Chuchi Hidalgo
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 18 de xuño de 1962 (62 anos) Irún, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,78 m | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Jesús Hidalgo Bermejo, máis coñecido como Txutxi Hidalgo ou Chuchi Hidalgo, nado en Irún (Guipúscoa) o 18 de xuño de 1962, é un adestrador e exfutbolista español, que xogaba de dianteiro. Comezou a súa carreira no Real Unión e no Eibar, antes de fichar polo Deportivo da Coruña en 1986. Tras militar tres anos co club galego na Segunda División, xogou en Primeira co Valladolid e máis tarde de novo en Segunda nas filas do Palamós. Casado cunha ourensá, pechou a súa carreira como futbolista tras pasar polo Ponte Ourense e o Arenteiro e trala súa retirada exerceu como adestrador de varios clubs da provincia ourensá.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como futbolista
[editar | editar a fonte]Real Unión
[editar | editar a fonte]Nacido en Irún,[1] comezou a xogar ao fútbol no colexio de La Salle, co que chegou a gañarlle un partido a un equipo da Real Sociedad.[2] Aos 17 anos foi fichado polo Real Unión, pola famosa normativa Sub-20, que obrigaba aos clubs a aliñar en cada partido a dous xogadores menores de 20 anos.[2] Debutou na Terceira División na primeira xornada da tempada 1980/81, marcando o único gol do partido contra o Munguía. Foi o máximo goleador do equipo esa tempada, empatado a oito tantos con Esteban, e incrementou esa cifra na seguinte campaña, con 12 goles.
En 1982 foi destinado a Ourense para realizar o servizo militar e na cidade das Burgas coñeceu á que sería a súa muller, ademais de militar no Atlético Ourense, filial do CD Ourense, ás ordes de Cándido Gómez.[3][4] Ao seu regreso a Irún volveu ser o máximo goleador do Real Unión na tempada 1983/84, con 15 goles.
Eibar
[editar | editar a fonte]En 1984 fichou polo Eibar e na súa segunda campaña anotou un total de 30 goles, tres deles na promoción de ascenso a Segunda B da que o equipo saíu triunfante.[1] Iniciou a campaña 1986/87 nas filas do club eibarrés, pero as súas actuacións nas campañas anteriores e os 8 goles que anotou nas primeiras 12 xornadas da categoría de bronce propiciaron a súa fichaxe en novembro de 1986 polo Deportivo da Coruña.[1]
Deportivo da Coruña
[editar | editar a fonte]Deixou así o seu traballo como ferroviario no País Vasco e instalouse en Galicia, a onde chegou para cubrir a baixa no Deportivo de Traba, lesionado gravemente uns días antes.[5][1] Debutou co Deportivo na Segunda División na 15ª xornada da tempada 1986/87, nun derbi contra o Celta de Vigo en Riazor no que Eusebio Ríos lle deu entrada nos minutos finais como substituto do muradán José Luis.[6] Un mes e medio despois dispuxo da súa primeira titularidade, nun partido ante o Barcelona Atlètic, e pechou a súa primeira campaña en Riazor cun total de 16 encontros, 7 deles como titular, aínda que sen goles. O Deportivo rematou segundo na primeira fase da liga pero non conseguiu subir trala disputa da fase de ascenso.[2]
Tralo falecemento do seu compañeiro e amigo Sagarzazu, comezou a seguinte campaña anotando no seu primeiro partido, contra o Castellón, pero foi o seu único gol da tempada, que completou con 19 encontros, cinco deles como titular. Con todo, tivo un papel importante na derradeira xornada contra o Racing de Santander, dando a asistencia no histórico gol de Vicente no tempo de desconto, co que o Deportivo evitou o descenso e unha posible desaparición.[2][7]
Na tempada 1988/89 Arsenio deulle a titularidade en máis ocasións e o dianteiro respondeu cun total de dez goles. Cinco deles logrounos na Copa do Rei, competición na que o Deportivo acadou as semifinais e na que Hidalgo conseguiu marcarlle un gol ao histórico Arconada en Atotxa, que serviu para eliminar á Real Sociedad.[2] A pesar de que a maioría de partidos que xogou co Deportivo foron saíndo dende o banco, a súa entrega e compromiso convertérono nun dos xogadores máis queridos pola afección, que o alcumaba "Chuchi Van Basten".[2]
Valladolid
[editar | editar a fonte]En 1989 recibiu unha oferta do Valladolid, da Primeira División, e o presidente do Deportivo, Augusto César Lendoiro, deulle o seu visto e prace para que fichase polo club valisoletano.[2] Debutou co Valladolid o 12 de setembro nun encontro da Recopa de Europa ante o Ħamrun Spartans de Malta en Zorrilla, e cinco días despois xogou contra a Real Sociedad o seu primeiro encontro na máxima categoría do fútbol español, no mesmo estadio e tamén como titular.[8] Marcou o seu primeiro gol no partido de volta contra o club maltés e pechou a campaña cun total de 24 partidos, 11 deles como titular, e 3 goles (o citado ante o Ħamrun e dous en liga contra Zaragoza e Real Sociedad).
Con todo, coa chegada ao banco do Valladolid do adestrador colombiano Francisco Maturana, Hidalgo estivo case inédito durante a tempada 1990/91, disputando só un partido de liga e catro da Copa do Rei.
Palamós
[editar | editar a fonte]En 1991 fichou polo Palamós, da Segunda División, onde se fixo cunha titularidade da que non gozaba dende que xogaba no Eibar. Militou dúas campañas no club catalán, disputando 65 encontros e marcando 5 goles.
Ponte Ourense
[editar | editar a fonte]No verán de 1993 adestrouse co Ourense mentres esperaba ofertas de clubs de maior categoría, pero finalmente ficou na cidade ourensá fichando polo Ponte Ourense.[9] Baixou así tres categorías, pasando de xogar na Segunda División á Preferente Autonómica. O equipo ourensán proclamouse campión do Grupo Norte cunha espectacular superioridade por diante do Gran Peña e o Coruxo e conseguiu o ascenso á Terceira División por primeira vez na súa historia.
Na seguinte campaña, con Chuchi Hidalgo como capitán e gran referente no ataque, o Ponte Ourense conseguiu sen problemas a permanencia, rematando na metade alta da táboa. O dianteiro conseguiu 17 goles, sendo o terceiro máximo artilleiro do grupo galego de Terceira, só por detrás de Fran (Betanzos) e Chus (Endesa).[10]
Arenteiro
[editar | editar a fonte]No verán de 1995 fichou polo Arenteiro, chamado por aquel entón Club Deportivo O Carballiño e que militaba en Preferente.[11] Na súa primeira campaña contribuíu con 20 goles a que o equipo acadase o cuarto posto na liga, actuando dende decembro tamén como adestrador.[12] Para a tempada 1996/97 continuou como xogador-adestrador, .[13] ata que foi cesado en marzo de 1997, tras perder practicamente as opcións de ascenso.[14]
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Xa retirado como xogador, na tempada 1997/98 dirixiu o Vilamarín, co que rematou cuarto no grupo III da Primeira Autonómica de Galicia. Na seguinte campaña colleu as rendas do Verín, pero tras un mal inicio de competición foi cesado e en febreiro de 1999 regresou como xogador-adestrador ao Vilamarín, co que rematou a liga na terceira posición. Dirixiu o equipo ata a súa destitución en marzo do ano 2000.
En xullo de 2000 regresou como adestrador ao Ourense B, no que xogara case 20 anos antes,[15] pero de novo volveu ser destituído antes do remate da campaña. No verán de 2001 púxose á fronte do Maside, ao que adestrou durante catro anos e medio, conseguindo dous ascensos a Preferente nas tempadas 2002/03 e 2005/06. A pesar disto, foi destituído en decembro de 2006 e un mes despois regresou ao banco do Arenteiro. Co club do Carballiño acadou a fina da Copa Deputación, perdendo ante o Verín.[16] Na tempada 2007/08 adestrou o A Manchica, antes de regresar ao CD Ourense para facerse cargo do equipo xuvenil.
Despois de anos afastado da profesión, en febreiro de 2016 volveu aos campos de fútbol, collendo as rendas do Bande, en Primeira Galicia.[17] En 2021 comezou a adestrar o Covadonga, club do barrio ourensán do mesmo nome, no que vive.[18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Zautúa, Israel (4 de novembro de 2024). "Chuchi Hidalgo: "Yo seguiría apostando por Gilsanz hasta el final de temporada"". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 12 de novembro de 2024.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Palleiro, Armando; Díaz, Miguel; Suárez, Luis (4 de decembro de 2018). "‘Chuchi’ Hidalgo, un ‘secundario’ que se agigantó en Riazor". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 12 de novembro de 2024.
- ↑ Palleiro, Armando (23 de abril de 2024). "'Chuchi' Hidalgo: "El Depor ganará el domingo y ascenderá ante el Sestao”". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 12 de novembro de 2024.
- ↑ "'Experiencias de un futbolista humilde', la charla de Hidalgo". La Región (en castelán). 25 novembro de 2013. Consultado o 12 de novembro de 2024.
- ↑ "2-2: El Deportivo empató un partido que no jugó bien y a punto estuvo de ganar el Figueras, siempre muy superior". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 10 de novembro de 1986. p. 28.
- ↑ "El Celta se encontró en Riazor con un desconocido Deportivo, al que los vigueses no pudieron frenar: 3-0". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de novembro de 1986. p. 15.
- ↑ "30 anos do gol que salvou ao Dépor". 22 de maio de 2018. Consultado o 13 de novembro de 2024.
- ↑ "El Valladolid goleó sin problemas al Hamrun Spartans". El País (en castelán). 13 de setembro de 1989. Consultado o 13 de novembro de 2024.
- ↑ "El Puente se refuerza con el fichaje de Chuchi Hidalgo". La Voz de Galicia (en castelán) (Ourense ed.). 7 de outubro de 1993. p. 60.
- ↑ "Goleadores". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de maio de 1995. p. 59.
- ↑ "Chuchi Hidalgo se incorpora al Carballiño". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xullo de 1995. p. 53.
- ↑ "El relevo de Viñas, por muchas razones, había que buscarlo en la casa verde". La Voz de Galicia (en castelán) (Ourense ed.). 16 de decembro de 1995. p. 43.
- ↑ "Hidalgo volverá a encargarse de los entrenamientos y los goles de la escuadra verde". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xullo de 1996. p. 57.
- ↑ "El Carballiño cesa a Chuchi Hidalgo". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de marzo de 1997. p. 51.
- ↑ "Chuchi Hidalgo, técnico del filial". La Voz de Galicia (en castelán) (Ourense ed.). 6 d xullo de 2000. p. 39.
- ↑ "Un Verín certero redondeó el curso con la Copa Diputación". La Voz de Galicia (en castelán) (Ourense ed.). 24 de xuño de 2007. p. 42.
- ↑ "Nunca es tarde para volver". La Región (en castelán). 3 de marzo de 2016. Consultado o 12 de novembro de 2024.
- ↑ Palleiro, Armando (9 de decembro de 2021). "Jesús ‘Chuchi’ Hidalgo: “El Depor ahora está haciendo las cosas con sentido común”". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 12 de novembro de 2024.
- Nados en 1962
- Nados en Irún
- Futbolistas do País Vasco
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Real Unión
- Xogadores do SD Eibar
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Real Valladolid
- Xogadores do Palamós CF
- Xogadores do Ourense CF
- Xogadores do CD Arenteiro
- Adestradores de fútbol do País Vasco
- Adestradores do CD Arenteiro