Saltar ao contido

Cromosoma 11

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cromosoma 11 humano
Cromosomas do par 11 humano con bandeado G. En cada individuo un dos cromosomas deste par procede da nai e o outro do pai.
Cromosomas do par 11 nun cariograma humano masculino.
Características
Lonxitude (bp)135,086,622 bp
(GRCh38)[1]
No. de xenes1,224 (CCDS)[2]
TipoAutosoma
Posición do centrómeroSubmetacéntrico[3]
(53.4 Mbp[4])
Lista completa de xenes
CCDSLista de xenes
HGNCLista de xenes
UniProtLista de xenes
NCBILista de xenes
Visores de mapa externos
EnsemblCromosoma 11
EntrezCromosoma 11
NCBICromosoma 11
UCSCCromosoma 11
Secuencias de ADN completas
RefSeqNC_000011 (FASTA)
GenBankCM000673 (FASTA)

O cromosoma 11 humano é un cromosoma pertencente a un dos 23 pares de cromosomas humanos. Nas céluas diploides temos dúas copias deste cromosoma e nas haploides unha. Pola posición do seu centrómero este cromosoma autosómico é submetacéntrico. O cromosoma 11 contén uns 134,5 millóns de pares de bases, o que representa entre o 4 e o 4,5 % do total de ADN da célula. É un dos cromosomas humanos con máis riqueza de xenes e de enfermidades asociadas.

A identificación de xenes nun cromosoma é unha activa área de investigación xenética na que poden utilizarse varios métodos, polo que as cifras totais de xenes estimados nun cromosoma poden variar segundo o método. Estímase que o cromosoma 11 contén probablemente entre 1.300 e 1.700 xenes.

Un estudo recente [5] indica que contén uns 11,6 xenes por megabase, incluíndo 1.524 xenes codificantes de proteínas e 765 pseudoxenes.

Máis do 40% dos 856 xenes dos receptores olfactivos no xenoma humano están localizados en 28 agrupamentos (clusters) multixénicos e dun só xene neste cromosoma.

Algúns dos xenes situados no cromosoma 11 son os seguintes:

Enfermidades asociadas

[editar | editar a fonte]

As seguintes son algunhas das enfermidades asociadas con defectos en xenes do cromosoma 11:[6]

Trastornos cromosómicos

[editar | editar a fonte]

Cambios na estrutura e número de copias do cromosoma 11 poden orixinar tamén problemas de saúde e desenvolvemento. Entre eles están:[9]

  • Síndrome de Beckwith-Wiedemann. É un caso de impronta xenómica. Prodúcese cando só se expresa unha das copias dos xenes da rexión 11p15.5 segundo sexa a paterna ou a materna. Esta diferenza segundo a procedencia dun determinado proxenitor do xene fai que se perda a regulación de xenes situados alí, como o CDKN1C, H19, IGF2, e KCNQ1OT1, o que causa un exceso de crecemento e outras características asociadas. Do 10 ao 20 % dos casos está causada por disomía uniparental paterna (UPD), que se orixina no embrión pero só afecta a algunhas células (mosaico), o que causa un desequilibrio na activación de xenes maternos e paternos nese cromosoma. Un 1 % dos casos débese a unha translocación da rexión 11p15.5 ou duplicación.
  • Síndrome de Emanuel. Prodúcese pola presenza de material xenético extra formado con parte do cromosoma 11 e parte do cromosoma 22, que orixina un cromosoma supernumerario chamado der(22), polo que teñen 47 cromosomas. Como resultado teñen tres copias dalgúns xenes en todas as células, e este exceso distorsiona o desenvolvemento normal, orixinando atraso mental e defectos de nacemento.
  • Sarcoma de Ewing. Tumor que afecta a ósos, nervios e cartilaxe producido pola translocación cromosómica t(11;22), que fusiona parte do xene EWSR1 do cromosoma 22 con parte do xene FLI1 do cromosoma 11, orixinando o xene fusionado EWSR1/FLI1. Só está presente nas células tumorais (mutación somática) e non se herda. Ambos os xenes regulaban a transcrición, e a proteína fusionada desregula a transcrición de varios xenes, causando o tumor.
  • Síndrome de Jacobsen. Causada pola deleción terminal 11q. O tamaño da deleción varía, e xeralmente oscila entre 5 e 16 millóns de pares de bases, polo que se perden moitos xenes (de 170 a 340), algúns dos cales afectan ao desenvolvemento normal do cerebro, cara e corazón.
  • Neuroblastoma. Un 35 % das persoas con neuroblastoma (cáncer de células nerviosas inmaturas) teñen unha deleción na posición 11q23. Pode ser herdada ou producirse como mutación somática ao longo da vida. Críase que a rexión contiña un xene supresor de tumores, pero polo momento non foi identificado ningún nesa rexión.
  • Síndrome de Russell-Silver. Prodúcese por cambios na rexión 11p15.5 que cambian a impronta xenética e afectan á regulación dos xenes H19 e IGF2. A pesar que afecta á mesma zona do cromosoma ca a síndrome de Beckwith-Wiedemann, os síntomas son opostos, xa que a de Russell-Silver produce un crecemento máis lento e curta estatura en troques de sobrecrecemento.
  • Tumor de Wilms-aniridia ou síndrome WAGR. Produce o tumor de Wilms, aniridia, anomalías xenitourinarias e atraso mental, e está causado pola deleción 11p13, na que se perden moitos xenes. A perda do xene PAX6 distorsiona o normal desenvolvemento do ollo, orixinando a aniridia e outros problemas e afecta ao desenvolvemento cerebral. A deleción do xene WT1 é a responsable das anormalidades xenitourinarias e un incremento do risco de desenvolver o tumor de Wilms nos riles.
  • Síndrome de Potocki-Shaffer. Causada pola deleción dun segmento proximal do brazo curto (p) do cromosoma 11 (deleción P11pDS). Produce un agrandamento do forame parietal no cranio, exostoses, atraso intelectual, atraso no desenvolvemento, características faciais e problemas de visión. Na deleción pérdense varios xenes, entre eles o ALX4, cuxa perda causa o aumento do forame parietal, ou o xene EXT2, cuxa perda é responsable das exostoses.
  • Outros cánceres. As translocacións no cromosoma 11 asociáronse con leucemias e linfomas.
  • Outras anomalías cromosómicas. Observáronse anormalidades como a trisomía parcial 11, monosomía parcial 11, cromosoma en anel 11, que poden producir atraso mental, atraso no desenvolvemento, crecemento lento, características faciais e debilidade no ton muscular (hipotonía).
  1. "Human Genome Assembly GRCh38 - Genome Reference Consortium". National Center for Biotechnology Information (en inglés). 2013-12-24. Consultado o 2017-03-04. 
  2. "Search results - 11[CHR] AND "Homo sapiens"[Organism] AND ("has ccds"[Properties] AND alive[prop]) - Gene". NCBI. CCDS Release 20 for Homo sapiens. 2016-09-08. Consultado o 2017-05-28. 
  3. Tom Strachan; Andrew Read (2 April 2010). Human Molecular Genetics. Garland Science. p. 45. ISBN 978-1-136-84407-2. 
  4. Genome Decoration Page, NCBI. Ideogram data for Homo sapiens (850 bphs, Assembly GRCh38.p3). Última actrualización 2014-06-03. Consultado o 2017-04-26.
  5. Taylor TD, Noguchi H, Totoki Y, Toyoda A, Kuroki Y, Dewar K, Lloyd C, Itoh T, Takeda T, Kim DW, She X, Barlow KF, Bloom T, Bruford E, Chang JL, Cuomo CA, Eichler E, FitzGerald MG, Jaffe DB, LaButti K, Nicol R, Park HS, Seaman C, Sougnez C, Yang X, Zimmer AR, Zody MC, Birren BW, Nusbaum C, Fujiyama A, Hattori M, Rogers J, Lander ES, Sakaki Y (2006). "Human chromosome 11 DNA sequence and analysis including novel gene identification". Nature 440 (7083): 497–500. PMID 16554811. doi:10.1038/nature04632. 
  6. Gilbert F (2000). "Disease genes and chromosomes: disease maps of the human genome". Genet Test 4 (4): 409–26. PMID 11216668. doi:10.1089/109065700750065180. 
  7. "Autism gene breakthrough hailed". Health. BBC NEWS. 2007-02-19. Consultado o 2010-01-02. 
  8. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2012. 
  9. Genetics Home Reference Chromosome 11