ética contemporánea.
Os conceptos da fenomenoloxía foron desenvolvidos desde comezos do século XX por Martin Heidegger, orixe da filosofía existencial e Hans-Georg Gadamer, creador da Hermenéutica filosófica, na Alemaña e por Maurice Merleau-Ponty na Francia.
Na literatura
[editar | editar a fonte]A focaxe crítica fenomenolóxica envolve a investigación da natureza subxacente e da esencia dunha obra estudada e, en consecuencia, o acceso en certa maneira á consciencia do autor.
Unha versión diferente, e talvez máis "vulgar", é a exploración da personalidade única que hai por detrás dunha obra literaria. O crítico fenomenolóxico precisa baleirar primeiro a súa mente de todos os preconceptos sobre o autor e o texto. Unha vez logrado, o crítico debe atinxir un estado moi receptivo e sensíbel que lle permita compartir o modo de consciencia do autor. Este estado da mente ten sido descrito como "consciencia da consciencia doutro".
O teórico polonés Roman Ingarden ten elaborado as ideas de Husserl nos libros A obra de arte literaria (1931) e A cognición da obra de arte literaria (1937). Influenciou aos críticos alemáns Wolfgang Iser e Hans Robert Jauss. Esta influencia é especialmente clara na teoría do lector-resposta de Iser e na teoría da recepción de Jauss. Ténselle denominado "crítica fenomenolóxica" ao traballo da Escola de Xenebra de crítica. Son tamén moi evidentes as influencias no post-estruturalismo.
Galiza
[editar | editar a fonte]En Galiza, é especialmente importante o labor de difusión da fenomenoloxía e os estudos de estética fenomenolóxica do profesor Nel Rodríguez Rial[Cómpre referencia].